Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Mércores, 25 de xuño de 2014 Páx. 28533

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 12 de xuño de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2014.

A responsabilidade social empresarial (RSE) é un concepto en pleno desenvolvemento no tecido económico e social actual que, sen dúbida, é moi beneficioso para o progreso da nosa sociedade e contribúe á mellora da calidade e competitividade das empresas. É unha forma de actuar, por parte das empresas, moi eficaz para a mellora do modelo produtivo, xa que combina, asemade, criterios de eficiencia, sustentabilidade e igualdade de oportunidades.

Pero, a pesar destas bondades, a realidade da situación actual é que esta forma de entender a xestión empresarial aínda se atopa en fase de desenvolvemento e consolidación nas nosas empresas, polo que precisa ser fomentada, xa que tal como refrendan os datos do último informe do Observatorio Permanente de RSE da Xunta de Galicia, do pasado mes de novembro de 2013, o grao de coñecemento que teñen da RSE as empresas galegas é pouco, en concreto, unha valoración de 3,04, nunha escala de 1 a 5, o que vén reforzar máis a idea de que se debe seguir profundando na súa difusión e promoción.

A Xunta de Galicia conta cun Plan estratéxico galego de RSE para o período 2012-2014, que ten como obxectivo apoiar e fomentar esta forma de xestión empresarial; un destes apoios é a posta á disposición das empresas dunha ferramenta informática, Xunta PRO-RSE, aloxada na web http://rse.xunta.es, que lles facilitará, de xeito gratuito, introducir a responsabilidade social nas súas estratexias e operacións, o que lles permitirá obter, de maneira sinxela, reportes en materia de diagnoses e informes ou memorias de RSE, en definitiva, obter unha fotografía do estado da RSE na súa organización, polo que as axudas que se recollen nesta orde veñen a complementar esta ferramenta, e céntranse, exclusivamente, no aspecto da formación nesta materia.

Así mesmo, tendo en conta a relación directa entre RSE e a igualdade de oportunidades, no propio plan estratéxico recóllese o fomento da igualdade entre homes e mulleres, en todos os planos da actividade da empresa, polo que nesta orde queren abordarse, de xeito integral, ambos os aspectos, promoción da RSE e promoción da igualdade laboral, para cumprir así, non só a estratexia galega de RSE, senón tamén a Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, e a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e os seus decretos de desenvolvemento .

Por outra banda, o Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, DOG nº 46, do 6 de marzo, establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar e, en virtude desta normativa, esta consellería é competente nas materias de emprego e relacións laborais e, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, correspóndelle, entre outras, a execución das competencias en materia laboral e de responsabilidade social empresarial.

O programa operativo FSE Galicia 2007-2013 recolle, no seu eixe 2 tema prioritario 65, a sensibilización en materia de igualdade na xestión empresarial e a promoción da implantación de sistemas de xestión de responsabilidade social empresarial nas empresas.

En concordancia con todo isto, a Xunta de Galicia convoca para 2014, a través desta orde, axudas ás pequenas e medianas empresas galegas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Obxecto, ámbito de aplicación e financiamento

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas para o ano 2014, en réxime de concorrencia competitiva, a pequenas e medianas empresas (pemes), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e para o fomento da igualdade laboral a través da implantación de plans de igualdade, da eliminación da infrarrepresentación feminina ou da garantía da conciliación da vida familiar e laboral.

Artigo 2. Liñas e programas

1. Esta orde cubre as accións que se realizarán entre o día 1 de xaneiro de 2014 e a data de remate do prazo de xustificación destas axudas.

2. As actuacións subvencionables desagréganse nas liñas, I e II, e nos programas que se especifican a continuación:

Liña I (TR357B). Axudas para implantar a RSE nas empresas galegas.

Mediante esta liña subvencionarase a formación de persoal das empresas en materia de responsabilidade social empresarial. O obxecto desta formación é capacitar o persoal das empresas galegas para que elaboren a memoria de sustentabilidade ou memoria de RSE.

Liña II (TR357C). Axudas para o fomento da igualdade laboral.

Programa 1. Axudas para a implantación de plans de igualdade nos termos e nos ámbitos definidos na Lei 2/2007, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tanto de xeito voluntario como en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa. Polo tanto, non será de aplicación ás empresas coa obriga legal de implantar plans de igualdade, segundo o establecido no artigo 45.2 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo.

Programa 2. Axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.

Programa 3. Axudas para os investimentos tendentes a garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.

Artigo 3. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión das axudas previstas na liña I e no programa 1 da liña II realizarase, no exercicio 2014, con cargo á aplicación 11.02. 324A 474.0, código de proxecto 201300606 da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, por un importe total de 250.000 €, que se distribúe do seguinte xeito:

Liña I: 125.000 €.

Liña II, programa 1: 125.000 €.

2. As axudas da liña I e do programa 1 da liña II están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa operativo do FSE de Galicia 2007-2013, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola decisión dá Comisión Europea do 18 de setembro de 2007, no eixo 2 e tema prioritario 65; este cofinanciamento farase constar nas resolucións de concesión.

3. Se non se presentase ningunha solicitude relativa á liña I ou ao programa 1 da liña II, ou o número das efectuadas fose escaso, a criterio desta consellería, e unha vez atendidas estas, a consellería reserva para si a facultade de incrementar o crédito dunha destas dúas liñas co crédito sobrante da outra.

4. Liña II programas 2 e 3. A concesión das axudas realizarase no exercicio 2014 con cargo á aplicación da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social: 11.02.324.A.771.0, con código de proxecto 201400568, por un importe total de 42.031,93 €, que se distribúe do seguinte xeito:

Liña II, programa 2: 12.031,93 €.

Liña II, programa 3: 30.000 €.

5. Se non se presentase ningunha solicitude relativa ao programa 2 da liña II ou ao programa 3 da liña II, ou o número das efectuadas fose escaso, a criterio desta consellería, e unha vez atendidas estas, a consellería reserva para si a facultade de incrementar o crédito dun destes programas co crédito sobrante do outro.

6. As solicitudes e a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 4. Requisitos xenéricos das empresas beneficiarias desta orde

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas privadas con domicilio social e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias as empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia sempre que teñan contratado un mínimo dun 10 % do seu persoal en Galicia e, cando menos, dez persoas.

3. As empresas beneficiarias deben reunir as seguintes condicións:

a) Que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou o seu balance anual sexa inferior a 43 millóns de euros.

b) Que conten cun número de persoas traballadoras inferior a 250. Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase ao número de persoas traballadoras no momento da presentación da solicitude.

c) Non teñen consideración de beneficiarias as entidades sen ánimo de lucro.

d) Atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como, antes das correspondentes propostas de pagamento.

e) Cumprir todos os requisitos exixidos pola normativa en materia de axudas e subvencións e demais normas de aplicación.

f) Cumprir os requisitos específicos exixidos para cada liña das establecidas nesta orde.

CAPÍTULO II
Liña I (TR357B). Axudas para implantar a RSE nas empresas galegas

Artigo 5. Requisitos específicos para as empresas beneficiarias da liña I

1. Serán beneficiarias das axudas da liña I desta orde as empresas que, ademais dos requisitos establecidos no artigo 4, formen o seu persoal para elaborar a memoria de RSE ou memoria de sustentabilidade.

2. Para os efectos de poder comprobar a efectividade da formación recibida, as empresas beneficiarias estarán obrigadas a elaborar unha memoria de RSE, conforme os criterios da Xunta de Galicia, a través do programa informático Xunta PRO-RSE. Este programa é unha ferramenta de xestión da RSE, a nivel usuario, que facilita de xeito gratuíto a Consellería de Traballo e Benestar a través da páxina web http://rse.xunta.es.

Unha vez elaborada deberán presentar a dita memoria, á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, no prazo do primeiro trimestre do ano natural seguinte a aquel no que se solicitou a axuda. A falta de presentación desta memoria dará lugar ao inicio do procedemento de reintegro das axudas percibidas, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non poderán ser beneficiarias desta liña as empresas que recibiron unha axuda para a mesma actividade ao abeiro da Orde do 3 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2013.

4. As empresas que resulten beneficiarias desta subvención, cofinanciada con fondos europeos, deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional. De acordo co artigo 60 d) do Regulamento (CE) nº 1083/2006 que regula as funcións da autoridade de xestión, a dita autoridade deberá asegurarse, no momento da emisión da resolución, de que as empresas beneficiarias das operacións manteñen o citado sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado.

Artigo 6. Actividades subvencionables

1. Para os efectos desta liña I, terán a consideración de gastos subvencionables a asistencia de persoal da empresa a actividades formativas en materia de elaboración de memorias de RSE ou memorias de sustentabilidade.

2. Requisitos que debe cumprir a actividade formativa para ser subvencionable:

a) Persoas destinatarias: a formación irá dirixida, exclusivamente, ao persoal da empresa que vaia elaborar a memoria de RSE ou memoria de sustentabilidade, é dicir, persoal de dirección ou de administración.

b) Entidade formadora:

– Deberá ser impartida por unha entidade pública ou privada dedicada a este fin, que acredite ter experiencia en impartir cursos sobre memorias de RSE. Así mesmo, deberán acreditar que contan con persoal con experiencia en impartir os ditos cursos.

– A formación non poderá ser impartida pola mesma entidade ou empresa que solicita a axuda nin por unha empresa vinculada coa solicitante da axuda.

c) Contido: o programa do curso debe recoller contidos sobre a elaboración de memorias de RSE ou memorias de sustentabilidade. Deberá ter unha duración mínima de 30 horas.

d) Modalidade de formación: os cursos deberán ser impartidos de forma presencial ou por medios telemáticos (on line). No suposto de cursos por medios telemáticos deberá realizarse mediante unha plataforma telemática na que se rexistre o acceso de cada alumno ou alumna a esta. Considéranse excluídos os seminarios, xornadas, congresos e similares, así como os cursos realizados na modalidade de a distancia.

3. Só se subvencionarán os gastos realizados e facturados directamente pola propia entidade que imparte a actividade formativa. Non se subvencionarán os gastos relativos ao funcionamento ordinario das empresas nin á adquisición de material inventariable.

4. En todo caso, nas axudas respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvenionables polo FSE, modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo e a Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo.

Artigo 7. Contía das axudas

1. A contía da axuda acadará o 100 % dos gastos necesarios para a realización da actividade, que sexan debidamente xustificados, cun máximo de 800 euros por persoa que asista á formación.

2. En ningún caso o importe total por empresa beneficiaria poderá superar os 2.400 euros.

3. Dos gastos subvencionables excluirase o IVE.

CAPÍTULO III
Liña II (TR357C). Axudas para o fomento da igualdade laboral
Programa 1. Axudas para a implantación de plans de igualdade

Artigo 8. Requisitos das empresas beneficiarias da liña II, programa 1

1. Serán beneficiarias destas axudas as empresas que, ademais dos requisitos do artigo 4, se atopen nalgún dos supostos seguintes:

a) Empresas que implanten dun xeito voluntario un plan de igualdade nos termos exixidos nos artigos 9 e 10 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, para os plans legalmente obrigatorios.

Para estes efectos, enténdese voluntaria a implantación do plan aínda que sexa obrigatoria para a empresa por ter acordado ou asinado un compromiso coa representación legal dos traballadores e traballadoras.

b) Empresas que implanten, en cumprimento de obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa, un plan de igualdade nos termos exixidos nos artigos 9 e 10 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, para os plans legalmente obrigatorios.

Tanto no punto A como no B, os plans de igualdade elaborados deberán ser acordados coa representación legal do seu persoal, no caso de habela, ou coas persoas traballadoras, e prever a súa participación no seu desenvolvemento.

2. Para seren beneficiarias destas axudas, as empresas deberán contar cun mínimo de 10 persoas traballadoras. Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase ao número de persoas traballadoras no momento da presentación da solicitude. O número mínimo de persoas traballadoras deberá quedar acreditado tamén no momento da xustificación da realización da actividade e dos gastos satisfeitos.

3. As empresas que resulten beneficiarias desta subvención, cofinanciada con fondos europeos, deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional. De acordo co artigo 60 d) do Regulamento (CE) nº 1083/2006 que regula as funcións da autoridade de xestión, a dita autoridade deberá asegurarse, no momento da emisión da resolución, de que as empresas beneficiarias das operacións manteñen o citado sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado.

Artigo 9. Actividades subvencionables da liña II, programa 1

1. Polo que respecta a estas axudas para a implantación de plans de igualdade, terán a consideración de gastos subvencionables os que de seguido se relacionan:

Letra a): realización dunha diagnose da realidade da empresa desde a perspectiva de xénero para a elaboración dun plan de igualdade e que incluirá necesariamente, respecto do último ano e diferenciando por sexo, os seguintes aspectos:

– Avaliación dos postos de traballo: deberá comprender a selección e promoción profesional (composición, equilibrada ou non, sistemas de recrutamento, redacción de ofertas de emprego, medidas de acción positiva...), formación (acceso, difusión, realización dentro ou fóra da xornada laboral, facilidades...), prevención de riscos (medidas específicas para traballadoras embarazadas ou en período de lactación, incidencias causadas por enfermidade profesional ou accidente laboral, existencia de salas de lactación e repouso...).

– Categorías profesionais: análise da composición do persoal por categorías profesionais e centros de traballo, de ser o caso, desagregando os datos por sexo, tipos de contrato...

– Xornada laboral: tipo da xornada (tempo completo/parcial, continuada/partida) e duración en número de horas.

– Estrutura salarial e extra salarial: análise das retribucións por categoría profesional e sexo, desagregadas por retribucións básicas, complementos, axudas de custo... A dita análise pode levarse a cabo por bandas salariais.

– Outras cuestións: medidas de conciliación (análise das responsabilidades familiares do persoal, existencia de flexibilización nos horarios e melloras nos permisos con respecto ao establecido na lexislación vixente, excedencias,...), formas de prevención do acoso sexual e por razón de sexo, comunicación e publicidade (linguaxe estereotipada en páxinas web, comunicacións internas e externas, campañas de publicidade,...).

Letra b): asistencia a cursos de formación en materia de plans de igualdade convocados ou impartidos por entidades públicas ou privadas con experiencia nesta materia, distintas da empresa solicitante da axuda e que non estean vinculadas á beneficiara da axuda. Esta formación estará dirixida ao persoal directivo e/ou mandos intermedios da empresa, así como a aquel persoal que forme parte dos órganos de igualdade que se creen para o desenvolvemento do plan.

Letra c): a contratación de persoal con experiencia e/ou coñecementos en materia de igualdade, co obxecto de asesorar na elaboración e na implantación do plan de igualdade.

Letra d): os gastos derivados da contratación de empresa ou entidade externa especializada en materia de igualdade para o asesoramento na elaboración e na implantación do plan de igualdade.

Para a elaboración e implantación dos plans de igualdade, a que se fai referencia nas letras c) e d), é imprescindible ter formulado unha diagnose previa da situación real da empresa.

2. As axudas para os conceptos sinalados nas letras b), c), e d) do punto 1 deste artigo poderán solicitarse tamén para o mantemento do plan de igualdade durante a súa implantación, sempre que se cumpran os requisitos exixidos nesta orde e en función da concorrencia competitiva co resto das solicitudes presentadas. O número máximo de convocatorias nas que se poderán solicitar estas axudas será de catro, aínda que o prazo de aplicación do plan de igualdade sexa maior.

3. Por cada empresa solicitante só se subvencionará a implantación dun único plan de igualdade.

4. Tanto a diagnose como os plans de igualdade, citadas nos anteriores letras a), c) e d):

– Deberán estar individualizados e adaptados ás circunstancias concretas de cada empresa.

– No caso de que dúas ou máis empresas teñan unha mesma persoa nos seus órganos directivos e, ademais, teñan o mesmo obxecto social, só se poderá presentar a solicitude da axuda por unha única empresa. Se presentasen solicitudes para máis dunha, so se tramitará aquela que teña o primeiro número de entrada no rexistro administrativo.

5. No suposto da letra b), formación:

– Só se concederá a subvención se as persoas destinatarias da formación en materia de plans de igualdade son persoas distintas daquelas que xa recibiron a dita formación en exercicios anteriores, calquera que sexa a modalidade e o programa dos cursos.

– A formación que se vai impartir deberá ser progresiva nos seus contidos e para o persoal antes citado.

– Entenderase como formación, para estes efectos, os cursos presenciais ou impartidos por medios telemáticos (on line), nos que se requira un control de asistencia e aproveitamento destes, que teñan unha duración mínima de 40 horas e que estean directamente relacionados coa realización dun plan de igualdade. Consideraranse excluídos as xornadas, seminarios, congresos e similares, así como os cursos a distancia.

– Só se subvencionarán os gastos realizados e facturados directamente pola propia entidade que imparte a actividade formativa.

6. En todo caso, nas axudas respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo e a Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo.

Artigo 10. Plan de igualdade. Condicións

1. De acordo coa diagnose e coa formación impartida, o plan de igualdade, que deberá ter unha vixencia determinada, constará como mínimo dos seguintes contidos:

– Un diagnóstico previo elaborado de acordo co establecido no artigo 9.1 letra a.

– Obxectivos de mellora coherentes co resultado da diagnose anterior.

– Medidas e accións concretas adecuadas para a consecución dos obxectivos establecidos.

– Indicadores e delimitación temporal das actuacións para poder efectuar o seu seguimento e control periódico.

2. Unha vez finalizada a elaboración do plan de igualdade, as empresas beneficiarias destas axudas terán que solicitar a certificación da implantación do plan ante a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar, feito que será comunicado a esta Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

3. A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, unha vez recibida a documentación que se relaciona no artigo 22, recadará informe á Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar para os efectos de determinar se as actividades que se van realizar poden ser subvencionadas, de acordo cos requisitos exixidos nesta orde de convocatoria e na normativa específica de igualdade.

Artigo 11. Contía das axudas para a implantación de plans de igualdade, liña II, programa 1

– Letra a), realización dunha diagnose da realidade da empresa:

A contía da axuda acadará ata o 100 % do gasto necesario e desglosado para a realización da actividade, entendendo por tal o importe que acredite a empresa solicitante da axuda mediante certificación, se é esta a que realiza a diagnose con persoal propio, ou ben o importe facturado pola consultora privada que realice o asesoramento. Das contías acreditadas excluirase o IVE e o IRPF.

A contía máxima da axuda será de 2.000 euros por entidade beneficiaria.

– Letra b), asistencia a cursos de formación:

A contía destas axudas acadará ata o 100 % dos gastos necesarios para a realización da actividade cun máximo de 600 euros por persoa formada.

En ningún caso o importe total por empresa beneficiaria poderá superar os 1.800 euros.

– Letra c), contratación de persoal:

A axuda será como máximo de 800 euros/mes e unicamente mentres persista o asesoramento.

Se as persoas contratadas son mulleres con especiais dificultades de inserción laboral ou en situación marcada pola desvantaxe social a que se refire a disposición adicional sexta da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, incrementarase nun 100 % a axuda prevista no parágrafo anterior.

Soamente se poderá subvencionar unha contratación por empresa.

Os importes así calculados non poderán superar os salarios netos mensuais das persoas contratadas.

– Letra d), contratación de empresa ou entidade externa:

A contía da axuda acadará ata o 10 % do importe efectivamente satisfeito pola contratación, sen IVE, dunha empresa ou entidade a que se refire este suposto, cun máximo de 500 euros.

CAPÍTULO IV
Liña II (TR357C). Axudas para o fomento da igualdade laboral
Programa 2. Axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados
predominantemente por homes

Artigo 12. Requisitos das empresas beneficiarias da liña II, programa 2

Serán beneficiarias destas axudas as empresas que, ademais dos requisitos do artigo 4, no momento da solicitude conten cun máximo do 10 % de mulleres no seu cadro de persoal e sempre que concorran os requisitos seguintes:

1. Que se trate dun sector de actividade no que sexa habitual a infrarrepresentación laboral feminina. Para estes efectos, a Orde do 25 de novembro de 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, publicou unha relación das profesións con subrepresentación feminina no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 234, do 7 de decembro).

2. Que a empresa se comprometa a incrementar a porcentaxe de representación feminina, xa ben por incluílo no seu plan de igualdade ou ben por propia iniciativa.

Artigo 13. Actividades subvencionables da liña II, programa 2

1. Para os efectos desta orde, e polo que respecta ás axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina, terán a consideración de gastos subvencionables os gastos efectivamente satisfeitos, sen IVE, para a adaptación das instalacións ou o investimento noutros medios materiais da empresa, tales como vestiarios ou baños, para adecuala ás novas necesidades resultantes da contratación de mulleres.

2. Non se poderá volver solicitar a axuda económica establecida neste suposto salvo se, de xeito excepcional e por motivos xustificados, se acreditase a necesidade de realizar novas adaptacións nas instalacións ou outros medios materiais da empresa.

3. As empresas beneficiarias destas axudas deberán destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención, durante un período mínimo de 5 anos, no caso de seren inscritibles nun rexistro público, ou de 2 anos para o resto.

4. O incumprimento desta obriga de destino será causa de reintegro das axudas concedidas, de acordo co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Contía das axudas da liña II, programa 2

1. A contía destas axudas acadará ata o 100 % dos gastos efectivamente satisfeitos e desagregados, sen incluír o IVE, e conforme os prezos do mercado, necesarios para a realización das actuacións consideradas como subvencionables, cun máximo de 20.000 euros por entidade beneficiaria no suposto de que o compromiso de contratación supoña un incremento de entre un 5 % e un 10 % da representación feminina da empresa, cun mínimo dunha traballadora, se se trata de empresas de menos de 50 persoas traballadoras, ou cun mínimo de 3 traballadoras, no caso de empresas de máis de 50 persoas traballadoras.

2. O importe máximo acadará os 22.000 euros por entidade beneficiaria no suposto de que o compromiso de contratación supoña un incremento de máis do 15 % da representación feminina da empresa, cun mínimo de dúas traballadoras, se se trata de empresas de menos de 50 persoas traballadoras, ou cun mínimo de seis traballadoras, no caso de empresas de máis de 50 persoas traballadoras.

CAPÍTULO V
Liña II (TR357C). Axudas para o fomento da igualdade laboral
Programa 3. Axudas para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral

Artigo 15. Requisitos das empresas beneficiarias da liña II, programa 3

Serán beneficiarias destas axudas as empresas que reúnan os requisitos exixidos no artigo 4 e que, de xeito individual ou mancomunado, poñan en marcha medidas de conciliación.

Artigo 16. Actividades subvencionables da liña II, programa 3

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os gastos efectivamente satisfeitos e desagregados, e conforme os prezos do mercado, sen incluír o IVE, derivados dos investimentos realizados pola/s empresa/s de xeito individual ou mancomunadamente, para habilitar servizos de comedor, gardaría, lugares axeitados para o repouso das traballadoras embarazadas, salas de lactación ou instalacións análogas co fin de garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.

2. Só se subvencionarán os gastos que se consideren imprescindibles para o axeitado funcionamento das instalacións habilitadas.

3. Nestas instalacións teranse en conta as necesidades das mulleres traballadoras con discapacidade e deberase especificar tal circunstancia na memoria das actuacións.

4. Non se poderá volver solicitar esta axuda económica salvo se, de xeito excepcional e por motivos xustificados, se acreditase a necesidade de realizar novas adaptacións nas instalacións.

5. As empresas beneficiarias destas axudas deberán destinar os bens co fin concreto para o que se concedeu a subvención, durante un período mínimo de 5 anos, no caso de seren inscritibles nun rexistro público, ou 2 anos para o resto.

6. O incumprimento desta obriga de destino será causa de reintegro das axudas concedidas, de acordo co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Se é necesario, as empresas beneficiarias destas axudas xustificarán o cumprimento dos requisitos exixidos para a creación, construción ou modificación substancial dos centros de atención á infancia regulados nos decretos 243/1995, do 28 de xullo, e 329/2005, do 28 de xullo. Isto é unha condición indispensable para permitir o seu posterior funcionamento.

Artigo 17. Contía das axudas da liña II, programa 3

A contía destas axudas acadará ata o 100 % dos gastos necesarios para a realización das actuacións consideradas como subvencionables, excluído o IVE, cun máximo de 6.000 euros por entidade beneficiaria, no caso de habilitar lugares axeitados para repouso de traballadoras embarazadas, salas de lactación ou instalacións análogas, e un máximo de 10.000 euros cando se trate de habilitar servizos de comedor e gardaría.

CAPÍTULO VI
Competencia e procedemento

Artigo 18. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de subvencións previstas nesta orde, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Artigo 19. Solicitudes

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nas distintas liñas desta orde deberán formalizarse por separado para cada unha destas liñas e, de ser o caso, por cada un dos programas.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

3. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 28 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Deben dirixirse ao órgano competente para resolver (Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, Consellería de Traballo e Benestar, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n. planta 0, 15781 Santiago de Compostela).

4. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

5. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 20. Prazo de presentación

1. O prazo para a presentación de solicitudes de axudas rematará nun mes a contar desde o día seguinte ao da publicación da norma no Diario Oficial de Galicia.

2. Para este efecto, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

4. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 21. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das bases reguladoras.

2. A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa ou entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. Na solicitude de subvención poderase autorizar o órgano xestor para acceder ao Sistema de verificación de datos de identidade e residencia, co fin de evitar a achega do DNI da persoa solicitante ou da persoa que a represente legalmente. No caso de que a persoa solicitante non autorice este acceso deberá, obrigatoriamente, presentar copia do DNI coa solicitude.

4. De conformidade cos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará as subvencións concedidas ao abeiro desta orde, segundo o establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, no Diario Oficial de Galicia, na súa páxina web oficial e nos rexistros públicos referidos, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a súa finalidade, na forma que determine o órgano competente, polo que as entidades solicitantes destas axudas, xunto coa presentación da documentación necesaria, na continuación do anexo I, incluirán unha declaración pola que autorizan expresamente o tratamento necesario dos referidos datos, sempre con respecto ao establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

5. Por estar as axudas da liña I e do programa 1 da liña II cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión destas, informaráselle á empresa beneficiaria que a axuda está cofinanciada polo Fondo Social Europeo P.O. FSE Galicia 2007-2013, con indicación do concreto eixe e tema prioritario no que se enmarca a axuda e a porcentaxe de cofinanciamento. Así mesmo, informaráselle de que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das beneficiarias, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación e que a Autoridade de Xestión do Programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15.2.2007).

Artigo 22. Documentación da solicitude

1. Documentación da liña I (TR357B):

1.1. Anexo I desta orde, cuberto en todos os seus puntos.

1.2. No caso de que non se autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade segundo o establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, achegarase fotocopia compulsada do documento nacional de identidade da persoa solicitante.

1.3. Copia das escritura de constitución, estatutos ou análogos da empresa solicitante que acrediten o seu domicilio social e as persoas administradoras.

1.4. Orzamento detallado dos gastos para os que se solicita a subvención, cuantificado economicamente en todas as seus epígrafes, sen IVE.

1.5. Balance e conta de resultados da entidade solicitante do exercicio 2013.

1.6. Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida o período do mes inmediatamente anterior ao da presentación da solicitude.

1.7. Certificados de débedas expedidos pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia no suposto de non autorizar a súa consulta á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar.

1.8. Memoria da actividade formativa para a que se solicita a subvención, na que debe constar: o programa do curso, as horas de duración, as datas e lugar de realización e a entidade formadora que a imparte. Nos suposto de formación telemática ou on line deberá conter, ademais, unha impresión da páxina de inicio e de todos os contidos da plataforma telemática desde a que se imparta.

1.9. Declaración responsable da persoa representante da entidade formadora que acredite a súa experiencia na impartición de actividades formativas en materia de memorias de RSE ou memorias de sustentabilidade. Na declaración debe constar unha relación dos cursos sobre memorias de RSE realizados nos últimos 3 anos, indicando as datas de realización, así como a relación das persoas que impartirán o curso obxecto da subvención indicando a súa cualificación e/ou experiencia en impartir cursos nesta materia.

1.10. No suposto de que o curso se imparta en lingua galega deberá achegarse declaración responsable da entidade que o imparte indicando o emprego da lingua galega, para os efectos do artigo 25 desta orde.

2. Documentación xenérica da liña II (TR357C):

2.1. Anexo IV desta orde, cuberto en todos os seus apartados.

2.2. No caso de que non se autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade, segundo o establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, achegarase fotocopia compulsada do documento nacional de identidade da persoa solicitante.

2.3. Copia das escritura de constitución, estatutos ou análogos da empresa solicitante, que acrediten o seu domicilio social e as persoas administradoras.

2.4. Orzamento detallado dos gastos para os que se solicita a subvención, cuantificado economicamente en todas as seus epígrafes, sen IVE.

2.5. Balance e conta de resultados da entidade solicitante do exercicio 2013.

2.6. Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida o período do mes inmediatamente anterior ao da presentación da solicitude.

2.7. Certificados de débedas expedidos pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia no suposto de non autorizar a súa consulta á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar.

3. Documentación específica para todos os supostos da liña II (TR357C), programa 1, implantación de plans de igualdade:

3.1. Proxecto do plan de igualdade no que consten as liñas xerais deste e o resto das actividades previstas para a súa posta en funcionamento, con expresión dos medios persoais e materiais e de se inclúe ou non todos os centros de traballo da empresa.

3.2. No caso de estar xa elaborado o plan de igualdade, cos contidos mínimos e demais requisitos exixidos no artigo 10 desta orde, será remitido a esta Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, xunto con copia da solicitude de certificación ante a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar.

3.3. Documentación xustificativa dos criterios de avaliación relacionados no artigo 25 e que non quedaran acreditados coa documentación que se indica neste artigo.

4. Documentación específica para as actividades da liña II (TR357C), programa 1, letra a), diagnose:

4.1. Se a diagnose a realiza a empresa solicitante da axuda con persoal propio, informe no que se acrediten suficientemente os recursos materiais e humanos empregados, especificando a cualificación e a experiencia de cada unha das persoas que realizarán a diagnose. O informe debe estar asinado pola persoa que represente a empresa que solicita a subvención.

4.2. Se a diagnose a realiza unha consultora privada, esta presentará unha declaración responsable da persoa que represente a dita consultora cos medios materiais e humanos de que dispón, especificando a cualificación e a experiencia de cada unha das persoas que realizarán os traballos de diagnose. Ademais, a declaración responsable deberá indicar unha relación dos traballos de diagnose ou de elaboración de plans de igualdade realizados nos tres últimos anos pola consultora, detallando datas de execución dos traballos e contidos. A declaración ten que estar asinada en relación a todos os seus contidos.

4.3. En ambos os casos, como complemento ao anterior, pódense presentar currículos e memorias explicativas.

4.4. No suposto de que a diagnose se realice en lingua galega deberá achegarse declaración responsable da entidade indicando o emprego da lingua galega, para os efectos do artigo 25 desta orde.

5. Documentación específica para as actividades da liña II (TR357C), programa 1, letra b), formación:

5.1. Programación dos cursos a que se vaia asistir ou, de telos xa realizados, diplomas ou certificacións destes, con indicación do seu contido e duración. Nos casos de formación telemática ou on line deberá presentarse, ademais, unha impresión de todos os contidos da plataforma telemática desde a que se imparta.

5.2. Declaración responsable da persoa representante da entidade formadora que acredite a súa experiencia en impartir cursos sobre plans de igualdade. Na dita declaración constará unha relación dos cursos sobre plans de igualdade realizados nos tres últimos anos, indicando as súas datas de execución e contido e, pola súa vez, una relación das persoas que impartirán estes cursos, especificando a súa cualificación e experiencia en materia de plans de igualdade. A declaración ten que estar asinada en relación a todos os seus contidos.

5.3. Como complemento ao anterior, pódense presentar currículos e memorias explicativas.

5.4. No suposto de que o curso se imparta en lingua galega deberá achegarse declaración responsable da entidade que o imparte indicando o emprego da lingua galega, para os efectos do artigo 25 desta orde.

6. Documentación específica para as actividades da liña II (TR357C), programa 1, letra c), contratación de persoal:

6.1. Fotocopia compulsada do contrato de traballo da persoa ou persoas contratadas.

6.2. Currículo da persoa ou persoas contratadas que acredite a súa experiencia e/ou coñecementos en materia de igualdade.

6.3. Se a persoa contratada é unha muller con especiais dificultades de inserción laboral ou en situación marcada pola desvantaxe social, ás que se refire a disposición adicional sexta da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, terán que achegar a certificación expedida polo organismo público competente que acredite a concreta condición da muller incluída nalgún dos supostos da dita disposición adicional.

6.4. Solicitude de certificación de implantación do plan de igualdade, acreditando a súa presentación ante a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar ou, de ser o caso, cando se estea na fase de elaboración do plan, compromiso da empresa de solicitar a dita certificación no momento de iniciar a implantación do plan.

7. Documentación específica para as actividades da liña II (TR357C), programa 1, letra d), contratación de empresa ou entidade externa:

7.1. Declaración responsable da persoa representante da entidade externa que realiza a actividade subvencionable, acreditativa da súa experiencia na elaboración e implantación de plans de igualdade Na dita declaración constará unha relación dos traballos de asesoramento para a elaboración e implantación de plans de igualdade realizados nos tres últimos anos, indicando as súas datas de execución e contido. Ademais, deberá indicar os recursos materiais e humanos de que dispón, especificando a cualificación e a experiencia de cada unha das persoas que realizarán os traballos de asesoramento ao que se refire este suposto. A declaración ten que estar asinada en relación a todos os seus contidos.

7.2. Como complemento ao anterior, pódense presentar currículos e memorias explicativas.

7.3. Solicitude de certificación de implantación do plan de igualdade, acreditando a súa presentación ante a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar ou, se é o caso (cando a axuda que se solicita sexa para a elaboración do plan), compromiso da empresa de solicitar a dita certificación no momento de iniciar a implantación do plan.

8. Documentación específica para as actividades da liña II (TR357C), programa 2, investimentos para eliminar a infrarrepresentación feminina:

8.1. Memoria das actuacións materiais que se van realizar xustificando a súa oportunidade en virtude das novas necesidades derivadas da contratación de persoal feminino.

8.2. Compromiso do máximo órgano de representación da empresa solicitante da subvención no que conste a vontade de contratar a traballadoras no número ou porcentaxes requiridas con indicación do prazo máximo de execución dese compromiso.

8.3. Documentación xustificativa dos criterios de avaliación relacionados no artigo 25 e que non quedaran acreditados coa documentación que se indica neste artigo.

9. Documentación específica para as actividades da liña II (TR357C), programa 3, investimentos para fomentar a conciliación da vida familiar e laboral:

9.1. Memoria explicativa e descritiva das actuacións materiais que se vaian realizar.

9.2. No caso de que sexa necesaria polas súas características, solicitude de autorización para a creación das instalacións obxecto do investimento, acreditando a súa presentación ante o organismo competente. Se non fose necesaria a dita autorización, deberán achegar unha declaración responsable da persoa representante da empresa explicando os motivos da dita exención.

9.3. Documentación xustificativa dos criterios de avaliación relacionados no artigo 25 e que non quedaran acreditados coa documentación que se indica neste artigo.

10. As entidades que soliciten máis dunha liña ou máis dun programa da liña II, unicamente deberán xuntar un exemplar da documentación xenérica coa primeira das solicitudes presentadas, facendo constar tal circunstancia nas posteriores. En todo caso, todas as solicitudes deberán presentarse xunto coa documentación específica para o programa ou punto de axuda respectivo.

Artigo 23. Instrución

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Relacións Laborais da Subdirección Xeral de Traballo, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, que realizará as actuacións necesarias para a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se achegar a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común requirirá a entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

3. O procedemento de concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Avaliación das solicitudes

1. Unha vez instruídos os expedientes pasarán para o seu exame á Comisión de Avaliación que emitirá informe ao órgano instrutor. Este órgano elevará a proposta á persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, quen por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, será quen resolvera poñendo fin á vía administrativa.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, a Comisión de Avaliación estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Traballo, quen presidirá, a persoa titular do Servizo de Relacións Laborais e un xefe ou unha xefa de sección do Servizo de Relacións Laborais, que actuarán como vogais, e unha persoa funcionaria designada pola presidencia da comisión, que actuará como secretario ou secretaria. Poderá solicitarse o asesoramento dunha persoa funcionaria da Unidade Administrativa de Igualdade que actuará con voz e sen voto.

3. A dita comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan a ela a persoa que exerza a presidencia, ou persoa na que delegue, un ou unha vogal e o secretario ou secretaria. Se por calquera causa, no momento no que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída por un funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral Traballo e Economía Social.

4. A Comisión de Avaliación, motivadamente, poderá requirir das entidades solicitantes das axudas información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 25. Criterios de avaliación

A valoración das solicitudes presentadas, dentro de cada liña e de cada programa, efectuarase de acordo cos criterios e a ponderación que de seguido se relacionan:

1. Criterios de avaliación para a liña I (TR357B), RSE:

1º. Polo número de horas de formación, sempre que sexa superior ao mínimo establecido nesta orde. Máximo 30 puntos. A puntuación máxima obterase nos cursos de máis de 50 horas.

2º. Polo número total de persoas traballadoras da empresa beneficiaria destas subvencións. Máximo 30 puntos. A puntuación máxima obterase con máis de 100 persoas traballadoras.

3º. A taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa beneficiaria, é dicir, a porcentaxe de persoas traballadoras fixas sobre o total de cadro de persoal da empresa, sempre que esta sexa superior ao 20 %. Máximo 20 puntos. A puntuación máxima obterase cunha taxa de estabilidade superior ao 80 %.

4º. Pola proporción entre homes e mulleres que traballan na empresa, incluíndo o persoal de alta dirección. Máximo 20 puntos. A puntuación máxima estará en función do equilibrio entre ambos os sexos, é dicir, cun 50 % a un 60 % de homes ou mulleres na empresa.

2. Criterios de avaliación para todos os supostos da liña II (TR357C), igualdade:

1º. Polo número total de persoas traballadoras da empresa beneficiaria destas subvencións. Máximo 30 puntos. A puntuación máxima obterase con máis de 100 persoas traballadoras.

2º. Polo número de novas contratacións que se produzan ou que se comprometan como consecuencia destas accións, ata 25 puntos. A puntuación máxima outorgarase para as contratacións indefinidas. Xustificarase con declaración responsable da persoa representante da empresa do compromiso de contratación ou con copia compulsada do contrato, no caso de que xa sexa efectiva.

3º. Pola proporción entre homes e mulleres traballadores, incluíndo o persoal de alta dirección. Máximo 20 puntos. A puntuación máxima estará en función do equilibrio entre ambos os sexos, é dicir, cun 50 % a un 60 % de homes ou mulleres na empresa.

4º. Pola aplicación destas medidas en materia de igualdade en empresas de menos de 50 persoas traballadoras. 5 puntos.

3. Criterios de avaliación específicos para a liña II (TR357C), programa 1, implantación de plans de igualdade:

1º. Pola incorporación nos plans de igualdade de medidas de apoio á inserción, permanencia e promoción laboral das mulleres en xeral e das que sofren violencia de xénero en particular, ou pola contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, en cumprimento do establecido no art. 36.2 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Máximo 10 puntos. A puntuación máxima obterase coa contratación efectiva. Deberán acreditar a referida incorporación no plan cunha declaración responsable das medidas adoptadas ou do compromiso de adopción desas medidas e, no caso de contratación efectiva, copia compulsada do contrato.

2º. Pola contratación de persoas expertas para todas as fases da implantación do plan de igualdade. Máximo 10 puntos. A puntuación máxima obterase con máis dunha contratación. Deberá acreditarse con copia compulsada do contrato.

4. A concesión destas subvencións realízase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas, dentro dunha mesma liña e dun mesmo programa, segundo os créditos previstos no artigo 3 desta orde, establecéndose unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración fixados no parágrafo anterior, e adxudicarase a aquelas propostas que obtivesen maior puntuación, co límite máximo do crédito orzamentario existente para cada liña de subvencións.

5. No caso de empate na puntuación obtida, determinarase como criterios de desempate, en primeiro lugar, a orde establecida nos propios criterios de valoración sinalados e, en segundo lugar, o emprego da lingua galega na realización das liñas e programas subvencionados. No caso de persistir, terase en conta a data de presentación da solicitude.

Artigo 26. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente ditará a correspondente resolución que se lles notificará ás entidades interesadas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses a contar desde o peche do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o antedito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As empresas comunicarán a resolución administrativa sobre as axudas solicitadas ás persoas representantes das persoas traballadoras ou a estas directamente se non houbese esa representación, indicando a actividade que se subvenciona e a contía das axudas concedidas.

5. As resolucións que se diten neste procedemento deberán comunicar ás empresas beneficiarias das axudas o importe destas e emitir informe sobre o seu carácter de minimis, facendo referencia expresa ao Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

6. Nas resolucións de concesión das subvencións cofinanciadas con fondos europeos, comunicarase a obrigatoriedade da contabilidade separada ou dun código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional, en cumprimento do artigo 60 do regulamento (CE) nº 1083/2006, que regula as funcións da autoridade de xestión, e que no seu punto d), establece que a dita autoridade deberá asegurarse, cando se emita a resolución de concesión, de que as beneficiarias das operacións manteñen o dito sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado.

Artigo 27. Forma de pagamento e xustificación. Documentación acreditativa

1. Unha vez notificada a resolución definitiva, as entidades interesadas disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal, sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. No momento da xustificación, esta Dirección Xeral de Traballo e Economía Social poderá solicitar informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social relativo á existencia dunha sinatura do plan ou da realización dos cursos que se van subvencionar.

3. O pagamento efectuarase a favor das empresas beneficiarias, de xeito nominativo e único, pola súa totalidade e logo de que acrediten os gastos e pagamentos realizados ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención.

4. En todo caso, a forma de xustificación deberá axustarse ao previsto nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Segundo esta normativa, e entre outros aspectos, considérase que en ningún caso serán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

5. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, na data límite do 31 de outubro de 2014 (agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior), da documentación que corresponda, relacionada nos puntos seguintes:

5.1 Documentación xenérica (TR357B e TR357C):

– Documento acreditativo de que a empresa comunicou a resolución administrativa sobre as axudas solicitadas ás persoas representantes legais dos traballadores e traballadoras. No suposto de empresas que non conten con representantes legais dos traballadores, a comunicación debe realizarse as persoas traballadoras da empresa. Para deixar constancia de que a dita comunicación foi recibida polas persoas destinatarias, estas deberán identificarse nela co seu DNI, nome, apelidos e sinatura.

– Copia dos documentos TC2 da empresa solicitante referidos ao mes da presentación da solicitude.

5.2 Documentación específica:

a) Para a liña I (TR357B), RSE:

– Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, segundo o anexo II desta orde.

– Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, sometidas ao réxime de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o anexo III desta orde.

– Diplomas ou certificación da entidade impartidora da formación acreditativos da asistencia e superación dos cursos obxecto de subvención.

– Facturas xustificativas do gasto realizado e xustificantes do seu pagamento. Os documentos deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas.

– Orixinal ou fotocopia compulsada do documento acreditativo do control de asistencia presencial de cada alumno/a aos cursos impartidos e equivalente para os cursos telemáticos.

– Declaración responsable das persoas participantes na formación na que conste que recibiron a formación obxecto da subvención, e que foron informadas de que a subvención é confinanciada polo Fondo Social Europeo, a través do P.O. FSE Galicia 2007-2013, tema prioritario 2.65, nunha porcentaxe do 80 %.

– Documento acreditativo de que a empresa conta cun sistema de contabilidade separada ou cun código contable adecuado, por seren axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. Para estes efectos, deberán achegar un extracto da contabilidade da entidade beneficiaria que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados. Os documentos contables que se acheguen deben incluír as contas ou subcontas nas que se contabilizaron os gastos imputados, con indicación de que son cofinanciados polo Fondo Social Europeo, as datas, importes e os números dos asentos contables.

b) Para todos os supostos das axudas previstas da liña II (TR357C), programa 1, implantación de plans de igualdade:

– Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, segundo o anexo V desta orde.

– Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, sometidas ao réxime de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o anexo VI desta orde.

– Certificación do órgano de representación da empresa na que se acredite que esta segue a ter o mínimo exixido de 10 persoas traballadoras. Nesta certificación constarán o nome, apelidos e número de DNI das referidas persoas traballadoras.

– Documento acreditativo de que a empresa conta cun sistema de contabilidade separada ou cun código contable adecuado, por seren axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. Para estes efectos, deberán achegar un extracto da contabilidade da entidade beneficiaria que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados. Os documentos contables que se acheguen deben incluír as contas ou subcontas nas que se contabilizaron os gastos imputados, con indicación de que son cofinanciados polo Fondo Social Europeo, as datas, importes e os números dos asentos contables. Estes documentos contables poden ir acompañados dunha breve explicación sobre a sistemática de contabilización dos gastos.

c) Para as actividades da liña II (TR357C), programa 1, letra a), diagnose:

– No caso de realizar a actividade con persoal propio, deberán achegar certificación asinada pola persoa responsable da empresa e pola persoa traballadora na que se detalle a distribución diaria do horario dedicado, separado por meses, de cada persoa encargada de levar a cabo os traballos, así como o importe correspondente a esas horas (desagregando a Seguridade Social e o IRPF); xustificante de pagamento da Seguridade Social polo período e polas persoas correspondentes (orixinal ou copia compulsada); nómina asinada polo traballador ou traballadora e xustificante do ingreso da referida nómina (orixinal ou copia compulsada). Ademais, na dita certificación deberán especificar os contidos dos traballos realizados por cada unha das persoas encargadas deles así como a motivación que fundamente a distribución horaria dedicada e non outra diferente.

– No caso de que a actividade a realice unha entidade externa, factura polo importe do asesoramento realizado e xustificante do seu pagamento. Os documentos deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas.

– Copia da diagnose da realidade da empresa desde a perspectiva de xénero que foi obxecto de subvención, elaborada segundo os requisitos exixidos nesta orde. Neste documento deberán figurar os logotipos da Consellería de Traballo e Benestar e do Fondo Social Europeo.

d) Para as actividades da liña II (TR357C), programa 1, letra b), formación:

– Documento acreditativo do control de asistencia presencial de cada alumno ou alumna aos cursos impartidos ou equivalente para os cursos telemáticos.

– Diplomas ou certificación da entidade impartidora da formación acreditativos da asistencia e superación dos cursos obxecto de subvención.

– Declaración responsable das persoas participantes na formación na que conste que recibiron a formación obxecto da subvención, e que foron informadas de que a subvención é confinanciada polo Fondo Social Europeo, a través do P.O. FSE Galicia 2007-2013, tema prioritario 2.65, nunha porcentaxe do 80 %.

– Facturas xustificativas do gasto realizado e xustificantes do seu pagamento. Os documentos deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas.

e) Para as actividades da liña II (TR357C), programa 1, letra c), contratación de persoal:

– Copia do contrato de traballo e alta na Seguridade Social e nóminas dos meses para os que se lle concedeu a subvención, así como, xustificantes de pagamento destas. Os documentos deberán ser orixinais ou copias compulsadas.

– O plan de igualdade, xa elaborado, que deberá incluír a diagnose previa, segundo os requisitos exixidos nesta orde. Deberán figurar os logos da Consellería de Traballo e Benestar e do Fondo Social Europeo.

– Xustificante de ter solicitada a acreditación da implantación do plan de igualdade á Unidade Administrativa de Igualdade.

f) Para as actividades da liña II (TR357C), programa 1, letra d), contratación de empresa ou entidade externa:

– Factura do asesoramento e xustificante do seu pagamento (orixinais ou copias compulsadas).

– O plan de igualdade, xa elaborado, que deberá incluír a diagnose previa, segundo os requisitos exixidos nesta orde. Deberán figurar os logos da Consellería de Traballo e Benestar e do Fondo Social Europeo.

– Xustificante de ter solicitada a acreditación da implantación do plan de igualdade á Unidade Administrativa de Igualdade .

g) Para as actividades da liña II (TR357C), programa 2, investimentos para a eliminación da infrarrepresentación feminina:

– Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, segundo o anexo V desta orde.

– Facturas dos investimentos e xustificantes do seu pagamento (orixinais ou copias compulsadas).

– Fotografía/as do investimento realizado.

h) Para as actividades da liña II (TR357C), programa 3, investimentos para a conciliación da vida familiar e laboral:

– Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, segundo o anexo V desta orde.

– Facturas dos investimentos e xustificantes do seu pagamento (orixinais ou copias compulsadas).

– Fotografía/as do investimento realizado.

– Se é necesario, resolución do organismo competente sobre a autorización de creación das instalacións obxecto do investimento. No caso de que non sexa necesario, deberán indicalo por escrito.

6. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que a empresa beneficiaria da subvención teña presentado a documentación exixida, requiriráselle para que a presente no prazo improrrogable de 10 días. Así mesmo, cando o órgano competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola beneficiaria porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de 10 días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo, comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

7. Non poderá realizarse, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a empresa beneficiaria non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

CAPÍTULO VII
Obrigas, compatibilidade, seguimento e control

Artigo 28. Prohibicións, incompatibilidades e concorrencia

1. A entidade solicitante non poderá atoparse incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida no anexo I desta orde.

2. As axudas recollidas nesta orde son compatibles coas concedidas por outros entes públicos ou privados, tendo en conta que, en ningún caso, o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axudas previstos nesta orde.

3. Os gastos cofinanciados polos fondos comunitarios non poderán acollerse a axudas procedentes de ningún outro instrumento financeiro comunitario.

Artigo 29. Obrigas das beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas e subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, en especial as seguintes:

a) Acreditar con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopa ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

b) Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. En especial, e dado que as subvencións concedidas ao abeiro da liña I e do programa 1 da liña II desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, as persoas ou entidades beneficiarias garantirán, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo ou ben durante un período de tres anos a partir do ano en que tivese lugar o peche parcial deste, a dispoñibilidade dos documentos xustificativos. Os gastos subvencionados deberán poder identificarse na súa documentación contable de forma separada.

e) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da comunidade autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, así como, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº 1803/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión. As medidas de difusión cosistiran en:

• Para a línea I e letra a) do programa 1 da línea II: a empresa beneficiaria informará as persoas participantes na formación de que esta está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, a través do P.O. FSE Galicia 2007-2013, tema prioritario 2.65.

• Para o letra b), c) e d) do programa 1 da liña II: na diagnose e no plan de igualdade deberán figurar os logotipos da Consellería de Traballo e Benestar e do Fondo Social Europeo indicando o cofinanciamento.

g) As empresas que resulten beneficiarias desta subvención, cofinanciada con fondos europeos, deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional. De acordo co artigo 60.d) do Regulamento (CE) nº 1083/2006 que regula as funcións da autoridade de xestión, a dita autoridade deberá asegurarse, no momento da emisión da resolución, de que as empresas beneficiarias das operacións manteñen o citado sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado.

Artigo 30. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación segundo o establecido no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Revogación e reintegro

1. No caso de que a beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Traballo e Benestar iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da subvención concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007 e no seu regulamento, aprobado mediante Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se aminorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento total da actividade para a que se concedeu a subvención ou do deber de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impediran dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

c) O incumprimento das obrigas sinaladas no artigo 32 parágrafo 3 e 4 desta orde dará lugar ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

d) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificada.

2. A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 32. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento das liñas de actuación.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. Para a liña I (TR357B):

Para os efectos de poder comprobar a efectividade da formación recibida, as empresas beneficiarias estarán obrigadas a elaborar unha memoria de RSE, conforme os criterios da Xunta de Galicia, a través do programa informático Xunta PRO-RSE. Este programa é unha ferramenta de xestión da RSE, a nivel usuario, que facilita de xeito gratuíto a Consellería de Traballo e Benestar a través da páxina web http://rse.xunta.es

Unha vez elaborada deberán presentar a dita memoria, á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, no prazo do primeiro trimestre do ano natural seguinte a aquel no que se solicitou a axuda. A falta de presentación desta memoria dará lugar ao inicio do procedemento de reintegro das axudas percibidas, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para a liña II (TR357C) - programa 1:

As empresas que reciban unha axuda pública para calquera dos supostos da liña II, programa 1, relativos á implantación do plan de igualdade, estarán obrigadas a elaborar e presentar, perante a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e dentro do mes de xaneiro seguinte á finalización do ano natural en que se solicitou a axuda económica, un informe no que se especifiquen as accións que se fixeron para continuar co proceso de implantación do plan de igualdade, logo da realización das actividades subvencionadas. O dito informe incluirá, pola súa vez, outro informe asinado pola representación sindical das persoas traballadoras, que porá de manifesto a evolución da aplicación do plan de igualdade durante ese período e que, en defecto de representación sindical, será asinado polas propias persoas traballadoras.

Se o informe non se presenta no prazo sinalado poderáselle conceder unha prórroga non superior a un mes e logo de solicitude da empresa interesada. A falta de presentación do citado informe ou o incumprimento dos fins para os que foron concedidas as axudas dará lugar ao inicio do procedemento de reintegro total ou parcial das axudas establecidas nos supostos previstos no artigo 33 da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para levar a cabo un correcto control anual do desenvolvemento do plan de igualdade, as empresas achegarán, á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, a certificación da implantación do plan expedida, logo de solicitude e unha vez rematada a súa elaboración, pola Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar.

5. Para a liña II (TR357C) - programa 3:

No caso de ser empresas beneficiarias das axudas para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, achegarán a resolución do organismo competente sobre a concesión da autorización de apertura das instalacións obxecto do investimento, sempre que fose necesario o devandito requisito. No caso de que non sexa necesario deberán indicalo por escrito.

Artigo 33. Axudas baixo condicións de minimis

1. Os incentivos establecidos nesta orde sometidos ao réxime de axudas de minimis, non poderán exceder dos límites cuantitativos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros cando se trate dunha empresa que opere no sector de transporte por estrada.

2. O artigo 1.1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, establece o ámbito de aplicación desta disposición normativa indicando expresamente os sectores que quedan excluídos deste.

3. A axuda de minimis non se acumulará con ningunha axuda pública correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso nun regulamento de exención por categorías ou nunha decisión adoptada pola Comisión Europea (artigo 5, punto 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 do 18 de decembro de 2013).

Disposición adicional primeira

A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquelas que de acordo co artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopen en poder da Administración actuante.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas empresas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación do/a conselleiro/a.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file