Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 6 de maio de 2014 Páx. 20433

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 28 de abril de 2014 pola que se aproban as bases que rexen as subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia para a promoción da información xuvenil e para a realización de actividades dirixidas á xuventude no ámbito da educación non formal e da participación durante o ano 2014 e se procede á súa convocatoria.

O Decreto 235/2012, do 5 de decembro, fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e na Consellería de Traballo e Benestar un dos órganos de dirección é a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

De acordo co Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de xuventude, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, o fomento da participación da xuventude na vida social, a coordinación e supervisión do funcionamento das instalacións xuvenís, tanto as propias da Consellería como as dependentes doutras entidades, a prestación da asistencia técnica necesaria para dar un servizo de calidade e o seguimento na xestión da Rede galega de información e documentación xuvenil e a súa promoción e desenvolvemento.

Pola súa parte, a Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, establece, no seu artigo 1.2, que as políticas públicas dirixidas á xuventude terán como finalidade mellorar a calidade de vida da xente nova, especialmente a través do acceso á información en materia xuvenil e mediante a participación activa dos mozos e mozas no desenvolvemento sustentable, económico e social da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, no seu artigo 3.i) establece a información e formación continua como un dos principios reitores da lei, sinalando que estes principios son garantía e presuposto previo da participación da xuventude.

Tamén establece a citada lei, no seu artigo 48, que as administracións públicas fomentarán a participación da mocidade no seu sentido máis amplo, para así lexitimar e dotar de maior coherencia as políticas de mocidade, adaptándoas á realidade xuvenil de cada momento.

A Consellería de Traballo e Benestar entende que, para lograr unha verdadeira participación da xuventude nos diferentes ámbitos da sociedade actual, é fundamental promover actuacións e canles dirixidas a garantir o acceso a unha información ampla e actualizada dirixida á xuventude, prestando apoio ás accións que neste sentido emprendan os concellos dentro da súa competencia e ámbito territorial. Igualmente, considérase necesario apoiar proxectos que desenvolvan as entidades locais e que vaian dirixidos a facilitar a participación da xuventude en actividades de educación non formal tendo en conta as competencias e aptitudes que derivan desta, sobre todo de cara a mellorar a empregabilidade das mozas e dos mozos galegas e galegos.

Nesta orde inclúense medidas tendentes a garantir o cumprimento das disposicións previstas nos artigos 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006; e no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, no relativo á publicación das axudas concedidas.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas ás entidades locais de Galicia, para a promoción da información xuvenil e para a realización de actividades dirixidas á xuventude no ámbito da educación non formal e da participación e proceder á súa convocatoria para o ano 2014 en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Entidades locais beneficiarias

1. Poderán solicitar estas axudas os concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade para estes efectos e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar as axudas que regula esta orde. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

3. Ningún concello ou entidade local dos sinalados nos puntos anteriores poderá:

a) Presentar a solicitude de subvención se o fixo unha entidade local na cal estean integrados ou da cal dependan.

b) Figurar en máis dunha solicitude colectiva das que sinala o punto 2.

c) Figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual.

4. O incumprimento destas normas dará lugar á non admisión de todas as solicitudes individuais de subvención subscritas pola entidade de que se trate, dando validez á solicitude realizada de forma conxunta. No caso de figurar en máis dunha solicitude conxunta, non será admitida ningunha delas.

5. Aquelas solicitudes conxuntas presentadas en calquera das modalidades previstas nos puntos anteriores, nas cales non se acredite suficientemente a realización conxunta do proxecto obxecto de subvención, e que supoñan realmente actuacións independentes de cada entidade local, non serán admitidas a trámite.

6. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades locais que non estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, ou teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 3. Finalidade da subvención

1. Potenciar a información xuvenil a través dos servizos municipais de información xuvenil integrados na Rede galega de información xuvenil.

2. Fomentar as actividades de educación non formal dirixidas á mocidade e a participación xuvenil no ámbito local.

Artigo 4. Período subvencionable e contía das axudas

1. O período subvencionable abranguerá desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2014.

2. A contía máxima que se concederá será de 3.000 euros, que poderá chegar ata 8.000 euros no caso de entidades locais que presenten a súa solicitude conxuntamente con outra/s de calquera das formas establecidas no artigo 2 desta convocatoria. Quedará por conta da entidade local a diferenza de financiamento necesario para a execución total do programa subvencionado.

3. As entidades locais deberán participar no financiamento cun mínimo do 25 % do orzamento total, tendo en conta o recollido no punto anterior.

Artigo 5. Conceptos subvencionables e requisitos para a concesión

1. Serán obxecto de axuda:

a) Os custos derivados do funcionamento normal dun servizo de información xuvenil, así como as actividades de dinamización da información que se leven a cabo desde este.

b) As actividades formativas e educativas, as relacionadas co espírito creativo e emprendedor da mocidade, os programas de información e asesoramento e, en xeral, os que faciliten a participación xuvenil en actividades de educación non formal e os relacionados co asociacionismo e liderado xuvenil, todos eles destinados á mocidade de idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos.

2. Non son subvencionables os gastos recollidos no artigo 29.7º da Lei de subvencións de Galicia e ademais:

a) A adquisición de bens mobles ou inmobles.

b) A merca de instrumentos musicais, uniformes, traxes, etc.

c) O custo dos grupos de música e baile para festas.

d) Os actos que teñan lugar fóra de Galicia.

e) Os actos dun día de duración.

3. Serán requisitos para a concesión:

a) Ter xustificadas as axudas concedidas na convocatoria anterior.

b) Cumprir cos requisitos recollidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.

c) Que as mancomunidades ou agrupacións de concellos estean constituídas antes da presentación da solicitude.

d) Que as entidades locais solicitantes cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio.

Artigo 6. Orzamento

Para a consecución do obxectivo á que se refire esta orde, a Consellería de Traballo e Benestar destinará ata un límite de 533.000 euros con cargo á partida orzamentaria 2014.11.06.313A.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2014.

Artigo 7. Compatibilidade con outras subvencións

1. A obtención desta subvención é compatible con outras outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados, sempre que a suma delas en ningún caso supere o 75 % do importe do programa.

2. A obtención doutras axudas para o programa subvencionado deberá serlle comunicada á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado tan pronto como se coñeza.

Artigo 8. Solicitudes e prazo de presentación

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Non se admitirán as solicitudes que non se presenten por medios electrónicos, conforme o sinalado no parágrafo anterior.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. A solicitude poderá formalizala:

a) O/a alcalde/sa-presidente/a ou a persoa en quen delegue.

b) O/a presidente/a da mancomunidade ou a persoa en quen delegue.

c) O/a representante legal da entidade resultante da fusión de municipios ou a persoa en quen delegue.

d) O/a representante que se estableza no acordo de cooperación, para os supostos previstos no artigo 2.2 desta orde, soamente un/ha deles/as en representación dos/as demais, logo de autorización de cada un dos concellos.

4. En calquera dos casos, a persoa solicitante deberá ser autorizada e designada polo pleno, pola xunta de goberno local da entidade peticionaria ou por un decreto da alcaldía.

5. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria.

Artigo 9. Documentación

1. Os concellos, mancomunidades, agrupacións de concellos ou entidades resultantes da fusión de municipios deberán enviar a seguinte documentación:

a) A solicitude en modelo oficial que figura no anexo I.

b) O certificado do secretario ou secretaria que recolla o acordo do órgano competente, de solicitude da subvención e se nomee un/ha representante se procede.

c) O certificado da intervención sobre a existencia de crédito suficiente e adecuado para facerlle fronte ao financiamento que debe asumir o concello, mancomunidade ou agrupación.

d) A memoria explicativa do proxecto para o cal se solicita a subvención, cuxas actividades estarán comprendidas obrigatoriamente entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2014. O proxecto incluirá, dunha banda, o funcionamento do servizo de información xuvenil, de ser o caso, e, doutra, describirá individualmente as actividades que se van realizar, cos obxectivos perseguidos, os recursos humanos, o lugar e as datas de realización, as técnicas, as estratexias ou as dinámicas que se utilizarán na súa execución.

e) O orzamento estimado, tanto do mantemento do servizo de información xuvenil como do proxecto de actividades, con data do 15 de outubro de 2014. Para facer efectivo o pagamento da subvención, será obrigatorio xustificar a totalidade do proxecto presentado, con independencia da contía concedida.

f) A declaración de conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, ante as distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados (anexo I). No caso de entidades locais que presenten a solicitude mediante a fórmula de mancomunidade ou agrupación de concellos, debe achegarse esta declaración por parte de cada un dos concellos integrados nela (neste caso, empregarase o modelo que se inclúe na convocatoria como anexo II).

g) Para os municipios que se acollan á fórmula de solicitude regulada no artigo 2.2 desta orde, o documento en que se acorde a colaboración dos concellos, no cal se incluirá o nomeamento da persoa que actuará como representante e o certificado dos/as secretarios/as dos acordos do pleno ou da xunta de goberno en que autorizan ao concello a que actúe como representante de todos eles para a petición da subvención.

h) Os municipios que se acollan a calquera fórmula de agrupación (mancomunidade, agrupación, fusión, etc.) deberán presentar unha memoria explicativa onde quede claramente reflectido o aforro de custos da execución do proxecto respecto da súa realización de xeito individual.

i) A documentación que acredite o cumprimento da obriga de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio.

k) A declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma (anexo I). No caso de entidades locais que presenten a solicitude mediante a fórmula de mancomunidade ou agrupación de concellos, debe achegarse esta declaración por parte de cada un dos concellos integrados nesta (neste caso, empregarase o modelo que se inclúe na convocatoria como anexo II).

2. Calquera cambio que se produza nos datos contidos na documentación que se xunte á solicitude, ou nesta, seralle comunicado á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que poderá recadar da entidade solicitante, en todo caso, todos os documentos e aclaracións que considere necesarios para completar o expediente.

3. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado comprobará que as solicitudes e a documentación reúnen os requisitos exixidos e procederá, en caso contrario, a requirir á entidade solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer, se considerará desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

4. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para cotexalo coa copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 10. Publicidade e protección de datos

1. De conformidade co disposto no artigo 15.1, da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo e Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias co importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

3. De conformidade co disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a entidade beneficiaria autoriza a Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos, nos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións, os datos relevantes referidos á axuda recibida.

4. Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na solicitude de axuda, incorporaranse ao ficheiro «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» para o seu tratamento, coa finalidade da xestión do procedemento. Non obstante, as entidades interesadas poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei, ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar no enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, 15781, Santiago de Compostela, A Coruña.

5. De conformidade co disposto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades locais beneficiarias deberán publicitar a subvención concedida en todas as actividades relacionadas co obxecto da subvención.

Artigo 11. Criterios de avaliación

1. A concesión da subvención realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva, atendendo aos seguintes criterios:

a) Terá carácter prioritario o bo resultado e a incidencia positiva que se desprenda do informe técnico realizado polos servizos de xuventude e voluntariado das xefaturas territoriais ás oficinas municipais de información xuvenil, ata 40 puntos.

b) As características das actividades previstas no proxecto, ata 25 puntos, tendo en conta o carácter innovador, a aplicabilidade e congruencia coa zona de influencia, a súa viabilidade e o compoñente formativo fronte ao lúdico. A avaliación será global e cualitativa de todas as actividades, de tal forma que a presentación dunha única actividade poida obter a puntuación máxima.

c) O número de persoas beneficiarias potenciais e a proxección social das actividades programadas, ata 15 puntos.

d) A pertenza a zonas do medio rural, ata 15 puntos.

e) O emprego da lingua galega no desenvolvemento das actividades para as cales se solicita a axuda e nos medios que, de ser o caso, se empreguen para a súa difusión, ata 5 puntos.

2. A presentación da solicitude por unha mancomunidade ou agrupación de concellos, excluíndo a modalidade de fusión municipal, poderá supor ata 40 puntos adicionais, que se distribuirán da maneira seguinte:

a) 10 puntos adicionais pola presentación da solicitude conxunta nos termos e requisitos recollidos no artigo 2 desta orde de convocatoria.

b) 2 puntos adicionais, ata un máximo de 10, por cada un dos concellos que se asocien de cara a formular a solicitude.

c) Ata 10 puntos adicionais pola repercusión do proxecto entre a poboación. Para isto terase en conta, como posibles persoas destinatarias, a poboación xuvenil total dos concellos participantes no proxecto, segundo os datos do IGE.

d) Ata 10 puntos adicionais que se lle outorgarán á memoria recollida no artigo 9.1.h) desta orde, atendendo ao aforro de custos respecto da realización do proxecto de forma individual.

3. Ás entidades resultantes dos procesos de fusión de municipios a través da alteración de termos municipais a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que presenten a solicitude conxunta para obter a axuda a través desta orde de convocatoria, outorgaránselles 40 puntos adicionais. Esta puntuación é excluínte da reflectida no punto anterior.

4. O crédito distribuirase entre aquelas solicitudes que teñan unha puntuación igual ou maior que 40 puntos. No caso de que o crédito dispoñible resulte insuficiente para outorgarlles a subvención máxima a todas as entidades solicitantes que acaden os 40 puntos, a distribución efectuarase directamente proporcional á puntuación obtida. No caso de mancomunidades ou agrupacións de concellos, ou entidades resultantes da fusión de municipios, e unicamente para a obtención deste mínimo de 40 puntos, non se terán en conta os puntos adicionais previstos nos números 2 e 3 deste artigo.

Artigo 12. Instrución e resolución

1. O órgano instrutor do procedemento será o Instituto da Xuventude de Galicia.

2. As axudas serán adxudicadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, no prazo máximo de cinco meses desde a publicación desta orde, tras a proposta dunha comisión avaliadora integrada por:

2.1. Presidente/a: a persoa titular da dirección do Instituto da Xuventude de Galicia.

2.2. Vogais:

2.2.1. A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción de Actividades.

2.2.2. A persoa titular da xefatura do Servizo de Programas para a Xuventude.

2.2.3. Un/unha técnico/a da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

2.3. Secretario/a: un/unha funcionario/a do Instituto da Xuventude de Galicia.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que avaliar as solicitudes, algún/algunha dos/as compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

4. No prazo máximo de 15 días desde a proposta de resolución, a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, ditará a resolución motivada que lles será comunicada ás entidades interesadas no prazo máximo de cinco meses a partir da presentación da solicitude. Unha vez transcorrido o prazo para resolver sen que as entidades locais interesadas recibisen a comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

5. Unha vez notificada a resolución, as entidades adxudicatarias terán un prazo de 10 días para a súa aceptación; logo de transcorrer este prazo sen que se produza unha manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 13. Réxime de recursos

1. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, se for expresa; se non o for, o prazo será de seis meses e, para a entidade solicitante, contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Malia o anterior, poderá interpoñerse potestativamente un recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, se for expresa; se non o for, o prazo será de tres meses, que comezará a contar a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Xustificación e pagamento

1. As entidades locais ás cales se lles aproben as axudas avaliadas segundo o artigo 11 desta orde disporán ata o 20 de outubro de 2014 para xustificalas, para o cal presentarán:

a) O certificado da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da toma de razón en contabilidade da cantidade total do gasto realizado en 15 de outubro de 2014 (con indicación do importe do devandito gasto).

Lémbrase a obriga de xustificar a totalidade do programa subvencionado. Terá a consideración de gasto realizado, en cumprimento do disposto no artigo 3.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, aquel para o cal se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local con anterioridade á finalización do período de xustificación.

Neste caso, posteriormente, as entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de 60 días naturais, que comezará a contar a partir da data do ingreso na conta bancaria, do aboamento da subvención.

No caso de que a xustificación presentada no seu momento se refira a gasto pagado por se ter xa realizado as operacións de pagamento correspondentes, as entidades locais beneficiarias estarán exentas desta acreditación posterior.

b) O certificado expedido pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativo á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, na cal se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1º O cumprimento da finalidade da subvención.

2º Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación:

– Identificación do/a acredor/a.

– Número de factura ou documento equivalente.

– Importe.

– Data de emisión.

– Data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

– Data de pagamento (de terse realizado xa na data da xustificación).

No caso de gastos de persoal, deberán detallarse estes gastos, incluíndo:

– Identificación do/a traballador/a.

– Salario desagregado por meses.

– Data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

– Data de pagamento (de terse realizado xa na data da xustificación).

c) A declaración realizada polo órgano competente que inclúa unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia. A antedita declaración deberá recoller tanto as axudas aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como de organismos privados, de carácter nacional ou internacional. Para esta declaración poderá empregarse o modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo II, actualizado na data da xustificación.

d) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) A declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma (anexo II).

2. O aboamento da subvención realizarase nun único pagamento, despois de recibir e comprobar a xustificación presentada. No caso de que os gastos totais xustificados sexan inferiores ao proxecto subvencionado, practicarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

3. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a entidade local beneficiaria non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 15. Modificación da subvención

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención.

Artigo 16. Obrigas

As entidades locais beneficiarias de subvencións están obrigadas a:

a) Xustificar na súa totalidade o proxecto presentado.

b) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

c) Xustificar ante a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará toda a información que lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento do programa obxecto de subvención, nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo seguinte.

Artigo 17. Revogación e réxime sancionador

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado poderá revogar a concesión da axuda se a entidade local beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei de subvencións de Galicia e no título V do regulamento da dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG do 29 de xaneiro).

4. Ás entidades locais beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia e no título VI do seu regulamento.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda

Cando se trate de agrupacións, non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

En todo o non previsto nesta orde, rexerá a normativa en materia de subvencións contida na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Igualmente será de aplicación no que proceda o Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file