Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Martes, 29 de abril de 2014 Páx. 19410

II. Autoridades e persoal

a) Cesamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 14 de abril de 2014 de cesamento dun membro do Comité Autonómico de Ética da Investigación de Galicia.

A Secretaría do Comité Ético de Investigación Clínica de Galicia enviou o 9 de abril de 2014 un escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade no cal comunica o cesamento por petición propia dunha persoa membro dese comité, Emilio Casariego Vales.

Antecedentes.

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 5.4 sinala que os membros deste comité «serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres».

En aplicación do que dispón este artigo, mediante a Resolución do 17 de setembro de 2013, que se publicou no Diario Oficial de Galicia número 181, do 23 de setembro, concedeuse a acreditación do Comité Autonómico de Ética de Investigación de Galicia, estableceuse a súa sede e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo. Entre elas, figuraba Emilio Casariego Vales, médico especialista en Medicina Interna, da Xerencia de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos.

Consideracións legais e técnicas.

O número 7 do artigo 5 do arriba citado Decreto 63/2013, do 11 de abril, dispón que «o nomeamento efectuarase por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do comité, e logo de audiencia do/a interesado/a».

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta que efectuou a Secretaría Xeral Técnica desta consellería,

RESOLVO:

Revogar o nomeamento de Emilio Casariego Vales, por petición propia, como membro do Comité Autonómico de Ética de Investigación de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2014

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade