Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 13 de agosto de 2014 Páx. 34959

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, de habilitación provisional pola que se concede á entidade Indika, Auditoría e Inspección, S.L. o exercicio de actuacións como organismo de control no ámbito da seguridade industrial.

Antecedentes.

Primeiro. Con data do 13 de xuño de 2014, a Entidade Nacional de Acreditación (Enac) emite a acreditación nº OC-I/352, de Indika, Auditoría e Inspección, S.L., para os campos regulamentarios Regulamentación eléctrica: alta tensión, Regulamentación eléctrica: baixa tensión, Aparellos elevadores: ascensores, Aparellos elevadores: guindastres e Aparellos-equipamento de presión. Este acordo queda reflectido na revisión un (1), do 13.6.2014, do seu anexo técnico.

Segundo. De acordo co artigo 2 do Decreto 54/2011, do 24 de marzo, polo que se regula a autorización e a actuación dos organismos de control en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia, o 19 de xuño de 2014, Manuel Castro Varela, en nome e representación de Indika, Auditoría e Inspección, S.L., con NIF B27803105 e con domicilio social no polígono Río do Pozo, rúa dos Ferreiros, 2, entrechán, local 8, Narón, A Coruña, presenta a solicitude de autorización para actuar como organismo de control nos campos regulamentarios: Regulamentación eléctrica: alta tensión, Regulamentación eléctrica: baixa tensión, Aparellos elevadores: ascensores, Aparellos elevadores: guindastres e Aparellos-equipamento de presión. Para tal efecto, achega a documentación exixida no artigo 2 do antedito decreto.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para adoptar esta resolución, tendo en conta as seguintes consideracións:

a) Indika, Auditoría e Inspección, S.L. solicita iniciar a súa actividade como organismo de control na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os campos regulamentarios en que Indika, Auditoría e Inspección, S.L. quere actuar pertencen ao ámbito material da seguridade industrial.

c) O establecido no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, na Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, no Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da infraestrutura para a calidade e a seguridade industrial, e no Decreto 54/2011, do 24 de marzo, polo que se regula a autorización e a actuación dos organismos de control en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Como consecuencia das sentenzas do Tribunal Supremo do 29.6.2011 e do 27.2.2012, víronse afectados tanto a Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, modificada pola Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, como o Regulamento da infraestrutura para a calidade e a seguridade industrial, aprobado polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, e modificado polo Real decreto 338/2010, do 19 de marzo.

Por este motivo, examináronse as citadas sentenzas no Consello de Coordinación de Seguridade Industrial, entre o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e as comunidades autónomas, co acordo de comezar a tramitación de modificación das normativas legais citadas. En canto o Ministerio non publique as novas disposicións, o Consello acordou que se actuará do seguinte xeito:

– Antes de comezar as súas actividades, os organismos de control deberán remitir unha declaración responsable á comunidade autónoma onde radique a súa sede social, de conformidade co disposto no artigo 4.2 e 4.3 da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, na redacción dada pola Lei 25/2009.

– Para os organismos de control cuxas actuacións deriven de normativa estatal, a exixencia de acreditación segue vixente e conforme cos requisitos exixidos no artigo 42 do Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, inda que matizados polas anteditas sentenzas do Tribunal Supremo.

As modificacións introducidas polas citadas sentenzas do Tribunal Supremo fixeron necesario modificar o Decreto 54/2011, do 24 de marzo, no tocante aos aspectos relacionados co procedemento de habilitación dos organismos de control para poder actuar nos ámbitos da normativa de seguridade industrial estatal. Actualmente esta modificación regulamentaria está en fase de tramitación administrativa para os efectos de mudar o réxime de autorización pola exixencia aos organismos de control de remitir unha declaración responsable antes de comezar as súas actividades.

Terceiro. Tendo en conta o indicado na consideración segunda, e mentres non se publique no Diario Oficial de Galicia e entre en vigor a modificación correspondente do Decreto 54/2011, do 24 de mazo, que recolla a habilitación dos organismos de control por medio de declaración responsable, dítase esta habilitación provisional, co obxecto de non producir prexuízos económicos e non obstaculizar o acceso á prestación de servizos como organismos de control.

Cuarto. Consonte o disposto no Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da infraestrutura para a calidade e a seguridade industrial, a autorización outorgada a Indika, Auditoría e Inspección, S.L., terá validez para todo o ámbito do Estado, inda que esta, antes de actuar nunha comunidade autónoma distinta da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá notificar a súa intención ao ministerio competente en materia de industria.

Quinto. A documentación presentada por Indika, Auditoría e Inspección, S.L., acredita que a entidade cumpre coas exixencias establecidas no artigo 2 do Decreto 54/2011, para a súa actuación nos campos regulamentarios solicitados.

De acordo con todo o que antecede e vista a proposta do Servizo de Seguridade Industrial,

RESOLVO:

Habilitar provisionalmente a Indika, Auditoría e Inspección, S.L. para actuar como organismo de control, para a realización de inspeccións no ámbito regulamentario da seguridade industrial, consonte o anexo técnico nº OC-I/352, nos campos regulamentarios seguintes:

Instalacións:

– Regulamentación eléctrica: alta tensión.

– Regulamentación eléctrica: baixa tensión.

– Aparellos elevadores: ascensores.

– Aparellos elevadores: guindastres.

– Aparellos-equipamento de presión.

Esta habilitación pode ser suspendida ou revogada, ademais de nos casos considerados na lexislación vixente, cando o sexa a citada acreditación de Enac, e queda supeditada ao cumprimento das seguintes condicións:

a) Calquera ampliación dos campos regulamentarios de actuación ou dos documentos normativos correspondentes deberá seguir os trámites establecidos no artigo 2 do Decreto 54/2011, do 24 de marzo, para a súa autorización.

b) Indika, Auditoría e Inspección, S.L. deberá notificar no prazo máximo dun (1) mes calquera modificación de datos que formen parte dos requisitos necesarios para a obtención da súa habilitación.

c) Indika, Auditoría e Inspección, S.L. deberá cumprir nas súas actuacións o establecido na Lei 21/1992, do 16 de xullo, no Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, e no Decreto 54/2011, do 24 de marzo.

d) No momento en que entre en vigor a modificación do Decreto 54/2011, do 24 de marzo, citada na consideración segunda, Indika, Auditoría e Inspección, S.L. deberá cursar a declaración responsable correspondente no prazo máximo de 15 días contados desde o día en que entre en vigor. De non facelo, a presente habilitación provisional quedará automaticamente revogada.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao de recepción da correspondente notificación, ante o conselleiro de Economía e Industria, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas