Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Venres, 28 de marzo de 2014 Páx. 13236

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 21 de marzo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2014.

A Constitución española de 1978 recolle, dentro dos principios reitores da política social e económica, que os poderes públicos velarán pola seguranza e hixiene no traballo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral.

Mediante o Real decreto 2381/1982, do 24 de xullo, a Comunidade Autónoma de Galicia recibiu o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de gabinetes técnicos provinciais do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúe á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social a competencia e funcións, entre outras materias, relativas á seguridade e saúde laboral.

Na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, recóllese o mandado de que as administracións públicas competentes promoverán a prevención e o asesoramento, incluídas a asistencia e a cooperación técnica, a información, divulgación, formación e investigación en materia preventiva, coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguranza e saúde laboral das traballadoras e dos traballadores.

A Lei 54/2003, do 12 de decembro, que modifica a Lei 31/1995, establece o obxectivo de combater dun xeito activo a sinistralidade laboral, así como o de reforzar a necesidade de integrar a prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión da empresa. Isto fai preciso instrumentar mecanismos para as empresas galegas que lles faciliten dar cumprimento ao novo marco normativo e á normativa de desenvolvemento existente en materia de prevención de riscos laborais como actividade integrada no conxunto de actuacións e decisións da empresa.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para o fomento da prevención de riscos laborais entre as traballadoras e os traballadores de Galicia mediante accións de formación (xornadas técnicas, seminarios, cursos de prevención, etc.), así como de promoción, difusión e comunicación sobre a normativa e os aspectos máis relevantes da seguranza e saúde laboral entre os distintos sectores afectados, co obxecto de impulsar a presenza de recursos preventivos na empresa e o fomento dunha auténtica cultura de prevención de riscos laborais no traballo.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos do programa 11.02.324B.481.1 código de proxecto 2014 00556, da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Ámbito e réxime de axudas

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións por que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais en Galicia, correspondentes ao exercicio de 2014, xestionadas pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias das axudas recollidas nesta orde de convocatoria serán:

Na liña 1, programas de formación intersectorial en materia de prevención de riscos laborais de ámbito galego:

• As asociacións patronais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical, que recollan expresamente nos seus fins o fomento da prevención de riscos laborais e as organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de carácter intersectorial en ambos os casos.

Na liña 2, outras accións de fomento da prevención de riscos laborais:

• Fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguranza e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.

• Organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial.

• Asociacións empresariais de ámbito galego, provincial ou autonómico, sectoriais ou intersectoriais, constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical, que recollan expresamente nos seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.

• Asociacións profesionais de traballadores e traballadoras autónomas rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 22 de outubro, que recollan expresamente nos seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas:

• Aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias a que se refire o artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• As administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

3. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións financiadas con cargo a esta convocatoria, tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución da acción subvencionada e que deberá ser realizada consonte o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Ademais, os/as subcontratistas deberán facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. Esta subcontratación poderá chegar ata o 100 % do importe da acción.

Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e, ademais, o dito importe sexa superior a 60.000 euros, procederase á subscrición dun contrato por escrito. Con carácter previo á sinatura do contrato, solicitarase, por escrito, autorización ao órgano concedente (Dirección Xeral de Traballo e Economía Social), quen concederá a autorización, se é procedente, pola súa vez por escrito.

Capítulo II
Modalidades de axuda

Artigo 3. Accións subvencionables

1. Serán subvencionables as seguintes accións:

Na liña 1, cun importe total de 300.000,00 euros, subvencionaranse programas de formación intersectorial en materia de prevención de riscos laborais de ámbito galego.

Na liña 2, cun importe total de 1.190.000,00 euros, subvencionaranse outras accións de fomento da prevención de riscos laborais, que deberán estar incluídas na seguinte relación:

Liña 2.1. De formación, destinadas aos traballadores e traballadoras galegas:

• Formación específica sectorial en prevención de riscos laborais destinada a traballadores e traballadoras activos/as e en situación de desemprego, delegados e delegadas de prevención de empresas galegas preferentemente de entre 6 e 49 persoas traballadoras, recursos preventivos e traballadores e traballadoras designados/as en empresas de menos de 49 traballadores/as que asuman con medios propios a actividade preventiva da empresa.

Liña 2.2. Estudos e traballos técnicos relacionados coa seguranza e saúde laboral:

• De investigación e prospección para a análise da mellora das condicións de traballo en sectores concretos da actividade económica.

Liña 2.3. De difusión, sensibilización e intercambio de experiencias (conferencias, xornadas, seminarios e publicacións):

• Liña 2.3.1. Gabinetes técnicos sectoriais de difusión normativa e técnica, en relación coa Lei de prevención de riscos laborais e normativa de desenvolvemento.

• Liña 2.3.2. Accións divulgativas de sensibilización para investimento específico en prevención de riscos laborais e/ou de intercambio de experiencias e boas prácticas en seguranza e saúde laboral.

• Liña 2.3.3. Realización de materiais e ferramentas prácticas para implantar actuacións en seguranza e saúde laboral.

Non serán subvencionables en ningún caso:

• Accións formativas que non se realicen integramente de forma presencial.

• Accións que supoñan o cumprimento de obrigas legais en materia preventiva dos integrantes das entidades solicitantes e, en particular:

– Cumprimento do artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

– Financiamento dos custos de concertos con servizos de prevención alleos ou cotas de participación en servizos de prevención mancomunados.

– Custos de funcionamento de medios propios para o desenvolvemento da actividade preventiva (traballadores designados, servizos de prevención propios ou mancomunados).

• Avaliacións de riscos ou ferramentas para o desenvolvemento de actividades preventivas que xa existan dentro de programas de asesoramentos público aos empresarios.

Unha vez realizada a proposta de resolución e para o caso de existir remanente de crédito nalgunha das liñas anteriores, este poderá acumularse á outra liña.

2. As accións de fomento da prevención de riscos laborais recollidas nesta orde serán obxecto de subvención para compensar os custos derivados da súa execución, que inclúen os custos indirectos recollidos no artigo 29.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo cos criterios que se recollen no artigo 9.4 e sen prexuízo de que a entidade solicitante presente unha parte do orzamento total da actividade solicitada.

As accións estarán necesariamente relacionadas co proxecto, serán imprescindibles para a súa consecución e realizaranse dentro do período de execución que se detalle na memoria da acción (anexo II).

Así mesmo, para poder acollerse á subvención exixirase un mínimo de 15 asistentes a cada acción de formación, de eventos formativos e/ou científico-técnicos en materia de seguranza e saúde laboral e as asociadas ás campañas de sensibilización, informativa, divulgativa e de promoción da cultura da prevención. En casos excepcionais, debidamente motivados e coa autorización expresa da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, poderán autorizarse estas accións cun menor número de asistentes. Esta autorización será solicitada polo interlocutor designado, por correo electrónico, ao enderezo segur.hixiene.santiago@xunta.es e será comunicada pola mesma vía ao solicitante.

As subvencións previstas nesta orde destinaranse a cubrir os seguintes gastos:

a) Gastos de execución: a compra de material funxible e os gastos relativos a campañas de sensibilización, informativas, divulgativas e de promoción da cultura da prevención. O deseño, maquetación, impresión, distribución, publicidade, coordinación e outros de similar natureza de cuñas informativas, folletos, trípticos, carteis e similares. Arrendamentos de aparellos e equipamentos. Non serán subvencionables as accións que consistan exclusivamente en traducións, adaptacións ou adecuacións de publicacións en calquera formato, físico ou electrónico, ou de ferramentas informáticas existentes, ou as reedicións de publicacións realizadas con anterioridade, recibisen ou non subvención con cargo a convocatorias doutros exercicios desta orde de subvención. No caso de reedición de material impreso de carácter didáctico que sexa necesario para desenvolver accións formativas, só se subvencionará cando as ditas accións formativas se atopen dentro da solicitude de subvención e a súa tiraxe sexa coherente coas estimacións de asistentes á actividade. Así mesmo, tampouco serán subvencionables accións cuxo contido, obxecto e destinatarios coincida co desenvolvemento de proxectos subvencionados en anos anteriores.

b) Gastos derivados da contratación de servizos externos con relación directa co proxecto.

c) Gastos de persoal técnico propio da entidade beneficiaria. A súa porcentaxe máxima non poderá exceder o 30 % do custo mensual empresarial. Esta porcentaxe aplícase á totalidade do proxecto con independencia do número de accións que o conformen.

d) Retribucións de persoal técnico contratado expresamente para o desenvolvemento do proxecto. Neste suposto deberase presentar, xunto coa restante documentación xustificativa, o contrato de traballo subscrito (no cal se indicará a data de inicio e fin da contratación e do servizo determinado) e o parte de alta do traballador ou traballadora na Seguridade Social.

e) Custos indirectos: gastos do proxecto que pola súa natureza non poden imputarse de forma directa (consumo eléctrico, teléfono...), ata un máximo do 10 % do seu importe e sempre que correspondan cos locais en que se realizan as accións. Non poderán imputarse estes gastos no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50 %.

f) Específicos da acción concreta: docentes, alugueres ou arrendamentos de aulas, talleres e medios de transporte, material de protección e seguranza para a realización da acción por parte do solicitante, excluíndo o persoal dos servizos externos contratados, seguro de accidentes dos participantes, poderase imputar o 100 % do gasto, sempre que quede garantida a natureza do gasto en relación coa acción realizada, mediante a constancia expresa no documento xustificativo ou por medio de certificación acreditativa de cada organización.

En ningún caso se poderán imputar os gastos do persoal directivo das entidades solicitantes nin axudas de custos ou custos de desprazamento para asistentes a accións formativas ou de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias, agás os correspondentes a docentes, relatores e coordinadores.

3. O cobramento destas subvencións será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

Artigo 4. Período de imputación de gastos

Poderanse financiar con cargo a esta orde de convocatoria os gastos derivados de accións realizadas desde o 1 de xaneiro de 2014 ata que rematen, conforme o seguinte:

– Fase de planificación e organización das accións: os gastos enumerados nas alíneas c) e e) do artigo anterior poderanse imputar como máximo 4 meses antes do inicio efectivo das accións e 1 mes despois do seu remate, para as relativas á formación específica en prevención de riscos laborais, estudos e traballos técnicos e realización de materiais e ferramentas prácticas; e 2 meses antes e 1 mes despois, correlativamente, para as accións de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias.

– Fase de realización efectiva da acción: os gastos enumerados nas alíneas a), c), e) e f) imputaranse referidos ao período efectivo en que teñan lugar as accións, agás os gastos de publicidade, que poderán imputarse 2 meses antes de realizar as actividades; e para os relativos á difusión, 1 mes ao remate de todas as actividades relativas ás accións.

– Os gastos de retribucións do persoal técnico contratado expresamente para o desenvolvemento do proxecto (fases de planificación, organización e realización) imputaranse en correspondencia co tempo que figure nos contratos que para o efecto se realicen.

– Os gastos de contratación de servizos externos corresponderán ao período que conste no contrato de arrendamento de servizos e a fase de planificación e organización non pode superar os 4 meses anteriores ao inicio efectivo da acción e 1 mes posterior ao seu remate, para o caso das accións de formación específica en prevención de riscos laborais e estudos e traballos técnicos; e 2 meses e 1 mes, correlativamente, para as de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias. Exceptúanse destes límites temporais as accións que pola súa complexidade precisen dun período maior de desenvolvemento, logo de petición por escrito e posterior comunicación pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Artigo 5. Remate e xustificación das accións

Todas as accións deberán estar rematadas e xustificadas, con data límite, o 31 de outubro de 2014.

Capítulo III
Da convocatoria pública

Artigo 6. Presentación de solicitudes, documentación e prazo

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou copia dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante de forma electrónica superase os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Documentación administrativa:

a) Impreso de instancia normalizada (anexo I).

b) Documentación acreditativa da representación legal suficiente para asinar a solicitude.

c) Copia da última actualización ou modificación dos estatutos ou escritura pública de constitución da entidade, así como das actas que recollan acordos que afecten á prevención de riscos laborais á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Acompañarase de certificación da vixencia, á data de presentación da solicitude, dos documentos emitida polo secretario ou secretaria da entidade.

d) Copia cotexada do NIF da entidade.

Documentación técnica:

a) Memoria das actividades para as cales solicita a subvención para cada unha das accións conforme o anexo II. A denominación da acción deberá:

a. Incluír a liña de axudas a que opta de acordo coa codificación do artigo 3.1.

b. Definir claramente o contido da acción, evitando títulos xenéricos ou de carácter publicitario ou comercial.

b) Orzamento do proxecto completo, entendendo por tal o conxunto de todas as accións solicitadas individualizado por liña 1 e liña 2 completa (suma dos importes de cada unha das epígrafes dos anexos II presentados), especificando o seu custo e desagregando os gastos totais de todas as accións. Indicarase, así mesmo, se a entidade colabora no financiamento e, de ser o caso, a cantidade que achega (anexo III nun único documento pola liña 1 e outro pola liña 2). Non se admitirá a introdución de cambios no orzamento, agás o movemento de partidas na porcentaxe máxima do 10 % do total do orzamento. Excepcionalmente poderá solicitarse, de forma motivada e cunha anticipación de 15 días ao inicio da acción, modificar o orzamento, e é potestade da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social a súa aceptación ou denegación.

3. Cada entidade solicitante poderá presentar só unha solicitude de axudas. No caso de que se presentase máis de unha solicitude, só será tida en conta aquela que se teña presentado en primeiro lugar, establecéndose como criterio a data de presentación de acordo coa forma de presentación establecida neste artigo.

Para as accións da liña 1 que soliciten organizacións que estean integradas noutra entidade que tamén sexa solicitante, considerarase unicamente a da entidade que teña un ámbito territorial máis amplo.

4. Os requisitos exixidos ás entidades entenderanse cumpridos á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

5. Designarase un responsable/coordinador único para o seguimento e control dos aspectos técnicos de todos os proxectos incluídos na solicitude, do cal se fornecerá o nome, teléfono e correo electrónico no anexo I.

Artigo 7. Corrección de defectos da solicitude presentada

1. No suposto de que a solicitude ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a entidade para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

2. Os requisitos exixidos ás entidades computaranse á data de finalización do prazo de presentación de instancias.

Artigo 8. Seguimento das accións subvencionadas

Para os proxectos iniciados antes desta convocatoria que se pretendan continuar con esta orde de subvencións, xunto coa solicitude presentarase un avance da súa situación e un informe do estado do proxecto cun resumo cronolóxico das actividades realizadas e as proxectadas. Non serán subvencionadas as accións ou proxectos que fosen subvencionados con anterioridade ao abeiro de convocatorias anteriores desta orde.

Artigo 9. Procedemento

1. O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Seguridade e Saúde Laboral da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

2. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

3. Establécese unha fase de preavaliación en que, á vista das solicitudes e a documentación que se presente, se verificará o cumprimento das condicións exixidas nesta orde para adquirir a condición de entidade beneficiaria da subvención. O encargado desta fase será o Servizo de Seguridade e Saúde Laboral. Para o caso de non cumprir coas condicións para ser beneficiaria da subvención, ditarase a resolución de exclusión polo director ou directora xeral de Traballo e Economía Social, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar.

4. A comisión de valoración, para avaliar as solicitudes, terá en conta os factores que se relacionan, aplicando os seguintes criterios:

A. En relación coa entidade solicitante:

1) Representatividade (de 0 a 3 puntos). A representatividade das entidades determinarase:

a) Para as fundacións paritarias, segundo o ámbito funcional do convenio colectivo ou acordo sectorial por que foron creadas.

b) Para as organizacións sindicais e empresariais, segundo o sistema establecido para a aplicación do título III da Lei do Estatuto dos traballadores, no ámbito territorial ou funcional específico en cada unha das accións programadas, ou segundo o criterio da participación institucional que cada organización teña recoñecida no ámbito da Comunidade Autónoma, de acordo coa Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariales máis representativas de Galicia.

A puntuación da representatividade valorarase en función dos seguintes criterios:

Entidades con representatividade menor do 10 %; do 10 % ao 15 %; maior do 15 % con representatividade sectorial; e maior do 15 % con representatividade intersectorial.

2) Dimensión territorial da entidade (de 1 a 2 puntos): tendo en conta que o ámbito territorial sexa provincial ou autonómico.

3) Sectorialidade (de 1 a 2 puntos): segundo a actividade teña carácter intersectorial ou sectorial.

B. Sobre a realización da acción:

4) Medios propios (de 0 a 2 puntos): segundo a entidade asuma a realización da actividade fornecendo só os seus medios humanos ou materiais ou ben realice toda a actividade con medios propios. Cando o beneficiario sexa unha persoa xurídica, os seus membros asociados poderán comprometerse a efectuar a totalidade ou a parte das actividades que fundamentan a concesión da subvención en nome e por conta do primeiro, de acordo co disposto no artigo 8.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5) Emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as cales se solicita a axuda (de 0 a 2 puntos): segundo o uso da lingua galega en execución ou en produtos ou ben en execución e en produtos.

6) Continuidade (de 0 a 2 puntos): valorarase se a acción solicitada foi presentada e non subvencionada anteriormente, se se trata dunha nova acción ou se dá continuidade a unha xa subvencionada anteriormente.

7) Cofinanciamento (de 0 a 3 puntos): segundo este sexa menor do 50 % nos gastos xerais, menor do 50 % nos gastos específicos ou maior do 50 % nos gastos específicos.

8) Especificidade (de 0 a 2 puntos): segundo a especificidade sexa intersectorial ou sectorial.

C. En relación cos destinatarios da acción:

9) Xeral/sectorial (de 1 a 2 puntos): segundo a acción se desenvolva con carácter intersectorial ou sectorial.

10) Alcance territorial (de 0 a 2 puntos): valorarase segundo sexa provincial ou autonómico.

11) Distribución do resultado final da acción en formato electrónico (de 1 a 2 puntos): valorarase cando a distribución do resultado da acción se realice exclusivamente en CD, DVD, noutros soportes electrónicos ou vía web.

12) Sinistralidade (de 1 a 3 puntos): valorarase cando a sinistralidade sexa menor do 50 % do índice de incidencia medio, cando coincida co índice de incidencia medio e cando sexa maior do 150 % do índice de incidencia medio.

5. Para os efectos do previsto neste artigo, a comisión de valoración estará composta polos seguintes membros: a xefa ou o xefe do servizo de Seguridade e Saúde Laboral, que a presidirá, e serán vogais tres persoas integrantes do persoal adscrito á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social; unha delas actuará como secretario ou secretaria.

6. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puider asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o director ou directora xeral competente en materia de Traballo e Economía Social.

7. A comisión de valoración, unha vez avaliadas as solicitudes presentadas, realizará un informe para determinar a contía máxima das subvencións. Terase en conta a orde de prelación acadada polos solicitantes con base nos criterios de valoración que se establecen nesta orde. Así mesmo, excluiranse da proposta de adxudicación aquelas cantidades que pola súa natureza non se poidan subvencionar atendendo ás bases da convocatoria.

O importe total das axudas percibidas non poderá superar os custos das actividades subvencionadas.

8. O xefe ou a xefa do servizo de Seguridade e Saúde Laboral, tendo en conta o informe da comisión de valoración, elevará a proposta de resolución ante o órgano competente para resolver.

9. Con carácter previo á resolución das axudas, darase audiencia aos interesados nos casos en que así proceda (artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Artigo 10. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo do informe da comisión de valoración e do cumprimento do trámite de audiencia, cando proceda, corresponderá ao director ou directora xeral competente en materia de Traballo e Economía Social, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar.

As resolucións deberán ser notificadas ás entidades interesadas no prazo de 10 días desde que se diten; estas disporán dun prazo de 10 días para comunicaren a aceptación da subvención concedida.

2. De acordo co sinalado no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que se trata dun procedemento baixo o réxime de concorrencia competitiva, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder 6 meses.

3. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou, directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11. Publicidade das axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos datos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e autorizan a inclusión destas axudas no dito rexistro e, se é o caso, no de sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. Así mesmo, tal e como se recolle no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, indicando a convocatoria, o programa de crédito orzamentario a que se imputan, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

Igualmente, publicaranse na páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 12. Xustificación do pagamento

1. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación polas entidades beneficiarias da documentación e na forma que se especifica na guía de xustificación económica do anexo IV.

2. A data límite para a presentación desta documentación será o 31 de outubro de 2014.

3. Tras a recepción da documentación recollida neste artigo, procederase á revisión e valoración dos documentos xustificativos da execución e, se é o caso, da documentación adicional solicitada. En función dos resultados acadados, realizarase a proposta de pagamento, axuste ou revogación das subvencións.

4. Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias, e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social emitirá as certificacións para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

5. Poderán acordarse pagamentos parciais a medida que a entidade beneficiaria xustifique as actividades xa realizadas. Estes pagamentos nunca serán superiores ao 80 % da subvención concedida.

De acordo co establecido no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 62.3 e 67 do mesmo corpo legal, quedan exonerados da constitución de garantías os beneficiarios e as beneficiarias de subvencións con cargo aos créditos orzamentarios correspondentes ao capítulo IV (transferencias correntes), destinados a familias e institucións sen fins de lucro.

Artigo 13. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións:

a) Comunicar ao órgano competente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, se é o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público estatal ou internacional.

b) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e ao Consello de Contas, ou a outros órganos que proceda, así como a obriga de facilitar información, tal como establece o artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

e) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención nos termos regulamentariamente establecidos; en concreto, deberá consignarse a inscrición «co financiamento de» e o anagrama da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es/identidade-corporativa/marca-principal) en todas as actividades de difusión, así como no material que se realice con motivo das actuacións realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria, e tamén deberá observarse o disposto na Lei 23/2011, do 29 de xullo, de depósito legal, así como calquera outra das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Calquera outra das obrigas establecidas nos artigos 11 e 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) As entidades subvencionadas estarán obrigadas a ceder ao uso público, sen ánimo de lucro, todos aqueles materiais que resulten da execución do proxecto, guías, dípticos, enquisas ou calquera outro traballo que se poida aproveitar noutros sectores ou empresas.

2. As entidades beneficiarias de subvencións deberán estar, con independencia da súa contía, tanto antes de ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a acreditación das obrigas anteriormente citadas poderá ser substituída pola declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Artigo 14. Incumprimento das condicións

O incumprimento por parte do beneficiario ou beneficiaria do prazo de realización ou de xustificación das accións concedidas suporá de forma automática a perda do dereito á percepción da axuda concedida.

No caso de incumprimento parcial das accións realizadas, a cantidade que perciba o beneficiario ou beneficiaria da subvención quedará reducida de forma proporcional ás accións non realizadas.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, á súa revogación.

Artigo 16. Revogación

Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 17. Seguimento e control

1. A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establecen nesta orde e axustar a execución das accións á resolución de concesión.

2. Co fin de garantir o adecuado seguimento e control destas subvencións, comunicarase cunha anticipación mínima de 10 días o inicio e o fin das accións de formación e de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias ao enderezo segur.hixiene.santiago@xunta.es. Na dita comunicación indicaranse, en todo caso, a/s data/s, o lugar e o sitio de realización da actividade; o programa formativo cunha clara descrición do curso, o temario, a descrición do colectivo destinatario da acción, profesorado; o material didáctico utilizado e entregado e o control de asistencia dos alumnos que se usará.

Así mesmo, respectarase a adecuada publicidade a que se refire o artigo 13.e) desta orde e observarase o disposto na Lei 23/2011, do 29 de xullo, no relativo ao depósito legal.

Disposición adicional primeira

A resolución das axudas previstas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito adecuado e suficiente no programa de gasto 11.02.324B.481.1, código de proxecto 2014 00556, da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Poderán ditarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas ou doutros remanentes. Neste caso, non sendo que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes distintas ás tidas en conta para a resolución inicial.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar no director xeral de Traballo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión de que derivan, ditadas por delegación da conselleira.

Disposición adicional terceira

En todo o non disposto nesta orde será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nos preceptos que teñen a consideración de básicos, a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención de riscos laborais, en canto lle sexa de aplicación e, con carácter supletorio, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira

Autorízase o director xeral de Traballo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO IV
Guía de xustificación económica e técnica

A acreditación da aplicación das subvencións aos fins para que foi concedida realizarase mediante a presentación da xustificación económica e a xustificación técnica ou informe final.

A xustificación económica comprende toda a documentación que xustifique os gastos efectuados con cargo á subvención que se concedeu e, en concreto a seguinte:

a) Certificado do/a responsable legal da entidade en que figure a mención das accións realizadas, o importe que se xustifica e a relación de facturas (modelo no anexo IV.1 desta guía).

b) Orixinal ou fotocopia compulsada de todas as facturas, nóminas e xustificantes de pagamento de todos os gastos imputables á acción subvencionada.

c) Documentos acreditativos do pagamento das facturas e dos demais documentos xustificativos dos pagamentos realizados.

d) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para o mesmo proxecto ás distintas administracións públicas competentes ou ás súas entidades vinculadas ou dependentes, tanto aprobadas como pendentes de resolución, incluídas as resolucións correspondentes, e da cantidade que achega a entidade para o financiamento da acción, se é o caso, así como o xustificante do pagamento do financiamento propio (modelo no anexo IV.2).

Incluiranse os xustificantes de gastos realizados durante as distintas fases de execución do proxecto. É dicir, os xustificantes nunca poderán ser de data anterior nin posterior ao inicio e ao fin do proxecto obxecto de subvención, incluíndo as súas distintas fases (planificación e organización e realización efectiva da acción). Tampouco se poderán presentar xustificantes de data posterior ao vencemento do prazo de xustificación.

A xustificación económica deberá adecuarse aos tipos de gastos efectivamente realizados, polo que a xustificación se realizará clasificando os gastos de acordo co orzamento que se presente coa solicitude da axuda (anexo III).

A documentación xustificativa cumprirá os seguintes requisitos:

Requisitos formais das facturas:

a) Deberán ser orixinais, expedidas pola empresa subministradora dos bens ou servizos, ou fotocopias compulsadas.

b) Aparecerá na factura unha explicación detallada do gasto en relación coa acción subvencionada. Descrición detallada e prezo unitario de cada actividade da acción realizada, aplicable igualmente para o caso de subcontratar cun terceiro a execución parcial ou total.

c) Conterá os datos identificativos do expedidor (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF e enderezo).

d) Conterá os datos identificativos do destinatario, que deberá ser a entidade subvencionada.

e) Incluirá o IVE correspondente ou o imposto equivalente. Cando a cota se repercuta dentro do prezo deberá indicarse «IVE incluído».

f) Lugar e data.

g) Xuntarase o comprobante bancario do seu pagamento (orixinal ou fotocopia compulsada). Se a transferencia engloba varias facturas, achegarase a relación destas. Non se admitirán xustificantes de aboamento en metálico. Os pagamentos mediante transferencia bancaria telemática deberán vir conformados ou verificados pola entidade bancaria.

h) Todas as facturas deberán indicar a conformidade do beneficiario coa prestación recibida. Esta conformidade manifestarase mediante selo para o efecto na propia factura, no cal conste expresamente a conformidade co gasto, o nome e a sinatura do responsable/coordinador designado da entidade beneficiaria, ou mediante certificación da dita conformidade, que fará referencia á presente orde, emitida polo responsable/coordinador designado na cal figure a listaxe completa das facturas conformadas, que conterá obrigatoriamente a identificación da empresa (nome e NIF) o concepto da factura e o seu importe e que se xuntará aos orixinais ou copias compulsadas das facturas. En ningún caso se terán en conta facturas que non figuren nesta certificación.

Tipos de gastos:

Os tipos de gastos adecuaranse á desagregación por partidas que se incluíu no orzamento co nivel de detalle que nel figura.

A) Gastos directos:

Son os necesarios para a posta en marcha do proxecto e a súa execución. Imputaranse os gastos cos límites que se establecen no artigo 4 da orde de convocatoria referidos a:

Gastos de persoal:

– Retribucións do persoal técnico propio da entidade beneficiaria: a porcentaxe máxima é do 30 % do custo empresarial mensual (nómina e seguros sociais a cargo da entidade), entendido este custo aplicado á totalidade do proxecto con independencia do número de accións que o conformen. Presentarase un certificado do representante legal da entidade no cal conste o número de horas ou a porcentaxe da xornada de traballo ordinaria dedicada ao proxecto e o seu custo.

Este gasto, e na porcentaxe indicada, imputarase como máximo referido aos 4 meses antes do inicio efectivo das accións, e 1 mes posterior ao seu remate para as relativas á formación específica en prevención de riscos laborais e estudos e traballos técnicos, e 2 meses antes do inicio efectivo das accións e 1 mes posterior ao seu remate para as accións de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias. Na fase de realización efectiva da acción este gasto imputarase referido ao período efectivo en que teñan lugar as accións.

– Retribucións do persoal técnico vinculado totalmente ao proxecto, mediante contrato laboral, tanto fixo como eventual.

Poderá imputarse neste caso o 100 % do custo empresarial (nómina e seguros sociais a cargo da entidade). Neste suposto terá que presentarse o contrato de traballo (no cal se indicará a data de inicio e fin da contratación e do servizo determinado) e o parte de alta do traballador ou traballadora na Seguridade Social.

Admitiranse os gastos por liquidación de axudas de custo, desprazamento, aloxamento e manutención de traballadores vinculados ao proxecto, sempre que se presente o documento xustificativo do servizo que se realizou vinculado á acción, a súa efectiva liquidación e o xustificante de pagamento.

Para xustificar os gastos de persoal, a documentación que se debe presentar é a seguinte:

1. A copia compulsada das nóminas de cada un dos meses que se imputan ao proxecto, acompañadas do comprobante do aboamento expedido pola entidade bancaria.

2. Os xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (TC1 e TC2) e ás respectivas transferencias bancarias do seu pagamento.

3. O modelo 111 (trimestral) acreditativo do pagamento á Axencia Tributaria das retencións practicadas aos traballadores e profesionais suxeitos ao IRPF.

4. O contrato de traballo en que constará a data de inicio e fin da relación laboral (para o caso de contratos temporais) e o servizo concreto en relación coa acción subvencionada, así como o parte de alta na Seguridade Social, para o caso do persoal técnico contratado especificamente para o proxecto.

Gastos de execución: deberá constar a relación existente entre o gasto realizado e a súa necesidade para acadar o fin da subvención.

– Compra de material funxible, material bibliográfico e documental: achegarase o orixinal ou copia compulsada da factura e o seu xustificante de pagamento, así como unha unidade física dos respectivos materiais. Estes gastos aplicaranse unicamente á fase de execución das accións.

– Campañas de sensibilización, informativas, divulgativas e de promoción da cultura da prevención, así como o deseño, maquetación, impresión, distribución, publicidade, coordinación e outros de similar natureza de cuñas informativas, folletos, trípticos, carteis e outros obxectos de análoga natureza: achegarase o orixinal ou copia compulsada da factura e o seu xustificante de pagamento, así como unha unidade física dos respectivos materiais.

Estes gastos aplicaranse unicamente á fase de execución das accións.

– Arrendamento de aparellos e equipamentos: admitirase este gasto unicamente polo período da execución real da acción, polo que non poderá aplicarse á fase de planificación e á organización das distintas actividades. Achegarase o orixinal ou copia compulsada da factura e o seu xustificante de pagamento.

Mención específica aos gastos de publicidade e difusión:

Poderán imputarse ás diversas accións achegando para a súa xustificación o orixinal ou copia compulsada da factura e o documento do seu pagamento, así como o documento gráfico ou material que acredite a súa realización (prensa, difusión en páxina web, díptico, cartel, etc.). Estes documentos levarán a inscrición «co financiamento de», o anagrama da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es/identidade-corporativa/marca-principal) e o depósito legal, se é o caso, conforme o determinado na orde de subvención. A falta de presentación destes documentos cos criterios anteriores determinará que non se paguen estes gastos.

O período para imputar os gastos de publicidade é de 2 meses antes de realizar as actividades, e para os relativos á difusión, 1 mes ao final de todas as actividades relativas ás accións.

Contratación de servizos externos:

Acreditarase a necesidade de recorrer á contratación de servizos externos, determinando o traballo encomendado, a súa duración e o servizo que se vai prestar, así como o sistema de coordinación coa entidade. De achegarse gastos de persoal técnico propio e/ou vinculado ao proxecto, indicarase a correlativa porcentaxe de gasto e a natureza dos traballos que vai realizar o servizo externo e o persoal propio ou contratado.

Para xustificar este gasto presentarase o orixinal ou a copia compulsada da factura, coa explicación detallada do gasto e o prezo unitario de cada actividade relacionada coa acción, e o documento acreditativo do seu pagamento.

O período do contrato de arrendamento de servizos non superará na fase de planificación e organización os 4 meses anteriores ao inicio efectivo da acción e 1 mes posterior ao seu final, para o caso das accións de formación específica en prevención de riscos laborais e estudos e traballos técnicos, e 2 meses e 1 mes, correlativamente, para as de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias.

Exceptúanse destes límites temporais as accións que pola súa complexidade precisen dun período maior de desenvolvemento, logo de petición por escrito e posterior comunicación pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social. Esta solicitude realizarase cunha anticipación mínima de 15 días ao inicio da fase de planificación e organización, e xuntarase o contrato que se realizará coa entidade ou profesional que presta os servizos.

B) Gastos indirectos ou de administración:

Son os relativos ao proxecto que pola súa natureza non poden imputarse de forma directa (consumo eléctrico, teléfono, mensaxaría, etc.) ata un máximo do 10 % do seu importe e sempre que correspondan cos locais en que se realizan as accións e non se desvíen en máis dun 3 % da estimación que se realice no anexo II da orde de convocatoria coa solicitude da axuda.

Non se poderán imputar estes gastos no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50 %.

A xustificación destes gastos realizarase mediante certificado emitido polo representante legal do beneficiario que recibe os fondos subvencionados, sen prexuízo de que a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social solicite, en calquera momento, as correspondentes facturas e os documentos acreditativos do seu pagamento.

O período máximo para imputar estes gastos na fase de planificación e organización das accións será de 4 meses anteriores ao do inicio efectivo das accións e 1 mes posterior ao seu final para as relativas á formación específica en prevención de riscos laborais e estudos e traballos técnicos, e 2 meses e 1 mes, correlativamente, para as accións de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias.

Para a fase de realización efectiva da acción, o período está en función das datas efectivas en que teñan lugar as accións.

C) Gastos específicos das accións:

Son os relativos á propia acción concreta (seguros, profesorado, etc.).

Estes gastos só poderán imputarse referidos ás datas efectivas en que teñan lugar as accións.

En ningún caso se admitirán como xustificantes aqueles que se refiran a gastos de
almorzos, xantares, ágapes ou viño español de carácter protocolario, así como obsequios.

D) Consideracións específicas:

1. Cando a actividade realizada sexa unha actividade formativa faranse constar a/s data/s, o lugar e o sitio de realización da actividade; o programa formativo cunha clara descrición do curso, o temario, a descrición do colectivo destinatario da formación; o profesorado; o material didáctico utilizado e entregado; o control de asistencia dos alumnos asinado e algún documento gráfico da actividade formativa.

2. Cando se trate de actividades de difusión e sensibilización, farase constar o programa/guión, se o houber, o tipo de participantes, o profesorado e o material entregado, así como algún documento gráfico do evento.

3. Para o desenvolvemento de ferramentas prácticas para implantar actuacións en seguranza e saúde laboral (plataformas interactivas, páxinas web, etc.) presentarase a ligazón e o CD, DVD ou documento similar co contido realizado. Darase acceso ao Servizo de Seguridade e Saúde Laboral tanto na fase de realización como na de implantación destas ferramentas para os efectos de verificar os seus contidos.

4. Nos procesos de investigación e estudos e traballos técnicos presentarase o documento final do proceso no formato que se especifique no anexo II.

5. En ningún caso se poderán imputar gastos do persoal directivo da entidade, nin axudas de custos ou custos de desprazamento para asistentes a accións formativas ou de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias.

A xustificación técnica ou informe final especificará co máximo detalle as accións realizadas e a súa relación directa cos xustificantes do gasto achegados conforme o modelo anexo IV.3.

Indicaranse de forma expresa as accións globais do proxecto completo e das súas fases executadas, cronograma, ámbito territorial, beneficiarios, grao do cumprimento dos obxectivos da/s acción/s respecto ao proxecto inicial, recursos humanos e técnicos, forma e ámbito da publicidade e da difusión realizada, así como a metodoloxía empregada.

Un aspecto importante que quedará reflectido na xustificación técnica é o relativo á adecuada publicidade do carácter público do financiamento do proxecto incluíndo a imaxe corporativa da Xunta de Galicia en todas as actividades de difusión e no material que se realice. Tamén é exixible a inserción do depósito legal conforme se determina na Lei 23/2011, do 29 de xullo.

Para tal efecto, xunto co informe final xuntarase un exemplar do material gráfico (folletos, manuais, guías, documentos, publicacións, fotografías, ligazón web, etc.) que demostren a adecuada publicidade e o depósito legal.

O incumprimento da obriga de presentar a xustificación técnica, así como a de incluír os aspectos antes sinalados, poderá dar lugar ao non pagamento e/ou á revogación da axuda.

I. Lugar de presentación.

A xustificación económica, xunto coa xustificación técnica ou informe final, dirixirase á unidade administrativa xestora da subvención (Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar) e presentarase nesta consellería ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

II. Data límite para presentar a xustificación.

31 de outubro de 2014. O incumprimento da obriga de realizar ou presentar a xustificación en prazo e forma producirá os efectos que se sinalan no artigo 14 da orde de convocatoria.

III. Emenda de defectos da xustificación.

A documentación recibida na cal se observe a falta dalgún dos mencionados requisitos será requirida á entidade beneficiaria para emendar os defectos no prazo máximo de 10 días hábiles que se contarán a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento. A falta de presentación da corrección dentro deste prazo suporá de forma automática a perda do dereito á percepción da axuda concedida.

ANEXO IV.3
Modelo de xustificación técnica ou informe final do proxecto

O obxectivo de realizar un resumo do proxecto é para facilitar a difusión, se é o caso, dos seus resultados. Estes resumos proporcionarán ás persoas interesadas unha visión xeral do proxecto.

Neste documento preséntanse e explícanse os criterios de cobertura necesarios para a realización do resumo, así como o formato e a forma de presentalos, seguindo o esquema seguinte:

Datos de identificación do proxecto:

1. Título: indíquese o título completo.

2. Autor ou autores: en primeiro lugar indíquese o nome dos autores principais e a seguir o dos colaboradores.

3. Entidade subvencionada: nome completo da entidade.

4. Datas de realización: indíquese a data de inicio e fin do proxecto global.

5. Cronograma: presentar un cronograma co desenvolvemento das distintas fases do proxecto.

6. Ámbito territorial: sinálese a dimensión territorial.

6.1. Para proxectos de formación, número de localidades en que se realiza.

6.2. Para estudos/traballos técnicos, o territorio estudado sobre o territorio de implantación do sector.

7. Destinatarios: sinálese se pertencen a un mesmo sector ou a diferentes.

8. Accións do proxecto: especifíquense as distintas accións que se realizaron para o desenvolvemento do proxecto, indicando o seu título, datas de inicio e fin, beneficiarios, ámbito territorial e unha breve descrición de cada unha das actividades que comprenden as accións.

Sinopse:

Explicaranse os obxectivos e os aspectos máis relevantes do traballo. Explicaranse brevemente os antecedentes do tema, as hipóteses de traballo, o desenvolvemento do proxecto e os obxectivos acadados, cunha pequena síntese dos resultados ou conclusións.

Metodoloxía:

Trátase de proporcionar a información o máis precisa e concreta posible sobre a forma de levar a cabo o proxecto. Se é o caso, debe explicarse o método de recolección da información ou da captación de participantes, obxectivos principais e específicos, variables ou temática principal que se vai analizar, técnicas de análise, síntese da información, datas de execución e os seus destinatarios.

Resultados:

Farase referencia aos resultados concretos e puntuais máis importantes das accións de formación, de investigación ou estudo, da ferramenta implantada, da difusión, sensibilización ou intercambio de experiencias.

Utilidade práctica dos resultados en relación coa prevención de riscos laborais:

Destacarase a achega que o traballo supón no campo da prevención de riscos laborais e se o proxecto vai ter continuidade nalgún aspecto, realizando, cando sexa posible, unha prospectiva do proxecto.

Conclusións finais e posibles recomendacións:

Expoñeranse as conclusións deducidas dos resultados e sinalaranse, cando sexa pertinente, as oportunas recomendacións para a solución do problema estudado e a súa posible aplicación nas empresas.

Difusión e explotación de resultados:

Achegarase a información da produción científica do proxecto: bases de datos, programas informáticos, publicacións, relatorios... Tamén se incorporará unha breve descrición das accións de difusión que, se é o caso, se realizaron para difundir o proxecto, tanto ao seu inicio como ao seu final.

Recursos humanos e técnicos:

Sinalaranse as persoas participantes no proxecto e os medios técnicos que se precisaron.

Bibliografía:

Para o caso de proxectos de investigación e estudo, ao final do traballo ofrecerase unha lista coas referencias bibliográficas.

Xustificación de actividades de gabinetes técnicos sectoriais:

Os gabinetes técnicos sectoriais deberán presentar una ficha por cada unha das actuacións realizadas ao abeiro da presente orde, coa seguinte estrutura:

Ficha de seguimento de actuacións dos gabinetes técnicos sectoriais

Nome do técnico: ...................................................................................................................

Traballador/empresa asesorada: ...........................................................................................

Data: ....................................................

Hora de inicio: ......................................

Hora de finalización: .............................

Resumo da actuación realizada:

...............................................................................................................................................

...............................................................................................................................................

...............................................................................................................................................

...............................................................................................................................................

...............................................................................................................................................

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file