Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Luns, 28 de xullo de 2014 Páx. 32496

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2014 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección, que aproba as bases reguladoras das axudas aos organismos intermedios para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización das empresas galegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

missing image file

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 24 de abril de 2014, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape aos organismos intermedios para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización das empresas galegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, facultando o director xeral a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape aos organismos intermedios para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización das empresas galegas, cofinanciadas ao 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 08, actuación 5, e convocar para o exercicio 2014 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día final do prazo coincidise en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte.

Terceiro. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes:

Partida orzamentaria: 08.A1.741A.

Nº conta

7814

7451

Total

2014

450.000 €

50.000 €

500.000 €

2015

450.000 €

50.000 €

500.000 €

Total

1.000.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto. Tamén poderá realizar modificacións a nivel de subconcepto sen necesidade de que se modifique o importe total da convocatoria e sen que sexa necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. O prazo de execución dos proxectos iniciarase o 1 de xaneiro de 2014 (polo que a solicitude de axuda poderá incluír accións que se leven a cabo a partir desta data) e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que poida exceder nunca do 30 de xuño de 2015.

Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento antes do 26 de decembro de 2014 para aqueles proxectos que finalicen antes do 15 de novembro de 2014 e antes do 30 de xuño de 2015 para aqueles proxectos que se desenvolvan entre o 15 de novembro de 2014 e o 30 de xuño de 2015. No caso de que estas datas máximas de presentación coincidan en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte.

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2014

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape aos organismos intermedios para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización das empresas galegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013

A internacionalización achega ás empresas a posibilidade de aumentar o seu tamaño e acadar maiores economías de escala, acceder a recursos inaccesibles ou caros no seu mercado de orixe, conseguindo economías de localización, mellorar a notoriedade e a diferenciación dos seus produtos e marcas, entrar en contacto con consumidores máis exixentes e competidores máis eficientes que estimulan a súa innovación e desenvolvemento tecnolóxico e, en definitiva, mellorar a súa eficiencia económica e capacidade competitiva.

Mediante un modelo facilitador de información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento ás empresas para a súa entrada neles, formación e especialización de recursos humanos, o Goberno galego aposta pola internacionalización das nosas empresas.

Unha aposta que se plasma no Plan estratéxico 2010-2014. A internacionalización empresarial constitúe en si mesmo un obxectivo estratéxico para Galicia, para o cal se dispoñen recursos humanos e orzamentarios moi importantes para acadar o salto de calidade das nosas empresas nos mercados exteriores.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, proporcionar información sobre os mercados e favorecer o desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas estranxeiras.

O obxectivo destas bases é facilitar a internacionalización da empresa galega non exportadora ou con escasa internacionalización e apoiar empresas internacionalizadas para que non só non perdan a súa presenza nos mercados exteriores senón que a incrementen, poñendo ao seu alcance axudas financeiras que apoien a súa presenza exterior, e ampliando o número de países receptores das exportacións galegas.

Estas axudas están dirixidas a apoiar o esforzo realizado polos organismos intermedios para promocionar as empresas galegas de modo agrupado aproveitando sinerxías e cooperando entre si, polo que se apoian as accións de promoción propostas e organizadas por entidades empresariais sen ánimo de lucro.

Esta liña de axuda compleméntase coa liña de axudas para a contratación de xestores de internacionalización e a liña de axudas de apoio á primeira implantación comercial conxunta no exterior e cos servizos do Igape á internacionalización, entre os cales cabe destacar o apoio en destino a través da rede PEXGA de plataformas da Xunta no exterior, o diagnóstico de capacidade de internacionalización empresarial, o asesoramento e asistencia técnica en orixe, información sobre mercados, así como os servizos de formación e información, organización de accións promocionais de participación agrupada (Plan Foexga), rede de empresarios e profesionais de orixe galega, rede empresarial europea, difusión da oferta exportadora galega e calquera outro que solicite o empresariado galego dentro dos medios e recursos dispoñibles do Igape (www.igape.es).

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio e exclusións

1.1. Co obxectivo de incentivar a realización de promoción no exterior de modo conxunto favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para facilitar a internacionalización das empresas ás que representan:

a) Campañas de publicidade en prensa, revistas, televisión, internet ou outros medios, sempre que a súa difusión se realice no estranxeiro.

b) Elaboración de material promocional como catálogos, contidos audiovisuais, folletos e similares, en calquera soporte e que contribúan á divulgación e coñecemento no estranxeiro.

c) Participación ou visita en/a feiras e outros eventos expositivos (desfiles, catas,…) de carácter profesional que teñan lugar no estranxeiro, excepto a participación en feiras e eventos incluídos no Plan Foexga (publicado na web do Igape) a non ser que non se poida participar na acción Foexga por exceso de cupo ou outras causas non imputables ao beneficiario.

d) Misións empresariais inversas de calquera país estranxeiro a Galicia, de importadores, distribuidores, medios de comunicación ou outro tipo de prescritores co obxecto de dar a coñecer ao exterior as posibilidades empresariais de Galicia e/ou para sondar posibles fórmulas de cooperación.

e) Corners, showrooms ou similares no estranxeiro.

f) Outras accións promocionais colaborativas que teñan como obxectivo dar a coñecer as posibilidades empresariais de Galicia no estranxeiro.

1.2. So se concederá un expediente por beneficiario, no que poderase incluír varios proxectos dos mencionados.

1.3. Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, resulten cun gasto subvencionable inferior a 15.000 euros.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

2.1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2.2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.3. As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352 do 24 de decembro de 2013).

2.4. A subvención aos proxectos estará cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, nun 80 %, eixe 2, tema prioritario 08, actuación 5, e están sometidos ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular, os regulamentos (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo de 2006), Regulamento (CE) nº 1080/2006, do 5 de xullo de 2006 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo de 2006) e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Os ditos proxectos cumprirán os requisitos de elixibilidade da Orde EHA/524/08 do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (Boletín Oficial del Estado núm. 53, do 1 de marzo de 2008).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

3.1. Estas axudas son compatibles con calquera outra subvención pública para o mesmo proxecto, agás as cofinanciadas con fondos ou instrumentos da UE ata o 100 % do gasto subvencionable.

3.2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais.

3.3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase do solicitante unha declaración, escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

4.1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os organismos intermedios empresariais de Galicia. Por organismos intermedios enténdese: as asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas, e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2013 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, Boletín Oficial del Estado núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Enténdese por clúster para os efectos destas bases as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan proxectos en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, que xestione a agrupación clúster.

Consideranse conceptos subvencionables aqueles gastos do tipo dos descritos no artigo 5 seguinte xa sexan xerados pola promoción do colectivo de empresas do organismo en conxunto como pola promoción das empresas membros do organismo intermedio e, xa sexan gastos incurridos por persoal do organismo intermedio ou incorridos por persoal das empresas que sexan membros do organismo intermedio.

Para efectos de que quede acreditado que todas as empresas membros do organismo intermedio teñen a oportunidade de participar nas accións obxecto de subvención, debe facerse unha convocatoria na que consten os criterios de selección para o caso de que a demanda de participación supere a oferta de prazas.

4.2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Para estes efectos terase en conta a definición establecida no artigo 2.18 do Regulamento (UE nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014). Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

4.3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 121, do 25 de xuño).

4.4.- Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades coas que o Igape teña suscrito un convenio de colaboración para apoio da internacionalización empresarial vixente no exercicio da convocatoria destas bases.

Artigo 5. Condicións dos conceptos subvencionables

5.1. Conceptos subvencionables: para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido poderán ser subvencionables os conceptos seguintes, que reúnen os requisitos establecidos na Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (Boletín Oficial del Estado núm. 53, do 1 de marzo de 2008):

• Viaxe (avión, tren ou autobús, en clase turista).

• Hotel (en réxime de aloxamento e almorzo, o número de noites correspondentes á duración da acción), seguro de viaxe e visado. Subvención máxima por persoa que viaxa: 120 euros/noite en España e 180 euros/noite no estranxeiro impostos engadidos).

• Traslado en autobús ou minibús en grupo ás reunións ou visitas comúns de traballo ou institucionais.

• Límite máximo de subvención polos conceptos anteriores por persoa que viaxa: 1.000 euros para accións en/desde Portugal, 1.500 euros para accións en/desde resto de Europa, 2.000 euros para accións en/desde fóra de Europa e 2.500 euros para accións en/desde varios países.

• Aluguer e loxística de salas e outros espazos necesarios para a realización das accións.

• Gastos de caseta: aluguer de solo e servizos inherentes facturados pola organización feiral, deseño, montaxe e desmontaxe, e construción da caseta.

• Gastos de aluguer de espazo para corners ou showrooms e gastos deseño, montaxe e desmontaxe, e construción.

• Asistencia externa en destino para a realización de axendas e organización do proxecto (excepto para servizos ofertados pola rede Pexga).

• Asistencia externa en orixe para traballos que esixan unha especialización profesional non existente no persoal do organismo solicitante da axuda.

• Gastos de intérpretes para accións conxuntas.

• Deseño, elaboración, edición, montaxe, produción, tradución e impresión do material promocional. Os gastos de estilismo, fotografía e contratación de modelos só serán subvencionables como parte das facturas de produción ou elaboración das axencias.

• Compra de espazos publicitarios e inserción nos medios de comunicación dos descritos no punto a) do artigo 1.1 destas bases.

5.2. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os seguintes conceptos:

• Os gastos do persoal habitual e calquera outro derivado da actividade habitual e corrente do solicitante.

• Os custos de mailings, convites, regalos promocionais e os relativos á realización de cócteles e actos análogos.

• Deseño, creación e aloxamento de páxinas web.

• Imposto sobre o valor engadido (IVE) a non ser que se acredite que non é recuperable.

• Gastos de actuacións realizadas ou dirixidas ao ámbito nacional.

• Aqueles gastos que resulten de carácter xeneralista ou non estean expresamente referidos á actuación concreta que se propón para a subvención.

• Folletos e outro material que non estea dirixido estritamente a fins promocionais.

• Aqueles outros que non estean directamente vinculados coa realización da actuación subvencionable.

5.3. Os gastos e investimentos subvencionables serán os realizados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. O prazo de execución iniciarase o 1 de xaneiro de 2014 (polo que a solicitude de axuda poderá incluír accións que se leven a cabo a partir do 1 de xaneiro de 2014) e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda, sen que poida exceder nunca do 30 de xuño de 2015.

Tamén serán subvencionables os gastos efectuados no segundo semestre do exercicio 2013 exixidos en concepto de reserva para a participación en eventos expositivos realizados no exercicio 2014.

5.4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención. As ofertas deberán ter sinatura e selo orixinal do provedor. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir, previamente á súa contratación, autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.

5.5. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

b) Que se solicite e conceda a súa previa autorización (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

A non vinculación demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario de solicitude.

5.6. Admítese a subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios, sen límite respecto ao importe da actividade subvencionada, exixíndose aos beneficiarios o cumprimento das obrigas establecidas nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 43 do seu regulamento. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

5.7. No caso de que o solicitante teña a condición de poder adxudicador nos termos previstos no artigo 3.3.b) do TRLCSP deberán presentar, se é o caso, o correspondente expediente de contratación tramitado para o efecto nos termos previstos nos artigos 189, 190 e 191 do TRLCSP. Será responsabilidade da entidade beneficiaria o cumprimento da citada normativa, podendo o seu incumprimento dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.

Conforme o artigo 3.3.b) do TRLCSP teñen a consideración de poderes adxudicadores todos os entes, organismos ou entidades con personalidade xurídica propia distintas das administracións públicas que fosen creados específicamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos que deban considerarse poder adxudicador de acordo cos criterios dese punto 3 financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia.

5.8. En ningún caso o custo de adquisición dos conceptos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 6. Intensidade de axuda, máximo de subvención e criterios de avaliación e selección de proxectos

6.1. Para as actuacións incluídas nesta convocatoria a intensidade de axuda será do 90 % de subvención sobre os gastos subvencionables co límite máximo de subvención máxima de 100.000 euros por beneficiario e convocatoria.

6.2. Os proxectos serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

Ámbito de actuación do organismo intermedio:

• Empresas asociadas ou representadas polo organismo intermedio solicitante da axuda á data de solicitude da axuda con domicilio social nas 4 provincias galegas: 25 puntos.

• Empresas asociadas ou representadas polo organismo intermedio solicitante da axuda á data de solicitude da axuda con domicilio social en 3 provincias galegas: 15 puntos.

• Empresas asociadas ou representadas polo organismo intermedio solicitante da axuda á data de solicitude da axuda con domicilio social en 2 provincias galegas: 10 puntos.

• Empresas asociadas ou representadas polo organismo intermedio solicitante da axuda á data de solicitude da axuda con domicilio social en 1 provincia galega: 5 puntos.

b) Nº total de empresas asociadas ou representadas polo organismo intermedio solicitante da axuda á data de solicitude da axuda.

• Superior a 30 empresas: 25 puntos.

• Entre 20 e 30 empresas: 15 puntos.

• Entre 10 e 19 empresas:10 puntos.

• Inferior a 10 empresas: 5 puntos.

Tanto para o criterio a) como para o b) deberase facer unha declaración responsable que se indicará no formulario de solicitude mediante un listado das empresas representadas que inclúa: nome empresa, NIF, provincia do domicilio social e actividade.

c) Existencia de plan estratéxico de internacionalización previo:

• Se o solicitante dispón dun plan estratexico de internacionalizacion –elaborado no exercicio da convocatoria destas axudas ou nos 3 anos anteriores– dirixido a sector/sectores das súas empresas asociadas ou representadas e en relación con algunha das actuacións propostas na solicitude de axuda destas bases: 25 puntos. (Para achegar en formato electrónico xunto co formulario de solicitude).

d) Concreción sectorial do solicitante:

• Organismo intermedio sectorial (clúster, consello regulador, centro tecnolóxico ou asociación representativa dun sector o varios sectores relacionados entre sí): 25 puntos.

• Organismo intermedio multisectorial: 10 puntos.

6.3. Unha vez baremados os proxectos, seleccionaranse os de maior puntuación ata o límite de orzamento –axustando o gasto subvencionable para executar ao máximo o orzamento das bases–.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

7.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

7.2. A tramitación destas bases require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, o formulario de solicitude inclúe autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos nestas bases reguladoras.

7.3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nestas bases reguladoras, salvo que estes xa estivesen en poder do Igape; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

7.4. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e deberá presentar entón a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

7.5. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

7.6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 8. Solicitudes

8.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

8.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

8.3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatoria na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se lles tera por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

8.4. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario de solicitude normalizado (anexo I) co IDE, acompañada da documentación establecida no artigo 8.6, en orixinal ou copia cotexada.

8.5. Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.6, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (Diario Oficial de Galicia núm. 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (Boletín Oficial del Estado núm. 150, do 23 de xuño).

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

8.6. O formulario de solicitude deberá vir acompañado da seguinte documentación:

• Acreditación da representación con que se actúa.

• Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes.

• Se é o caso, documentación acreditativa da condición de exención do IVE, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria referida ao exercicio 2014 e certificación do organismo de que non se deduce o IVE das facturas que soportan o proxecto subvencionable.

• No caso de centros de innovación e tecnoloxía, certificado acreditativo da súa inscrición no Rexistro de Centros de Innovación e Tecnoloxía con anterioridade ao 31.12.2013.

• As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.5 das bases reguladoras. Calquera cambio na oferta seleccionada deberá contar coa autorización do Igape, segundo o disposto no citado artigo. As ofertas deberán ter sinatura e selo orixinal do provedor.

• Ademais disto e, se é o caso, para os efectos sinalados no artigo 6.2 destas bases, achegarase o Plan estratéxico de internacionalización, que se deberá xuntar como documento pdf ao formulario de solicitude.

8.7. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

8.8. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Internacionalización do IGAPE será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución sobre o fondo da solicitude, que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

10.1. As solicitudes de axuda serán avaliadas por un órgano colexiado que estará presidido polo/pola xerente da Oficina de Internacionalización Igapex e composto ademais por dous técnicos desta, en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e a documentación presentada e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

10.2. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

10.3. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselle de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

10.4. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano colexiado confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, na que se fará constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e pola Consellería de Economía e Industria e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e farase constar ao beneficiario a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

10.5. A resolución será notificada de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante, excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

10.6. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/92. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

10.7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes, e nunca posterior ao 31 de outubro do exercicio da convocatoria. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

Unha vez recaída resolución de concesión non se admiten modificacións.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

1. Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión.

2. Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

4. Comunicarlle ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, supere o custo elixible do proxecto.

5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante o prazo de tres anos posteriores ao peche do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello. Todo isto, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control e deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

6. Darlle publicidade ao financiamento dos gastos que sexan obxecto de subvención, consistente na inclusión da imaxe institucional do Igape, a Consellería de Economía e Industria e o Feder, así como lendas relativas ao financiamento público nos stands, carteis, placas conmemorativas, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión mais alá do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, que teñan relación co proxecto subvencionado, sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria que, de ser o caso, sexan de aplicación, así como as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es.

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 227, do 19 de novembro) e nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, e no artigo 1, puntos 1) e 2) do Regulamento (CE) núm. 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009. Estas medidas están recollidas na «Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013», que pode consultarse na páxina web www.conselleriadefacenda.es.

a) No caso de que o evento xa tivese lugar cando se solicitou ou concedeu a axuda ou por non ser posible por outros motivos, a publicidade do financiamento deberase facer mediante constancia na páxina web do solicitante da existencia da subvención, consistente na mención expresa na web da acción obxecto da subvención.

b) No caso de campañas de publicidade, o solicitante poderá substituír a inserción dos logotipos anteriores nos anuncios pola constancia na web do solicitante da axuda da existencia da subvención, consistente na mención expresa na web da acción obxecto da subvención.

7. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

9. Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Xustificación da subvención

14.1. Prazo para presentar a solicitude de cobramento:

– Ata o 30 de setembro de 2014 para aqueles proxectos que finalicen antes do 30 de setembro de 2014.

– Ata o 30 de xuño de 2015 para aqueles proxectos que se desenvolvan entre o 1 de outubro de 2014 e o 30 de xuño de 2015.

14.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

14.3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o modelo normalizado que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

14.4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do modelo de solicitude de cobramento normalizada co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 8.5 das bases reguladoras.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude de cobramento, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o modelo de solicitude de cobramento normalizada (anexo II) co IDEL, acompañada da documentación establecida no artigo 14.6, en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 14.6, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

14.5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase ao beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

14.6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade. As facturas correspondentes ás viaxes deben permitir identificar a persoa que viaxa.

b) Certificación na que identifique para cada persoa que viaxa se esta representa o organismo intermedio ou unha das empresas membro deste, neste caso identificando a empresa correspondente.

c) documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

• Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira ou dispoñer dun código para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade financeira.

• Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, selada e asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais algún dos seguintes documentos: relación emitida e selada polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos do organismo beneficiario selada polo banco ou recibín orixinal asinado e selado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

d) A copia en formato dixital -que permita a súa lectura-, de material onde se aprecien os contidos das actuacións realizadas e o cumprimento da obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 13.6 destas bases: insercións, folletos, catálogos, fotografías, proxectos, acordos e demais documentación.

e) Memoria técnica que se deberá cubrir no formulario de liquidación.

f) Copia simple de tarxetas de embarque ou billetes de transporte de viaxeiros.

14.7. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumen de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 13.5: número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

14.8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda.

14.9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 15. Aboamento das axudas

15.1. O aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización total do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

15.2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

Artigo 16. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

16.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

16.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

16.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida de acordo coa seguinte graduación:

• Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 13 destas bases, suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

• Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

• Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

• No caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 5 destas bases en canto á solicitude dun mínimo de tres ofertas de diferentes provedores, suporá a perda de subvención dos conceptos subvencionables correspondentes.

• No caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 5 destas bases en canto a que para modificar o provedor seleccionado se deberá pedir, previamente á súa contratación, autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio, suporá a perda do 10 % da subvención concedida para o concepto subvencionable correspondente.

16.4. Incumprimento total, coa revogación da axuda concedida e reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, nos seguintes casos:

• Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

• Cando non se xustifique ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

• Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 13 do Reg. (CE) nº 1828/2006.

• Cando non dispoñan dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

• Cando o beneficiario non acredite que se atopa ao corrente das súas obrigas fiscais,coa Seguridade Social e coa comunidade autónoma.

Artigo 17. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

Artigo 19. Comprobación de subvencións

19.1. Previo ao seu aboamento, o órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

Os beneficiarios das axudas conservarán á disposición da Administración concedente as facturas e xustificantes de gasto, ata polo menos os 3 anos posteriores ao peche do Programa Operativo Feder Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello.

19.2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Publicidade

20.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

20.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación fose autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceros», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable desde ficheiro é o Igape, quen, no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poida ser necesario achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352 do 24 de decembro de 2013) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, habeá que aterse ao disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file