Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Luns, 17 de febreiro de 2014 Páx. 6449

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 28 de xaneiro de 2014 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Propatrimonio Rois e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Unha vez examinado o expediente de extinción da Fundación Propatrimonio Rois, adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 27 de xaneiro de 2014 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego de acordo de extinción da Fundación Propatrimonio Rois, adoptado polo seu padroado o 8 de abril de 2011.

Segundo. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Padrón, o 28 de marzo de 2006, ante o notario Francisco León Gómez, co número 753 do seu protocolo. Foi clasificada como cultural mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 18 de maio de 2006, e declarada de interese galego mediante a Orde da Consellería de Cultura e Deporte do 15 de xuño de 2006 e figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2006/4.

Terceiro. De acordo co artigo 6 dos estatutos, a fundación ten por obxecto o estudo, catalogación, restauración e protección do patrimonio cultural situado na área territorial do concello de Rois.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 8 de abril de 2011 adoptou, en aplicación dos artigos 37 e 38 dos seus estatutos, o acordo da extinción e liquidación da fundación, por imposibilidade de realizar o fin fundacional.

No expediente tramitado para o efecto consta a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo de extinción adoptado polo padroado.

b) Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción, que inclúe o proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

c) Contas da fundación na data de adopción do acordo.

O Servizo Técnico-Xurídico da Secretaría Xeral de Cultura instruíu o procedemento de ratificación do acordo de extinción da fundación.

Consideracións legais.

Primeiro. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é competente para o exercicio das funcións de protectorado sobre a Fundación Propatrimonio Rois, de conformidade co establecido no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Regulamento do Rexistro de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, correspóndelle á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as cales exerza as funcións de protectorado.

Segundo. De acordo cos artigos 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; e 21 e 39 do Regulamento do Rexistro de fundacións de interese galego, unha das causas de extinción das fundacións é a imposibilidade da realización do fin fundacional, para o que se exixe o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O citado artigo 44 establece, ademais, que o dito acordo se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa da extinción e a demais documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Polo exposto e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e na demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Propatrimonio Rois, adoptado polo seu padroado con base na imposibilidade de realizar o fin fundacional.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción da Fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, se poida interpoñer recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2014

P.D. (Orde do 25.1.2012; DOG núm. 27, do 8 de febreiro)
Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria