Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 28 de maio de 2014 Páx. 23982

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 57/2014, do 8 de maio, polo que se aproba o Regulamento do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, regula no seu título IV, que leva por rúbrica «Da participación da xuventude», o Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia como un órgano colexiado de participación, representación e consulta das políticas públicas da Xunta de Galicia en materia de xuventude.

Así, configúrase na citada lei como un órgano integrado na consellería competente en materia de xuventude, aínda que non sometido á estrutura xerárquica da consellería por ser un órgano colexiado e de carácter consultivo, que precisa ter autonomía propia na toma das decisións e non estar sometido a instrucións por parte dos órganos superiores ou de dirección da consellería competente en materia de xuventude.

Por outra banda, o Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, ao estar integrado na consellería competente en materia de xuventude, será dotado dos medios materiais e do persoal necesario para o desenvolvemento das súas funcións.

A Lei de xuventude de Galicia habilita expresamente o Consello da Xunta de Galicia, nos seus artigos 53.3, 54.2, 56.1.h), 57.3 e 58.2.e), para o desenvolvemento da composición, organización e funcionamento do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

Neste sentido, o presente decreto aproba o regulamento que establece a composición, desenvolve a organización e concreta o réxime de funcionamento do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, dentro do marco xurídico establecido pola Lei de xuventude de Galicia e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O regulamento está composto por 26 artigos, estruturados en seis capítulos. O capítulo I regula a natureza xurídica do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia como órgano colexiado e consultivo, así como os seus fins, en coherencia co disposto na Lei de xuventude de Galicia. O capítulo II recolle a composición do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, así como o procedemento que debe seguirse para a admisión das entidades nel e o procedemento para a perda da condición de membro cando se dean as graves circunstancias reguladas. O capítulo III regula os dereitos e obrigas dos/as membros do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, destacando o seu dereito a participar activamente nel, así como a formar parte dos órganos de goberno. Así mesmo, considérase unha obriga a asistencia ás xuntanzas dos órganos do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia para garantir un eficaz funcionamento do Consello. En canto á organización, esta recóllese no capítulo IV, que, pola súa vez, se subdivide en tres seccións que regulan a organización xeral do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, os órganos colexiados e os órganos unipersoais, respectivamente, sendo a Asemblea Xeral o máximo órgano decisorio do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, que contará como comisión permanente co Observatorio Galego de Xuventude. O capítulo V recolle o funcionamento dos órganos colexiados e tamén está estruturado en tres seccións. A sección primeira regula as disposicións comúns aplicables tanto á Asemblea Xeral como ao Observatorio Galego de Xuventude, cuxa regulación específica se recolle nas seccións segunda e terceira. O capítulo VI pecha o texto e establece a forma e a natureza dos acordos e o réxime xurídico dos recursos contra os actos emanados dos órganos que integran o Consello.

De acordo con isto e no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concordante, e por proposta da consellería competente en materia de xuventude, de acordo co Consello Consultivo, e despois de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de maio de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único

Apróbase o Regulamento do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, en execución e desenvolvemento do capítulo II do título IV da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia.

Disposición derradeira única

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de maio de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

Regulamento do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia

CAPÍTULO I
Natureza e fins do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia

Artigo 1. Natureza

1. O Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, creado pola Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, é un órgano colexiado de participación, representación e consulta das políticas públicas da Xunta de Galicia en materia de xuventude.

2. O Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia está integrado na consellería competente en materia de xuventude, sen prexuízo da súa autonomía, pero non participa na estrutura xerárquica da consellería.

3. A consellería competente en materia de xuventude facilitará ao Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia os medios persoais e materiais necesarios para o exercicio das funcións recollidas na Lei 6/2012, do 19 de xuño, dentro das dispoñibilidades orzamentarias da consellería competente en materia de xuventude.

Artigo 2. Fins do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia

O Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia terá como fins os seguintes:

a) Representar a xuventude galega a través da súa condición de membro de pleno dereito no Comité Galego de Políticas de Xuventude.

b) Emitir os informes que afecten a xuventude e lle sexan solicitados polo Comité Galego de Políticas de Xuventude ou polo órgano de dirección competente en materia de xuventude.

c) Emitir informe sobre o impacto na xuventude dos proxectos de disposicións normativas promovidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que afecten a mocidade.

d) Analizar, con carácter permanente, a situación da xuventude en Galicia, facilitando así a toma de decisións, e especialmente as problemáticas que incidan maiormente na xuventude galega, a través do Observatorio Galego da Xuventude.

e) Elevar anualmente ao Parlamento unha memoria en que se reflicta a situación da xuventude como grupo social e, ao tempo, propoñer as medidas legais que xulgue necesarias.

f) Contribuír á institucionalización do movemento asociativo xuvenil de Galicia, consolidando, por un lado, o xa existente e, por outro, promovendo a creación de asociacións xuvenís de distinta natureza.

g) Garantir a participación activa e dinámica da xuventude en todas as ordes da vida social, educativa, laboral, política, económica, deportiva, de lecer, de tempo libre e cultural de Galicia.

h) Representar a xuventude de Galicia no Consello da Xuventude de España, así como noutros organismos de ámbito estatal, europeo e internacional dos que poida ser membro, participando así na articulación das políticas de xuventude nos distintos niveis.

i) Establecer relacións de cooperación e colaboración con outros consellos da xuventude do Estado.

j) Elevar propostas de acción á consellería competente en materia de xuventude.

k) Defender os intereses da xuventude presentando ante os organismos públicos e privados correspondentes as medidas tendentes a facer efectivos os intereses que corresponden á xuventude.

CAPÍTULO II

Composición do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia

Artigo 3. Composición

1. O Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia estará integrado polas entidades de participación xuvenil que se detallan no número 2 deste artigo.

Para estes efectos, as entidades interesadas en formar parte do consello deberán solicitar a súa admisión ao Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia nos termos sinalados neste regulamento.

2. Poderán ser membros do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia as seguintes entidades de participación xuvenil:

a) As asociacións xuvenís de calquera natureza legalmente constituídas que, carecendo de ánimo de lucro, figuren rexistradas e clasificadas no Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia como asociacións de ámbito autonómico.

b) As federacións, confederacións ou unións de asociacións xuvenís inscritas no Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia, de ámbito estatal, autonómico ou local, compostas, como mínimo, por tres asociacións con organización e implantación propia en Galicia.

A súa incorporación exclúe a dos seus membros de xeito independente.

c) Os consellos locais de xuventude.

d) As seccións ou organizacións xuvenís dos partidos políticos.

e) As seccións ou organizacións xuvenís dos sindicatos e asociacións empresariais.

f) As organizacións estudantís que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) As seccións xuvenís das demais asociacións de ámbito autonómico de calquera natureza que figuren rexistradas e clasificadas no Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia, sempre que estatutariamente teñan recoñecidas autonomía funcional, organización e goberno propio para as materias especificamente xuvenís.

3. Non existirá limitación no número de entidades de participación xuvenil que poidan formar parte do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

Artigo 4. Proceso de admisión

1. Para formaren parte do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, as entidades interesadas que pertenzan a algunha das categorías descritas no número 2 do artigo anterior deberán presentar ante a Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia unha solicitude segundo o modelo descrito no anexo I do presente regulamento. A solicitude deberá ir asinada polo/a representante legal da entidade.

2. Xunto coa solicitude, as entidades que desexen formar parte do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia deberán presentar a seguinte documentación:

a) Certificación do rexistro administrativo onde se atope inscrita a entidade.

b) Copia compulsada dos estatutos.

c) Memoria de actividades do último ano.

d) Certificado do/a secretario/a da entidade en que conste a representación legal da persoa que asina a solicitude e o acordo do órgano competente polo que se nomean representante e substituto/a no Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

e) De ser unha federación, confederación ou unión de asociacións xuvenís, declaración responsable de que os seus membros non forman parte do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia de xeito independente. De cambiar esta circunstancia en calquera momento, deberase notificar á Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

3. As entidades xa incluídas no Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia estarán exentas de presentar a documentación recollida nas letras a) e b) do número anterior.

4. As solicitudes poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e irán dirixidas á Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, adscrita á consellería competente en materia de xuventude.

Así mesmo, e de acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e unha vez aprobada por Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, as persoas interesadas poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica.

5. A Secretaría do Consello Asesor e Consultivo da Xuventude de Galicia comprobará que a solicitude e a documentación complementaria recollida no número 2 deste artigo foi presentada de forma completa e exacta. En caso contrario, requirirá á entidade para que emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada para o efecto e tal e como dispón o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A Asemblea Xeral pronunciarase expresamente sobre a admisión, logo de informe do Observatorio Galego de Xuventude. Cando este informe sexa negativo, darase audiencia á entidade afectada por un prazo de 15 días hábiles e remitiranse as súas alegacións á Asemblea Xeral xunto co devandito informe.

7. Cando a Asemblea Xeral teña delegada a atribución recollida no artigo 56.1.h) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, o Observatorio Galego da Xuventude procederá á admisión ou inadmisión provisional da entidade solicitante; neste último caso, debe motivar adecuadamente a súa decisión nas causas establecidas no número 8 do presente artigo. A admisión provisional permitirá á entidade actuar como membro de pleno dereito ata a ratificación pola Asemblea Xeral. En caso de inadmisión darase audiencia á entidade afectada por un prazo de 15 días hábiles. De confirmarse a inadmisión provisional, a entidade non poderá formar parte do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia ata que se pronuncie a Asemblea Xeral, a quen se lle remitirá o expediente e as alegacións efectuadas.

8. A admisión dunha entidade solicitante como membro do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia só poderá ser denegada polos motivos seguintes:

a) Non ser unha entidade das recollidas no artigo 53.2 da Lei 6/2012, do 19 de xuño.

b) Ter sido obxecto de resolución de perda da condición de membro do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia no último ano.

c) Profesar unha ideoloxía ou levar a cabo actuacións que neguen os dereitos e liberdades democráticos, enxalcen a violencia como único medio para resolver os conflitos ou promovan a discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, en contra do recollido no artigo 14 da Constitución española.

9. A admisión ou inadmisión dunha entidade será notificada de conformidade co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

10. No caso de delegación da facultade de admisión de novos membros, recollida no artigo 56.1.h) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de non recibir a entidade solicitante a notificación sinalada no número anterior no prazo de tres meses desde a entrada da solicitude no rexistro da consellería competente en materia de xuventude, poderá entender como estimada provisionalmente a súa solicitude.

No caso de que a atribución non estea delegada, a entidade solicitante poderá entender estimada a súa solicitude no prazo de seis meses desde a súa entrada no rexistro sinalado no parágrafo anterior.

11. O acordo de admisión expreso ou o acto presunto regulado no número anterior determinan a adquisición por parte da entidade da súa condición de membro de pleno dereito.

12. Contra as decisións de admisión e inadmisión de novos membros aplicarase o réxime de recursos establecido no artigo 26 do presente regulamento.

Artigo 5. Modificacións

Calquera modificación que se produza nunha entidade membro do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia e que supoña a alteración dos datos consignados na solicitude ou na documentación complementaria a que se refire o artigo anterior deberá ser comunicada á Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia no prazo máximo dun mes desde que a dita modificación se producise.

Cando a modificación poida implicar a non inclusión da entidade nalgunha das categorías establecidas no artigo 53.2 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, a Secretaría porao en coñecemento da Presidencia, para efectos do establecido no artigo seguinte.

Artigo 6. Perda da condición de membro

1. A perda de condición de membro do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia poderá producirse por motivo de grave incumprimento das normas establecidas no presente regulamento. En todo caso, constituirán un grave incumprimento as seguintes accións ou omisións:

a) A non inclusión da entidade nalgunha das categorías establecidas no artigo 53.2 da Lei 6/2012, do 19 de xuño.

b) A desobediencia grave e reiterada dos acordos dos órganos do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia ou o incumprimento reiterado do presente regulamento.

c) A condena mediante sentenza firme pola comisión dun delito no caso de responsabilidade das persoas xurídicas segundo a lexislación penal vixente.

d) A promoción ou xustificación do odio ou violencia contra persoas físicas ou xurídicas, ou enaltecer ou xustificar por calquera medio os delitos de terrorismo ou de quen participase na súa execución, ou a realización de actos que entrañen descrédito, menosprezo ou humillación das vítimas dos delitos terroristas ou dos seus familiares.

e) A discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

2. O procedemento para a perda da condición de membro será iniciado pola Presidencia do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia logo de solicitalo, cando menos, un terzo das entidades que formen parte do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, agás no caso recollido na letra a) do número anterior, na cal o procedemento será iniciado de oficio pola Presidencia.

3. Iniciado o expediente, notificarase este á entidade afectada para os efectos de presentar cantas alegacións considere convenientes ao seu dereito, durante un prazo de 15 días hábiles, contado desde o día seguinte á recepción da notificación.

4. Logo de transcorrer este prazo, o expediente poñerase á disposición de todos/as os/as membros na Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, para ser debatido na seguinte xuntanza da Asemblea Xeral, que resolverá sobre a procedencia ou non da perda da condición de membro.

5. Con carácter previo á resolución da Asemblea Xeral prevista no número anterior, o Observatorio Galego de Xuventude, cando a Asemblea Xeral teña delegada a atribución recollida no artigo 56.1.h) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, poderá excluír provisionalmente, de xeito motivado, a entidade, logo de transcorrer o prazo establecido no número 3 deste artigo, exclusión que terá que ser ratificada pola Asemblea Xeral.

6. Contra as decisións de exclusión de membros aplicarase o réxime de recursos establecido no artigo 26 do presente regulamento.

CAPÍTULO III
Dereitos e obrigas

Artigo 7. Dereitos

Os/as membros do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia terán os seguintes dereitos:

a) Participar con voz e voto nos debates das sesións da Asemblea Xeral do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia e nas dos demais órganos colexiados de que sexan membros.

b) Propoñer aquelas iniciativas que consideren beneficiosas para a xuventude, que, logo de ser comunicadas á Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, deberán ser incorporadas á orde do día das xuntanzas da Asemblea Xeral.

c) Ser convocado/as pola Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia ás xuntanzas dos órganos de que formen parte.

d) Obter toda a información á disposición do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude Galicia que sexa necesaria para o exercicio da súa función.

e) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar calquera opinión dentro do respecto aos dereitos fundamentais.

f) Ser elixidos/as e a elixir os/as membros que formen parte dos órganos do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

g) Os demais previstos para os membros de órganos colexiados na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 8. Obrigas

Os/as membros do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia terán as seguintes obrigas:

a) Asistir ás xuntanzas da Asemblea Xeral, así como ás dos órganos do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia de que sexan membros.

b) Acatar as normas establecidas no presente regulamento, así como os acordos validamente adoptados polos órganos do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

c) Colaborar e participar activamente nos órganos do Consello Asesor e Consultivo da Xuventude de Galicia de que formen parte, contribuíndo ao cumprimento dos fins do Consello.

d) Respectar as opinións e manifestacións expresados polos/as demais membros do Consello, non proferir palabras nin verter conceptos ofensivos ao decoro ou dignidade dos/as demais membros do Consello.

e) Respectar a orde e a cortesía no desenvolvemento dos debates.

f) As demais que deriven, para os membros de órganos colexiados, da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

CAPÍTULO IV
Organización

Sección 1ª. Da organización do Consello Asesor e
Consultivo de Xuventude de Galicia

Artigo 9. Órganos do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia

1. O Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, para os efectos de garantir un eficaz funcionamento interno democrático, organízase en:

a) Órganos colexiados:

1º. A Asemblea Xeral.

2º. O Observatorio Galego da Xuventude, que actuará como comisión permanente.

b) Órganos unipersoais:

1º. A Presidencia.

2º. A Vicepresidencia.

2. En ningún caso a asistencia ás xuntanzas da Asemblea Xeral e do Observatorio ou, de ser o caso, dos grupos de traballo, dará dereito a ningunha percepción económica, sen prexuízo das indemnizacións por razón de servizo que se poidan percibir segundo a normativa autonómica vixente. Neste sentido, de tratarse de asistentes que, se for o caso, non se atopen dentro do ámbito de aplicación da citada normativa, estes poderán ser indemnizados nos mesmos termos e por idénticos importes que os previstos na normativa en cuestión, logo de resolución ditada para o efecto polo órgano de dirección competente en materia de xuventude.

3. Na composición dos órganos colexiados regulados neste regulamento, así como nos nomeamentos efectuados para os órganos unipersoais, procurarase acadar unha presenza equilibrada de persoas de ambos os dous sexos.

Sección 2ª. Dos órganos colexiados

Artigo 10. Da Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral, como órgano supremo de decisión do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, está integrada por todos/as os/as membros do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

2. O número de representantes de cada entidade na Asemblea Xeral será determinado pola propia Asemblea tendo en conta criterios obxectivos e equitativos, cun máximo de tres representantes por entidade.

Ata que se produza este acordo so existirá unha persoa representante por entidade e mais unha persoa substituta para os casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa xustificada.

3. En todo caso, os/as representantes e os/as substitutos/as designados/as deberán ter unha idade comprendida entre os 14 e os 30 anos, ambas as dúas incluídas, e ser membros da entidade que os/as designe.

Na designación dos/as representantes e das persoas substitutas, atenderase ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes, ao abeiro do disposto no artigo 53.4 da Lei 6/2012, do 19 de xuño.

4. As entidades do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia deberán nomear representante na Asemblea Xeral cando:

a) Se incorporen ao Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

b) O/A representante actual deixe de formar parte da entidade que o/a designou.

c) O/A representante actual alcance a idade máxima para ser membro do Consello.

d) A Asemblea Xeral modifique o número de representantes por entidade, co obxecto de dar cumprimento ao dito acordo.

e) Acorden cambiar o/a representante actual no Consello.

4. Os/as representantes das entidades poderán delegar o voto, de xeito individualizado para cada xuntanza, noutro/a representante da súa entidade ou doutra que sexa membro da Asemblea Xeral, sen que en ningún caso unha persoa representante poida ter máis dun terzo dos votos.

Esta delegación deberá ser comunicada por escrito á Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia coa suficiente anticipación.

As delegacións só poderán recaer nun/nunha representante que pertenza a unha entidade da mesma categoría, das recollidas no artigo 3.2 deste regulamento, que a entidade a que pertenza o/a representante que delegue.

Artigo 11. Funcións da Asemblea Xeral

1. Son funcións da Asemblea Xeral:

a) Aprobar as liñas xerais de actuación do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

b) Elaborar e elevar ao órgano de dirección competente en materia de xuventude as propostas que considere necesarias para mellorar a calidade de vida da xuventude galega.

c) Emitir os informes e ditames que lle sexan solicitados polos distintos órganos expresados na Lei 6/2012, do 19 de xuño.

d) Emitir informes sobre os proxectos de disposicións normativas promovidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que afecten a xuventude.

No caso de iniciativas lexislativas, o informe terá lugar no momento da participación regulada na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

No caso de disposicións administrativas de carácter xeral, terá lugar na fase intermedia nos termos do número 3 do artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

e) Designar, de entre os seus membros, os/as representantes do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia no Observatorio Galego de Xuventude.

f) Designar, de entre os seus membros, os/as representantes do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia no Consello da Xuventude de España e no Comité Galego de Políticas de Xuventude.

g) Aprobar a memoria anual do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

h) Admitir novos/as membros no Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia e determinar o número de representantes de cada entidade na Asemblea Xeral, así como proceder á exclusión de membros por motivos de grave incumprimento, nos termos establecidos neste regulamento.

i) As demais que correspondan ao Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia segundo a normativa vixente e que non estean atribuídas expresamente a outros órganos.

A Asemblea Xeral poderá delegar as atribucións sinaladas nas letras c), d) e h) anteriores, no Observatorio Galego da Xuventude, sen prexuízo da necesaria ratificación da Asemblea Xeral das admisións, inadmisións e exclusións de membros, que serán provisionais ata que se produza esta.

2. A Asemblea Xeral poderá constituír grupos de traballo específicos para o estudo e informe de problemáticas concretas, cuxos resultados serán presentados ante a Asemblea Xeral.

3. Dos acordos adoptados pola Asemblea Xeral darase traslado á consellería competente en materia de xuventude para o seu coñecemento e execución, a través da Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

Artigo 12. Do Observatorio Galego da Xuventude

1. No seo do Consello Asesor e Consultivo de Galicia actuará como comisión permanente o Observatorio Galego de Xuventude, que terá como obxectivo establecer un sistema de información permanente sobre a situación da xuventude en Galicia, proporcionando datos para realizar estatísticas e tomar decisións.

2. O Observatorio Galego de Xuventude estará formado polas persoas titulares da Presidencia, Vicepresidencia e Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, así como por nove vogais elixidos/as por e de entre os/as membros da Asemblea Xeral, que deberán nomear tamén outras tantas persoas substitutas para o caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa xustificada.

3. Os/as vogais do Observatorio poderán delegar o voto, de xeito individualizado para cada xuntanza, noutro/a vogal do Observatorio, sen que en ningún caso un/unha único/a vogal poida ter máis dun terzo dos votos.

Esta delegación deberá ser comunicada por escrito á Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia coa suficiente anticipación.

4. A duración do mandato dos/as vogais do Observatorio Galego de Xuventude será de dous anos e poderán ser reelixidos/as unha soa vez.

5. A perda da condición de vogal do Observatorio Galego de Xuventude producirase cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

a) Renuncia anticipada, tras a oportuna comunicación á Asemblea Xeral.

b) Perda da condición de representante da entidade membro do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

c) Perda, por parte da entidade que representa, da súa condición de membro do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia

d) Finalización do mandato.

e) Falecemento ou declaración xudicial de incapacidade.

6. No caso de quedar vacante algunha vogalía, deberá procederse á súa cobertura mediante o procedemento establecido, no prazo máximo de dous meses.

Artigo 13. Funcións do Observatorio Galego de Xuventude

Son funcións do Observatorio Galego de Xuventude:

a) Presentar, con carácter anual, informes de conxuntura xuvenil en que se reflictan as principais variables sociais e se formulen propostas e recomendacións tendentes a promover o desenvolvemento das políticas xuvenís en Galicia, especialmente en materia de emprego e vivenda.

b) Estudar os asuntos que deban ser debatidos pola Asemblea Xeral.

c) Elaborar o proxecto de programa anual de actividades, así como o proxecto da memoria anual.

d) Elaborar os proxectos de informe e ditame que deban ser emitidos pola Asemblea Xeral.

e) Exercer as atribucións que lle sexan delegadas pola Asemblea Xeral.

f) Coordinar as tarefas encomendadas ás comisións de traballo, de ser o caso.

g) Asistir a Presidencia na elaboración da orde do día das xuntanzas da Asemblea Xeral.

h) Admitir ou inadmitir, de forma provisional, novas entidades que soliciten a súa admisión no Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, cando a Asemblea Xeral teña delegada esta atribución.

i) Calquera outra recollida de forma expresa no presente regulamento.

Sección 3ª. Dos órganos unipersoais do Consello Asesor e
Consultivo de Xuventude de Galicia

Artigo 14. Presidencia

1. A Presidencia do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia será exercida pola persoa elixida por maioría, por e de entre os/as membros da Asemblea Xeral.

2. Calquera membro da Asemblea Xeral poderá presentarse e ser elixido/a para exercer a Presidencia do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

Para estes efectos, as candidaturas deberán presentarse ante a Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, cunha anticipación mínima de dez días hábiles á data sinalada para a realización da xuntanza en que se proceda a debater este asunto. Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas, a documentación referente a elas estará á disposición dos membros na Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

3. A Presidencia do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia exercerá tamén a presidencia de todos os seus órganos colexiados.

4. O mandato estará limitado a dous anos e poderá ser obxecto de reelección unha soa vez.

5. O mandato da Presidencia terminará por algunha das seguintes causas:

a) Finalización do prazo máximo de mandato.

b) Perda da condición de representante da entidade membro do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

c) Perda, por parte da entidade que representa, da súa condición de membro do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

d) Renuncia, tras a oportuna comunicación á Asemblea Xeral.

e) Falecemento ou declaración xudicial de incapacidade.

6. De quedar vacante a Presidencia por calquera causa, a Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia deberá convocar, no prazo máximo de dous meses, unha xuntanza extraordinaria para os efectos de nomear outra persoa que ocupe o posto da Presidencia.

Para estes efectos, as candidaturas deberán presentarse ante a Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, cunha anticipación mínima de dez días hábiles á data sinalada para a realización da xuntanza en que se proceda a debater este asunto.

Ata este momento, a persoa titular da Vicepresidencia do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia ocupará a Presidencia en funcións.

7. Son funcións da Presidencia:

a) Exercer a representación do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

b) Acordar a convocatoria das xuntanzas ordinarias e extraordinarias e fixar a orde do día da Asemblea Xeral e do Observatorio, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa suficiente anticipación.

c) Presidir as xuntanzas da Asemblea Xeral e do Observatorio, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Impulsar a actividade dos órganos do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

e) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

f) Dar cumprimento aos acordos da Asemblea Xeral e do Observatorio.

g) Visar as actas e certificacións dos acordos da Asemblea e do Observatorio.

h) As demais que lle correspondan de acordo coa Lei 16/2010, de 17 do decembro.

Artigo 15. Vicepresidencia

1. A Vicepresidencia do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia será exercida pola persoa nomeada pola Presidencia de entre os/as membros do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

Deste nomeamento darase conta á Asemblea Xeral a través da Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

2. A Vicepresidencia do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia exercerá tamén a vicepresidencia de todos os seus órganos colexiados.

3. O mandato estará limitado a dous anos e poderá ser obxecto de reelección unha soa vez.

4. O mandato da Vicepresidencia terminará por algunha das seguintes causas:

a) Finalización do prazo máximo de mandato.

b) Perda da condición de representante da entidade membro do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

c) Perda, por parte da entidade que representa, da condición de membro do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

d) Renuncia, tras a oportuna comunicación á Asemblea Xeral e á Presidencia.

e) Falecemento ou declaración xudicial de incapacidade.

f) Cando cese, por calquera causa, o/a presidente/a, sen prexuízo do mantemento nas súas funcións ata o nomeamento do/a novo/a presidente/a.

5. Son funcións da Vicepresidencia:

a) A substitución da Presidencia nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

b) Asistir a Presidencia nas tarefas propias daquela.

c) Aquelas que lle sexan delegadas pola Presidencia.

Artigo 16. Secretaría

1. Actuará como secretario/a, tanto da Asemblea Xeral como do Observatorio, un/unha empregado/a público/a designado/a polo órgano de dirección competente en materia de xuventude, que actuará con voz e sen voto.

2. Corresponde ao/á secretario/a:

a) Preparar e cursar a orde do día e notificar as convocatorias das xuntanzas da Asemblea Xeral e do Observatorio, de acordo coas instrucións do presidente ou presidenta.

b) Asistir, con voz pero sen voto, ás sesións da Asemblea Xeral e do Observatorio e elaborar as actas destas.

Nas actas das xuntanzas recolleranse os asistentes, a orde do día da sesión, as circunstancias do lugar e tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións, as liñas xerais das intervencións, as propostas formuladas con indicación do nome do/a representante e entidade a que pertenza, as votacións producidas e os seus resultados. Na acta figurará a solicitude dos membros do órgano, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro terá dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que se refira a algún dos puntos da orde do día e presente no acto, ou no prazo que sinale a presidencia, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, facéndose constar así na acta ou uníndose copia a esta. As actas serán asinadas pola Secretaría, co visto e prace da Presidencia, e serán aprobadas na seguinte xuntanza, para o cal todas as entidades contarán previamente con copia delas, que se enviará coa convocatoria da devandita xuntanza.

c) Recibir os actos de comunicación dos/as membros cos órganos e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

d) Desenvolver as tarefas administrativas do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

e) Expedir as certificacións oficiais dos contidos dos acordos, ditames, votos particulares e outros documentos confiados á súa custodia, co visto e prace do presidente ou presidenta.

f) Realizar as tarefas de apoio que precisen os órganos colexiados do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

g) Cursar as solicitudes de admisión das entidades no Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia

h) Levar un rexistro de persoas representantes das entidades nos distintos órganos do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

i) Dar traslado aos órganos correspondentes, co visto e prace da Presidencia, dos acordos da Asemblea Xeral.

j) As demais tarefas que expresamente se lle atribúan no presente regulamento e as que sexan inherentes á súa condición de secretaria ou secretario, así como todas as demais recollidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

CAPÍTULO V
Funcionamento dos órganos colexiados

Sección 1ª. Disposicións comúns

Artigo 17. Idade e acreditación dos/as representantes

1. Os/as representantes das entidades nos órganos colexiados do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia deberán ter necesariamente unha idade comprendida entre os 14 e os 30 anos, ambas incluídas.

2. Os/as representantes acreditaranse mediante a exhibición do documento nacional de identidade (DNI) ou documento equivalente.

3. A Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia comprobará que o/a representante se encontra inscrito/a no rexistro de representantes.

Artigo 18. Dos debates

1. Ao comezo das xuntanzas dos órganos colexiados a Presidencia preguntará se o/a representante dalgunha entidade ten que formular observacións á acta da xuntanza anterior distribuída coa convocatoria. De non formularse observacións, considerarase aprobada. Se as houber, debateranse e decidiranse as rectificacións que procedan.

En ningún caso poderá modificarse o fondo dos acordos adoptados e só caberá emendar os simples erros materiais ou de feito.

As observacións e rectificacións quedarán consignadas na acta da xuntanza.

2. Todos os asuntos se debaterán e se votarán pola orde en que estivesen relacionados na orde do día.

3. Nas xuntanzas ordinarias exclusivamente, concluído o exame dos asuntos incluídos na orde do día e antes de pasar á quenda de rogos e preguntas, a Presidencia preguntará se alguén desexa someter á consideración do órgano colexiado, por razóns de urxencia, algún asunto non comprendido na orde do día que acompañaba a convocatoria e que non teña cabida no punto de rogos e preguntas. Terá o nome de moción.

A persoa que propoña unha moción deberá xustificar a súa urxencia e o órgano colexiado deberá votar, acto seguido, sobre a procedencia do seu debate. Se o resultado da votación for afirmativo por maioría e estiveren presentes todos os membros do órgano, poderá discutirse e votarse sobre o asunto.

4. Calquera representante no órgano colexiado poderá pedir, durante o debate, a retirada dalgún asunto para que se incorporen documentos ou informes ou tamén que se deixe a súa discusión para outra xuntanza. En ambos os casos a petición será votada tras terminar o debate e antes de proceder á votación sobre o fondo do asunto. Se a maioría votar a favor da petición, non haberá lugar a votar a proposta de acordo.

5. A consideración de cada punto incluído na orde do día comezará coa lectura, íntegra ou en extracto, pola Secretaría do asunto.

6. Logo da lectura pasarase ao debate e as intervencións serán ordenadas pola Presidencia segundo as seguintes regras:

a) Só se pode facer uso da palabra logo da autorización da Presidencia.

b) O debate comezará cunha exposición e xustificación da proposta, a cargo dalgún/dalgunha vogal do Observatorio Galego de Xuventude que estudase o asunto, ou dalgún/dalgunha representante na Asemblea Xeral que subscriba a proposta.

c) A continuación, calquera representante na Asemblea Xeral pode solicitar a palabra e presentar emendas. A Presidencia concederá a palabra a todas as persoas representantes que o soliciten, sen prexuízo de moderar a duración e o número das intervencións.

d) Non se admitirán máis interrupcións que as da Presidencia para chamar á orde ou á cuestión debatida.

e) A Presidencia pode chamar á orde a calquera representante que:

1ª. Profira palabras ou verta conceptos ofensivos ao decoro do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia ou dos/das seus/súas membros, de institucións públicas ou de calquera outra persoa ou entidade.

2ª. Provoque interrupcións ou, de calquera outra forma, altere a orde das xuntanzas.

3ª. Pretenda facer uso da palabra sen que lle fose concedida ou unha vez que lle fose retirada.

Tras tres chamadas á orde na mesma xuntanza, con advertencia na segunda das consecuencias dunha terceira chamada, a Presidencia poderá ordenarlle que abandone o local en que se realice a xuntanza.

7. Terminado o debate, someterase a votación o asunto e, de ser o caso, as emendas presentadas.

8. A votación poderá realizarse por bloques, para o mellor desenvolvemento dos debates, e as persoas que presentaron as emendas poderán solicitar votación separada dalgunha delas.

A continuación someterase a votación o asunto coas emendas aprobadas e incorporadas a el.

Artigo 19. Das votacións

1. As votacións realizaranse ordinariamente a man alzada, salvo que un terzo das entidades do órgano colexiado solicite expresamente que a votación sexa secreta, mediante papeletas.

Calquera representante que así o desexe pode solicitar á Secretaría que conste o sentido do seu voto.

2. O voto pode emitirse en sentido afirmativo ou negativo e os/as representantes do Consello Asesor e Consultivo da Xuventude de Galicia poderán absterse de votar.

Entenderase que se absteñen aquelas persoas que abandonen a xuntanza no momento da votación.

3. As votacións terán lugar a porta pechada, non poderán interromperse e non poderá incorporarse ningún representante unha vez comezadas.

4. Os acordos serán adoptados cando obteñan maioría simple dos votos, isto é, máis votos afirmativos ca negativos, coas especialidades que, respecto da Asemblea Xeral se establecen no artigo seguinte. De producirse un empate, decidirá o voto de calidade da Presidencia.

5. Logo de rematar a votación, a Presidencia declarará o acordado.

6. Os acordos adoptados pola Asemblea Xeral e o Observatorio serán executivos desde o mesmo momento da súa adopción, con independencia das correccións que se poidan realizar no momento da aprobación da acta.

Artigo 20. Especialidades para a votación no seo da Asemblea Xeral

1. Cada representante dunha entidade terá un voto, sen prexuízo de que as categorías de entidades sinaladas nas letras a) e c) do artigo 53.2 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, dispoñán do 60 % da representación dos votos na Asemblea Xeral.

2. Para dar cumprimento á ponderación de voto expresada no número anterior, as votacións realizaranse por categorías de entidades, de tal xeito que a opción que obteña a maioría dos votos dentro de cada categoría de entidade terá a porcentaxe total de voto asignada á dita categoría.

3. As porcentaxes de representación de voto de cada categoría son:

a) Para as entidades sinaladas no artigo 53.2.a) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, o 35 % da representación de voto.

b) Para as entidades sinaladas no artigo 53.2.b) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, o 10 % da representación de voto.

c) Para as entidades sinaladas no artigo 53.2.c) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, o 25 % da representación de voto.

d) Para as entidades sinaladas no artigo 53.2.d) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, o 5 % da representación de voto.

e) Para as entidades sinaladas no artigo 53.2.e) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, o 5 % da representación de voto.

f) Para as entidades sinaladas no artigo 53.2.f) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, o 10 % da representación de voto.

g) Para as entidades sinaladas no artigo 53.2.g) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, o 10 % da representación de voto.

4. No caso de se realizar unha votación mediante papeletas, deberá habilitarse unha urna por cada categoría de entidade, co obxecto de respectar o establecido no número anterior.

5. Os acordos serán adoptados cando obteñan a maioría simple da representación de voto, isto é, cando obteñan a maior porcentaxe de representación de voto.

Sección 2ª. Funcionamento da Asemblea Xeral

Artigo 21. Réxime de xuntanzas

1. A Asemblea pode reunirse con carácter ordinario ou extraordinario.

2. A Asemblea reunirase ordinariamente unha vez cada semestre.

3. A Asemblea extraordinaria reunirase cando sexa necesario mediante convocatoria da Presidencia ou por proposta do Observatorio Galego de Xuventude, ou cando o solicite, coa exposición dos asuntos que se van tratar, un terzo dos membros do Consello Asesor e Consultivo da Xuventude de Galicia.

4. A convocatoria da Asemblea ordinaria será expedida cun mes de anticipación, como mínimo, e a das extraordinarias serao, cando menos, con quince días naturais.

Ambas as convocatorias se realizarán por escrito dirixido a cada entidade do Consello Asesor e Consultivo da Xuventude de Galicia, indicando a correspondente orde do día. Será válida a comunicación por correo electrónico, sempre que se cumpran os requisitos establecidos no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

A orde do día e a acta da xuntanza anterior serán enviados xunto coa convocatoria.

O resto da documentación pertinente estará á disposición dos/as membros na Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

5. A orde do día da Asemblea Xeral ordinaria fíxaa a Presidencia tendo en conta as propostas do Observatorio Galego de Xuventude e as peticións formuladas polas entidades.

No caso da Asemblea extraordinaria, a orde do día conterá necesariamente aqueles puntos que motivasen a petición da convocatoria.

Artigo 22. Quórum

1. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando estean presentes, cando menos, o/a presidente/a e o/a secretario/a ou, de ser o caso, aqueles/as que os/as substitúan e a metade dos/as representantes das entidades do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

2. En segunda convocatoria, unha hora máis tarde, a Asemblea Xeral quedará validamente constituída cando estea presente ao menos un terzo dos/as representantes das entidades do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, sempre que estean presentes o/a o/a presidente/a e o/a secretario/a ou, de ser o caso, aqueles/as que os/as substitúan.

3. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída, aínda que non se cumpran os requisitos da convocatoria e quórum, se os/as representantes de todas as entidades do Consello Asesor e Consultivo da Xuventude de Galicia se reúnen e así o acordan por unanimidade.

Sección 3ª. Funcionamento do Observatorio Galego de Xuventude

Artigo 23. Réxime de xuntanzas

1. O Observatorio Galego de Xuventude pode reunirse con carácter ordinario ou extraordinario.

2. O Observatorio Galego de Xuventude reunirase ordinariamente cada dous meses.

Así mesmo, reunirase cando sexa necesario mediante convocatoria da Presidencia ou cando o soliciten coa exposición dos asuntos que se van tratar, un terzo dos/as vogais do Observatorio Galego de Xuventude.

3. A convocatoria das xuntanzas ordinarias e extraordinarias será expedida cunha semana de anticipación, como mínimo, de xeito que se asegure a súa recepción no prazo mínimo establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro. Ambas as convocatorias se realizarán por escrito dirixido a cada membro do Observatorio Galego de Xuventude, no cal se indicará a correspondente orde do día.

Será válida a comunicación por correo electrónico sempre que se cumpran os requisitos establecidos no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

A orde do día e a acta da xuntanza anterior serán enviados xunto coa convocatoria.

O resto da documentación pertinente estará á disposición dos membros na Secretaría do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

4. A orde do día das xuntanzas ordinarias fíxaa a Presidencia tendo en conta as peticións dos/as vogais do Observatorio Galego de Xuventude.

No caso das xuntanzas extraordinarias, a orde do día conterá necesariamente aqueles puntos que motivasen a petición da convocatoria.

Artigo 24. Quórum

1. O Observatorio Galego de Xuventude quedará validamente constituído en primeira convocatoria cando estean presentes, cando menos, o/a presidente/a e o/a secretario/a ou, de ser o caso, aqueles/as que os/as substitúan e cinco dos/as seus/súas vogais.

2. En segunda convocatoria, unha hora máis tarde, o Observatorio Galego de Xuventude quedará validamente constituído cando estea presente ao menos un terzo dos/as vogais, garantindo a presenza do/a presidente/a e secretario/a ou de quen legalmente os/as substitúa.

3. As xuntanzas do Observatorio Galego de Xuventude quedarán validamente constituídas, aínda que non se cumpran os requisitos de convocatoria, se todos/as os/as membros da citada comisión permanente se reúnen e así o acordan por unanimidade.

CAPÍTULO VI
Réxime xurídico

Artigo 25. Forma e natureza dos acordos

1. Os acordos emanados do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia adoptarán a forma de ditames, informes, propostas ou memorias e terán, como regra xeral, unha natureza non preceptiva nin vinculante, salvo que unha norma con rango de lei así o estableza.

2. Será preceptivo o informe recollido no artigo 6.6 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, así como o previsto no artigo 56.1.d) da devandita lei.

3. Os ditames, informes, propostas ou memorias, polo seu carácter consultivo e non vinculante, non serán susceptibles de recurso.

Artigo 26. Réxime de recursos

1. As resolucións e actos da presidencia a que se refire o artigo 107.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, poderán ser impugnadas en alzada polos membros do Consello ante a Asemblea Xeral, nos termos dos artigos 114 e 115 da devandita lei.

2. As resolucións e actos da Asemblea Xeral suxeitos ao dereito administrativo e, en particular, as admisións, inadmisións e exclusións de membros, porán fin á vía administrativa e serán impugnables en reposición polas entidades afectadas no prazo dun mes contado desde o día seguinte a aquel en que se notifique a resolución ou de tres meses no caso de que o acto sexa presunto, ou ben poden ser impugnados directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa nos termos do artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.