Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 18 de xullo de 2014 Páx. 31693

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 3 de xuño de 2014, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada e o estudo de impacto ambiental para unha explotación porcina de produción de leitóns para 2.740 porcas reprodutoras, no lugar de Pedrido, parroquia de Lea, concello de Friol (Lugo). Titular: Cooperativa Veiga de Antela, S.C.G. (Clave 2014-IPPC-I-33).

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 157, do 2 de xullo), e na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (Boletín Oficial del Estado núm. 296, do 11 de decembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:

– Proxecto básico e estudo de impacto ambiental.

Explotación porcina de produción de leitóns para 2.740 nais.

Cooperativa Veiga de Antela, S.C.G.

O Pedrido, Friol (Lugo).

Co fin de que calquera interesado poida consultala e, de ser o caso, formular nese prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. Os citados documentos estarán á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa San Lázaro s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais poderán consultalos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/ >>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2014

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2014-IPPC-I-33.

Peticionaria: Cooperativa Veiga de Antela, S.C.G.

Domicilio social: lugar de Arrabaldo s/n, oficinas centrais Coren, 32990 Ourense.

Localización da instalación: lugar O Pedrido, parroquia de Lea, 27229 Friol (Lugo). Un punto de localización das instalacións é o definido polas coordenadas UTM (ETRS89): X: 596.850, Y: 4.769.450.

Actividade: explotación porcina de produción de leitóns.

Descrición do proceso: construirase unha explotación destinada á produción de leitóns ata a desteta para 2.740 porcas reprodutoras e 240 porcas de reposición, por iso se construirá unha nave para as porcas en xestación control, dúas naves para as porcas en xestación confirmada, outra nave para as porcas en parto-lactación e outra nave de corentena para as porcas que chegan á explotación. Tamén se construirá un edificio para aseos e vestiarios; un almacén para a caldeira de biomasa e un depósito para o combustible; un almacén, unha estancia na cal se atopará o sistema de preparación de alimentación líquida e un sistema de separación de fases para o xurro.

Ademais, será necesaria a construción e instalación doutros elementos necesarios para o correcto funcionamento da explotación, como silos de penso, corredores, peches sanitarios ou pistas para o movemento de vehículos.

Os ciclos de produción comezan coa entrada nas naves dos animais procedentes doutras explotacións e recría, afástanse primeiramente no lazareto, onde se someten á corentena; de aquí pasan á zona de xestación control, onde se aloxan en gaiolas individuais e se fecundan por inseminación artificial. Unha vez confirmada a preñez, pasan ás naves de xestación confirmada, onde pasan a criarse en grupos de 47 porcas. A xestación dura 114 días, pero unha semana antes do parto pasan á nave de parto-lactación, que se compón de módulos para 20 ou 60 porcas, con aloxamentos individuais para a porca e a súa prole. Aos 21 días, os leitóns retíranse da explotación para ser levados a granxas de preceba e as nais son devoltas á zona de xestación control para reiniciar o ciclo produtivo. Cada porca ten unha produción media de 33 leitóns/ano e 2,37 ciclos/ano.

Ao final de cada ciclo, unha vez os animais abandonen o módulo de partos, procederase á limpeza e desinfección das instalacións. Comezarase retirando o xurro acumulado nas fosas interiores, que será xestionado mediante un proceso consistente na súa separación física en fraccións sólida e líquida e o tratamento diferenciado de cada una destas fraccións para o seu posterior uso como fertilizante en parcelas agrícolas. A seguir limparanse as paredes, o teito, a soleira, os comedeiros, bebedeiros e demais instrumental das naves cunha hidrolimpadora que proporcionará auga á presión, desinfectarase pulverizando unha solución antiséptica e pecharase a instalación. A explotación permanecerá pechada quince días ata que se introduza un novo lote de animais.

Verteduras: as verteduras procedentes das augas de limpeza xunto cos xurros serán almacenadas en primeira instancia nas fosas existentes baixo as naves, para ser evacuadas posteriormente ao exterior ata as fosas de almacenamento de xurros. Por outro lado, as verteduras procedentes do uso dos vestiarios e aseos conduciranse á fosa inferior do lazareto e serán enviadas directamente ao depósito de aireación-axitación de xurro, previo ao separador de sólidos, e as augas pluviais non serán recollidas, polo que se verterán directamente ao terreo.