Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Martes, 17 de xuño de 2014 Páx. 27383

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 4 de xuño de 2014 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas de formación en réxime de empresa tutelada para os/as titulados/as en ciclos formativos de acuicultura e se procede á súa convocatoria, que se tramita como gasto financiable para levar a cabo unha actividade elixible dentro do programa operativo Fondo Social Europeo Galicia 2007-2013, eixe 3 e tema prioritario 72, cunha taxa de cofinanciamento do 80 %.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, no seu artigo 117 establece que a consellería competente en materia de pesca realizará as actuacións necesarias para o fomento da formación, a capacitación e a reciclaxe das persoas profesionais dos distintos sectores, así como a daquelas persoas que poidan demandar a devandita prestación formativa.

O tránsito á vida laboral é un dos aspectos máis relevantes nos novos enfoques da formación profesional. Dentro das iniciativas que se teñen revelado como máis eficaces para producir con éxito ese paso está o modelo de empresa tutelada. Este modelo facilita un período de práctica laboral nun ámbito de empresa simulada, no cal se reproducen os medios e procesos de produción e xestión reais, pero en que a titularidade dos medios de produción é da Administración responsable do proceso de formación.

Resulta de grande interese, no marco dunha formación integral, para os/as titulados/as en ciclos formativos da formación profesional específica en acuicultura participar neste itinerario de perfeccionamento profesional, para desenvolver a actividade práctica de permanencia como traballadores/as en formación dentro das empresas tuteladas durante o tempo que abranguen as axudas obxecto desta convocatoria.

Esta orde cumpre os criterios de selección das operacións aprobadas polo comité de seguimento do programa operativo do Fondo Social Europeo 2007-2013 de Galicia, recollidos no eixe 3, tema prioritario 72, relativo á proxección, introdución e aplicación de reformas nos sistemas de ensino e formación para desenvolver a empregabilidade, mellorando a adecuación ao mercado laboral do ensino e a formación inicial e profesional e actualizando os coñecementos do persoal docente cara á innovación e á economía do coñecemento.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia e demais normativa de aplicación

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a convocatoria de bolsas de formación en réxime de empresa tutelada para os/as titulados/as nos ciclos formativos de acuicultura, así como proceder a convocar catro (4) bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, de formación en réxime de empresa tutelada para a realización de prácticas de produción de cría de bivalvos.

Artigo 2. Beneficiarios/as

Poderán ser beneficiarios/as destas bolsas aqueles/as solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea ou ser estranxeiro/a con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Estar en posesión dun ciclo formativo de acuicultura na data de remate do prazo de presentación de solicitudes desta orde de convocatoria. Pode presentarse aqueles/as alumnos/as titulados/as como técnicos/as en operacións de cultivo acuícolas e/ou técnicos/as superiores en produción acuícola.

c) Non estar incapacitado/a fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan.

d) Non ter sido beneficiario/a destas bolsas ou outras similares en anteriores convocatorias.

Artigo 3. Número, duración, importe e lugar de realización das bolsas

1. O número de bolsas será de catro, que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 6 desta convocatoria.

2. As bolsas terán unha duración de dous (2) anos, contados desde a data da aceptación da bolsa, e sen posibilidade de prórroga. O primeiro ano estará acollido ao cofinanciamento do Fondo Social Europeo e o segundo será asumido na súa totalidade con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O importe bruto mensual de cada bolsa será de setecentos quince euros (715 €).

4. As persoas beneficiarias das bolsas integraranse no réxime xeral da Seguridade Social, de acordo co establecido no artigo 3 do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

5. Cada bolseiro/a contará con titores/as nomeados/as pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, por proposta do centro.

6. Os/as titores/as elaborarán un plano formativo para os/as bolseiros/as en que quedará reflectido o horario de traballo e as normas de funcionamento do centro onde realiza a súa formación.

7. Os/as beneficiarios/as realizarán as actividades prácticas de produción de cría de bivalvos nas instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura na Illa de Arousa (IGaFA), segundo a programación formulada polo/a titor/a correspondente.

Artigo 4. Presentación das solicitudes, documentación e prazos

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, de 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Medio Rural e do Mar, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, que se poderá descargar en formato electrónico na ligazón «servizos de Administración electrónica» da páxina https://sede.xunta.es. Tamén se poderá descargar no enderezo electrónico https://medioruralemar.xunta.es

2. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación, acompañada dun índice e ordenada segundo se indica:

a) Copia do DNI ou NIE, ou dar o seu consentimento expreso para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao sistema de verificación de datos, de acordo co Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos, e a Orde do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve o antedito decreto.

b) Copia do título correspondente ou, na súa falta, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

c) Certificación académica completa dos estudos realizados indicados nesta convocatoria, con detalle das materias cursadas e as cualificacións obtidas.

d) Curriculum vitae da persoa solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados (debidamente relacionados e paxinados). Non serán computables aqueles méritos alegados que non estean convenientemente xustificados.

e) Unha memoria asinada polo/a aspirante que incluirá os seguintes puntos:

• Unha planificación da produción para cultivar un total de 5 millóns de exemplares de cría de ameixa babosa de 3 mm de tamaño.

• Un estudo sobre as actividades de cultivo por área de produción que se levará a cabo nunha instalación piloto de acuicultura tipo minicriadoiro de bivalvos.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

4. A presentación da solicitude da bolsa comportará a autorización á consellería para facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. A reserva que o/a peticionario/a poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que expresarse, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

5. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial (www.medioruralemar.xunta.es) a relación dos/as beneficiarios/as e o importe das bolsas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 5. Tramitación

A instrución do procedemento de concesión destas axudas corresponde á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Os servizos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e exporase, nun prazo de dez días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, a lista de persoas admitidas e excluídas, sinalando, se for o caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería do Medio Rural e do Mar e na súa páxina web oficial, no enderezo www.medioruralemar.xunta.es. Esta lista estará exposta durante dez días, e os/as interesados/as durante ese prazo poden emendar erros e falta de documentación ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, procederase conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992 do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Avaliación e selección

Unha vez completados os expedientes, remitiranse a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios indicados no punto 2 deste artigo.

1. Comisión de avaliación.

A selección das persoas candidatas será efectuada por unha comisión que estará integrada por:

– Presidente/a: o/a subdirector/a xeral de Xestión, Ensino e Relacións Sectoriais ou persoa en quen delegue.

– Secretario/a: actuará como tal un dos membros da comisión.

– Vogais: tres vogais en representación do IGaFA e un/unha vogal en representación do Centro de Investigacións Mariñas (Cima) designados pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de selección teña que examinar as solicitudes, algún dos seus integrantes non puider asistir, será substituído polo/a funcionario/a que para o efecto designe a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

2. Criterios de valoración.

Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

a) Expediente académico: máximo 4 puntos.

Puntuarase de acordo co seguinte baremo:

Sobresaínte: 4 puntos.

Notable: 3 puntos.

Ben: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Suspenso: 0 puntos.

Para os efectos do cálculo da nota media non se computarán aquelas materias que consten no expediente académico do/a alumno/a como validadas.

b) Curriculum vitae: máximo 2 puntos.

Valorarase:

b.1. Cursos ou formación máis axeitada para o desenvolvemento da bolsa (ata 1,00 punto):

Acuarioloxía: 0,15 puntos.

Iniciación ao mergullo: 0,10 puntos.

Mergullador/a 2ª clase restrinxida: 0,15 puntos.

Mergullador/a 2ª clase: 0,20 puntos.

Mariñeiro/a pescador/a: 0,15 puntos.

Formación básica: 0,15 puntos.

Carné de conducir clase B: 0,10 puntos.

b.2. Certificado oficial acreditativo dos niveis de coñecemento da lingua galega, en particular o Celga 4, e tendo a mesma validez o antigo certificado de perfeccionamento: 0,40 puntos.

b.3. Idiomas: ata 0,40 puntos (inglés: 0,30; outros idiomas: 0,10).

b.4. Coñecementos informáticos: ata 0,20 puntos.

c) Valoración da memoria, asinada polo/a aspirante, que incluirá dúas partes: máximo 6 puntos.

c.1. Planificación da produción para cultivar un total de 5 millóns de exemplares de cría de ameixa babosa, de 3 mm de tamaño, nunha instalación tipo minicriadoiro, terá unha puntuación máxima de 3 puntos.

c.2. Estudo en que se recollan todas as actividades de cultivo que se van realizar nunha instalación piloto de acuicultura tipo minicriadoiro de bivalvos, que terá unha puntuación máxima de 3 puntos.

Só se valorarán aqueles méritos acreditados documentalmente polo/a solicitante xunto coa súa solicitude. A puntuación final obterase da suma do expediente académico, do currículo e da valoración da memoria.

No caso de que cos criterios enunciados anteriormente persista a igualdade de puntuación, prevalecerá a solicitude daqueles/as aspirantes que tivesen cursado os seus estudos nalgún dos centros públicos ou privados situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

As persoas candidatas serán ordenadas por orde decrecente da puntuación obtida e as bolsas adxudicaranse ás que acaden maior puntuación.

A comisión elaborará unha lista de suplentes por orde decrecente de puntuación, na cal figurarán os/as solicitantes que, cumprindo os requisitos, non acadaron puntuación suficiente para ser adxudicatarios/as da bolsa.

Publicada a relación provisional de beneficiarios/as no taboleiro de anuncios do IGaFA, os/as solicitantes terán un prazo de 10 días hábiles para presentar as alegacións que consideren oportunas. Transcorrido este prazo, a comisión reunirase de novo para resolver as alegacións presentadas, de ser o caso.

Artigo 7. Resolución e recursos

a) Resolución.

A comisión de selección fará chegar a correspondente proposta de adxudicación e listaxe de suplentes á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para elevación ao secretario xeral do Mar, quen resolverá por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar a concesión das bolsas. Na resolución figurará un/unha beneficiario/a por cada bolsa, así como unha relación de suplentes con todos os solicitantes admitidos, de maior a menor puntuación, para cubrir as vacantes que se poidan producir. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Na dita resolución farase constar que a bolsa de formación recollida no marco desta orde está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 %, a través do programa operativo do Fondo Social Europeo 2007-2013 de Galicia, eixe 3 e tema prioritario 72, aprobado polo Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión.

O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 3 meses, contados desde a publicación desta orde no DOG.

De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

b) Recursos.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer potestativamente recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

De non estimar a presentación deste recurso, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 8. Aceptación da bolsa e pagamento

1. Dentro dos dez días naturais seguintes á publicación da resolución de concesión no DOG, os/as beneficiarios/as das bolsas deberán comunicar a súa aceptación mediante documento asinado polo/a bolseiro/a, no cal se comprometa a cumprir todas as condicións recollidas nas presentes bases. De non facelo no prazo indicado, considerarase tacitamente aceptada a bolsa e as condicións recollidas nestas bases, de conformidade co artigo 21-5º, parágrafo segundo, da Lei de subvencións de Galicia.

En todo caso, para realizar o pagamento mensual da bolsa, o/a bolseiro/a achegará un informe de vida laboral.

A concesión desta axuda supón a súa aceptación a ser incluído/a na lista pública de beneficiarios/as prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) núm. 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOCE L/45, do 15 de febreiro de 2007).

2. As bolsas aboaranse mensualmente, por mensualidades completas ou fracción proporcional ao tempo de desfrute da bolsa, para os casos en que o/a bolseiro/a inicie ou remate a súa relación en data que non coincida co primeiro ou co derradeiro día de cada mes, respectivamente. É necesario para proceder ao pagamento mensual que o/a director/a do IGaFA certifique a actividade dos/as bolseiros/as.

O pagamento da última mensualidade quedará pendente ata que o/a bolseiro/a presente o informe final que resuma a actividade realizada por el/ela durante todo o período de aproveitamento da bolsa, co visto e prace do responsable do/a bolseiro/a, así como declaración de todas as bolsas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O prazo máximo para a presentación do informe final será dun mes a partir do remate da realización da bolsa.

Artigo 9. Obrigas dos/as bolseiros/as

a) O persoal bolseiro deberá desempeñar actividades de formación e de colaboración en relación coas tarefas das áreas a que se adscriban.

b) Co fin de facilitar o seu proceso de formación, os/as bolseiros/as contarán co asesoramento, orientación e dirección de dous/dúas titores/as que definirán as tarefas a realizar, así como a formación que deberán recibir segundo o plan de formación do centro. A este respecto, será obrigatoria a realización e superación das actividades de formación indicadas.

c) As persoas beneficiarias deberán manter unha actitude participativa, de colaboración e respectuosa cos demais membros do centro, sen obstrución das tarefas encomendadas nos diferentes servizos.

d) Ao final do período de desfrute da bolsa, o/a adxudicatario/a deberá entregar unha memoria de actividades, que será supervisada polo/a titor/a.

e) Estas bolsas non implican relación laboral ningunha co centro o que estea adscrito/a o/a beneficiario/a nin supoñen ningún compromiso de incorporación posterior dos/as bolseiros/as ao seu cadro de persoal, aínda que si a necesaria e natural coordinación co horario, normas e disciplina do centro onde desenvolve a súa formación.

f) O desfrute da bolsa será incompatible con calquera outra bolsa que supoña remuneración directa ou axuda financiada con fondos públicos. Tamén será incompatible con salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do/a interesado/a, salvo os que teñan carácter esporádico cunha duración acumulada inferior a dous meses por ano e dedicación non maior de media xornada, sempre que isto non afecte a actividade habitual no exercicio da bolsa e que se trate de ocupacións non vinculadas directa ou indirectamente co centro.

Artigo 10. Renuncias, procedemento de substitución e interrupcións

No caso de renuncia á bolsa por parte do persoal beneficiario, unha vez iniciado o desfrute desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente escrito á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, polo menos, con dez días de antelación á data en que se solicita que sexa efectiva a súa renuncia.

A vacante poderá cubrirse polo período de desfrute restante co/a candidato/a suplente correspondente, de acordo coa lista de suplentes elaborada pola comisión de selección.

As interrupcións da bolsa por supostos de baixa por incapacidade temporal (enfermidade ou accidente), risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade, non darán lugar en ningún caso á posibilidade de recuperar o período interrompido.

Artigo 11. Dotación orzamentaria

O financiamento destas bolsas farase con cargo á partida orzamentaria 12 31 422K 480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2014 (14.300,00 €), 2015 (34.320,00 €) e 2016 (20.020,00 €). As cotizacións á Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais serán con cargo á partida orzamentaria 12 31 422K 484.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2014 (1.000,00 €), 2015 (2.400,00 €) e 2016 (1.400,00 €).

Estas cantidades poderán ser reaxustadas en función da data de inicio das bolsas.

As axudas reguladas nesta orde cumpren coa Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, de gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo e a Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, e a Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo, que a modifican. Por tanto, constitúen un gasto financiable para levar a cabo unha «actividade elixible» nun 80 % polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 3, tema prioritario 72.

Artigo 12. Control

O persoal beneficiario das axudas concedidas ao abeiro do disposto nesta orde queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, así como pola Intervención xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control, así como o sometemento ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) núm. 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan as normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) núm. 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Os/as beneficiarios/as das axudas deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e os xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional

No primeiro ano, a bolsa, ao ser financiable e elixible dentro do marco do programa operativo Galicia 2007-2013, está suxeita ao Regulamento (CE) núm. 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009, que modifica o Regulamento (CE) núm. 1828/2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) núm. 1081/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1784/1999 (DOCE do 31.7.2006, L 210/12).

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral do Mar para ditar os actos e as instrucións necesarias para a correcta aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file