Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 19 de febreiro de 2014 Páx. 6937

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2014 pola que se crea a Área de Servizo Compartido de Hemodinámica e Cardioloxía Intervencionista do centro de Galicia.

As enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte e un dos problemas de saúde máis relevantes para a poboación galega. Neste sentido, as salas de hemodinámica son elementos clave no tratamento dun importante número de patoloxías.

O Servizo Galego de Saúde, no desenvolvemento da súa obriga de garantir a calidade dos procedementos e a seguridade dos pacientes, debe velar por que a actividade que se realiza en todos os seus servizos teña as mellores garantías de éxito e acade un volume mínimo de casos que permita a realización dos procedementos con criterios de calidade. A demanda actual e prevista de procedementos aconsella ao Servizo Galego de Saúde a creación dunha área de servizo compartido para a prestación de hemodinámica e cardioloxía intervencionista que preste cobertura asistencial á poboación adscrita ás estruturas organizativas de xestión integrada (EOXI) de Santiago de Compostela e Pontevedra-O Salnés.

Esta área de servizo compartido integrará funcionalmente os recursos de hemodinámica e cardioloxía intervencionista dos complexos hospitalarios universitarios de Santiago de Compostela e Pontevedra e dará cobertura á poboación do ámbito das EOXI de Santiago de Compostela e Pontevedra-O Salnés.

Esta fórmula organizativa ten o seu amparo normativo na Lei 8/2008, de saúde de Galicia, que, no seu artigo 32, establece como principios reitores do Sistema Público de Saúde de Galicia potenciar o traballo e a cooperación interhospitalaria, achegar os servizos aos cidadáns e promover a equidade no acceso ás prestacións sanitarias. Asemade, o artigo 97 aposta por modelos de xestión dinamizadores do servizo público a través de fórmulas organizativas integradoras de procesos asistenciais, utilizando medidas que fomenten a coordinación, colaboración e cooperación e superando a compartimentación existente entre hospitais.

Así mesmo, o modelo que se propón está en consonancia co disposto no Decreto 37/2001, do 1 de febreiro, de áreas de servizo compartido en estruturas hospitalarias do Servizo Galego de Saúde, que establece, entre outros fins, procurar o aproveitamento do potencial dos recursos asistenciais presentes nos hospitais públicos, co obxecto de mellorar a calidade da asistencia sanitaria prestada. A publicación do dito decreto creou un marco de actuación que permite a aplicación de técnicas que optimizan a asignación de recursos, axilizan o acceso aos servizos e melloran a satisfacción dos cidadáns.

Finalmente, cómpre subliñar que coa posta en marcha desta área se pretende xerar unha estrutura organizativa asistencial de calidade, capaz de mellorar aspectos da organización existente; crear un modelo estruturado, flexible e adaptado aos centros, e promover unha organización de servizos máis integrada compartindo, de forma máis eficiente, os recursos públicos, profesionais e técnicos para a realización dos procedementos de hemodinámica e cardioloxía intervencionista coas maiores garantías de calidade e seguridade para os pacientes.

Por todo iso, ao abeiro do disposto na Lei de saúde de Galicia, unha vez elaborado o plan asistencial da citada área de servizo compartido en colaboración coas xerencias das EOXI correspondentes e emitido o informe favorable da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria,

RESOLVO:

A creación da Área de Servizo Compartido de Hemodinámica e Cardioloxía Intervencionista do centro de Galicia, unindo os recursos das EOXI de Santiago de Compostela e Pontevedra-O Salnés.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2014

Mª Nieves Domínguez González
Xerente do Servizo Galego de Saúde