Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 14 de abril de 2014 Páx. 16939

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 7 de abril de 2014 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas para fillas e fillos do persoal da Xunta de Galicia nas escolas infantís dependentes desta consellería para o curso 2014/15.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, segundo o disposto no artigo 27.23º do seu estatuto de autonomía.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia establece, no seu artigo 3, os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, inclúe entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública, o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúelle á Dirección Xeral de Familia e Inclusión o exercicio das políticas autonómicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

No marco das políticas sociais de apoio á familia e á infancia, a Xunta de Galicia, en atención ás necesidades derivadas das responsabilidades familiares do persoal ao servizo da Administración autonómica e ás demandas manifestadas, neste sentido, polas organizacións sindicais que o representan, pon á disposición do seu persoal a escola infantil 0-3 de Vite en Santiago de Compostela, a escola infantil 0-3 A Estrela do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo e a escola infantil 0-3 do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra, para a atención das súas fillas e dos seus fillos de idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos.

Por todo o exposto, en virtude das competencias que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de prazas, tanto de renovación como de novo ingreso, para fillos e fillas do persoal dos servizos centrais da Xunta de Galicia, do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra e do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, na escola infantil de Vite de Santiago de Compostela, na escola infantil do Edificio Administrativo de Pontevedra e na escola infantil A Estrela do Complexo Administrativo de Vigo, respectivamente, para o curso 2014/15.

Artigo 2. Requisitos

Para a cobertura destas prazas establécense como requisitos:

– Ser filla ou fillo do persoal dos servizos centrais da Xunta de Galicia, do persoal do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra ou do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, ou estar acollida ou acollido legalmente por algunha delas ou algún deles.

– Que a nena ou o neno xa nacese no momento de presentación da solicitude.

– Ter como mínimo 3 meses de idade na data de ingreso e non ter cumpridos os 3 anos antes do 31 de decembro de 2014.

Artigo 3. Servizos e horarios

1. O tipo de atención dos centros desagregarase en dúas opcións: atención educativa con comedor e atención educativa sen comedor. As usuarias e os usuarios que opten polo servizo de atención educativa sen comedor ateranse aos horarios establecidos polo centro para estes efectos.

A opción de servizos elixida farase constar nos impresos de solicitude de novo ingreso ou renovación de praza e deberá manterse durante todo o curso salvo circunstancias sobrevidas, debidamente acreditadas, que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

2. A permanencia do alumnado no centro será con carácter xeral dun máximo de 8 horas diarias, coincidentes co horario laboral da persoa solicitante, agás causas excepcionais e convenientemente xustificadas que serán valoradas pola comisión de avaliación a que se refire o artigo 8 desta orde.

3. O curso dará comezo o día 4 de setembro. Os centros permanecerán abertos de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral e os días 24 e 31 de decembro.

O alumnado poderá asistir ao centro un máximo de 11 meses dentro do período comprendido entre setembro de 2014 e agosto de 2015.

En casos excepcionais e debidamente xustificados poderase admitir a asistencia do alumno ou da alumna os 12 meses do ano. En tales circunstancias deberase formular a correspondente solicitude cunha antelación mínima dun mes, que será estudada e, de ser o caso autorizada pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, no caso do alumnado da escola infantil de Vite, e pola persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar, no caso das escolas do Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra e do Complexo Administrativo da Xunta en Vigo.

A escola infantil de Vite abrirá os días 22, 23 e 26 de decembro de 2014, os días 30, 31 de marzo e 1 de abril e durante o mes agosto de 2015, no caso de ter unha demanda igual ou superior a 15 nenas ou nenos. Neste caso, o peche diario realizarase ás 17.00 horas.

A apertura das escolas infantís do Edificio Administrativo de Pontevedra e do Complexo Administrativo de Vigo, durante os días 22, 23 e 26 de decembro de 2014, os días 30, 31 de marzo e 1 de abril e durante o mes de agosto de 2015, estará condicionada pola súa participación no sistema de quendas establecido para estes efectos entre as escolas da Consellería das cidades de Pontevedra e Vigo respectivamente. Neste sentido, o alumnado das outras escolas da mesma localidade poderá ser atendido na que permaneza aberta.

Nestes supostos, a familia deberá xustificar con base en motivos laborais ou enfermidades graves a necesidade de levalo ao centro durante os citados períodos.

Artigo 4. Solicitudes e documentación

1. As persoas interesadas poderán solicitar praza a través do formulario normalizado recollido nesta orde:

a) Renovación de praza.

Para a renovación de praza as persoas interesadas presentarán a solicitude segundo o modelo oficial anexo I desta orde, marcando a opción que corresponda.

b) Novo ingreso.

Para as solicitudes de novo ingreso presentarase o modelo oficial segundo o anexo I desta orde, marcando a opción que corresponda.

2. Todas as persoas solicitantes achegarán xunto coa solicitude a xustificación dos seus ingresos da seguinte maneira:

a) A presentación da solicitude comportará a autorización á Consellería de Traballo e Benestar para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar. Para estes efectos todos os membros con ingresos, que compoñen a unidade familiar, deberán presentar o anexo II debidamente cuberto e asinado. No caso de non prestar autorización, a persoa interesada achegará, xunto coa solicitude, copia compulsada da declaración do IRPF ou, se é o caso, certificado emitido pola AEAT relativos ao ano 2012.

Considerarase unidade familiar, para estes efectos, a formada pola nai e pai e fillas e fillos menores de 18 anos, ou fillas e fillos maiores de 18 cunha discapacidade superior ao 33 %.

No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros da unidade familiar. Enténdese por familia monoparental a unidade familiar formada por unha única persoa proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que a outra persoa proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

b) Cando se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar, poderán presentarse outros documentos que acrediten oficialmente a situación económica, sempre e cando as variacións de ingresos supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos que figuren na declaración do IRPF correspondente ao ano 2012, variacións que deberán ter unha duración mínima de 4 meses para ser tomadas en consideración.

3. No caso de solicitudes de novo ingreso, presentarán ademais a seguinte documentación:

a) Autorización á Consellería de Traballo e Benestar para solicitar do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas os seus datos ou, en caso de non prestar autorización, copia simple do documento nacional de identidade ou doutro documento acreditativo da identidade das nais e dos pais ou representantes legais, segundo proceda.

b) Copia cotexada ou dixitalizada do libro de familia ou, no seu defecto, doutro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

c) Copia da última nómina en que se acredite estar traballando nos servizos centrais da Xunta de Galicia, no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra ou no Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, e certificado emitido polos servizos de persoal onde conste a situación física do posto de traballo.

d) Certificado de discapacidade ou do grao e nivel de dependencia, se é o caso, e informe dos servizos especializados na materia sobre a necesidade de integración na escola infantil do neno ou da nena para o/a cal se solicita praza, se é o caso, cando non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificado de discapacidade ou do grao e nivel de dependencia da nai, do pai, do acolledor ou acolledora, do titor ou titora legal e/ou doutros membros da unidade familiar, no caso de certificados que non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Copia da resolución administrativa de acollemento, no caso de acollementos formalizados por outra comunidade autónoma.

4. Os impresos de solicitude estarán dispoñibles na guía de procedementos e servizos que se atopa no enderezo http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos, nos propios centros en que se solicite praza e nos enderezos electrónicos http://benestar.xunta.es e http://escolasinfantis.net

Así mesmo, os impresos de solicitude para a escola infantil de Vite, facilitaranse tamén na Dirección Xeral de Familia e Inclusión e nas oficinas do Rexistro Xeral e Información á Cidadanía dos servizos centrais da Xunta de Galicia.

Os impresos de solicitude para a escola infantil do Edificio Administrativo de Pontevedra e para a escola infantil do Complexo Administrativo de Vigo facilitaranse, así mesmo, no Servizo de Familia e Menores da Xefatura Territorial de Vigo.

Artigo 5. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de renovación de praza e de novo ingreso deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes, tanto de renovación de praza como de novo ingreso, será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Con carácter excepcional poderanse presentar solicitudes fóra do prazo establecido no punto 3 deste artigo nos seguintes casos:

– Nacemento, acollemento ou adopción da nena ou do neno con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.

– Cambio de concello de residencia da unidade familiar.

– Outras circunstancias que motivadamente aprecie a Dirección Xeral de Familia e Inclusión para as e os solicitantes da escola infantil de Vite ou a Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo para as e os solicitantes da escola infantil do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra e do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo.

As solicitudes presentadas fóra de prazo deberán ir xunto coa xustificación acreditativa da circunstancia que as motiva. Así mesmo, estarán condicionadas á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade da nena ou do neno no centro onde se solicita a praza.

Artigo 6. Tramitación dos expedientes

A Dirección Xeral de Familia e a Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo, como órganos responsables da tramitación dos expedientes, comprobarán que estes reúnen os requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

A Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo e a Dirección Xeral de Familia e Inclusión poderán reclamar en calquera momento todos aqueles datos e a súa debida acreditación documental que coiden precisos para a máis eficaz realización da súa función.

Artigo 7. Avaliación das solicitudes e baremo de admisión

1. No caso de que demanda de prazas sexa superior á oferta, aplicaráselle a todas as solicitudes un procedemento de valoración en función do baremo que a seguir se especifica:

a) As e os solicitantes con irmá e/ou irmán cunha praza adxudicada (renovada ou de novo ingreso) no centro para o cal solicitan a praza, terán prioridade na adxudicación, así como os nenos e as nenas con medidas administrativas de tutela ou garda en situación de acollemento familiar.

b) Criterios económicos:

Tomarase o importe dos ingresos totais de cada un dos membros da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar no cal se pretenda que produza efectos, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro e segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoa físicas (IRPF).

A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

Non obstante, cando as circunstancias concorrentes na data da devindicación da declaración do IRPF non coincidan coas circunstancias do momento da presentación da solicitude de praza na escola infantil 0-3, teranse en conta estas últimas, tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo e dos distintos descontos. En todo caso, estas circunstancias deberán xustificarse documentalmente no momento de presentación da solicitude.

Renda per cápita mensual (RPC) da unidade familiar (nais/pais, titoras/es, acolledoras/es e fillas/os), referida ao IPREM (indicador público de rendas de efectos múltiples) vixente:

– Inferior ao 50 % do IPREM: 4 puntos.

– Entre o 50 % e o 75 % do IPREM: 3 puntos.

– Superior ao 75 % e inferior ao 100 % do IPREM: 2 puntos.

– Igual ou superior ao 100 % do IPREM: 1 punto.

c) Criterios familiares:

– Por ocupación laboral da nai, titora ou acolledora: 2 puntos.

– Por ocupación laboral do pai, titor ou acolledor: 2 puntos.

– Por familia numerosa: 2 puntos.

– Por familia monoparental: 2 puntos.

– Outras circunstancias sociofamiliares susceptibles de valoración a xuízo da comisión de avaliación: ata 2 puntos.

A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o citado baremo. Para estes efectos, todas as circunstancias ou feitos alegados acreditaranse documentalmente. No caso de obter igual puntuación terán preferencia as solicitudes de atención educativa con servizo de comedor e xornada completa e tras a aplicación deste criterio daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

2. Nas escolas infantís do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra e do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo adxudicaranse as prazas conforme a orde de prelación seguinte:

1º. Persoal da Xunta de Galicia con destino no Edificio Administrativo de Pontevedra ou no Complexo Administrativo de Vigo.

2º. Persoal da Xunta de Galicia con destino noutras dependencias distintas do Edificio Administrativo de Pontevedra ou do Complexo Administrativo de Vigo.

3º. Persoal de servizos do Edificio Administrativo de Pontevedra ou do Complexo Administrativo de Vigo.

No caso de que, unha vez adxudicadas as prazas, queden vacantes poderá chamarse das listas de espera das escolas infantís da Consellería de Traballo e Benestar da provincia de Pontevedra, sen que a renuncia a esta supoña a baixa na lista de espera.

Artigo 8. Comisión de avaliación

– A comisión de avaliación para a escola infantil de Vite terá a seguinte composición:

• Presidenta/e: a persoa titular da Subdirección Xeral de Familia e Menores.

• Secretaria/o: a xefa ou xefe de sección de Relacións Laborais, dependente da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais da Dirección Xeral da Función Pública.

• Vogais:

2 técnicas/os da Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

1 funcionaria/o da Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

A persoa titular da dirección da escola infantil 0-3 de Vite.

1 representante sindical da Xunta de Persoal.

1 representante sindical do Comité de Empresa.

– A comisión de avaliación para a escola infantil do Edificio Administrativo de Pontevedra e do Complexo Administrativo de Vigo terán a seguinte composición:

• Presidenta/e: a persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar de Vigo.

• Secretaria/o: a persoa titular do Servizo de Familia e Menores.

• Vogais:

1 técnica/o do Servizo de Familia e Menores.

1 funcionaria/o do Servizo de Familia e Menores.

1 representante da Xunta de Persoal.

No caso da escola infantil 0-3 do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, a persoa titular da dirección do centro.

Os acordos tomaranse por maioría simple e resolverá, en caso de empate, a presidencia.

Artigo 9. Relación provisional de persoas adxudicatarias de praza

1. Unha vez avaliadas as solicitudes, a comisión fará pública a relación provisional de persoas admitidas e a lista de espera, coa puntuación obtida por cada solicitante. Esta relación poderase consultar nos servizos centrais da Vicepresidencia e Consellería de Traballo e Benestar e da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no Servizo de Familia e Menores do Complexo Administrativo da Xunta en Vigo, nas páxinas web: (http://benestar.xunta.es) e (http://www.escolasinfantis.net) e nos respectivos centros.

2. As persoas solicitantes poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas no prazo dos dez días naturais posteriores á data da exposición pública da relación provisional.

Artigo 10. Relación definitiva de persoas adxudicatarias de praza

1. Unha vez examinadas e resoltas as posibles reclamacións, farase pública a relación definitiva de persoas admitidas e a lista de espera coa puntuación obtida en cada caso, a partir do día 27 de maio. Tales relacións exporanse nos servizos centrais da Vicepresidencia e Consellería de Traballo e Benestar e da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no Servizo de Familia e Menores do Complexo Administrativo da Xunta en Vigo, nas páxinas web: (http://benestar.xunta.es) e (http://www.escolasinfantis.net) e nos respectivos centros.

A comisión elaborará a proposta de selección e determinará a tarifa e os descontos aplicables en cada caso, sempre de acordo coas tarifas en vigor segundo o disposto no artigo 13. Resolverá, no caso da escola infantil de Vite, a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, e para as solicitudes na escola infantil do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo e do Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra, o xefe ou a xefa territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo.

2. As resolucións recaídas deberánselles notificar ás persoas adxudicatarias de praza. Estas terán que matricularse no centro en que obtivesen a praza segundo o disposto no artigo 11.

Contra estas resolucións, que non esgotan a vía administrativa, caberá interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, no caso de resolución expresa. No caso de desestimación presunta, o prazo para interpoñer o recurso será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

3. Con carácter xeral, o prazo máximo para resolver e notificar o procedemento previsto nesta convocatoria será de 3 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 11. Matrícula

1. As persoas adxudicatarias de praza disporán desde o 28 de maio ao día 10 de xuño, ambos os dous incluídos, para matricularse, presentando no centro onde obteñan praza o impreso de matrícula debidamente cuberto acompañado do certificado médico da nena ou do neno. O impreso de matrícula facilitarase nos propios centros, así como nas páxinas web (http://benestar.xunta.es) e (http://www.escolasinfantis.net).

Para os ingresos fóra de prazo disporase de dez días naturais contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución da concesión da praza.

2. A formalización da matrícula no prazo sinalado é imprescindible para confirmar a praza. Se non se realiza a matrícula da nena ou do neno no prazo sinalado, a persoa solicitante considerarase decaída na súa solicitude.

Artigo 12. Lista de espera

1. A lista de espera estará constituída polas solicitudes de praza correctamente formuladas que non acaden a puntuación necesaria para obter praza, ordenadas segundo a prelación establecida no artigo 7 e pola puntuación obtida.

2. As baixas producidas ao longo do curso escolar cubriranse coas solicitudes que queden en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación dentro de cada grupo de prelación.

3. As solicitudes que, por circunstancias sobrevidas debidamente xustificadas, recollidas no artigo 5.4, non se presenten nos prazos fixados nesta convocatoria, serán tramitadas e avaliadas para a súa inclusión na lista de espera, ocupando o lugar que lles corresponda segundo a puntuación obtida.

Artigo 13. Prezos

1. Para a determinación das tarifas aplicables procederase segundo o establecido no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería Traballo e Benestar.

2. Todas as usuarias e os usuarios aboarán a contía de once mensualidades por curso, salvo cando se autorice a asistencia durante os doce meses; neste caso deberase aboar a cota correspondente aos doce meses.

3. A falta de asistencia do alumno ou da alumna durante un período determinado non supón redución ningunha nin exención do pagamento da cota, agás nos casos establecidos no artigo 5 do dito decreto de prezos.

4. Ao longo do curso poderase proceder á revisión da tarifa fixada inicialmente, cando concorran e se xustifiquen variacións socioeconómicas na unidade familiar referidas aos seguintes casos:

a) A modificación das circunstancias que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.

b) As variacións nos seus ingresos que impliquen unha modificación substancial na súa capacidade económica actual. Soamente se terán en conta as variacións que supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos ingresos declarados na solicitude de praza. Estas variacións deberán ter unha duración temporal dun mínimo de catro meses para ser tomadas en consideración e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria ou por calquera outra documentación que, a xuízo da Dirección Xeral de Familia e Inclusión ou da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo, se é o caso, xustifique e permita un novo cálculo da renda per cápita da unidade familiar.

c) A variación no número de membros da unidade familiar, se é o caso.

Neste sentido, a persoa beneficiaria queda obrigada a comunicar calquera variación que se produza ao respecto.

A modificación do prezo, se é o caso, será resolta pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión para a escola infantil de Vite e polo xefe ou pola xefa territorial da Consellería de Traballo e Benestar no caso da escola infantil do Edificio Administrativo de Pontevedra e da escola infantil do Complexo Administrativo de Vigo, e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.

Artigo 14. Baixas

1. Será causa de baixa nas escolas infantís:

a) O cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

b) A solicitude das nais, dos pais ou dos/as representantes legais.

c) A falta de pagamento do prezo establecido durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar a que se refire a débeda, sen prexuízo da reclamación desta polo procedemento administrativo de constrinximento.

d) A comprobación de falsidade nos documentos ou nos datos achegados.

e) A incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

f) A falta de asistencia continuada durante quince días sen causa xustificada.

2. Naqueles casos en que a baixa sexa xustificada e se prolongue máis dun mes haberá que presentar xustificación con carácter mensual. O incumprimento desta obriga será causa de baixa.

3. As baixas na escola infantil de Vite serán resoltas pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, unha vez oída a dirección do centro e a persoa interesada, agás a reflectida no punto b).

As baixas nas escolas infantís do Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra e do Complexo Administrativo da Xunta en Vigo serán resoltas polo xefe ou pola xefa territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo, unha vez oídas a dirección do centro e a persoa interesada, agás a reflectida no punto b).

As baixas motivadas polo establecido no punto e) serán resoltas pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, por proposta do xefe ou da xefa territorial da Consellería de Traballo e Benestar de Vigo, unha vez oída a dirección do centro.

4. As baixas producidas ao longo do curso escolar por calquera dos motivos anteriormente expostos cubriranse coas solicitudes que queden en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación dentro da prelación establecida no artigo 7.

Disposición adicional primeira

Para os efectos desta orde, considérase persoal dos servizos centrais da Xunta de Galicia o persoal que preste servizos na Presidencia, nas consellerías e nos organismos autónomos de carácter administrativo e financeiro con sede en Santiago de Compostela, aínda no caso de que pasen a desempeñar postos en novas entidades con carácter de axencias ou entes públicos empresariais.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file