Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 15 de abril de 2014 Páx. 17401

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 3 de abril de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas destinadas á mellora e implantación de sistemas de rastrexabilidade en entidades asociativas do sector hortofrutícola e se convocan para o ano 2014.

Nos últimos anos véñense implantando metodoloxías para a mellorar o control da seguridade e calidade agroalimentaria. Entre estas medidas sinálase a rastrexabilidade como sistema que permite o seguimento e a localización dos produtos agrarios ao longo da súa cadea produtiva e de comercialización. É un instrumento que contribúe á maior eficacia na xestión de incidencias, crises ou alertas de seguridade alimentaria tanto para a Administración pública como para a empresa agroalimentaria, como consecuencia dunha racionalización e optimización de recursos. Así mesmo, constitúe unha ferramenta básica para a implantación de sistemas de autocontrol do proceso, concretamente análise de perigos e puntos de control críticos na produción primaria e actividades conexas e de desenvolvemento de sistemas de calidade no seu sistema produtivo.

Desde a aparición do Regulamento 178/2002 do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro de 2002, polo que se establecen os principios e os requisitos xerais da lexislación alimentaria, se crea a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria e se fixan procedementos relativos á seguridade alimentaria, e posteriormente o Regulamento 852/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, relativo á hixiene dos produtos alimenticios, as entidades cooperativas fixeron un esforzo de adaptación a esta normativa.

O desenvolvemento da normativa relativa á hixiene e seguridade alimentaria, por unha banda, así como o xurdimento nestes anos de incidencias ou crises de seguridade alimentaria, por outra, exixe por parte dos diferentes axentes da cadea alimentaria un proceso continuo e áxil de actualización dos procedementos e protocolos de xestión da seguridade e calidade alimentaria, o que implica en moitos casos, nun sector de estrutura produtiva moi atomizada, dificultades de adaptación á normativa vixente, así como desfases para a súa aplicación.

Así mesmo, nun ámbito de economía globalizada as exixencias cada vez maiores do mercado en canto ao cumprimento de protocolos relativos á xestión da seguridade alimentaria, comportan problemas de competitividade dos explotadores das empresas alimentarias.

O artigo 14 do Regulamento (CE) nº 114/2013 da Comisión, do 15 de decembro, polo que modifica o Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DO L 358, do 16 de decembro), sobre aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas, e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001, establece axudas destinadas a fomentar la produción de produtos agrícolas de calidade compatibles co mercado común e exentas da obriga de notificación (conforme o número 3 dos artigos 87 e 88 do Tratado) e prorroga o período de validez destas ata o 30 de xuño de 2014.

Así mesmo, o artigo 15 do Regulamento (CE) nº 1224/2013 da Comisión, do 29 de novembro, polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), prevé axudas en investimento destinadas á transformación e á comercialización dos produtos agrícolas a favor das pemes compatibles co mercado común e dispensadas da obriga da notificación (conforme o número 3 dos artigos 87 e 88 do Tratado) e se prorroga o período de validez destas ata o 30 de xuño de 2014.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o exercicio orzamentario 2014 a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á mellora e implementación dos sistemas de rastrexabilidade en determinadas entidades asociativas do sector hortofrutícola.

Artigo 2. Definicións

Para efectos da presente orde, enténdese por:

a) Rastrexabilidade: a posibilidade de encontrar e seguir o rastro, a través de todas as etapas de produción, transformación e distribución, dun alimento, un penso, un animal destinado á produción de alimentos ou unha substancia destinados a seren incorporados en alimentos ou pensos ou con probabilidade de selo.

b) Sistema de rastrexabilidade: procedemento que, mediante o rexistro, identificación e transmisión de información, permite o seguimento e localización dos produtos, desde a súa produción e ao longo da cadea de comercialización.

c) Rastrexabilidade cara atrás: a capacidade, en calquera punto do proceso de produción, manipulación, transformación e expedición, abranguido pola entidade beneficiaria, de coñecer a orixe e os procesos que afectaron un produto a partir do código de identificación dunha unidade de venda.

d) Rastrexabilidade cara adiante: a capacidade, en calquera punto do proceso de produción, manipulación, transformación e expedición, abranguido pola entidade beneficiaria, de coñecer o destino de expedición dun produto a partir do código de identificación dunha unidade homoxénea de cultivo.

e) Unidade de venda: envase de produto ou outra presentación de froitas e hortalizas preparado para a venda tal como mallas, bolsas e outros.

f) Código de identificación da unidade de venda: código recollido na etiqueta da unidade de venda, que permita a súa a identificación de forma individual.

g) Operador responsable: persoa física ou xurídica responsable do rexistro dos tipos, das datas e doses de tratamentos fitosanitarios, fertilizacións e regas efectuados sobre o cultivo ou o terreo no cal se cultiva o produto que se desexa rastrexar.

h) Unidade homoxénea de cultivo: para cada cultivo, superficie á que se aplican operacións culturais e técnicas de cultivo similares, así como os cales tratamentos fitosanitarios.

i) Produción primaria: a produción, cría ou cultivo de produtos primarios, con inclusión da colleita, a muxidura e a cría de animais de abasto previa ao seu sacrificio. Abranguerá tamén a caza e a pesca, e a recolección de produtos silvestres.

j) Operacións conexas: operacións enumeradas no anexo I do Regulamento 852/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, relativo á hixiene dos produtos alimenticios, e que son: o transporte, o almacenamento e a manipulación de produtos primarios no lugar de produción, sempre que non se altere a súa natureza de xeito substancial.

No caso de produtos de orixe vexetal, inclúe as operacións de transporte de produtos primarios cuxa natureza non se alterase de xeito substancial, desde o lugar de produción a un establecemento.

k) Pequena ou mediana empresa (peme): de acordo coa definición incluída no anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede 43 millóns de euros. Dentro da categoría das pemes, defínese:

1º. Pequena empresa: unha empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

2º. Microempresa: empresa que ocupa menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán beneficiarse das axudas reguladas nesta orde, e sempre que estean recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia:

a) As organizacións e agrupacións de produtores de froitas e hortalizas, recoñecidas de conformidade co Regulamento (CE) nº 2200/1996 do Consello, do 28 de outubro, polo que se establece a organización común de mercados no sector de froitas e hortalizas, e co Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) nº 922/1972, (CEE) nº 234/1979, (CE) nº 1037/2001 e (CE) nº 1234/2007.

b) As cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación (SAT) dos sectores de froitas e hortalizas.

2. Para que ás entidades citadas no punto 1 deste artigo se lles poidan conceder as axudas establecidas por esta orde terán que acreditar a súa viabilidade económica e o cumprimento das normas mínimas en materia de ambiente e hixiene de conformidade co previsto no Real decreto 326/2003, do 14 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 117/2001, do 9 de febreiro, polo que se establece a normativa básica de fomento dos investimentos para a mellora das condicións de transformación e comercialización dos produtos agrarios, silvícolas e da alimentación.

3. As axudas só poderán concederse ás explotacións agrarias que non estean na categoría de empresas en crise, segundo o establecido no artigo 2.16) do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001.

Artigo 4. Liñas de axudas e contía subvencionable

Esta orde establece as seguintes liñas de axuda:

I. Axudas destinadas á mellora e implantación de sistemas de rastrexabilidade.

1. As actuacións subvencionables, destinadas á asistencia técnica para o desenvolvemento e posta en funcionamento de sistemas de rastrexabilidade, poderán ser:

a) Consultoría externa para o desenvolvemento de programas e posta en marcha das actuacións, que se desenvolverán en campo, necesarias para a implentación das melloras no sistemas de rastrexabilidade.

b) Consultoría externa para o deseño e posta en marcha de melloras nos sistemas de rastrexabilidade, incluídas xornadas de estudo da situación de partida, xornadas de desenvolvemento do proxecto de mellora do sistema de rastrexabilidade, formación do persoal, instalación de software e adaptación dos sistemas e rexistros informáticos ás necesidades específicas da entidade beneficiaria.

2. As axudas concedidas en virtude desta liña de axuda estarán suxeitas aos seguintes límites:

a) O importe das axudas concedidas en virtude da letra a) será, como máximo, o 12 por cento do custo dos investimentos subvencionados en virtude da liña de axuda II deste artigo.

b) O importe das axudas concedidas en virtude do número 1. b) poderá acadar ata o 100 por cento do custo e será, como máximo, de 60.000 euros por beneficiario.

II. Axudas destinadas á informatización ou mellora dos sistemas de rexistro e transmisión de datos de rastrexabilidade.

1. As actuacións subvencionables destinadas á informatización ou mellora dos sistemas de rexistro e transmisión de datos de rastrexabilidade poderán ser:

a) A adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos específicos para a implantación e informatización de sistemas de rastrexabilidade.

b) Adquisición e instalación de equipamentos de rexistro e transmisión automática de datos, entre outros, ordenadores de control dos sistemas de rastrexabilidade, impresoras de etiquetas de códigos de barras, aplicadores automáticos de etiquetas de código de barras, lectores láser de códigos de barras, sistemas de transmisión de datos por radiofrecuencia.

c) Elaboración de páxinas web para acceso aos datos de rastrexabilidade a través da internet e/ou instalación de sistemas de intercambio electrónico de datos que permitan a transmisión rápida e fiable dos datos de rastrexabilidade entre a entidade beneficiaria e outros interlocutores comerciais.

2. As axudas a que se refire este punto II serán como máximo do 40 por cento do custo do investimento subvencionable.

III. Axudas para a certificación de sistemas de xestión da seguridade e/ou da calidade agroalimentaria.

As actuacións subvencionables destinadas á certificación da implantación de sistemas de xestión de seguridade e/ou calidade agroalimentaria serán a contratación de empresas certificadoras acreditadas segundo a norma UNE-EN ISO/IEC 17065, con alcance hortofrutícola, non sendo subvencionables, en ningún caso, os custos de auditorías posteriores á súa obtención, destinadas ao control e mantemento da certificación.

As axudas desta liña serán como máximo do 100 por cento do custo da avaliación interna e/ou da certificación e será como máximo 15.000 euros por entidade beneficiaria.

Artigo 5. Límite das axudas

A contía individualizada das axudas será igual á solicitada e xustificada pola entidade beneficiaria, dentro dos límites establecidos no artigo 4, sen que, en ningún caso, poida exceder as seguintes cantidades, determinadas en función do valor da produción comercializada por cada entidade.

Valores da produción comercializada (VPC) en millóns de euros

Contía máxima

> 30

200.000

De 15 a 30

175.000

De 6 a 15

125.000

< 6

100.000

O cálculo do valor da produción comercializada en froitas e hortalizas para a aplicación dos límites previstos será o establecido no artigo 50 do Regulamento (UE) nº 543/2011 da Comisión, do 7 de xuño de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamentos (UE) nº 1234/2007 do Consello, nos sectores das froitas e hortalizas e das froitas e hortalizas transformadas, así como no Real decreto 1337/2011, do 3 de outubro, polo que se regulan os fondos e programas operativos das organizacións de produtores de froitas e hortalizas.

O VPC das entidades asociativas a que se refire a Letra b) do artigo 3 desta disposición, será o valor das vendas destas entidades correspondentes aos produtos procedentes das parcelas dos seus socios e, se é o caso, das parcelas da propia entidade, relativo ao último exercicio contable anual da entidade, previo á presentación da solicitude.

Artigo 7. Solicitude de axuda e prazo de presentación

1. As entidades interesadas en acceder ás axudas previstas nesta orde dirixirán a solicitude de axuda á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria conforme o modelo normalizado que figura no anexo I, máis a documentación que se relaciona no artigo 8 desta orde.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Neste caso, a documentación que se xunta á solicitude deberá presentarse en documento orixinal ou fotocopia cotexada, de acordo co establecido no artigo 38.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Non se subvencionarán investimentos iniciados con anterioridade á presentación da solicitude de axuda.

4. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria realizará os controis administrativos e sobre o terreo que considere oportuno para garantir o cumprimento das condicións exixidas para a concesión das axudas.

Artigo 8. Documentación

1. As solicitudes de axuda irán acompañadas, como mínimo, dos seguintes documentos:

a) Un proxecto de mellora do sistema de rastrexabilidade implantado que acade as obrigas dos beneficiarios especificadas no artigo 12 e que conteña como mínimo o seguinte:

1º. Identificación da entidade, especificando razón social e domicilio social, teléfono, correo electrónico, número e data de recoñecemento, número de socios e valor da produción comercializada.

2º. Unha descrición da situación de partida en que se describan os datos de rastrexabilidade que a organización ou agrupación é capaz de rexistrar e transmitir e os medios técnicos e humanos destinados para ese fin, en cada unha das fases do proceso (fase de campo, de recepción, de baleirado, de confección, de empaquetado e de expedición).

3º. Obxectivos perseguidos no ámbito da rastrexabilidade, de boas prácticas de hixiene e de requisitos previos para xestionar un aseguramento da calidade e sanidade alimentaria, e medios para alcanzalos.

4º. Descrición detallada das actuacións que se pretenden emprender en cada un dos ámbitos sinalados no parágrafo anterior.

5º. Orzamento detallado, apoiado por facturas pro forma, e calendario de realización das actuacións, cuxa duración total non poderá exceder os 18 meses, salvo circunstancias excepcionais.

Cando o importe do investimento suxeito a subvención supere a contía de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á entrega do ben ou á contratación do compromiso para a prestación do servizo, agás nos casos en que, polas especiais características dos gastos suxeitos a subvención, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A elección destas ofertas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6º. Contía da axuda que se solicita.

b) Certificado do acordo de solicitude da subvención conforme o anexo II.

c) Certificado da composición do consello reitor.

d) Copia cotexada do NIF da entidade.

e) Copia cotexada do DNI do seu representante legal, no caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e acreditación da súa representación.

f) Balance e contas de resultados dos dous últimos exercicios presentados no rexistro oficial correspondente e realizadas de acordo co plan xeral de contabilidade.

g) Licenza de actividade e rexistro sanitario no caso de dispoñer de instalacións de manipulación de produtos.

h) Copia cotexada dos estatutos da entidade solicitante.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor, durante todo o período de compromisos, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e, neste caso, debe presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

2. As solicitudes das persoas interesadas acompañaranse dos documentos e as informacións determinadas no artigo 8, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Artigo 10. Criterios de valoración

Para a aprobación das solicitudes de axuda teranse en conta como criterios referenciais:

1. Polo tipo de entidade asociativa:

a) Organización ou agrupación de produtores de froitas u hortalizas de acordo ao artigo 3 desta disposición: 5 puntos.

b) Cooperativas agrarias: 3 puntos.

c) SAT : 2 puntos.

2. Polo valor da produción comercializada en millón de euros (M€):

a) Menos de 1 M€: 1 punto.

b) Entre de 1 e 3 M€: 2 puntos.

c) Máis de 3 M€: 3 puntos.

3. Polo número de socios da entidade:

a) Máis de 100: ata 5 puntos.

b) De 51 a 100: ata 4 puntos.

c) De 10 a 50: ata 3 puntos.

d) Menos de 10: ata 2 puntos.

4. Pola porcentaxe de mulleres que sexan membros do órgano de goberno da entidade:

a) Maior ou igual ao 50 %: 5 puntos.

b) Entre o 40 e o 50 %: 3 puntos.

Artigo 11. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de axudas é a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. A resolución do procedemento corresponderá ao secretario xeral de Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, logo da avaliación das solicitudes por un órgano colexiado.

2. O órgano colexiado, composto polo subdirector xeral de Apoio ás Producións Agrarias e dous funcionarios desa subdirección xeral, actuando un destes como secretario. valorará as solicitudes de axuda segundo os criterios de valoración establecidos nesta disposición e elevará informe para que a persoa titular da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria formule proposta de resolución.

3. O prazo para resolver e notificar as subvencións será, como máximo, ata o 30 de xuño de 2014. Transcorrido o dito prazo sen terse notificado aos interesados ningunha resolución, estes poderán entender rexeitada a súa solicitude de acordo co disposto no artigo 25.5 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. A resolución da concesión da subvención e do seu importe previsto realizarase segundo as normas e criterios establecidos nesta orde e de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 12. Obrigas dos beneficiarios

1. As entidades beneficiarias das axudas recollidas nesta orde deberán poder acreditar nun prazo máximo de 18 meses desde a resolución da concesión da axuda, a certificación, por parte dunha entidade acreditada segundo a norma UNE-EN ISO/IEC 17065 con alcance hortofrutícola, de que os sistemas de xestión e rexistro de datos implantados permiten realizar a rastrexabilidade en cumprimento do Regulamento 178/2002 do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro de 2002, e do Regulamento 852/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, cumprindo, como mínimo, que os ditos sistemas permiten realizar a rastrexabilidade cara adiante e cara atrás, obténdose os datos seguintes:

a) A partir do código de identificación dunha unidade de venda:

1º. A unidade homoxénea de cultivo de que procede.

2º. Data de entrada no almacén.

3º Procesos e tratamentos aplicados durante o proceso de manipulación, transformación e empaquetado do produto.

4º. Data de expedición.

5º. Identificación do transportista e vehículo de expedición.

6º. Identificación da empresa de distribución ou do intermediario que adquire a mercadoría.

b) A partir do código de identificación dunha unidade homoxénea de cultivo:

1º. Os códigos de identificación das unidades de venda a que deu orixe.

2º Operador responsable da unidade homoxénea de cultivo, especie, variedade ou variedades cultivadas; doses e datas de tratamentos con produtos fitosanitarios e fertilizantes, materias activas utilizadas; datas e doses de regas, orixe da auga de rega, data de realización e, se é o caso, resultados das análises de auga, folla e solo.

2. As entidades beneficiarias deberán:

a) Dispoñer dos sistemas e procedementos necesarios para poñer a información enumerada nas letras a) e b) do punto 1 á disposición das autoridades competentes, cando estas o soliciten.

b) Manter un rexistro dos operadores responsables correspondentes a cada unidade homoxénea de cultivo, así como daquelas coa letra b) do punto 1 deste artigo.

3. Os beneficiarios das axudas ao investimento para informatización e automatización de sistemas de rexistro e transmisión de datos de rastrexabilidade recollidas na liña de axudas II (artigo 4) comprometeranse a manter a propiedade do investimento subvencionado durante un prazo mínimo de dous anos, desde a data de concesión da subvención, para o uso exclusivo previsto nesta orde.

Artigo 13. Xustificación e pagamento da axuda

1. A xustificación da execución do gasto correspondente aos investimentos subvencionables para cada unha das liñas de axuda reguladas nesta orde dirixirase á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, debéndose realizar con data máxima o 10 de decembro de 2014, nos termos concretos da resolución de concesión.

2. Só serán subvencionables os investimentos que se realicen e que se xustifique o seu gasto e pagamento con posterioridade á data de presentación da solicitude e ata a data límite de realización dos investimentos, sempre e cando recaia resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos.

3. A execución dos gastos e investimentos subvencionados nesta orde acreditarase mediante a seguinte documentación:

a) Facturas orixinais ou as súas copias cotexadas acreditativas dos investimentos, que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro).

b) Transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento orixinal ou cotexado que demostre fidedignamente o seu pagamento efectivo.

c) Declaración de axudas solicitadas para o mesmo obxecto segundo o modelo do anexo III.

d) Calquera outra que se indique expresamente na resolución de concesión.

4. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado a solicitude de pagamento, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 14. Modificación de resolucións

1. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de obxectivos, conceptos ou variación do orzamento, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización desta consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa. No caso de redución dos investimentos, sempre que se manteñan os obxectivos iniciais, a subvención concedida verase diminuída na contía proporcional conseguinte.

Artigo 15. Reintegros das axudas

Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora producidos desde o pagamento no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións , e no Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tendo en conta as excepcións contidas.

Artigo 16. Recursos administrativos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución for expresa.

Artigo 17. Financiamento das axudas

As axudas que deriven da aplicación desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.22.713D 771.1, código de proxecto 2005 00533, cunha dotación de 735.780,00 € para o ano 2014.

Poderase proceder a incrementar a cantidade fixada anteriormente, de acordo co establecido no número 2 do artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Compatibilidade das axudas

As actuacións subvencionables mediante esta orde non poderán beneficiarse simultaneamente de calquera outra axuda pública para o mesmo fin.

Disposición adicional primeira

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional segunda

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da xuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposición adicional terceira

As axudas previstas nesta orde axustaranse ao disposto artigo 14 do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001 (DOUE L 358, do 16.12.2006), e ao artigo 15.4 do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías). (DOUE L 214. do 9.8.2008). O pagamento destas axudas quedará, en todo caso, condicionado a que os órganos competentes da Unión Europea non formulen obxeccións a elas, e ás posibles observacións e modificacións derivadas de tales pronunciamentos.

Disposición derradeira

Esta disposición producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file