Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Xoves, 31 de xullo de 2014 Páx. 33082

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 11 de xullo de 2014, da Xefatura Territorial da Coruña, da toma de posesión provisional dos predios de substitución da zona de concentración parcelaria de San Pedro de Borrifáns (Cesuras-A Coruña).

Logo de publicar o acordo de concentración parcelaria da zona de San Pedro de Borrifáns (Cesuras-A Coruña) e tendo en conta que o número de recursos presentados e pendentes de resolver non excede o seis por cento dos titulares das explotacións, nin os reclamantes representan máis do dez por cento da superficie concentrada, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolveu dar posesión provisional dos novos predios con data 7 de xullo.

Todas as persoas interesadas tomarán posesión dos seus terreos obrigatoriamente, sen prexuízo das rectificacións que procedan como consecuencia dos recursos que prosperen (segundo o artigo 44 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia).

Se algún propietario non permite a toma de posesión dos novos predios no prazo que se indica neste aviso, será apercibido e logo será obxecto de compulsión directa (artigo 45 da antedita lei), ademais de impoñerlle as sancións económicas que procedan, conforme o disposto nos artigos 69 e seguintes desa lei.

Os interesados poderán reclamar sobre as diferenzas superiores ao dous por cento entre a cabida real dos novos predios e o que conste no expediente de concentración, no prazo de sesenta días naturais que contarán a partir da data na que os predios se poñan á súa disposición (artigo 46). Deberán achegar coa reclamación ditame pericial visado polo colexio correspondente.

Os prazos para a toma de posesión son os seguintes:

a) Labradíos, prados e pastos, cando non teñan colleita pendente: o día seguinte ao da publicación deste aviso no Diario Oficial de Galicia.

b) Os restantes predios, no momento de seren retiradas as colleitas que estean pendentes de recolección no día antes citado.

c) Enténdese que hai colleita pendente desde que se realizase algún dos labores necesarios para a semente.

d) En relación coas árbores existentes nos predios, recoméndase, na medida do posible, chegar a un acordo entre achegante e adxudicatario. No caso contrario, poderán ser retiradas polos propietarios das parcelas de achega no prazo de seis meses que contarán desde a publicación deste aviso no Diario Oficial de Galicia, logo da petición á Xefatura do Servizo de Conservación da Natureza, deste departamento territorial, no caso de seren especies autóctonas protexidas; sen prexuízo das demais autorizacións que legalmente procedan.

Así mesmo, deberán adoptarse as medidas relativas á prevención de incendios forestais previstas na lexislación vixente.

A Coruña, 11 de xullo de 2014

Antonio Manuel Aguión Fernández
Xefe territorial da Coruña