Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Martes, 8 de xullo de 2014 Páx. 30472

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2014 pola que se dá publicidade á resolución de concesión das axudas para proxectos de equipamento tecnolóxico das pemes no sector dos servizos, cun investimento subvencionable entre 30.000 € e 200.000 €, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

Mediante Resolución do 26 de novembro de 2013 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aprobou as bases reguladoras das axudas do Igape para proxectos de equipamento tecnolóxico das pemes no sector dos servizos, cun investimento subvencionable entre 30.000 € e 200.000 €, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013 (DOG nº 230, do 2 de decembro de 2013) e se procedeu á súa convocatoria para o exercicio 2014, en réxime de concorrencia competitiva.

Estas bases foron modificadas mediante Resolución do 24 de marzo de 2014 (DOG nº 61, do 28 de marzo), e establecen no artigo 10.5 que, con carácter xeral, non se enviarán notificacións individuais da resolución definitiva e que se substituirá a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo
www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da resolución definitiva de data 27.6.2014 de concesión das axudas do Igape para proxectos de equipamento tecnolóxico das pemes no sector dos servizos, cun investimento subvencionable entre 30.000 € e 200.000 €, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, no enderezo www.tramita.igape.es (apartado Consulta de resolucións definitivas http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas).

Segundo. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación desta resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renuncie ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

Terceiro. A resolución definitiva do 27.6.2014 esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, previamente poderá interpoñerse un recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2014

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica