Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 27 de maio de 2014 Páx. 23904

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 5 de maio de 2014, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada e o estudo de impacto ambiental para unha planta de tratamento previo de residuos oleosos, promovida por Procesoil, S.L., no concello de Ferrol (A Coruña). Clave do expediente: 2014-IPPC-I-12.

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE nº 157, do 2 de xullo) e na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE nº 296, do 11 de decembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:

– «Proxecto básico e estudo de impacto ambiental dun centro de tratamento previo de residuos oleosos. Emprazamento Porto Exterior de Ferrol. Abril de 2014».

Co fin de que calquera interesado poida consultala e, se é o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que estime convenientes. Os citados documentos estarán á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (r/ San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais poderán consultalos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:

(http://www.cmati.xunta.es/ >>medio ambiente e sostibilidade >>prevención e control de actividades >>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2014

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I
Memoria resumo

Clave do expediente: 2014-IPPC-I-12.

Peticionaria: Procesoil, S.L.

Domicilio social: rúa dos Muiñeiros nº 9, Pol. Ind. Río do Pozo, Narón (A Coruña).

Localización da instalación: Porto Exterior de Ferrol.

Actividade: planta de nova construción para levar a cabo un sistema de tratamento previo de residuos líquidos oleosos procedentes de embarcacións e doutros residuos hidrocarburados e aceites de orixe industrial. O tratamento previo consiste nun conxunto de operacións para homoxeneizar a composición e características dos residuos.

Descrición: a xestión levada a cabo na planta ten por obxecto a separación e extracción da auga e dos restos sólidos dos residuos hidrocarburados mediante os procesos de decantación con tratamento térmico, a ruptura de emulsións existentes e floculación (tratamento químico) e centrifugación e filtración (tratamento físico).

Verteduras: as augas industriais separadas no acondicionamento das verteduras e o resto dos efluentes xerados no proceso industrial serán tratadas na estación depuradora de augas residuais da planta para a súa posterior vertedura ao dominio público marítimo terrestre, a través dun entroncamento coa rede de augas pluviais do porto de Ferrol.

As augas procedentes dos aseos e vestiarios da planta serán vertidas directamente sen tratamento á rede de saneamento do porto de Ferrol.

As augas pluviais diferéncianse segundo a zona de recollida:

• No cubeto de almacenamento de tanques: serán enviadas ao sistema de tratamento da planta se se detecta contaminación derivada dalgún incidente, senón directamente á rede de pluviais.

• Nas cubertas e en zonas distintas dos almacenamentos: directamente á rede de pluviais.