Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 11 de xullo de 2014 Páx. 30987

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2014, do Servizo de Infraestruturas de Lugo, pola que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación, trámite de urxencia, para a expropiación dos bens e dereitos afectados polas obras do proxecto de construción da actualización e terminación das obras de acceso ao porto de Burela (clave LU/06/048.03.1).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2º a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data de 21 de xullo de 2011, a directora xeral de Infraestruturas, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, procedeu á aprobación do proxecto de construción da actualización e terminación das obras de acceso ao porto de Burela (clave LU/06/048.03.1).

Con data do 5 de setembro de 2013, a Xunta de Galicia procedeu á declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para os efectos de expropiación para a mencionada obra, mediante o Decreto 145/2013, publicado no DOG núm. 178, do 18 de setembro.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto no artigo 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954 e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo provincial, no uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolve convocar os titulares dos bens e dereitos afectados para que comparezan no lugar, na data e nas horas que se citan, para proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os bens e dereitos afectados e os prexuízos derivados da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Concello de Burela:

Día: 13 de agosto de 2014.

Lugar: salón de plenos da casa do concello (r/ Eijo Garay, 20).

Horario: das 10.00 ás 13.30 horas.

De: Barcia Fra, Antonio a Rodríguez Castro, Ramona.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como os planos parcelarios correspondentes, estarán expostos no Concello de Burela e no Servizo de Infraestruturas de Lugo (rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

A ese acto deberán acudir os titulares afectados, persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, e achegar os documentos acreditativos da súa titularidade, o documento nacional de identidade e o último recibo da contribución; poden ir acompañados, pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e de notario.

Así mesmo, e no cumprimento do establecido no artigo 56 do regulamento da Lei de expropiación forzosa, ábrese información pública durante o prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado, ou ata o momento do levantamento das actas previas á ocupación correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante este Servizo de Infraestruturas de Lugo, as alegacións que consideren pertinentes co obxecto de emendar posibles erros padecidos ao relacionar os bens afectados pola urxente ocupación.

Lugo, 20 de xuño de 2014

Gerardo Pallares Sánchez
Xefe do Servizo de Infraestruturas de Lugo