Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Venres, 22 de agosto de 2014 Páx. 36273

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 7 de agosto de 2014, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se anuncia a toma de posesión de predios de substitución na zona de concentración parcelaria de Sasdónigas (Mondoñedo-Lugo).

Rematada a publicación do acordo de concentración parcelaria da zona de Sasdónigas (Mondoñedo-Lugo) e unha vez resoltos os recursos presentados, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolveu dar posesión provisoria dos novos predios, establecendo como data límite para esta o día 30 de setembro de 2014, ampliable en 3 meses máis para a corta de frondosas (31 de decembro de 2014), que é obrigatoria para todas as persoas interesadas. No caso de que algún ou algunha propietario/a non permita a toma de posesión dos predios de substitución no prazo indicado, será obxecto, logo de apercibimento, de compulsión directa, tal e como establece o artigo 45 da Lei de concentración para Galicia e sen prexuízo das sancións que se poidan impor conforme o disposto nos seus artigos 69 e seguintes.

Segundo establece o artigo 46 da Lei de concentración parcelaria para Galicia, do 14 de agosto de 1985, as persoas interesadas poderán reclamar, ante esta xefatura territorial, sita na rolda da Muralla, 70, 1º baixo, Lugo, xuntando ditame pericial, sobre diferenzas superiores ao dous por cento entre a cabida real dos novos predios e a que conste no expediente de concentración, no prazo de sesenta días naturais, contados desde o 1 de outubro 2014.

Así mesmo, comunícase que a posesión dos predios de substitución outórgalles ás persoas que no acordo de concentración figuren como adxudicatarias os medios de defensa establecidos nas leis.

En relación coas árbores existentes nos predios recoméndase, na medida do posible, chegar a un acordo entre a persoa achegante e a adxudicataria. No caso contrario, poderán ser retiradas polos/as propietarios/as das parcelas de contribución no prazo establecido para a toma de posesión (30.9.2014), logo da petición ao Servizo de Montes do preceptivo permiso e informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza, no caso de seren especies autóctonas protexidas, e demais permisos e autorizacións que, segundo o caso, estableza a normativa vixente. Trascorrido o referido prazo, enténdese que pertencen ao/á propietario/a do novo predio.

Lugo, 7 de agosto de 2014

José Ramón Losada Fernández
Xefe territorial de Lugo