Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Venres, 21 de marzo de 2014 Páx. 12067

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral de Cultura, pola que se inscribe a asociación cultural Casa das Letras no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Feitos.

A asociación cultural Casa das Letras, con domicilio social na rúa Rodríguez Murias, núm. 8 de Ribadeo, representada por Manuel Alfonso Valín Valdés, solicitou ser inscrita no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago o día 29 de novembro de 2013.

A solicitude foi presentada segundo o modelo inserido como anexo I do Decreto 45/2001, de refundición da normativa en materia do Camiño de Santiago (DOG núm. 36, do 20 de febreiro), modificado polo Decreto 209/2002, do 13 de xuño (DOG núm. 121, do 25 de xuño), e con ela foi achegada a documentación pertinente segundo o artigo 26 do citado decreto.

Fundamentos de dereito.

É de aplicación especificamente ao procedemento a seguinte normativa:

• Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

• Decreto 45/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do Camiño de Santiago, modificado polo Decreto 209/2002, do 13 de xuño.

O artigo 23 deste último decreto, regula que «para a súa inscrición no rexistro as entidades solicitantes deberán ter como finalidade, expresa e prioritariamente reflectida nos seus estatutos, a recuperación, conservación e promoción do Camiño de Santiago, así como a difusión da cultura derivada deste».

O xefe do Servizo de Protección e Fomento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emite un informe o día 20 de febreiro de 2014 sobre a solicitude, no cal se constata que a asociación cultural Casa das Letras persegue os obxectivos fixados no decreto.

A solicitude presentada cumpre as normas establecidas no citado Decreto 45/2001, do 1 de febreiro. Polo anterior,

RESOLVO:

Que a asociación cultural Casa das Letras quede inscrita no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago co número 202.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2014

P.D. (Orde do 25.1.2012; DOG do 8 de febreiro)
Anxo Manuel Lorenzo Suárez
Secretario xeral de Cultura