Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 6 de maio de 2014 Páx. 20454

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2014 pola que se convoca un curso de preparación na modalidade de teleformación cara á obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, para responsables de aulas CeMIT e persoal de entidades colaboradoras e de acción voluntaria que teñan asinado convenio en vigor coa Amtega e desenvolvan actividades de alfabetización dixital.

Dentro do programa de actividades formativas que a Amtega ten previsto realizar no ano 2014 a través da rede CeMIT, e de acordo coas actuacións e obxectivos do Plan de inclusión dixital de Galicia, anúnciase a convocatoria dun curso de preparación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática para responsables de aulas CeMIT e persoal de entidades colaboradoras e de acción voluntaria que realicen actividades de alfabetización dixital, que se desenvolverá de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxectivo

Adquirir as capacidades que constitúen o Plan formativo ofimática de Galicia, para a posterior dinamización e titorización da cidadanía cara á obtención da certificación galega de competencias dixitais reguladas pola Orde do 29 de abril de 2014, pola que se habilita e autoriza a Rede de centros para a modernización tecnolóxica (Rede CeMIT) para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

Segunda. Destinatarios

1. Responsables de aula da Rede CeMIT.

2. Persoal de entidades colaboradoras e de entidades de acción voluntaria que teñan asinado convenio en vigor coa Amtega.

Terceira. Requisitos das persoas participantes

a) Estar inscritas como usuarias da Rede CeMIT.

b) Acreditar a súa pertenza a algún dos grupos destinatarios desta formación: responsables de aulas CeMIT, persoal de entidades colaboradoras e de entidades de acción voluntaria que teñan asinado convenio en vigor coa Amtega.

Cuarta. Organización do curso

a) Número de prazas: 180.

b) Duración: 12 semanas (190 horas lectivas).

c) Modalidade: teleformación titorizada a través da plataforma EMA da Rede CeMIT.

d) Datas: desde o 19 de maio ata o 28 de xullo de 2014.

Quinta. Solicitudes

1. As persoas que desexen participar neste curso inscribiranse na plataforma de xestión de aulas XEA co seu usuario persoal, baixo a actividade sinalada coa tipoloxía «Competencia dixital-colaboradores».

2. Ademais, deberase presentar certificación, asinada pola persoa responsable da entidade local e/ou da entidade colaboradora, na cal se acredite que as persoas solicitantes pertencen a algún dos grupos destinatarios desta actividade, mediante un correo electrónico dirixido ao enderezo formacion-cemit@xunta.es, sen prexuízo do dereito á presentación desta de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de mais dunha solicitude por concello ou entidade colaboradora, a devandita certificación establecerá a proposta de prioridade para a súa participación no curso.

3. O prazo para a presentación de solicitudes e documentación complementaria, rematará o día 12 de maio de 2014, ás 14.00 horas.

4. A inscrición dos participantes será gratuíta.

Sexta. Criterios de selección

1. Unha persoa de cada unha das 98 aulas que integran a Rede CeMIT.

2. Unha persoa de cada unha das entidades colaboradoras da Rede CeMIT e de entidades de acción voluntaria que teñan asinado convenio en vigor coa Amtega.

3. As prazas restantes distribuiranse seguindo os seguintes criterios:

1º. Terán prioridade as persoas das aulas CeMIT. Neste caso empregarase como criterio de admisión, ademais da prelación establecida polo representante legal da entidade local, o nivel de actividade de alfabetización dixital impartida pola aula CeMIT no ano inmediatamente anterior, previamente rexistrada na plataforma de xestión integral de centros CeMIT (XEA).

2º. As prazas vacantes distribuiranse entre as solicitudes das entidades colaboradoras, dando prioridade a aquelas que veñan desenvolvendo actividades de alfabetización dixital na Rede CeMIT nos últimos dous anos.

Sétima. Relación de persoas admitidas

A relación de persoas admitidas así como de posibles reservas publicarase o día 14 de maio de 2014 na páxina web da Rede CeMIT (http://cemit.xunta.es); deberán confirmar a súa asistencia no teléfono 981 95 71 36 ou no correo electrónico formacion-cemit@xunta.es no prazo de dous días hábiles desde a súa publicación e/ou notificación.

Ademais, quen facilite os seus datos na solicitude recibirá información da súa selección a través do correo electrónico da citada plataforma de xestión de aulas.

Oitava. Contido

No curso desenvolveranse os seguintes temas:

• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas).

• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer (30 horas).

• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas).

• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas).

• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas).

O temario para a avaliación será o descrito no módulo formativo MF0233_2 «Ofimatica» (190 horas), asociado á unidade de competencia UC0233_2 Manexar aplicacións ofimática na xestión da información e as documentacións, do Catálogo nacional de cualificacións. As capacidades e criterios de avaliación do dito módulo formativo poden consultarse no Real decreto 558/2011, do 20 de abril, polo que se complementa o Catálogo nacional de cualificacións profesionais, mediante o establecemento de dúas cualificacións profesionais correspondentes á familia profesional de Administración e Xestión (BOE número 109, de 7 de maio).

Novena. Probas de avaliación de carácter libre

As persoas que completen a totalidade do curso de preparación dentro do prazo establecido, poderán optar voluntariamente a realizar a proba final presencial recollida no artigo 6 da Orde do 29 de abril de 2014 pola que se habilita e autoriza á Rede de centros para a modernización tecnolóxica (Rede CeMIT) para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

A dita proba presencial celebrarase nos lugares e datas que se establezan na posterior convocatoria que será publicada na web http:\\cemit.xunta.es, xunto coas condicións de realización e demais características da dita proba.

Décima. Facultades da Amtega

a) Resolver aquelas incidencias que se poidan producir no desenvolvemento e xestión das probas de avaliación. Así mesmo, correspóndelle prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

b) Modificar o desenvolvemento e contido das probas, as datas e os lugares, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

c) Expedir a certificación galega de competencias dixitais en ofimática a todas aquelas persoas que superen a proba da avaliación final presencial, segundo o modelo normalizado aprobado pola Orde do 27 de decembro de 2011 (DOG nº 248, do 29 de decembro).

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2014

María del Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia