Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Luns, 10 de marzo de 2014 Páx. 10256

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2014 pola que se convoca un curso sobre intervención en emerxencias para o persoal que supere o proceso selectivo para os grupos de emerxencia supramunicipais (GES) no ano 2014.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2014 e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso sobre intervención en emerxencias para o persoal que supere o proceso selectivo para os grupos de emerxencia supramunicipais (GES) no ano 2014, con 3 edicións, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Curso

Denominación

Intervención en emerxencias para o persoal que supere o proceso selectivo para os grupos de emerxencia supramunicipais (GES) no ano 2014

Modalidade

Presencial

Edicións

3

Horas lectivas

70

Prazas por edición

Variable en cada edición, en función da capacidade das aulas e limitacións operativas que garantan a formación integrada de todo o persoal de cada grupo de emerxencia supramunicipal

2. Obxectivos e contido.

– Obxectivos: impartir unha formación especializada nuns niveis de capacitación suficientes para que o persoal que supere o proceso selectivo para ingresar nos grupos de emerxencia supramunicipais no ano 2014 poida comezar a asumir as súas funcións no seu novo destino.

– Contido: o contido estrutúrase en bloques relativos aos principais riscos e emerxencias en que, segundo as estatísticas da Xunta de Galicia, intervirá este persoal:

1. Módulo 1: primeiros auxilios (7 h).

2. Módulo 2: actuacións en caso de accidente de tráfico (14 h).

3. Módulo 3: extinción de incendios urbanos e industriais (28 h).

4. Módulo 4: intervención en incendios forestais (21 h).

Todos os temas inclúen exercicios prácticos sobre os temas tratados e haberá unha proba final de conxunto.

3. Destinatarios/as.

O curso vai dirixido ao persoal que supere as probas de selección convocadas para o ingreso nos grupos de emerxencia supramunicipais de Galicia no ano 2014.

A Agasp poderá admitir no curso, por petición do concello respectivo, ata un máximo de dúas persoas máis das que superaron o proceso selectivo. Estas persoas quedarían en lista de reserva para cubrir as prazas no caso de que se produzan baixas.

4. Desenvolvemento da actividade.

– Lugar e datas: o lugar e a data concretos de realización de cada edición anunciaranse coa suficiente antelación.

– Horario: mañá e tarde, de luns a venres

– Uniformidade: o persoal deberá asistir aos cursos provisto do seguinte material:

1. Bota de media cana con punteira de seguridade e soleta antipunzamento.

2. Funda ignífuga.

3. Casco F2 Gallet, HPS3000 ou similar con lentes de seguridade.

4. Guantes ignífugos de intervención.

5. Verdugo ignífugo.

5. Inscrición.

a) Os concellos que convoquen os procesos selectivos para os grupos de emerxencia supramunicipais (GES) remitiranlle á Agasp:

– Unha lista coas persoas que superaron o proceso selectivo (segundo o modelo do anexo I desta convocatoria).

– Unha ficha cos datos de cada unha das persoas seleccionadas (segundo o modelo do anexo II desta convocatoria).

b) Os datos mencionados no punto anterior poderán ser comunicados por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

c) O prazo para enviar a documentación é de 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da finalización do correspondente proceso selectivo.

d) As persoas seleccionadas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp recibirán unha mensaxe de correo electrónico para darse de alta nela.

e) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico
formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

Non existen criterios de selección, xa que o curso vai dirixido exclusivamente a aquelas persoas que superen o proceso selectivo para o ingreso nos grupos de emerxencia supramunicipais de Galicia no ano 2014 e ofertaranse tantas prazas como persoas superen o proceso.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web, http://agasp.xunta.es, unha relación das persoas que participarán en cada edición do curso, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión, serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG número 30, do 12 de febreiro).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente e, en caso contrario, penalizaranse disciplinariamente.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. Non obstante, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporalle ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/do alumna/o ao longo do curso.».

10. Certificado de aproveitamento.

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

11. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

12. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións deste ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 27 de febreiro de 2014

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Anexo I
Solicitude de inscrición no curso sobre intervención en emerxencias para as persoas que superen o proceso selectivo para os grupos de emerxencia supramucipais (GES) no ano 2014

Concello que convoca o proceso selectivo:

Lista de persoas que superaron o proceso selectivo:

DNI

Apelidos

Nome

Autoridade do concello que asina a solicitude:

Apelidos

Nome

Cargo

Sinatura

Lugar e data

Anexo II
Formulario para comunicación de datos das persoas seleccionadas no proceso selectivo para os grupos de emerxencia supramunicipais (GES) no ano 2014

Concello que convoca o proceso selectivo:

Datos da persoa seleccionada

                *NOME                                 *PRIMEIRO APELIDO                      *SEGUNDO APELIDO

          *DNI                               *SEXO               *DATA DE NACEMENTO

                                                   *ENDEREZO                                                           *LOCALIDADE

*CÓDIGO POSTAL                              *PROVINCIA                                         *CONCELLO

TELÉFONO FIXO     TELÉFONO MÓBIL        FAX *CORREO ELECTRÓNICO

*Os campos marcados con asterisco son obrigatorios