Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Xoves, 22 de maio de 2014 Páx. 23077

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2014 pola que se fai pública a convocatoria para a autorización dos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia para a participación no programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado, CUALE.

A Orde do 12 de maio de 2011, DOG do 20 de maio, establece as bases reguladoras do programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado, CUALE, nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na sección terceira da citada orde descríbese o procedemento de autorización dos centros: solicitude, documentación, lugar e prazo de presentación.

Ademais, na disposición derradeira primeira, autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde no seu ámbito competencial.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente resolución ten por obxecto realizar a convocatoria para o curso 2014/15 de autorización da impartición do programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado, CUALE, nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Forma de presentación, lugar e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. Así mesmo, as persoas representantes dos centros educativos solicitantes poderán completar «en liña» o formulario electrónico na aplicación dispoñible na epígrafe Linguas estranxeiras, programa CUALE (http://www.edu.xunta.es/programaseducativos). Unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación, o que xerará un documento en formato Adobe Acrobat que a persoa representante deberá imprimir e asinar. Presentaranse en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

Se a solicitude se remite por correo, será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que na oficina de Correos se faga constar o selo e a data antes de proceder a súa certificación postal.

3. As solicitudes deberán dirixirse á xefatura territorial correspondente antes do 10 de xuño de 2014. A xefatura territorial trasladará, antes do 30 de xuño de 2014, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a documentación recibida xunto cos informes dos servizos provinciais de inspección educativa, nos cales se fará constar a dispoñibilidade horaria do profesorado que vai impartir a modalidade.

4. Xunto coa solicitude deberán achegar: certificación da aprobación da solicitude por parte do consello escolar, título de funcionario de carreira e acreditación de destino definitivo no centro do profesorado que impartirá a docencia e certificación da dirección do centro do número de alumnos e alumnas preinscritos en cada modalidade do programa.

Artigo 3. Avaliación e certificación

1. O profesorado responsable desta formación realizará probas ao remate do curso correspondente a cada modalidade.

2. A superación das devanditas probas suporá a expedición por parte do centro de dous tipos de certificación:

a) Certificado do nivel básico A1 de competencia no CUALE A1.

b) Certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación das EEOOII, no resto das modalidades.

3. Para a avaliación positiva do curso será preciso ter unha cualificación igual ou maior de 5, sobre 10, nas probas de aproveitamento.

4. No caso de non ter avaliación positiva no curso, o alumnado poderá inscribirse na mesma modalidade por segunda e última vez.

Artigo 4. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2014

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa