Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 16 de xuño de 2014 Páx. 27147

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2014, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, de prórroga do proxecto experimental para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

Mediante a Orde do 16 de decembro de 2011 (DOG do 26 de decembro), modificada pola Orde do 13 de xuño de 2013 (DOG do 21 de xuño), autorizouse a posta en marcha, con carácter experimental, dun proxecto para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

O artigo 11 da devandita orde establece que será competencia da comisión de seguimento do proxecto a emisión de informes relativos á procedencia da súa prorrogación, e o seu artigo 12 establece que logo de informe favorable da dita comisión poderá prorrogarse o proxecto en períodos de dous anos.

Igualmente, na disposición derradeira primeira da citada orde autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar cantas normas se consideren oportunas para o seu desenvolvemento.

Emitido informe favorable da comisión de seguimento con base na adecuación do proxecto ás condicións e obxectivos indicados na súa posta en marcha, e na permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación,

RESOLVO:

Primeiro. Prorrogar, por un período de dous anos, o proxecto experimental para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

Segundo. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2014

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa