Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Venres, 21 de marzo de 2014 Páx. 12033

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 35/2014, do 13 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade das estradas provinciais EP-0408 Paraños-Trabazo, EP-0409 Carballedo-Trabazo, EP-0410 A Igrexa-Loureiro e EP-0411 Paciños-Mataporcos a prol do Concello de Cotobade.

A teor do previsto no artigo 9 da Lei 8/2013, do 8 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade de estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

O Concello de Cotobade solicitou á Deputación Provincial de Pontevedra o cambio de titularidade das estradas provinciais EP-0408, EP-0409, EP-0410 e EP-0411.

Ao amparo das previsións legais, o Pleno da Corporación Provincial de Pontevedra, en sesión ordinaria levada a cabo o día 27.12.2013, acordou o cambio de titularidade a prol do Concello de Cotobade das seguintes estradas provinciais:

• EP-0408 Paraños-Trabazo

• EP-0409 Carballedo-Trabazo

• EP-0410 A Igrexa-Loureiro

• EP-0411 Paciños-Mataporcos

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de marzo de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Cotobade das seguintes estradas:

• EP-0408 Paraños-Trabazo

• EP-0409 Carballedo-Trabazo

• EP-0410 A Igrexa-Loureiro

• EP-0411 Paciños-Mataporcos

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, as entidades locais aprobarán os catálogos das estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Cotobade deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega das vías formalizarase no prazo de dous meses seguintes ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Cotobade, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de marzo de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas