Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 2 de abril de 2014 Páx. 14516

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 24 de marzo de 2014 pola que se establecen as bases que regulan as axudas destinadas á implantación de sistemas de autocontrol nos mercados de gando da Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2014.

Os mercados de gando manteñen unha importante función dinamizadora do sector agrogandeiro galego, sendo indubidable a súa importancia económica e social, e mesmo se fan imprescindibles na implantación de prezos de referencia do gando, favorecendo desta forma a regularización do comercio e en definitiva da renda dos gandeiros.

As crecentes exixencias dos consumidores en materia de sanidade e benestar animal, identificación e rastrexabilidade do gando e produtos gandeiros establecidas pola Unión Europea obrigan este tipo de explotacións a modernizar as estruturas de comercialización.

O paso dos animais vivos polos mercados é unha etapa máis dentro da vida do animal destinado á produción de carne e débese considerar como un factor integrante do control da «calidade integral» da carne.

Como consecuencia do anterior, esta orde ten por obxecto establecer unha liña de axudas de minimis destinada a apoiar a aplicación de sistemas de autocontrol nos mercados de gando, entendidos como a implantación e desenvolvemento dun protocolo de actuacións, que con carácter previo e preventivo permiten un control máis detallado das distintas etapas, logrando así un mellor aproveitamento dos seus recursos e, polo tanto, dando unha resposta máis rápida e eficaz diante das posibles eventualidades que poidan afectar a consecución dos obxectivos establecidos de sanidade, benestar, identificación e rastrexabilidade do gando.

Esta orde de axudas dítase de acordo co disposto no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1 do 24.12.2013), e no marco do Real decreto 190/2007, de 9 de febreiro, polo que se establecen as bases reguladoras das axudas de minimis destinadas á implantación de sistemas de autocontrol nos mercados de gando.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da orde

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras das axudas destinadas á implantación de sistemas de autocontrol nos mercados de gando da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva mediante o sistema de rateo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2014.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos desta orde, entenderase por mercado de gando a concentración pública de gando vivo, con fins comerciais, celebrada en lugares destinados para tal efecto, en datas determinadas e con carácter regular, e autorizada como tal pola autoridade competente.

Artigo 3. Beneficiarios e requisitos

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas xurídicas, públicas ou privadas, que sexan titulares dun mercado de gando, segundo o establecido na base de datos do Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras creada polo Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras.

Como requisitos para a concesión da axuda, os mercados de gando deberán:

1. Estar autorizados como centros de concentración para intercambios intracomunitarios segundo o Real decreto 1716/2000, do 13 de outubro, sobre normas sanitarias para o intercambio intracomunitario de animais das especies bovina e porcina, ou o Real decreto 1941/2004, do 27 de setembro, polo que se establecen as normas de policía sanitaria que regulan os intercambios intracomunitarios e as importacións de terceiros países de animais das especies ovina e caprina.

2. Celebrarse cunha periodicidade, polo menos, semanal.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Subvencionaranse as actuacións destinadas á implantación dun sistema de autocontrol, segundo os seguintes requisitos mínimos:

a) Os sistemas de autocontrol aplicables nos mercados de gando deberán rexistrar, cando menos, os controis que se realizan nos seguintes aspectos xerais de actividade e instalacións do mercado:

1º. Mantemento óptimo das instalacións do mercado.

2º. Formación do persoal.

3º. Organización da actividade do mercado.

b) O sistema de autocontrol incluirá, como mínimo, os seguintes elementos:

1º. Elección de puntos, lugares e actuacións nos cales se debe realizar o control.

2º. Obxectivos que se pretenden acadar ou valores guía que se espera obter nese punto de control.

3º. Frecuencia dos controis.

4º. Rexistro das incidencias cando estes obxectivos ou valores non se acadan.

5º. Medidas correctoras aplicadas no caso de que ocorran de incidencias.

2. Non será en ningún caso subvencionable o cumprimento da lexislación obrigatoria en materia de ambiente, sanidade, benestar e identificación animal.

Artigo 5. Contía das axudas

1. A porcentaxe da axuda para as actuacións previstas nesta orde non poderá superar o 50 por cento dos gastos.

2. Sen prexuízo do previsto no punto anterior, a axuda máxima non poderá superar a cantidade de 36.000 euros por beneficiario e ano.

3. Cando o importe das solicitudes con dereito a axuda exceda o crédito dispoñible, realizarase un rateo cos fondos dispoñibles para esta, reducindo proporcionalmente as contías unitarias das axudas, a fin de non superara devandita contía total.

4. As axudas que se concedan de conformidade co establecido nesta Orde axustaranse ás seguintes limitacións adicionais:

a) Como máximo, un beneficiario poderá percibir estas subvencións durante cinco exercicios consecutivos.

b) O primeiro ano poderase subvencionar a implantación do sistema de autocontrol dese mercado.

c) Nos seguintes anos subvencionaranse os custos de control relativos ao sistema de autocontrol implantado no mercado.

d) Cada beneficiario poderá recibir só durante tres anos a porcentaxe máxima de axuda que se fixe para cada exercicio.

e) Cando un beneficiario reciba estas subvencións catro ou cinco anos, o importe máximo que poderá percibir será do 40 por cento o cuarto ano e dun 30 por cento o quinto, dos custos subvencionables.

5. A axuda total de minimis concedida non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O beneficiario será informado por escrito do importe da axuda (expresado en importe bruto de subvención) e sobre o seu carácter de minimis, facendo referencia ao Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Artigo 6. Solicitudes e prazos de presentación

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 7. Documentación

1. Os solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o anexo I, completamente cuberto.

b) Certificación do órgano competente, na cal se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude e citarase a disposición que recolle a competencia. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme o artigo 32 da Lei 30/1992.

c) Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante e os seus estatutos.

d) Unha descrición detallada do sistema de autocontrol que se implantará nos termos mínimos previstos no número 1 do artigo 4.

e) Avaliación económica dos custos de implantación do sistema de autocontrol.

De acordo co artigo 4, número 2 da Orde do 12 de xaneiro de 2012 (DOG 16 de xaneiro), pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, os solicitantes non terán a obriga de presentar os documentos das alíneas b) e c) que xa fosen presentados. Para facer efectivo este dereito, deberán especificar a data en que presentaron os documentos e o órgano a que os dirixiron, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento no que se achegaron.

2. Se a documentación presentada é incompleta ou non reúne os requisitos establecidos, requirirase o responsable para que no prazo de dez días hábiles, desde o seguinte ao da recepción do requirimento, emende o erro ou xunte os documentos preceptivos, coa advertencia de que se non o fai, terase por desistido da súa solicitude, logo da resolución en tal sentido, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. A Consellería do Medio Rural e do Mar poderá solicitar dos peticionarios toda a información e as xustificacións técnicas e económicas que considere necesarias, co obxecto de comprobar a realización das actuacións subvencionables e os custos derivados.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado implicará a autorización á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e nese caso deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

2. As solicitudes das persoas interesadas presentarán os documentos e as informacións determinadas no artigo 7, salvo que os documentos esixidos xa estean en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 9. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. A resolución do expediente correspóndelle ao secretario xeral do Medio Rural e Montes por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, por proposta da directora xeral de Produción Agropecuaria.

2. A valoración das solicitudes de axuda será efectuada por un órgano colexiado constituído para o efecto, integrado por tres funcionarios da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario e que estará presidido polo subdirector xeral de Gandaría, que emitirá o informe correspondente. Á vista deste informe, a directora xeral de Produción Agropecuaria elevará proposta de resolución ao órgano administrativo competente, que resolverá as solicitudes presentadas.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses, que comezarán a contar a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo, os interesados/as poderán entender rexeitadas as súas solicitudes de axuda.

4. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá presentarse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben, alternativamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, que comezarán a contar a partir do día seguinte ao da notificación.

Artigo 10. Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas

Xunto coa xustificación, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

Artigo 11. Control da execución dos programas

1. A supervisión do sistema de autocontrol será realizada pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria ou organismos independentes de control, que verificarán a correcta implantación do sistema de autocontrol mediante a realización dunha visita de inspección. No caso de detectarse incumprimentos programaranse novas visitas de supervisión do sistema.

2. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria realizará as comprobacións administrativas e sobre o terreo que considere oportunas, co fin de comprobar o cumprimento do sistema de autocontrol nos mercados beneficiarios. As comprobacións poderán afectar tanto as actuacións dos organismos de control como os propios mercados, co obxecto de comprobar o cumprimento do sistema de autocontrol.

3. Os requisitos e procedementos de actuación dos organismos independentes de control axustaranse ao previsto no anexo II.

4. Se como consecuencia dos controis se detecta incumprimentos nos requisitos mínimos establecidos no punto 1 do artigo 4 desta orde para a implantación dun sistema de autocontrol, aplicaranse deducións sobre as axudas aprobadas segundo os seguintes criterios:

a) Cando non se cumpra o 25 % dos requisitos mínimos establecidos, aplicarase unha dedución do 50 % do importe da axuda.

b) Cando non se cumpra o 50 % dos requisitos mínimos establecidos, aplicarase unha dedución do 75 % do importe da axuda.

c) Cando non se cumpra o 75 % dos requisitos mínimos establecidos, aplicarase unha dedución do 100 % do importe da axuda.

Artigo 12. Modificación das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. O pagamento da subvención realizarase con xustificación previa polo beneficiario, da realización da actividade, proxecto, obxecto ou adopción do compromiso para o cal se concedeu, nos termos establecidos na presente orde.

Artigo 13. Reintegro da axuda e obriga de facilitar información

1. O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, xunto cos xuros de demora devindicados desde o seu pagamento, nos supostos de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e nos casos establecidos no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Así mesmo, ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como as que lle solicite calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 14. Réxime de incompatibilidades

As axudas establecidas na presente orde son compatibles con outras subvencións, que estableza co mesmo obxecto calquera outra administración, sempre que se respecte o nivel máximo de axuda do 50 por cento dos gastos subvencionables.

Artigo 15. Xustificación por parte do beneficiario

1. As xustificacións técnicas e económicas da realización do programa deberán presentarse antes do 15 de novembro, preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Transcorrido o prazo sen que o/a beneficiario/a presente a documentación solicitada ante o órgano administrativo competente, este requirirá o/a beneficiario/a para que a presente no prazo improrrogable de quince días e de non facelo, poderase entender a perda do dereito ao cobramento da axuda.

3. Por regra xeral, os gastos realizados polo/a beneficiario/a final deberán xustificarse mediante facturas orixinais pagadas mediante transferencia bancaria. Nos casos en que isto non sexa posible, os gastos xustificaranse por medio de documentos contables de valor probatorio equivalente e sempre mediante transferencia bancaria. Para efectuar o pagamento da axuda concedida é necesario que os beneficiarios presenten os xustificantes orixinais de investimento total, transferencia bancaria dos pagamentos, unha relación informatizada destes e unha memoria explicativa sobre a realización das actividades auxiliadas, que probe a prestación efectiva dos servizos. Para cada concepto, presentarase unha táboa comparativa entre os gastos realizados, debidamente xustificados, e os presentados no orzamento inicial. A relación informatizada das facturas debe constar dos seguintes campos: concepto, provedor, número de factura, data de emisión e data de pagamento, base impoñible, importe correspondente ao IVE e importe total con IVE.

4. Considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado mediante transferencia bancaria, con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención. Non se considerará gasto realizado o IVE, agás no caso de beneficiarios que acrediten estar exentos do imposto sobre o valor engadido pola Axencia Tributaria.

5. Esta xustificación debera ir acompañada dun informe de auditor de contas, inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas; para este efecto o auditor levará a cabo a revisión da conta xustificativa verificando tanto que os gastos se xustificaron mediante as correspondentes facturas, como os pagamentos mediante transferencia bancaria dentro do período subvencionable e cuxo obxecto se corresponde cos conceptos subvencionables en cada liña, con suxeición ás normas de actuación e supervisión que, se é o caso, propoña a Intervención Xeral da Xunta de Galicia.

6. De acordo co artigo 30, número 4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

7. De acordo co artigo 29, número 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, de 50.000 euros para obras, ou de 18.000 euros para subministración ou prestación de servizos, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, xunto coa solicitude de axuda, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 16. Financiamento

1. As axudas que deriven da aplicación desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.22.713E.770.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, dotada para esta finalidade cun importe de 22.500,00 euros para o ano 2014.

2. Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos comunitarios, estatais ou autonómicos achegados para o efecto, na mesma ou noutras aplicacións orzamentarias, de acordo co recollido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto no Real decreto 190/2007, do 9 de febreiro, polo que se establecen as bases reguladoras das axudas de minimis destinadas á implantación de sistemas de autocontrol en mercados de gando, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da citada lei e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda

As axudas reguladas por esta orde rexeranse polo disposto no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013 relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1 do 24/12/2013),

Disposición adicional terceira

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposición derradeira

Facúltase a directora xeral de Produción Agropecuaria para ditar cantas instrucións sexan necesarias para a aplicación da presente orde.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira de Medio Rural e do Mar

ANEXO II

Requisitos e funcionamento dos organismos independentes de control

Os organismos independentes de control deberán reunir os criterios establecidos na norma ISO/IEC 17020, cun alcance que inclúa a inspección dos sistemas de autocontrol dos mercados e deberán dispoñer da oportuna acreditación, expedida pola Entidade Nacional de Acreditación (Enac), regulada no capítulo II, sección 2.ª, do Regulamento da infraestrutura para a calidade e seguridade industrial aprobado polo Real decreto 2200/1995, ou calquera outra entidade de acreditación membro de EA.

De forma transitoria, os organismos independentes de control que soliciten a correspondente acreditación poderán ser autorizados provisionalmente mediante resolución do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, por un período máximo de ata dous anos despois da entrada en vigor deste real decreto, mentres obteñen a acreditación, logo de solicitude e presentación da seguinte documentación:

1. Xustificación da competencia técnica para realizar a tarefa mediante:

a) Organigrama.

b) Persoal inspector (número).

c) Educación inicial, formación e adestramento, coñecementos técnicos e experiencia axeitados.

2. Identificación legal do organismo.

3. Seguro de responsabilidade adecuado.

4. Tarifas.

5. Métodos e procedementos de inspección axeitados.

6. Tipo ou modelo de informe de inspección que conteña, polo menos, os resultados dos exames e determinacións, así como toda a información necesaria para comprendelos e interpretalos.

Obrigas:

Os organismos independentes de control deberán conservar para a súa posible consulta polas autoridades competentes, durante un prazo de cinco anos, expedientes, documentación e datos dos controis realizados e dos informes emitidos.

missing image file
missing image file