Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 23 de xullo de 2014 Páx. 32152

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 14 de xullo de 2014 pola que se autoriza a posta en marcha, con carácter experimental, de seccións bilingües de lingua inglesa en conservatorios profesionais de música de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, establece no seu artigo 48 que as ensinanzas elementais de música terán as características e a organización que as administracións educativas determinen. A citada lei establece, así mesmo, no seu capítulo VI, título I, as características básicas das ensinanzas profesionais de música. En virtude do anteriormente dito, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou o Decreto 198/2007, do 27 de setembro, e o Decreto 203/2007, do 27 de setembro, nos cales se establece o currículo das ensinanzas elementais e profesionais de música, respectivamente, e se regula o acceso a estas. Ademais, publicou o Decreto 223/2010, do 30 de decembro, polo que se establece o Regulamento orgánico dos conservatorios elementais e profesionais de música e de danza da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, establece, no seu artigo 22, que se desenvolverán as habilidades de comunicación oral e escrita en lingua(s) estranxeira(s) de maneira progresiva e gradual, na formación profesional específica, e nas ensinanzas artísticas e deportivas. Igualmente, no seu artigo 23, establece que a consellería competente en materia de educación aprobará un plan de fomento das linguas estranxeiras no cal se determinarán as liñas de actuación, dirixidas ao profesorado, ao alumnado e aos centros. Finalmente, na súa disposición adicional primeira, indica que a impartición de materias non lingüísticas en lingua(s) estranxeira(s) se regulará mediante orde aprobada pola consellería competente en materia de educación.

A Orde do 12 de maio de 2011, pola que se regulan as seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario, enmarca a necesidade de formación competencial en linguas estranxeiras do alumnado en materias non lingüísticas. Non obstante, na citada orde non se inclúen as ensinanzas profesionais de música impartidas nos conservatorios dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A autonomía conferida aos conservatorios no título terceiro do citado Decreto 223/2010, do 30 de decembro, permítelles aos ditos centros levar a cabo proxectos educativos contextualizados que estimulen o traballo en equipo e o desenvolvemento das propias potencialidades daqueles. A proxección internacional formativa e profesional que ten cabida neste tipo de ensinanzas xustifica a impartición de materia(s) en lingua(s) estranxeira(s) que faciliten ao alumnado dos conservatorios a posterior integración en centros de estudos e de traballo estranxeiros.

Neste contexto, os conservatorios profesionais de música de Santiago de Compostela, da Coruña e de Vigo, nos cales se imparten as ensinanzas elementais e profesionais de música, solicitaron a implantación de seccións bilingües de lingua inglesa no seu centro, como proxecto experimental con carácter voluntario para o seu alumnado. Tendo en conta o carácter innovador deste proxecto educativo, e considerando as necesidades deste tipo de alumnado en materia lingüística, cara a unha maior proxección internacional formativa e profesional, procede considerar a posta en marcha, con carácter experimental, de seccións bilingües en lingua inglesa nos citados conservatorios.

En consecuencia, e de acordo co establecido polo Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, en uso das funcións que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto da presente orde é autorizar, con carácter experimental, a creación de seccións bilingües de lingua inglesa no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, no Conservatorio Profesional de Música da Coruña e no Conservatorio Profesional de Música de Vigo a partir do curso académico 2014/15, coa finalidade de favorecer a práctica do inglés entre o alumnado dese centro.

Artigo 2. Marco legal

A experiencia educativa que se autoriza estará encadrada dentro das ensinanzas dispostas nos decretos 198/2007 e 203/2007, do 27 de setembro, polos que se establecen os currículos das ensinanzas elementais e profesionais de música, respectivamente, e se regula o acceso a estas ensinanzas.

Artigo 3. Destinatarios/as

O presente proxecto vai dirixido a alumnos/as que cursen ensinanzas de grao elemental ou de grao profesional de música nos conservatorios indicados no artigo 1 da presente orde, e a participación nel terá carácter optativo nas materias que se oferten.

Artigo 4. Requisitos

O número de alumnado mínimo para desenvolver as seccións bilingües será o mesmo que o establecido para a súa impartición na lingua cooficial, regulado polo artigo 7 do Real decreto 303/2010, do 15 de marzo, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas artísticas, para o grao profesional, e o Decreto 198/2007, do 27 de setembro, que estable o currículo para o grao elemental.

Artigo 5. Organización académica

1. A incorporación dun alumno ou dunha alumna a unha sección bilingüe requirirá a autorización por escrito dos pais, nais ou titores/as legais no caso de ser menor de idade. O centro establecerá as medidas oportunas para fornecer a suficiente información ás familias sobre o funcionamento das seccións bilingües.

2. O alumnado que forme parte dunha sección bilingüe non poderá abandonala antes de rematar o curso escolar, salvo por razóns xustificadas ante a dirección do centro e coa autorización desta.

3. Ao final de cada curso académico, o alumnado que obteña cualificación positiva na materia obxecto de sección bilingüe recibirá unha credencial oficial expedida polo centro conforme participou nunha sección bilingüe, que deberá quedar reflectida no seu expediente académico.

4. Ao comezo de cada curso escolar, antes do 15 de outubro, a dirección do centro deberá informar a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa do número de alumnos/as matriculados/as en cada un dos cursos con seccións bilingües autorizadas, co visto e prace da inspección educativa.

Artigo 6. Profesorado

1. O profesorado implicado no proxecto de sección bilingüe deberá ser especialista da materia, ter destino definitivo no centro e acreditar a súa competencia na lingua estranxeira co certificado B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas.

2. A coordinación da sección bilingüe corresponderá a un/unha docente participante no proxecto.

Serán funcións do/a coordinador/a:

– Realizar o seguimento semanal e a coordinación do equipo de profesores/as que forman parte do programa de seccións bilingües e levantar a acta dos temas tratados e dos acordos adoptados.

– Coordinar a elaboración do proxecto lingüístico no marco do proxecto educativo do centro.

– Participar nas actividades formativas do profesorado e propor novas actividades.

– Participar na elaboración de materiais específicos, revisar e trasladar ao equipo directivo as programacións iniciais e memorias finais.

– De ser o caso, titorizar a persoa nativa de apoio ao programa.

3. O profesorado participante na sección bilingüe poderá ter, en función da súa dispoñibilidade horaria, ata un máximo de dúas horas lectivas semanais destinadas ás actividades de coordinación, avaliación e atención ao programa. Terá as seguintes funcións:

– Elaborar a programación específica ao inicio de cada curso escolar.

– Elaborar unha memoria final.

– Participar nas actividades de formación organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Elaborar materiais curriculares específicos.

– Aqueloutras que sexan necesarias para o desenvolvemento adecuado do proxecto.

4. No relativo á formación do profesorado participante neste programa, observarase o disposto no artigo 6 da Orde do 12 de maio de 2011, pola que se regulan as seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario.

Artigo 7. Memoria final de curso

Antes do 5 de xullo, o profesorado de cada materia non lingüística implicado no programa de sección bilingüe deberá elaborar unha memoria avaliativa que trasladará á dirección do centro para o seu visto e prace. A dita memoria será remitida pola dirección do centro á correspondente xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que a tramitará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, xunto cun informe da inspección educativa.

Artigo 8. Asesoramento e avaliación

1. As estruturas de formación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecerán asesoramento, tanto na fase de elaboración do proxecto como na do seu desenvolvemento.

2. Con independencia do punto anterior, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través dos servizos de inspección educativa, levará a cabo o seguimento e posterior avaliación do proxecto co fin de verificar a súa realización, a calidade e os resultados obtidos.

Artigo 9. Duración do proxecto

O proxecto terá unha duración de dous cursos académicos, prorrogables en períodos de dous cursos académicos, logo do informe favorable do servizo de inspección educativa emitido tendo en conta a adecuación ás condicións e obxectivos indicados na súa posta en marcha e a permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria