Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 8 de setembro de 2014 Páx. 37301

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 26 de agosto de 2014 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia.

O Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, establece as normas relativas á protección das denominacións de orixe e indicacións xeográficas.

Por medio do Regulamento (CE) 1050/2007 da Comisión, do 12 de setembro de 2007, inscríbense certas denominacións no Rexistro de denominacións de orixe protexidas e de indicacións xeográficas protexidas, entre as cales figura a denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia ou Mejillón de Galicia.

Coa aprobación da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e posteriormente do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, que a desenvolve en materia de denominacións de calidade, configurouse un novo réxime xurídico dos consellos reguladores, así como un novo réxime electoral.

Mediante a Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 2 de abril de 2009 (DOG nº 75, do 20 de abril) foron convocadas as eleccións para a renovación do Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia. De acordo co calendario electoral, as votacións realizáronse o día 10 de outubro de 2009 e a toma de posesión dos membros do Pleno do Consello Regulador realizouse o 30 de outubro de 2009.

Ao abeiro do establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, a duración do mandato dos vogais dos consellos reguladores é de catro anos, que comezarán a contar desde o día seguinte ao da súa toma de posesión, e a convocatoria electoral debe ser realizada pola consellería competente nos dous meses anteriores á finalización do dito mandato, logo de audiencia aos consellos reguladores afectados. Polo tanto, a convocatoria electoral para a renovación do órgano de goberno deste consello regulador debeu efectuarse entre o 31 de agosto de 2013 e o 31 de outubro de 2013.

Nesta orde de cousas, a Sentenza do Tribunal Supremo ditada o día 16 de xullo de 2013 declara que non procede o recurso de casación interposto polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e, polo tanto, confirma a sentenza ditada o 15 de abril de 2010 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no procedemento contencioso-administrativo 4647/2008, que declara non conforme a dereito a Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 29 de agosto de 2008, pola que se aproba o Regulamento da Denominación de Orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e do seu consello regulador, xerando unha situación excepcional de anulación do regulamento, anulación que leva aparellada a nova vixencia do Regulamento aprobado pola Orde do  17 de outubro de 2000 (DOG nº 221, do 15 de novembro), sen prexuízo da existencia de normativa comunitaria europea e galega ditada con posterioridade.

O artigo 35.3º do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, establece inequivocamente que: «Finalizado o mandato e, en todo caso, durante o proceso electoral os membros dos consellos reguladores estarán en funcións, poderán realizar unicamente actos de trámite e os necesarios para a adecuada marcha da denominación, entre eles os relacionados co proceso electoral. O seu labor rematará coa toma de posesión dos novos vogais». Deste modo, a Resolución do 27 de novembro de 2013, da conselleira do Medio Rural e do Mar, establece que os membros do Consello Regulador están en funcións a partir do 1 de novembro de 2013 e ata a toma de posesión dos novos membros.

Polo tanto, logo de consulta aos órganos de goberno do Consello Regulador,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria

De acordo co establecido no artigo 36 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, convócanse as eleccións para a renovación dos órganos de goberno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia.

Artigo 2. Calendario electoral, prazos e lugar de presentación de documentación

1. O calendario electoral establece os prazos dos diferentes actos do proceso electoral.

2. O calendario electoral será o que se recolle como anexo I desta orde e estará exposto na sede do Consello Regulador.

3. Os prazos previstos nesta norma para a presentación de escritos, candidaturas, reclamacións e recursos están sinalados por días hábiles e expirarán ás 14.00 horas do derradeiro día do prazo.

4. O lugar de presentación dos escritos, candidaturas, reclamacións e recursos será, segundo o caso, a sede do Consello Regulador ou da Xunta Electoral. Dada a brevidade dos prazos establecidos, os escritos presentaranse, ademais de por rexistro ordinario, por fax nos seguintes números: 986 50 62 24 os dirixidos ao Consello Regulador e 881 99 90 73 os dirixidos á Xunta Electoral.

Artigo 3. Electorado

1. Poderán ser electores as persoas físicas ou xurídicas que, antes da entrada en vigor da presente convocatoria, estean debidamente inscritas e con actividade nalgún dos censos do Consello Regulador, non carezan do dereito de sufraxio activo consonte o disposto pola normativa de réxime electoral xeral e non fosen sancionadas con carácter firme coa suspensión da súa inscrición no rexistro correspondente.

2. As persoas xurídicas exercerán o seu dereito ao voto a través do seu representante legal.

3. No caso de que un/unha mesmo/a titular figure inscrito/a en máis dun censo electoral, poderá ser elector/a en cada un deles.

4. Así mesmo, para poder ser elector/a deberá cumprir co establecido no artigo 11.2º do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, é dicir, estar ao día no pagamento das súas obrigas e ter actualizadas as inscricións nos rexistros.

Artigo 4. Elixibles

1. Serán elixibles aquelas persoas físicas ou xurídicas que reúnan os requisitos para seren elector/a e que non estean incursas nas causas de inelixibilidade previstas na normativa de réxime electoral xeral.

2. No caso de persoas xurídicas, o candidato será a propia persoa xurídica, que estará representada no Consello Regulador, de resultar elixida, pola persoa física que en cada momento designe o órgano de goberno.

3. No caso de que un mesmo titular figure inscrito en máis dun censo, só poderá ser elixible por un deles, e deberá optar polo que máis lle interese.

Artigo 5. Xunta Electoral

1. A Xunta Electoral é o órgano supremo de supervisión do proceso electoral e nela estarán representados os tres subsectores que concorren ao proceso electoral e persoal técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar. Exercerá as funcións que lle atribúe o artigo 40.2º do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. A Xunta Electoral terá a súa sede nos Servizos Centrais da Consellería do Medio Rural e do Mar e estará formada por un presidente ou presidenta, cinco vogais e un secretario ou secretaria. Os seus membros serán funcionarios/as da Consellería do Medio Rural e do Mar, con excepción de tres dos vogais, que representarán o sector e serán elixidos/as na forma establecida no artigo seguinte.

3. A Xunta Electoral estará presidida polo secretario xeral do Mar e terá como suplente o subdirector xeral de Acuicultura.

4. Ningún membro, titular ou suplente, da Xunta Electoral poderá presentarse como candidato/a a vogal nin ser membro do Pleno do Consello Regulador.

Artigo 6. Presentación de candidatos a vogais da Xunta Electoral en representación do sector

1. No prazo dos catro (4) días hábiles seguintes á data de entrada en vigor desta orde, os representantes das entidades organizativas sectoriais vinculadas ao Consello Regulador poderán presentar candidatos/as a vogais da Xunta Electoral mediante solicitude acompañada da documentación prevista no artigo 42.1º do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. As candidaturas irán dirixidas ao secretario xeral do Mar da Consellería do Medio Rural e do Mar, deberán conter cada unha un titular e un suplente, e presentaranse ante o Rexistro Único e de Información do Complexo Administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O décimo día posterior á data de entrada en vigor desta orde, designaranse os membros da Xunta Electoral, titulares e suplentes, mediante resolución do secretario xeral do Mar da Consellería do Medio Rural e do Mar. Contra a dita resolución poderase interpor recurso no prazo de tres (3) días hábiles ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, quen resolverá dentro dos tres (3) días hábiles seguintes.

4. O terceiro día hábil seguinte á resolución dos ditos recursos terá lugar a sesión constitutiva da Xunta Electoral.

Artigo 7. Censo electoral

1. O censo electoral será elaborado polo Consello Regulador para o seu uso no proceso electoral. Será único e indivisible.

2. O censo electoral axustarase ao modelo que figura no anexo II e terá a seguinte estrutura:

– Censo do subsector produtor, constituído polos/as titulares de bateas inscritas no Rexistro de Bateas do Consello Regulador.

– Censo do subsector da comercialización de mexillón fresco, constituído polos/as titulares inscritos/as no Rexistro de Centros de Depuración/Expedición.

– Censo do subsector da transformación, constituído polos/as titulares inscritos/as no Rexistro de Empresas Transformadoras.

2. Nos censos figurarán exclusivamente os/as titulares inscritos/as e con actividade nos rexistros correspondentes e deberán estar ao día nas súas obrigas co Consello Regulador.

Artigo 8. Exposición do censo

O Consello Regulador, despois das comprobacións que xulgue oportunas, dilixenciará os censos coas sinaturas do/a secretario/a e a conformidade do/a presidente/a. A seguir, ordenará a exposición dos censos electorais por orde alfabética na sede do Consello Regulador e remitiraos aos lugares seguintes para á súa exposición:

– Ás xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar, onde se exporán, cando menos, os censos correspondentes aos inscritos na provincia.

– Ás xefaturas comarcais da Consellería do Medio Rural e do Mar, onde se exporán, cando menos, os censos correspondentes aos inscritos do seu ámbito xeográfico.

– Ás entidades organizativas sectoriais vinculadas ao Consello Regulador.

A remisión dos censos provisionais aos lugares citados deberá realizarse achegando oficio do/a secretario/a do Consello Regulador.

Os interesados poderán formular, no prazo de tres (3) días hábiles, reclamacións contra os censos, que o Consello Regulador resolverá en igual prazo, contado desde a presentación delas, resoltas as cales publicará de igual forma os censos definitivos, agás no caso que a seguir se detalla.

Contra as ditas resolucións os interesados poderán formular recursos ante a Xunta Electoral no prazo de tres (3) días hábiles, que serán resoltos nos tres (3) días hábiles seguintes á súa presentación.

Resoltos os recursos, a Xunta Electoral ordenará publicar de igual forma os censos electorais definitivos no prazo de tres (3) días hábiles.

Artigo 9. Número de vogais e presentación de candidaturas

1. De acordo co artigo 30.1º do Regulamento aprobado pola Orde do 17 de outubro de 2000, corresponde elixir os seguintes vogais:

– Seis (6) en representación do subsector produtor.

– Seis (6) en representación das empresas comercializadoras, centros de expedición e empresas transformadoras; catro (4) vogais corresponderán aos centros de depuración e/ou expedición e empresas comercializadoras de mexillón fresco e dous (2) ás empresas de transformación.

2. Poderán propor candidaturas ás eleccións grupos de inscritos, cooperativas e entidades organizativas sectoriais vinculadas ao Consello Regulador sempre que cumpran os requisitos legais e sexan avaladas, polo menos, polo 10 % do total de electores do censo de que se trate.

3. As candidaturas e demais documentación e trámites electorais presentaranse nas oficinas administrativas do Consello Regulador no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir da publicación dos censos electorais definitivos.

4. As candidaturas presentaranse mediante lista pechada de candidatos/as, que constará dun suplente por cada titular, e expresará os seguintes datos:

O nome, apelidos e DNI dos candidatos, tanto titulares como suplentes, así como o nome da entidade organizativa sectorial vinculada ao Consello Regulador a que pertence ou á indicación independente.

A orde de colocación dos/as candidatos/as dentro de cada lista.

A sinatura de todos e cada un dos candidatos a vogal.

5. As listas deberán presentarse xunto coa declaración de aceptación das candidaturas subscritas polos/as candidatos/as, que deberán reunir as condicións de elixibilidade. No caso de que os/as candidatos/as fosen persoas xurídicas, xuntarse acordo de aceptación polo órgano de goberno ou reitor.

6. Coa lista de candidatos xuntarase declaración xurada de cada un deles conforme non incorren en causa de inelixibilidade.

7. Será requisito indispensable para a admisión de candidaturas por parte do Consello Regulador o nomeamento para cada lista dun representante, que será o encargado de realizar todas as xestións da respectiva candidatura ante o Consello Regulador, así como o chamado a recibir as notificacións que esta poida realizar. O enderezo do representante, que poderá ser ou non candidato, farase constar ante a Secretaría do Consello Regulador no momento de presentación da candidatura.

8. Finalizado o prazo de presentación das candidaturas, e dentro dos cinco (5) días hábiles seguintes, o Consello Regulador comprobará que a documentación presentada é correcta e está completa e, de ser así, o Pleno proclamará provisionalmente as candidaturas e acordará a súa exposición nos mesmos lugares establecidos para a exhibición dos censos durante tres (3) días hábiles. Poderán presentarse reclamacións no prazo dos tres (3) días hábiles ante o Consello Regulador, que as resolverá no prazo dos dous (2) días hábiles seguintes.

9. Contra as resolucións do Consello Regulador poderán interporse recursos ante a Xunta Electoral no prazo de tres (3) días hábiles, que serán resoltos nos tres (3) días hábiles seguintes. Resoltos os recursos, a Xunta Electoral procederá á proclamación definitiva dos/as candidatos/as e acordará a exposición pública nos mesmos lugares establecidos para a exhibición das candidaturas provisionais.

10. Unha vez proclamadas as candidaturas pola Xunta Electoral, se a totalidade das correspondentes a un censo ou subcenso chegan a un acordo na repartición das vogalías, e o dito acordo subscrito polos representantes de cada candidatura fose presentado ante a Xunta Electoral 24 horas antes do comezo da campaña electoral, darase por concluído o proceso electoral para ese censo ou subcenso.

Artigo 10. Campaña electoral

1. Enténdese por campaña electoral o conxunto de actividades lícitas, levadas a cabo polos/as candidatos/as, encamiñadas á captación de sufraxios.

2. A campaña electoral iniciarase ás 00.00 horas do terceiro día hábil posterior ao de proclamación definitiva de candidaturas e finalizará ás 24.00 horas do sétimo día de campaña.

Artigo 11. Papeletas e sobres

1. A Xunta Electoral aprobará os modelos oficiais de papeletas e sobres, que serán confeccionados polo Consello Regulador. Así mesmo, o Consello Regulador, proverá a mesa electoral de mobiliario, urnas, papeletas de voto, sobres e de todo o material necesario para a realización das eleccións.

2. Cada papeleta conterá unha única candidatura.

Artigo 12. Apoderados e interventores

De conformidade co establecido nos artigos 54 e 55 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, ata o terceiro día anterior ao da votación o representante de cada candidatura poderá solicitar ante o Consello Regulador as credenciais de nomeamento de interventores e apoderados, utilizando para iso os modelos que figuran nos anexos III e IV, respectivamente.

Artigo 13. Mesa electoral

1. A mesa electoral é o órgano encargado de presidir as votacións, realizar o escrutinio, publicar os resultados e velar pola pureza do sufraxio.

2. Estará integrada por un presidente ou presidenta e dous vogais, mediante escolla aleatoria do censo de electores, maiores de idade, que saiban ler e escribir. De igual modo nomearanse dous suplentes por cada un dos seus membros.

3. Unha vez realizada a proclamación provisional de candidatos, o Consello Regulador iniciará o sorteo para a designación dos compoñentes das mesas electorais, tanto titulares como suplentes.

4. Os cargos de presidente/a e vogal da mesa electoral son obrigatorios e non poderán exercelos aquelas persoas que se presenten como candidatas. Unha vez realizada a súa designación, deberalles ser notificada aos interesados no máis breve prazo, e estes disporán dun prazo de cinco (5) días hábiles para alegaren ante o Consello Regulador causa xustificada que lles impida aceptar o cargo. O Pleno do Consello Regulador resolverá no prazo de dous (2) días hábiles sen ulterior recurso. De resultar necesario, o Consello Regulador realizará novos sorteos para cubrir as vacantes daqueles a quen se aceptaron as escusas.

Artigo 14. Votación e escrutinio e proclamación de vogais electos

1. A votación realizarase entre as 9.30 horas e as 18.30 horas do segundo día posterior á finalización da campaña electoral. Os membros da mesa electoral e os seus suplentes reuniranse ás 8.30 horas da mañá do día das votacións no local designado para a votación.

2. A mesa recibirá as credenciais dos interventores que se presenten, comparándoas coa copia que constará en poder da mesa, e daralles, se é o caso, posesión do cargo.

3. O presidente ou presidenta, ou por delegación un/unha vogal, expedirá unha acta no momento da constitución da mesa, que pechará ao finalizar as súas funcións como tal. Nela expresará os compoñentes da mesa, a identificación de interventores, suficiencia de material, a hora de inicio das votacións, as anomalías ou aspectos que pola súa relevancia e transcendencia deban quedar reflectidos ao longo da xornada, a hora do peche das votacións, as condicións de transparencia do escrutinio e a expresión detallada do resultado, cos votos emitidos, os nulos, en branco e os asignados a cada candidatura, as reclamacións formuladas coa identificación dos seus reclamantes e a resolución dada a estas, que asinarán todos os membros da mesa.

4. O voto será persoal, identificándose coa presentación do documento nacional de identidade, pasaporte ou permiso de conducir, nos cales deberá aparecer a fotografía do elector e deberán ser orixinais. Cando o elector sexa unha persoa xurídica, votará o seu representante legal, que deberá acreditarse como tal.

5. Concluída a votación, o/a presidente/a procederá ao reconto dos votos, extraendo as papeletas da urna e lendo en voz alta o nome das candidatas ou candidatos votados, os emitidos en branco e os considerados nulos. Realizado o reconto, o/a presidente/a preguntaralles aos asistentes se hai algunha protesta contra o escrutinio, resolveraa e deixará constancia dela.

6. A seguir, formulará en voz alta o resultado especificando o número de votos emitidos, de votos válidos, nulos e en branco e o de votos obtidos por cada candidatura, deixando expresión escrita deles na acta de votacións.

7. Segundo o establecido no artigo 59 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, a mesa electoral procederá á elaboración da documentación electoral, que será remitida á Xunta Electoral e ao Consello Regulador no prazo de das vinte e catro (24) horas seguintes.

8. No segundo día posterior ao da votación, a Xunta Electoral procederá á proclamación dos vogais electos. Para a asignación de vogalías, de acordo co establecido no citado decreto, aplicarase o sistema proporcional directo. Como anexo V xúntase unha explicación da repartición de vogalías segundo este sistema, cun exemplo práctico.

9. Contra esa proclamación os interesados poderán presentar recurso no prazo de tres (3) días hábiles ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, quen os resolverá no prazo de tres (3) días hábiles. A presentación do recurso deberá ser comunicada á Xunta Electoral dentro dese prazo, presentando copia del na súa sede.

10. Unha vez resoltos os recursos, a Xunta Electoral proclamará os vogais electos (artigo 61 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro).

Artigo 15. Constitución do Pleno e elección de presidente/a e vicepresidentes/as

1. O primeiro día hábil seguinte ao da proclamación definitiva dos vogais constituirase o Pleno do Consello Regulador, no cal tomarán posesión os vogais electos. A sesión estará presidida por un/unha representante da Administración, designado para o efecto pola conselleira do Medio Rural e do Mar. Para a realización desta sesión precisarase un quórum de dous terzos.

2. A seguir, na mesma sesión, o Consello en pleno elixirá por maioría absoluta os que van exercer os cargos de presidente/a e vicepresidentes/as. En caso de empate na elección dalgún dos cargos, procederase no terceiro día hábil seguinte a unha nova votación. De persistir o empate, procederase de novo de igual xeito e, en caso de non se desfacer, decidirase por sorteo, que realizará a Xunta Electoral entre os candidatos que obtivesen o mesmo número de apoios na última votación.

3. As persoas elixidas para os cargos de presidente/a e vicepresidente/a serán nomeadas posteriormente pola conselleira do Medio Rural e do Mar.

Disposición derradeira primeira. No non regulado nesta orde observarase o que dispoñen os artigos 34 a 62 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, que regula as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Disposición derradeira segunda. Facúltase o secretario xeral do Mar para ditar cantas instrucións sexan precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira. Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2014

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO I
Calendario electoral

Fase do proceso electoral

Número de días

Publicación da orde de convocatoria

Fin do prazo de presentación de candidatos á Xunta Electoral

4 días hábiles seguintes á data de entrada en vigor da orde

Designación dos membros da Xunta Electoral (Resolución do secretario xeral do Mar)

10º día posterior á data de entrada en vigor da orde

Fin do prazo de presentación de recursos ante a conselleira

3 días hábiles

Resolución da conselleira dos recursos contra a designación dos membros da Xunta Electoral

3 días hábiles

Sesión constitutiva da Xunta Electoral. Aprobación dos censos provisionais polo Pleno do Consello Regulador do Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia (CRM)

3 días hábiles

Inicio da exposición dos censos provisionais e do prazo para reclamación sobre estes

3 días hábiles

Último día para a presentación de reclamacións sobre os censos ante o CRM

3 días hábiles

Data límite para a resolución das reclamacións sobre os censos polo Pleno do CRM

3 días hábiles

Fin do prazo de presentación de recursos sobre os censos ante a Xunta Electoral

3 días hábiles

Data límite para a resolución dos recursos sobre os censos pola Xunta Electoral

3 días hábiles

Exposición dos censos definitivos

3 días hábiles

Data límite para a presentación de candidaturas ante o CRM

10 días hábiles seguintes á publicación dos censos definitivos

Proclamación provisional de candidaturas polo Pleno do CRM e exposición pública. Primeiro sorteo para a designación dos membros da mesa electoral

5 días hábiles

Fin do prazo de exposición pública e de presentación de reclamacións sobre a proclamación provisional de candidatos

3 días hábiles

Data límite para a resolución das reclamacións polo Pleno do CRM

2 días hábiles

Fin do prazo de presentación de recursos sobre a proclamación de candidatos ante a Xunta Electoral

3 días hábiles

Data límite para a resolución dos recursos pola Xunta Electoral e proclamación definitiva de candidatos

3 días hábiles

Fin do prazo para a presentación dos acordos electorais polas candidaturas

2 días hábiles

Inicio da campaña electoral

Ás 00.00 horas do terceiro día hábil posterior ao de proclamación definitiva de candidaturas

Fin da campaña electoral

Ás 24.00 horas do sétimo día de campaña

Notificación designación de membros das mesas

Prazo de notificación (o máis breve)

Data límite dos candidatos a membros da mesa electoral para presentar alegacións

5 días naturais

Resolución do Pleno do CRM sobre as alegacións anteriores

2 días hábiles

Constitución da mesa electoral e votacións

2º día finalización da campaña electoral

Proclamación de vogais electos pola Xunta Electoral

2º día posterior ao da votación

Fin do prazo de presentación de recursos sobre a proclamación de vogais electos

3 días hábiles

Data límite para a resolución dos recursos sobre a proclamación de vogais electos

3 días hábiles

Toma de posesión de vogais electos. Pleno constitutivo e proposta de persoas candidatas para ocupar a Presidencia e Vicepresidencia ou vicepresidencias

Primeiro día hábil seguinte ao da proclamación definitiva dos vogais

ANEXO II
Modelo de impreso para presentación dos censos Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia. Eleccións 2014

Censo ................................................ Folla nº ...............

Apelidos e nome ou razón social

DNI/NIF

Enderezo

Representante (soamente no caso de persoas xurídicas)

Observacións

Rúa ou lugar

Parroquia

Concello

DNI/NIF

Nome e apelidos

O/a secretario/a do Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia

Conforme

O/a presidente/a

ANEXO III
Eleccións ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón
de Galicia-Mejillón de Galicia 2014

Asunto: CREDENCIAL DE NOMEAMENTO DE INTERVENTOR/A

DATA:

DATOS DA PERSOA PROPOSTA

PRIMEIRO APELIDO

SEGUNDO APELIDO

NOME

DNI

ENDEREZO

C.P.

CONCELLO

DATOS DO REPRESENTANTE

PRIMEIRO APELIDO

SEGUNDO APELIDO

NOME

DNI

ENDEREZO

C.P.

CONCELLO

REPRESENTANTE DA CANDIDATURA PRESENTADA POR .........................................................................................................................................

Conforme o disposto no artigo 54 do Decreto 4/2007, nomea interventor/a a persoa arriba indicada.

O/a representante

ANEXO IV
Eleccións ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón
de Galicia-Mejillón de Galicia 2014

Asunto: CREDENCIAL DE NOMEAMENTO DE APODERADO/A

DATA:

DATOS DA PERSOA PROPOSTA

PRIMEIRO APELIDO

SEGUNDO APELIDO

NOME

DNI

ENDEREZO

C.P.

CONCELLO

DATOS DO REPRESENTANTE

PRIMEIRO APELIDO

SEGUNDO APELIDO

NOME

DNI

ENDEREZO

C.P.

CONCELLO

REPRESENTANTE DA CANDIDATURA PRESENTADA POR ...........................................................................................................................................

Conforme o disposto no artigo 55 do Decreto 4/2007, nomea apoderado/a a persoa arriba indicada.

O/a representante

ANEXO V
Asignación de vogalías polo sistema proporcional directo

O sistema proporcional directo atribúe as vogalías segundo a mecánica que a continuación se detalla:

Divídense os votos de cada candidatura entre un número, que se obtén pola súa vez de dividir o número de votos válidos totais obtidos polas distintas candidaturas entre o número de vogais que se van elixir. Os resultados das divisións darán un valor para cada candidatura. A parte enteira do valor resultante será o número de vogais. Se aínda queda algún vogal por asignar, este será para a candidatura que teña un valor máis alto da parte decimal, e se queda algún vogal máis, para a seguinte que teña a parte decimal máis alta, e así sucesivamente. O seguinte exemplo ilustra o procedemento a aplicar:

Censo: 5.000 electores.

Vogais para elixir: 7.

Repartición de votos entre as distintas candidaturas:

A: 1.500.

B: 1.000.

C: 700.

D: 600.

E: 200.

Votos válidos obtidos polas distintas candidaturas: 4.000.

4.000/7 = 571,428.

1.500/571,428 = 2,62. A obtén 2+1 = 3 vogais.

1.000/571,428 = 1,75. B obtén 1+1 = 2 vogais.

700/571,428 = 1,22. C obtén 1 vogal.

600/571,428 = 1,05. D obtén 1 vogal.

200/571,428 = 0,35. E obtén 0 vogais.