Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 8 de setembro de 2014 Páx. 37383

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de agosto do 2014 pola que se anuncia a apertura do período de consulta pública dos mapas de perigosidade e risco de inundación: áreas de risco potencial significativo de inundación (ARPSI) costeiras e fluviais, correspondentes á Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

Augas de Galicia anuncia a apertura do período de consulta pública da información relativa aos mapas de perigosidade e risco de inundación correspondentes ás áreas de risco potencial de significativa inundación (ARPSI) costeiras e fluviais da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, en cumprimento da 2ª fase de implantación da Directiva 2007/60/CE, relativa á avaliación e xestión dos riscos de inundación, de acordo co establecido no artigo 86 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 9 do Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, que traspón ao ordenamento español a dita Directiva 2007/60/CE.

Pódese participar neste proceso de consulta pública mediante escrito, dirixido á Dirección de Augas de Galicia, no enderezo: praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e, polo período de 3 meses, esta documentación poderase consultar nas páxinas web electrónicas do organismo de bacía. A información está dispoñible no seguinte enderezo electrónico: http://augasdegalicia.xunta.es/gl/Directiva200760CE.html

Esta información consiste nunha memoria explicativa da metodoloxía empregada na elaboración dos mapas e os propios mapas de perigosidade e risco de inundación, tanto costeiros como fluviais, que se poderán visualizar ou descargar a través do visor xeográfico de Augas de Galicia, a Infraestrutura de Datos Espaciais da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa (IDE-DHGC): http://visorgis.cmati.xunta.es/dhgc/. Dentro deste visor, a información xeorreferenciada sometida á consulta pública atópase baixo a epígrafe «Exposición pública: mapas inundables».

Os estudos para a elaboración dos mapas das zonas fluviais foron elaborados polo organismo de bacía Augas de Galicia, mentres que os mapas relativos ás zonas costeiras foron elaborados pola Subdirección Xeral para a Protección da Costa, da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Para calquera dúbida sobre o proceso pode dirixirse ao correo electrónico:

augasdegalicia.dma@xunta.es

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2014

Gonzalo Mosqueira Martínez
Director de Augas de Galicia