Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Xoves, 27 de marzo de 2014 Páx. 12928

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 13 de marzo de 2014 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2014, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, establece no preámbulo que o dominio dunha segunda, ou mesmo, dunha terceira lingua estranxeira, se converteu nunha prioridade na educación como consecuencia do proceso de globalización en que vivimos, á vez que se mostra como unha das principais carencias do noso sistema educativo. A Unión Europea fixa o fomento do plurilingüismo como un obxectivo irrenunciable para a construción dun proxecto europeo. A lei apoia decididamente o plurilingüismo, redobrando os esforzos para conseguir que os estudantes se desenvolvan con fluidez polo menos nunha primeira lingua estranxeira, cuxo nivel de comprensión oral e lectora e de expresión oral e escrita resulta decisivo para favorecer a empregabilidade e as ambicións profesionais e por isto, aposta decididamente pola incorporación curricular dunha segunda lingua estranxeira.

Esta consellería, consciente da importancia da aprendizaxe destas linguas para os cidadáns e cidadás da nosa Comunidade Autónoma e da preocupación que, neste sentido, se manifesta desde todos os ámbitos sociais, puxo en marcha o Plan de potenciación de linguas estranxeiras ao abeiro do Decreto 79/2010, que pretende dar continuidade a propostas anteriores como a anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria, o programa CUALE e os programas de seccións bilingües, así como implantar novas propostas como a creación dos centros plurilingües.

Dentro do conxunto de medidas postas en marcha no curso escolar 2013/14, o dominio de linguas estranxeiras constitúe un dos eixes vertebradores. Este conxunto de medidas, en liña coas recomendacións do Consello de Europa en materia de linguas, establece entre as súas finalidades fomentar o coñecemento de idiomas co obxecto de que o alumnado galego adquira unha competencia plurilingüe. Unha das súas principais accións é a promoción e desenvolvemento de estadías de inmersión de escolares galegos e galegas en centros residenciais de Galicia, co fin de crear no alumnado a necesidade de empregar a lingua inglesa para se comunicar, poñendo en valor a educación desde unha perspectiva intercultural.

Por todo iso, e dentro deste conxunto de medidas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito da convocatoria

O obxecto desta orde é establecer as bases e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar as actividades de formación lingüística durante o ano 2014, dirixidas á mellora das competencias en lingua inglesa do alumnado de distintos niveis dos centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia.

Artigo 2. Actividades de formación convocadas

1. As actividades que responden ao obxecto desta orde, e cuxo contido se especifica en canto a número de prazas, destino e réxime de aloxamento no anexo IV, son actividades de formación para a mellora na competencia no uso da lingua inglesa.

2. O período de realización destas actividades comprenderá desde a última semana do mes de xuño ata finais do mes de agosto de 2014.

As datas concretas de realización das actividades daranse a coñecer coa publicación das listaxes definitivas do alumnado seleccionado.

3. A xestión e organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, contratadas para o efecto pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Ocuparanse de ofrecer os recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación da oportuna póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.

As familias achegarán as cantidades que lles correspondan á empresa adxudicataria encargada da organización técnica da actividade, segundo as contías establecidas no anexo IV desta orde.

4. O custo total de cada actividade inclúe:

• Os monitores ou monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.

• Os gastos de docencia e o material escolar.

• As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.

• Os gastos de mantenza e aloxamento.

• O certificado de realización da actividade.

• O seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderá solicitar a participación nas actividades convocadas e ser beneficiario destas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar cursando 1º, 2º, 3º e 4º da educación secundaria obrigatoria; 1º ou 2º de bacharelato, en centros sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de réxime xeral, durante o curso 2013/14, na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter superadas todas as áreas ou materias no curso 2012/13.

c) Ter acadado no curso 2012/13 unha cualificación mínima de ben no 6º curso de educación primaria para o alumnado de 1º de educación secundaria obrigatoria, e de 6 para o de 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, na área ou materia de lingua inglesa.

d) Non ter concedida, no presente curso académico, outra axuda coa mesma finalidade.

e) Non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Estar en posesión do DNI, NIE ou pasaporte. No caso do alumnado menor de 14 anos que non dispoña de DNI, farase constar, como DNI identificativo, o DNI do pai ou da nai.

2. As axudas poderán ser solicitadas polos pais, nais ou titores do alumnado menor de idade ou polo propio alumnado se é maior de 18 anos, con domicilio no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Financiamento e contías das axudas

1. As axudas convocadas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.50.423A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014 por un importe de 300.700 euros.

2. A contía da axuda para cada beneficiario será a resultante de aplicar a diferenza entre o custo total da estadía para a que resultase seleccionado e a achega que lle corresponda segundo os custos correspondentes aos grupos de achega familiar (A, B, C e D) sinalados no anexo IV desta orde e de acordo co procedemento aplicado para a súa selección e asignación a un grupo de achega familiar, indicado no anexo VI.

Artigo 5. Solicitudes, presentación e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica.

2. As persoas que desexen completar en liña o formulario electrónico que corresponda en función da actividade en que desexan participar, a través da aplicación dispoñible desde a páxina web http://www.edu.xunta.es/axudasle, unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación en liña, o que xerará un documento en formato Adobe Acrobat que a persoa interesada deberá imprimir, correspondente aos anexos I, II e III. A solicitude (anexo I), deberá asinala o solicitante (o pai, a nai ou a persoa que exerce a titoría, no caso de alumnado menor de idade, ou o alumno ou alumna maior de 18 anos). Posteriormente e antes do remate do prazo establecido neste artigo, deberá facerse o rexistro desta solicitude, xunto cos anexos II e III, debidamente asinados, así como a documentación complementaria necesaria, por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se a solicitude se remite por correo, será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que na oficina de Correos se faga constar o selo e a data antes de proceder á súa certificación postal.

3. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo cardinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Documentación

1. Coa solicitude achegarase a documentación que se relaciona a continuación:

a) Certificación de matrícula do curso 2013/14, así como das cualificacións de todas as áreas ou materias cursadas no ano académico 2012/13 e da nota media obtida. No caso dos centros concertados, as certificacións correspondentes á educación primaria e educación secundaria obrigatoria serán asinadas polo director ou directora do centro educativo co visto e prace da Inspección Educativa, e no caso das ensinanzas de bacharelato, a certificación asinaraa o secretario ou secretaria do centro público en que se atope o expediente académico e co visto e prace do director ou directora dese centro.

b) Fotocopia do DNI ou do NIE da nai, do pai ou do titor ou titora, só cando non se autorice a súa verificación (anexo II).

c) Autorización do pai, da nai ou do titor ou titora para coñecer os ingresos totais da unidade familiar, coa finalidade de poder solicitar datos de carácter tributario ou económicos que fosen legalmente pertinentes da Axencia Tributaria relativos ao nivel de renda (IRPF) ou certificación, expedida pola Axencia Tributaria, dos ingresos correspondentes ao ano 2012.

d) Autorización do pai, da nai ou do titor ou titora para solicitar as certificacións que deban emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3, en relación co artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ou certificacións emitidas polas administracións correspondentes.

As autorizacións a que se refiren as letras c) e d) cubriranse segundo o anexo III. Estas autorizacións, no caso de alumnado menor de idade, deberán ser asinadas polo cónxuxe ou persoa de análoga relación coa persoa solicitante; a sinatura do anexo I comportará as ditas autorizacións.

No caso de alegar circunstancias familiares especiais, indicadas no anexo I, deberán acreditalas documentalmente.

No caso de divorcio ou separación legal dos pais, non se considerará membro computable aquel deles que non conviva co alumno ou alumna. Non obstante, se é o caso, terá a consideración de membro computable e sustentador principal o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación, cuxas rendas e patrimonio se incluirán dentro do cómputo da renda e patrimonio familiar. Na medida en que a través deste sistema a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poida dispoñer destas informacións, non se lles exixirá aos interesados a achega individual de certificacións expedidas polas administracións correspondentes.

e) Fotocopia do libro de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar. No caso de non ter libro de familia terá que presentarse documento ou documentos que acrediten os membros da unidade familiar. No suposto de non convivencia de ambos os proxenitores, deberase acreditar que o solicitante convive cos fillos.

f) Certificado de familia numerosa, cando este sexa emitido por outra comunidade autónoma.

g) Certificado de discapacidade, cando este sexa emitido por outra comunidade autónoma.

2. A presentación da solicitude de axudas pola persoa interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar a información necesaria á Axencia Tributaria, á Tesouraría Xeral da Seguridade Social e á consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

3. Non serán tidos en conta nin valorados os requisitos alegados e non xustificados documental e correctamente tal como se indica, nin os que se aleguen fóra do prazo establecido para esta convocatoria, nin os que conteñan emendas.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá requirir das persoas solicitantes en calquera momento aclaración da documentación presentada.

Para aquelas solicitudes que non acheguen os documentos anteriormente sinalados, requirirase o interesado ou interesada para que, nun prazo de dez días naturais, emende as faltas ou remita os documentos preceptivos. De non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente nos termos previstos na citada lei.

Artigo 7. Colaboración dos centros educativos na difusión e participación nesta convocatoria

1. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria remitirá aos centros educativos información en formato electrónico sobre o procedemento de solicitude e de adxudicación de prazas, para a súa difusión entre o alumnado obxecto desta convocatoria.

2. A dirección de cada centro educativo arbitrará as medidas necesarias para que o contido desta orde sexa coñecido por todos os sectores da comunidade educativa e entregaralle unha copia dela ao Consello Escolar, ao Claustro, ás ANPA e, de ser o caso, ás asociacións de alumnado; así mesmo, expoñeranse no taboleiro de anuncios as listaxes provisionais e a definitiva de alumnado seleccionado.

3. O contido desta orde e a información complementaria atoparase na páxina da internet http://www.edu.xunta.es/axudasle

4. As direccións dos centros educativos sostidos con fondos públicos facilitarán, na medida das súas posibilidades, ao alumnado interesado e/ou ás súas familias o acceso á aplicación informática correspondente a este programa.

Artigo 8. Aceptación das bases

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases da presente convocatoria.

Artigo 9. Comunicación

Toda a información relacionada co estado das solicitudes ou coa adxudicación de prazas e centros será a través da páxina principal da web http://www.edu.xunta.es/axudasle, que se actualizará periodicamente.

Artigo 10. Comisión de valoración

A valoración das solicitudes e a proposta de selección das persoas beneficiarias desta convocatoria será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:

Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

Vogais: ata un máximo de catro vogais nomeados pola presidencia da comisión de selección, con categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou membros da Inspección Educativa.

Unha persoa funcionaria da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretaria, con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada para os efectos de colaborar na valoración dos documentos achegados e na baremación.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, esta comisión considérase incluída na categoría 3ª.

Artigo 11. Criterios de selección

1. A adxudicación de axudas e asignación de prazas na actividade solicitada farase atendendo á puntuación total obtida por cada alumno, que resulte de aplicar o baremo establecido no anexo VI desta orde.

2. A adxudicación terá carácter de concorrencia competitiva, polo tanto non será dabondo para obter asignación de praza e axuda reunir todos os requisitos exixidos na presente convocatoria, senón obter tamén un número de orde que sitúe a persoa solicitante dentro das prazas que se van conceder.

Artigo 12. Procedemento de adxudicación de prazas

1. Finalizada a comprobación das solicitudes recibidas, a comisión de selección fará pública tres listaxes: unha en que se incluirán as solicitudes admitidas; unha segunda de solicitudes que precisan da emenda dalgún aspecto; e unha terceira de solicitudes excluídas facendo constar as causas de exclusión.

Estas listaxes exporanse na web da convocatoria http://www.edu.xunta.es/axudasle, na Oficina de Rexistro Único e Información da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e remitirase para a súa publicación ás xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e aos centros de ensino obxecto do ámbito desta convocatoria.

2. A continuación abrirase un prazo de dez días naturais para emendar os erros e a falta de documentación, así como para efectuar reclamacións ou renuncias. As circunstancias da emenda de erros ou falta de documentación poderanse consultar mediante o número do documento de identificación (NIF, NIE, etc.) da persoa solicitante na aplicación en liña dispoñible na páxina web http://www.edu.xunta.es/axudasle. A falta de presentación da documentación á que fai referencia o punto 1 do artigo 6 dentro deste prazo será motivo de exclusión da convocatoria. A falta de xustificación referida ás alegacións correspondentes aos puntos 3 e 4 do anexo VI implicará que non sexan tidas en conta as circunstancias correspondentes no momento da baremación.

3. Transcorrido este prazo, e unha vez avaliados os documentos engadidos, publicaranse as listaxes provisionais de seleccionados e de suplentes, ordenados por puntuación por cada un dos cursos, e asignaráselles a contía provisional correspondente de achega familiar, que poderá variar nas listaxes definitivas debido ás reclamacións a estas listaxes. Expoñeranse co mesmo procedemento indicado no punto 1. Nos casos en que se produzan empates na puntuación, o criterio de desempate será a menor renda per cápita.

4. Deseguido, abrirase un prazo de 10 días naturais para formular reclamacións. Unha vez rematado o prazo de reclamacións contra as listaxes provisionais e estudadas as alegacións presentadas, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva.

5. No caso de non cubrirse o número de prazas nalgunha das actividades, por proposta motivada pola comisión de selección, a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras actividades.

6. As listaxes definitivas de persoas seleccionadas e de suplentes, así como os destinos, as datas de realización das estadías e as achegas familiares correspondentes en cada caso serán publicadas na páxina web http://www.edu.xunta.es/axudasle. As persoas que facilitaron o seu correo electrónico recibirán por esta vía unha mensaxe en que se indicará o importe da achega da familia e os datos necesarios para o pagamento da correspondente cantidade. Logo abrirase un prazo de 5 días naturais para que os solicitantes remitan á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante correo ordinario (será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que na oficina de Correos se poida facer constar o selo e a data, antes de proceder á súa certificación postal), a seguinte documentación:

– Aceptación ou renuncia á axuda segundo o anexo V.

– Xustificante bancario do pagamento á empresa adxudicataria dos cursos no número de conta bancaria que se indicará nas instrucións que se facilitarán aos solicitantes a través do correo electrónico e na web http://www.edu.xunta.es/axudasle. Este pagamento non terá devolución no caso de renuncia posterior. A non xustificación do ingreso da cantidade indicada, dentro do prazo, implica a renuncia á praza adxudicada.

As prazas vacantes seranlle ofertadas ao alumnado suplente por chamamento directo aos teléfonos indicados na solicitude, seguindo a relación publicada de suplentes.

Artigo 13. Reintegros

En aplicación do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, suporá o reintegro do importe equivalente da axuda e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde proceder ao reintegro:

– A renuncia posterior ao pagamento da achega familiar.

– Non presentarse o día do inicio da actividade.

– A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que a impedirían, así como a renuncia posterior á resolución definitiva.

Artigo 14. Obrigas e abandonos durante a realización da actividade

1. Un comportamento non apropiado poderá supoñer a expulsión deste programa e o final da estadía, por causas de igual ou similar natureza ás seguintes:

– Incumprimento das normas establecidas para o desenvolvemento da actividade.

– Consumo de alcohol e/ou de substancias ilegais.

– Automedicación sen autorización médica.

– Condutas disruptivas.

– Comportamentos asociais.

A expulsión do programa suporalle ao solicitante o pagamento do custo total da actividade, así como, de ser o caso, do importe dos danos ocasionados ou derivados das ditas condutas.

2. No caso do alumnado que se atope realizando a estadía e decida abandonar o programa, sen unha causa grave debidamente xustificada, o solicitante asumirá os gastos ocasionados, así como o importe total do custo da actividade.

Artigo 15. Resolución

1. A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolverá a relación final das persoas adxudicatarias e os importes das axudas concedidas.

2. A resolución definitiva de adxudicatarios publicarase no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra a resolución definitiva de adxudicación, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Recursos

Contra esta orde as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición adicional

Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulamentan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, as persoas solicitantes deberán autorizar expresamente á Administración outorgante a inclusión e publicidade nos rexistros regulamentados no citado decreto dos datos básicos relevantes referidos ás axudas recibidas.

A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido, segundo dispón a alínea 2 da citada disposición adicional.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde adáptase ás normas aplicables do texto articulado da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicada no DOG do 25 de xuño.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Achega das familias (€)

Modalidade

Duración

Réxime aloxamento

Nº de prazas

Custo por praza (€)

Grupo A

Grupo B

Grupo C

Grupo D

2º BACHARELATO

Inglés en Galicia

1 semana

Residencia

60

1.000

150

250

450

600

1º BACHARELATO

Inglés en Galicia

1 semana

Residencia

90

1.000

150

250

450

600

4º EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA

Inglés en Galicia

2 semanas

Residencia

100

526

90

140

250

330

3º EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA

Inglés en Galicia

2 semanas

Residencia

120

526

90

140

250

330

2º EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA

Inglés en Galicia

2 semanas

Residencia

150

526

90

140

250

330

1º EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA

Inglés en Galicia

2 semanas

Residencia

160

526

90

140

250

330

Total prazas:

680

ANEXO VI
Baremo, puntuación e determinación de achegas familiares

Criterios de puntuación:

1º. Nota media do expediente no curso 2012/13: ata 10 puntos.

O criterio de selección que se terá en conta será o da nota media das cualificacións do expediente académico dos estudos realizados no curso 2012/13 polo alumnado.

En educación primaria calcularase a media das cualificacións segundo a seguinte táboa de equivalencia numérica para a cualificación de cada área:

Táboa de equivalencias

Cualificación

Puntuación

Suficiente

5

Ben

6

Notable

8

Sobresaliente

10

En educación primaria, na educación secundaria obrigatoria e no bacharelato, o cálculo da nota media expresárase, se é o caso, cun decimal calculado mediante arredondamento, facéndose constar este resultado na epígrafe correspondente, incluído no anexo I de solicitude destas axudas.

Para o cálculo da nota media non se terá en conta a cualificación das ensinanzas de relixión, de acordo coa disposición adicional primeira do Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia; coa disposición adicional segunda do Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, e coa disposición adicional primeira do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para todos os niveis educativos, a baremación da nota media aplicarase segundo a seguinte táboa:

Nota media

Puntuación

5-5,9

5 puntos

6-6,9

6 puntos

7-7,9

7 puntos

8-8,9

8 puntos

9-9,9

9 puntos

10

10 puntos

2º. Renda per cápita da unidade familiar: ata 20 puntos.

Aplícase unha puntuación ponderada e progresiva en función da renda per cápita da unidade familiar, segundo o seguinte cadro, calculada esta como suma dos ingresos da unidade familiar divididos entre o número dos seus membros. Os ingresos da unidade familiar serán o resultado da suma dos importes dos recadros 455 e 465 da declaración da renda do ano 2012. Forman parte da unidade familiar o pai/nai, titor/a do alumnado solicitante e tamén os irmáns solteiros e menores de vinte e cinco anos que convivan no domicilio familiar, e os irmáns maiores de idade incapacitados xudicialmente.

A puntuación que se asignará segundo a renda per cápita exprésase na seguinte táboa:

Tramos de renda per cápita da unidade familiar

Ata 3.962 euros

20 puntos

Superior a 3.962 e inferior a 7.606

16 puntos

Superior a 7.606 e inferior a 10.222

12 puntos

Superior a 10.222 e inferior a 11.450

8 puntos

Máis de 11.450

4 puntos

3º. Pertenza a familia numerosa: 2 puntos.

4º. Discapacidade dalgún membro da unidade familiar en primeiro grao igual ou superior ao 33 % ou pensionista de grande invalidez: 2 puntos.

5º. Non ter sido beneficiario dunha axuda ao abeiro da convocatoria establecida pola Orde do 18 de marzo de 2013 (DOG do 22 de marzo): 1 punto.

Cálculo para a determinación das axudas convocadas:

Segundo o establecido no artigo 4.2 da orde, a contía da axuda para cada beneficiario será a resultante de aplicar a diferenza entre o custo total da estadía para a que resultase seleccionado e a achega que lle corresponda segundo os custos e os grupos de achega familiar (A, B, C e D) sinalados no anexo IV desta orde e de acordo co procedemento aplicado para a súa selección e asignación a un grupo de achega familiar.

Para a asignación do alumnado seleccionado a cada un dos catro grupos de achega familiar séguese o seguinte procedemento:

1º. Coa listaxe definitiva de solicitantes ordenada segundo a puntuación obtida de maior a menor, asígnaselle a cada seleccionado unha praza no grupo de achega familiar correspondente seguindo a orde establecida na listaxe, tendo en conta que do total de prazas ofertadas por actividade o 40 % resérvase para o grupo A, o 30 % para o grupo B, o 20 % para o grupo C e o 10 % para o grupo D. En función da súa adscrición ao grupo correspondente fíxase a contía da achega familiar que lle corresponderá a cada persoa seleccionada segundo o establecido no anexo IV para cada actividade.

2º. No caso de renuncias a listaxe corre segundo a orde numérica establecida na lista de espera correspondéndolles aos novos seleccionados a achega familiar correspondente as prazas do grupo D.

missing image file