Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Martes, 11 de marzo de 2014 Páx. 10381

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2014, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre aprobación definitiva do expediente de delimitación do núcleo de Maceda, parroquia de San Pedro de Maceda, concello do Corgo (Lugo).

Analizada a documentación remitida polo Concello do Corgo en relación co expediente de delimitación do núcleo de Maceda, parroquia de San Pedro de Maceda, redactada en abril de 2013 polo arquitecto técnico Antonio Javier Núñez Núñez; e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio, no 9 de febreiro de 2012, ditou resolución de non aprobación dun proxecto anterior de delimitación deste núcleo, sinalando unha serie de deficiencias que se deberían corrixir.

A seguir, realizáronse as seguintes actuacións:

• Elaboración dun novo proxecto no cal se terían introducido as pertinentes correccións.

• Solicitude de novo informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que foi emitido no 12.6.2013, en senso favorable.

• Aprobación provisoria da delimitación por acordo do concello pleno adoptado no 1.8.2013.

• O concello non someteu o presente proxecto de delimitación a exposición pública, circunstancia que, en escrito municipal do 24.9.2013, se xustifica na inexistencia de modificacións substanciais en relación co proxecto redactado en xaneiro de 2011 exposto ao público.

II. Análise e consideracións.

No novo proxecto, a delimitación do NRHT cumpre o requisito de consolidación edificatoria establecido polo artigo 13.3.b) LOUG, polo aumento do tamaño mínimo de parcela (1.100 m2) e a prohibición de segregacións neste ámbito.

Eméndanse as deficiencias de representación.

Canto á falta de xustificación de acaroamento das vivendas e outras edificacións principais, as ordenanzas do proxecto prohíben expresamente o adherimento das vivendas ás estremas (números 11.2.4 e 11.3.4), permitindo o das restantes edificacións co consentimento do propietario da parcela estremeira (cando esta non estivese xa edificada ata a estrema).

O novo proxecto, co informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, regula as obras permitidas nos elementos catalogados en función do seu nivel de protección.

No plano nº 5 e números 11.2.2 e 11.3.2 identifícanse as parcelas destinadas aos equipamentos comunitarios existentes (casa reitoral, igrexa, cemiterio, campo da festa e antiga escola).

O novo proxecto incorpora outras novas determinacións en relación co seu precedente de 2011: limita a superficie máxima de ocupación das edificacións (números 11.2.6.1 e 11.3.6.1; exceptúanse as que se poidan construír ao abeiro da disposición transitoria décimo primeira da LOUGA e que conten coa autorización da Consellería de Cultura); establece unha pendente mínima para a conformación das cubertas (números 11.2.6.3 e 11.3.6.3); require a autorización previa da Consellería de Cultura para a execución de acabamentos de fachada ou cuberta (números 11.2.8.3.1, 11.2.8.3.3, 11.3.8.3.1 e 11.3.8.3.3); prohíbe a construción de semisotos (números 11.2.6.6 e 11.3.6.6); e introduce medidas de protección do arboredo (números 11.2.8.5 e 11.3.8.5) e de acondicionamento dos espazos libres privados (números 11.2.8.6 e 11.3.8.6). Estas alteracións valóranse positivamente pola súa contribución á harmonización ambiental das edificacións e á protección do ambiente e morfoloxía nuclear.

Daquela, e considerando a documentación achegada, estímase que o novo proxecto presentado dá cumprimento ao requirido na Resolución da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 9 de febreiro de 2012.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1.b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais corresponde á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Aprobar o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural común de Maceda, na parroquia de San Pedro de Maceda, no concello do Corgo, polas consideracións e nos termos anteriormente expostos.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a CMATI, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se for o caso, calquera outro que achen procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro). Se o interesado é unha administración pública, non caberá interpoñer recurso en vía administrativa e pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se for o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2014

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file

ANEXO