Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 8 de setembro de 2014 Páx. 37274

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 1 de setembro de 2014 pola que se convocan probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

De conformidade co establecido no artigo 6.1 do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas (DOG núm. 24, do 5 de febreiro), para desenvolver a función de control de acceso deberá contarse coa habilitación da dirección xeral con competencia na materia, tras a obtención do certificado acreditativo de ter superado as probas previstas no artigo 5 da norma mencionada, expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta orde é a convocatoria das probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

As probas rexeranse polo establecido nesta orde e nas bases xerais recollidas na Orde do 21 de abril de 2010 (DOG núm. 78, do 27 de abril).

Segundo. Documentación

Todos/as os/as aspirantes que desexen realizar as probas deberán presentar solicitude debidamente cuberta axustada ao modelo oficial que se publica no anexo desta orde.

Xunto coa solicitude remitirase a seguinte documentación:

– Fotocopia compulsada do DNI ou NIE do/a solicitante, no caso de que o interesado/a non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

– Certificado de antecedentes penais, expedido polo Ministerio de Xustiza.

– Fotocopia compulsada do curso de iniciación, perfeccionamento ou equivalentes de coñecemento básico da lingua galega. Os aspirantes que acrediten documentalmente este coñecemento quedarán exentos da realización da proba consistente na tradución dun texto do galego para o castelán, que se realizará xuntamente coa proba de coñecemento.

– Xustificante do ingreso da taxa co selo da entidade bancaria con indicación da data.

– Dúas fotografías tamaño carné de identidade.

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Terceiro. Taxa

Conforme dispón a Lei 6/2003, do 9 de setembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo a modificación introducida pola Lei de orzamentos para o ano 2011, a taxa por participación nas probas para obter a certificación acreditativa da habilitación será de 49,90 euros, que serán ingresados mediante o modelo xeral de autoliquidación de taxas.

Poden acceder a el desde a páxina web da Axencia Tributaria de Galicia (www.atriga.es), a través da cal poderá pagar, no caso de non ter certificado dixital, de forma presencial (presentándose na entidade colaboradora, das cales existe unha listaxe pública nesa mesma páxina web, ou telematicamente con tarxeta bancaria. No caso de ter certificado dixital, poderá pagar accedendo á oficina virtual, de forma presencial, telematicamente mediante cargo en conta ou con tarxeta.

As/os aspirantes deberán cubrir, nas partes habilitadas para o efecto no referido modelo de autoliquidación de taxas, tanto se o pagamento se fai de xeito presencial na entidade colaboradora coma telematicamente a través da oficina virtual da Axencia Tributaria de Galicia, os seguintes códigos:

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Código: 04

Delegación de Pontevedra

Código: 40

Servizo de Academia Galega de Seguridade Pública

Código: 19

Taxa: Denominación: participación nas probas para obter certificación acreditativa da habilitación

Código: 30.48.01

Total: 49,90 euros

Ademais as/os aspirantes consignarán os seus datos persoais nas partes reservadas a tal fin no devandito modelo.

Están exentos do pagamento desta taxa:

1. As/os aspirantes que figuren inscritas/os como desempregadas/os no Instituto Nacional de Emprego, que poderán autorizar a comprobación desta situación pola Administración, ou presentar o certificado acreditativo dela.

2. As/os aspirantes que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, acreditando documentalmente tal situación, agás no caso de que a situación de discapacidade fose expedida pola Xunta de Galicia; en tal suposto pode autorizar a súa consulta ou ben presentar a certificación.

A falta de xustificación do pagamento íntegro da taxa por dereitos de exame, dentro do prazo de presentación de solicitudes, determinará a exclusión da/do aspirante do proceso, sen que sexa posible emendar tal deficiencia nun momento posterior.

Cuarto. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Alternativamente tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinto. Consentimentos e autorizacións

A tramitación deste procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, o modelo de solicitude que figura como anexo desta orde inclúe autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos nesta orde.

As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Sexto. Admisión

A admisión dos aspirantes realizarase nos prazos e na forma prevista no artigo 5 das bases xerais.

Sétimo. Data, tribunal cualificador e lugar de realización

A data e composición do tribunal cualificador das probas correspondentes a esta convocatoria coñeceranse na resolución que faga pública a relación definitiva de aspirantes admitidas/os á súa realización.

As probas realizaranse na sede da Agasp (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).

Oitavo. Información aos/as interesados/as

Sobre esta convocatoria poderase obter información adicional, na Academia Galega de Seguridade Pública, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (http://agasp.xunta.es/es).

b) No enderezo electrónico formacion.agasp@xunta.es

c) No telefono da Agasp 886 20 61 10.

d) No Servizo de Formación en Seguridade Pública na Agasp (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).

Noveno. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Persoal de control de acceso cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Academia Galega de Seguridade Pública. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agasp mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra, ou a través dun correo electrónico a agasp@xunta.es

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file