Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Luns, 17 de marzo de 2014 Páx. 11335

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 7 de febreiro de 2014 pola que se recoñece a Biblioteca da Real Academia Galega como biblioteca de especial interese para Galicia.

A Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, establece as bases e as estruturas fundamentais para a planificación e o desenvolvemento do Sistema Galego de Bibliotecas, así como a regulación da organización, do funcionamento, da coordinación, da avaliación e da promoción das bibliotecas de Galicia como servizos culturais que garanten o dereito da cidadanía a acceder en condicións de igualdade á cultura, á lectura, á información e ao coñecemento. A dirección e a coordinación do Sistema Galego de Bibliotecas serán exercidas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A Orde do 11 de xuño de 2007 pola que se regula o recoñecemento de biblioteca de especial interese para Galicia indica os requisitos que deben reunir os centros bibliotecarios para obter esta condición e establece que o recoñecemento se realizará mediante orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, logo de estudo e proposta dos servizos técnicos da citada consellería.

Vista a proposta do secretario xeral de Cultura, de conformidade co establecido na devandita Orde do 11 de xuño de 2007,

RESOLVO:

Recoñecer como biblioteca de especial interese para Galicia a Biblioteca da Real Academia Galega.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria