Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Xoves, 13 de marzo de 2014 Páx. 10838

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de inscrición de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, na categoría de médico/a de familia.

Mediante Resolución da Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 4 de xuño de 2012 (DOG nº 113, do 14 de xuño) abriuse o prazo para a inscrición de aspirantes en listas para vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade de diversas categorías sanitarias, entre elas, médico/a de familia.

Na devandita resolución preveuse unha xeración de listas coas persoas inscritas ata a data do 14.7.2012 que cumpran os requisitos determinados na anterior resolución.

Mediante Resolución do 25 de xaneiro de 2013 (DOG nº 24, do 4 de febreiro) publicáronse as listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as.

Finalizado o prazo de emenda previsto nesta última resolución, esta dirección xeral, de conformidade coa base oitava da Resolución do 4 de xuño de 2012, de inicio do prazo de inscrición,

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a relación definitiva de solicitantes admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de inscrición de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, na categoría estatutaria de médico/a de familia, iniciado por Resolución do 4 de xuño de 2012.

Segundo. As listas definitivas de excluídos/as e a lista definitiva de admitidos/as coa asignación da puntuación provisional e mais o número de orde acadados atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en «Fides/expedient-e/sección de procesos».

Terceiro. De conformidade coa base oitava da Resolución do 4 de xuño de 2012, contra a lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Cuarto. De conformidade coa antedita base, as persoas admitidas, con respecto aos resultados da baremación, poderán presentar reclamación ante as direccións das estruturas organizativas de xestión integrada e as direccións con competencias en xestión do persoal, no suposto de entidades adscritas á Consellería de Sanidade, no prazo de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

As reclamacións presentadas entenderanse estimadas ou desestimadas na resolución pola que se publiquen as puntuacións e a orde de prelación definitivas.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2014

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos