Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 9 de maio de 2014 Páx. 21110

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 29 de abril de 2014 pola que se amplía o crédito da Orde do 16 de xaneiro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (IN519B).

A través da Orde do 16 de xaneiro de 2014 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro), convocáronse para o ano 2014 as axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva.

O artigo 2 da parte dispositiva da Orde do 16 de xaneiro de 2014, relativo ao crédito orzamentario destinado ás axudas, establece que se destinará unha contía de 3.000.000,00 euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.732A.760.0, e considera a posibilidade de incrementar as ditas cantidades en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, non supoñendo este feito a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Para a tramitación dos expedientes de axuda desta convocatoria o crédito orzamentario inicial deberase incrementar para atender as necesidades de fondos para a súa tramitación. Polo que procede a oportuna modificación orzamentaria incorporando crédito na aplicación 08.03.732-A 760.0 «Actuacións para infraestruturas en polígonos industriais» por un importe total de 1.173.564,60 €.

En consecuencia, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificar o artigo 2 da parte dispositiva da Orde da Consellería de Economía e Industria do 16 de xaneiro de 2014, no referente ao crédito orzamentario destinado, incrementando este en 1.173.564,60 euros, pasando de 3.000.000,00 euros á cantidade final de 4.173.564,60 euros.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2014

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía e Industria