Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Venres, 5 de setembro de 2014 Páx. 37265

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Neda

ANUNCIO de información pública sobre a aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal e o informe de sustentabilidade ambiental.

O Pleno deste concello, en sesión extraordinaria que tivo lugar o 1 de setembro de 2014, en relación coa aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal de Neda e asumir o informe de sustentabilidade ambiental incorporado ao expediente.

Segundo. De acordo co artigo 85.2º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, someter a información pública o expediente completo, Plan xeral de ordenación municipal e informe de sustentabilidade ambiental, e a fase de consultas, polo prazo de dous meses, mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e en dous dos xornais de maior difusión da provincia, en cumprimento da normativa urbanística e ambiental de aplicación.

Terceiro. Suspender o procedemento de outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio obxecto de plan cuxas novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente. A suspensión determinada pola aprobación inicial terá unha duración máxima de dous anos, contados desde a dita aprobación e, en calquera caso, extinguirase coa aprobación definitiva do plan.

Cuarto. De forma simultánea á información pública, solicitar os informes que sexan preceptivos conforme a normativa sectorial de aplicación, e dar trámite de audiencia aos municipios limítrofes así como ás persoas físicas ou xurídicas que teñan a condición de público afectado de acordo coa Lei 9/2006 (disposición transitoria primeira da Lei 21/2013).

Durante o prazo sinalado poderase examinar o expediente nos locais habilitados para tal efecto, no salón de plenos do Concello, sito na planta baixa, de luns a venres, entre as 10.00 e as 14.00 horas, e formular as alegacións que se consideren oportunas.

Neda, 1 de setembro de 2014

José I. Cabezón Lorenzo
Alcalde