Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Xoves, 24 de xullo de 2014 Páx. 32400

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 3 de xullo de 2014, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de modificación substancial da explotación porcina A Chaira, no concello de Celanova. Titular: Cooperativas Orensanas, S.C.G. (Coren) (clave do expediente 2014-IPPC-M-41).

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE nº 157, do 2 de xullo) e na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE nº 296, do 11 de decembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:

– Proxecto básico e estudo de impacto ambiental para a modificación substancial de la autorización ambiental integrada da explotación porcina A Chaira-Celanova. ed.1. Coren, SCG.

– Proxecto básico para reforma e ampliación de explotación porcina existente. A Chaira-Celanova (Ourense).

Co fin de que calquera interesado poida consultala e, se é o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que xulgue convenientes, os citados documentos estarán á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (r/ San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán consultalos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/>>medio ambiente e sostibilidade>> prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2014

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I
Memoria resumo

Clave do expediente: 2014-IPPC-M-41.

Peticionario: Cooperativas Orensanas, S.C.G. (Coren).

Domicilio social: Centro de Procesado Avícola (CPA) 32990 Santa Cruz de Arrabaldo, Ourense.

Localización da instalación: lugar A Chaira, parroquia de Acevedo do Río, concello de Celanova.

Actividade: tras a modificación prevista na granxa (reforma e ampliación), a súa capacidade pasará de 850 prazas para porcas de cría a 2.650 prazas. Debido ao sistema de manexo previsto (proceso produtivo) o número de animais na explotación será de 2.200.

Este sistema de manexo será basicamente o seguinte: as porcas reprodutoras proveñen doutras explotacións de recría e son aloxadas na nave de reposición onde se someten a corentena. De aquí pasan á zona de xestación control, onde se aloxan en gaiolas individuais e son fecundadas mediante inseminación artificial. Unha vez confirmada a preñez, pasan ás naves de xestación confirmada, onde pasan a criarse en grupos dunhas 40 porcas. A xestación dura 114 días, pero a semana antes do parto pasan á nave de partos-lactación. Aos 21 días, os leitóns retíranse da explotación para seren levados a granxas de preceba e as nais son devoltas á zona de xestación control para reiniciar o proceso produtivo. Cada porca ten unha produción media de 28 leitóns/ano e 2,37 ciclos/ano.

Verteduras: tras a modificación non se xerarán verteduras de augas residuais de limpeza nin sanitarias, que se dirixiran á balsa externa de almacenamento de xurro para ser xestionados de xeito conxunto. Coa modificación proxéctase a instalación dun sistema separador de fase sólida e líquida para o xurro. Os produtos obtidos empregaranse como fertilizantes en parcelas de uso agrícola. As augas pluviais non se recollen e discorren libremente pola parcela.