Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Mércores, 21 de maio de 2014 Páx. 22915

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2014, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se anuncia a aprobación das bases definitivas da zona de concentración parcelaria de Baión (Vilanova de Arousa).

Ponse en coñecemento dos interesados na concentración parcelaria da zona de Baión (Vilanova de Arousa-Pontevedra), declarada de utilidade pública e urxente execución polo Decreto 112/2000, do 5 de maio (DOG número 97, do 20 de maio), que a xunta local da zona, na súa reunión do 6 de maio de 2014, unha vez introducidas as modificacións oportunas, á vista do resultado da enquisa das bases provisionais, aprobou as bases definitivas, que lle serán notificadas individualmente a cada un dos afectados e que estarán expostas ao público no Concello de Vilanova de Arousa e na zona, durante o prazo de trinta días, de conformidade co establecido na Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro.

Os documentos que se poden examinar no concello refírense á determinación do perímetro, á clasificación de terras, á fixación dos coeficientes que servirán de base para facer as compensacións que sexan necesarias e á determinación de propietarios e titulares de gravames e outras situacións xurídicas das cales se declara formalmente a súa titularidade.

Contra estas bases os interesados poderán interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo de trinta días (segundo o disposto na Lei 10/1985, do 14 de agosto), que contarán a partir do día seguinte ao da notificación persoal ou publicación substitutiva. Os recursos poderán presentarse nesta xefatura territorial (Edificio Administrativo, rúa Fernández Ladreda, 43, Pontevedra), nas oficinas centrais da consellería (San Caetano, s/n, Santiago de Compostela) ou en calquera das dependencias a que fai referencia o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Pontevedra, 7 de maio de 2014

Miguel A. Pérez Dubois
Xefe territorial de Pontevedra