Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Venres, 7 de febreiro de 2014 Páx. 5232

V. Administración de xustiza

Xulgado de violencia sobre a muller nº 1 de Vigo

EDICTO (2/2010).

Sentenza: 10/2012.

Procedemento: divorcio contencioso número 2/2010.

Sentenza.

Vigo, 24 de abril de 2012.

Visto por min, Eva Ferreiro Estévez, xuíza substituta do Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Vigo, o procedemento de divorcio contencioso número 2/2010, promovido por instancia de Touria Akjej, representada pola procuradora Sra. Vázquez Cueto e asistida polo letrado Sr. Pérez Costa, contra Abel Bakhada, representado pola procuradora Sra. Arca Beloso e asistido pola letrada Sra. Pérez Crespo, con intervención do Ministerio Fiscal, procede ditar a presente resolución sobre a base dos seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 30 de decembro de 2009 presentou neste xulgado a representación procesual da parte demandante demanda de divorcio contencioso na cal se solicitaba que se ditase unha sentenza en que se establecese a disolución do matrimonio das partes por divorcio, cos seguintes efectos: a disolución do réxime matrimonial vixente ata o momento, a atribución da patria potestade exclusiva e custodia sobre os fillos á nai, así como a atribución a esta do domicilio conxugal, sen fixación dun réxime de visitas a favor do pai, o cal deberá aboar unha pensión de alimentos de 200 euros ao mes a favor de ambos os dous fillos, con imposición de custas á parte demandada se se opuxese a esta demanda.

Segundo. Despois de darse traslado da dita demanda ao demandado e ao Ministerio Fiscal, este contestou a demanda en data 3 de marzo de 2010, pero non o fixo o demandado, polo que foi declarado en situación de rebeldía procesual en data 8 de marzo de 2012, despois de ser convocadas as partes ao acto do xuízo, o cal tivo lugar en datas 19 e 20 de abril de 2012 e no cal a parte demandante ratificou as peticións realizadas na demanda e o Ministerio Fiscal nas alegacións realizadas na súa contestación, alegando a letrada do demandado designada de oficio que non se puido pór en contacto con el, polo que se remite ao escrito enviado por este ao xulgado en data 21 de marzo de 2010, no cal se mostraba conforme co solicitado na demanda con excepción da petición de que se lle outorgue a patria potestade exclusiva á nai e que non se determine un réxime de visitas a favor do pai.

Unha vez practicadas as probas propostas polas partes e admitidas, interrogatorio de parte, exploración de menor e documental, co resultado que consta en autos, informou o Ministerio Fiscal no trámite de conclusións no sentido de non se opor á demanda de divorcio, ben que a patria potestade debe ser compartida entre ambos os dous proxenitores, interesando a suspensión do réxime de visitas a favor do pai por encontrarse expulsado fóra do territorio nacional e non manter contacto ningún cos menores desde hai anos, sen prexuízo de que co tempo poida solicitar o pai un réxime de visitas ao seu favor, considerando que a pensión de alimentos por importe de 200 euros a favor dos menores é adecuada ás súas necesidades e non consta oposición do pai á dita cantidade, e quedaron os autos conclusos para sentenza.

Terceiro. Na tramitación deste procedemento observáronse as prescricións legais de pertinente aplicación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Segundo dispón o artigo 85 do Código civil, «O matrimonio disólvese, sexa cal for a forma e o tempo da súa celebración, pola morte ou a declaración de falecemento dun dos cónxuxes e polo divorcio», e o artigo 86 do mesmo texto legal establece que «Se decretará xudicialmente o divorcio, calquera que sexa a forma de celebración do matrimonio, por petición dun só dos cónxuxes, de ambos os dous ou dun co consentimento do outro, cando concorran os requisitos e circunstancias exixidos no artigo 81», precepto que exixe que transcorresen tres meses desde a celebración do matrimonio, requisito cuxa concorrencia quedou acreditada coa documentación achegada, polo que procede acceder á petición formulada e declarar a disolución por divorcio do matrimonio formado polas partes, o cal foi celebrado o día 23 de marzo de 1994 en Tánxer, Marrocos, con último domicilio en común en Vigo, e do cal existen dous fillos comúns menores de idade, Ziad Bakhada, nacido o día 15 de outubro de 1994, e Hahya Bakhada, nacido o 27 de marzo de 2001.

Segundo. Respecto aos efectos da sentenza de divorcio, dispón o artigo 91 do Código civil que «Nas sentenzas de nulidade, separación ou divorcio, ou en execución destas, o xuíz, en defecto de acordo dos cónxuxes ou en caso de non aprobación deste, determinará conforme o establecido nos artigos seguintes as medidas que deban substituír as xa adoptadas con anterioridade en relación cos fillos, a vivenda familiar, as cargas do matrimonio, liquidación do réxime económico e as cautelas ou garantías respectivas, establecendo as que procedan se para algún destes conceptos non se adoptase ningunha. Estas medidas poderán ser modificadas cando se alteren substancialmente as circunstancias».

O artigo 154 do Código civil xa establece que «os fillos non emancipados están baixo a potestade do pai e da nai. A patria potestade exercerase sempre en beneficio dos fillos, de acordo coa súa personalidade, e comprende os seguintes deberes e facultades: 1º. Velar por eles, telos na súa compañía, alimentalos, educalos e procurarlles unha formación integral. 2º. Representalos e administrar os seus bens. Se os fillos tiveren suficiente xuízo deberán ser oídos sempre antes de adoptar decisións que os afecten. Os pais poderán, no exercicio da súa potestade, solicitar o auxilio da autoridade. Poderán tamén corrixir razoable e moderadamente os fillos».

O precepto complétase co establecido no artigo 156 do mesmo texto legal, que establece que «A patria potestade se exercerá conxuntamente por ambos os dous proxenitores ou por un só co consentimento expreso ou tácito do outro. Serán válidos os actos que realice un deles conforme o uso social e as circunstancias ou en situacións de urxente necesidade. Se os pais viven separados, a patria potestade exerceraa aquel con quen o fillo conviva. Non obstante, o xuíz, por solicitude fundada do outro proxenitor, poderá, en interese do fillo, atribuír ao solicitante a patria potestade para que a exerza conxuntamente co outro proxenitor ou distribuír entre o pai e a nai as funcións inherentes ao seu exercicio».

No presente caso, a pesar de que a parte demandante solicitou a atribución exclusiva da patria potestade á nai, non acreditou debidamente que existan motivos para retirar a patria potestade ao pai, o cal se encontra expulsado do territorio nacional por tres anos desde agosto de 2010, máis alá da condena deste como autor de dous delitos de malos tratos no ámbito familiar respecto da demandante, sen que conste a existencia de malos tratos aos menores, á vista da exploración do fillo menor e aínda que este manifeste que nin el nin o seu irmán queren ter relación co seu pai, sen que conste por tanto que o demandado incorra en ninguna causa de perda da patria potestade, polo que procede declarar a patria potestade compartida do pai e da nai sobre os fillos menores de idade, Ziad Bakhada e Hahya Bakhada.

En canto á garda e custodia dos fillos menores, o artigo 159 do Código civil establece que «se os pais viven separados e non decidiren de común acordo, o xuíz decidirá, sempre en beneficio dos fillos, ao coidado de que proxenitor quedarán os fillos menores de idade. O xuíz oirá, antes de tomar esta medida, os fillos que tivesen suficiente xuízo e, en todo caso, os que foren maiores de doce anos».

Ao non ser esta unha cuestión controvertida, encontrándose os fillos vivindo coa nai e estando o pai expulsado do territorio nacional, procede atribuír a garda e custodia dos fillos menores á nai, así como a atribución do uso do domicilio familiar.

Terceiro. En canto ao réxime de visitas, o artigo 94 do Código civil establece que «o proxenitor que non teña consigo os fillos menores ou incapaces gozará do dereito de visitalos, comunicar con eles e telos na súa compañía. O xuíz determinará o tempo, modo e lugar do exercicio deste dereito, que poderá limitar ou suspender se se deren graves circunstancias que así o aconsellen ou se incumpriren grave e reiteradamente os deberes impostos pola resolución xudicial».

Á vista de que o pai se encontra expulsado do territorio nacional por tres anos desde agosto de 2010 e que a parte demandante e o Ministerio Fiscal solicitan que non se estableza ningún réxime de visitas a favor deste, e ao non constar que o pai mantivese contacto cos menores desde hai anos, e de que, segundo expresou o fillo pequeno na súa exploración, ningún dos irmáns quere saber nada do pai, non procede fixar réxime de visitas a favor do pai, sen prexuízo de que no futuro este poida solicitar o establecemento ao seu favor dun réxime de visitas respecto aos menores en canto se produza unha modificación das circunstancias tidas en conta ao respecto, sobre todo o termo do prazo de expulsión do noso país.

Cuarto. En canto aos alimentos, o artigo 93 do Código civil establece que «o xuíz en todo caso determinará a contribución de cada proxenitor para satisfacer os alimentos, e adoptará as medidas convenientes para asegurar a efectividade e acomodación das prestacións ás circunstancias económicas e necesidades dos fillos en cada momento».

Trátase este dun deber derivado do exercicio da patria potestade (tal e como establece o artigo 154 do Código civil en relación cos artigos 143 e 144 do mencionado texto legal) e á vez unha obriga de natureza persoal.

Neste sentido, o artigo 142 xa establece que «se entende por alimentos todo o que é indispensable para o sustento, habitación, vestido e asistencia médica. Os alimentos comprenden tamén a educación e instrución do alimentista mentres sexa menor de idade e aínda despois cando non rematase a súa formación por causa que non lle sexa imputable».

Polo que respecta á contía, xa o artigo 146 do Código civil establece que «a contía dos alimentos será proporcionada ao caudal ou medios de quen os dá e ás necesidades de quen os recibe». O precepto debe interpretarse no sentido de que a contía dos alimentos se debe fixar á vista da proba practicada, no seu exame conxunto, e mediante unha apreciación obxectiva.

Ao non ser esta unha cuestión controvertida entre as partes e considerándose adecuada ás necesidades dos fillos a cantidade de 200 euros solicitada pola parte demandante como pensión de alimentos a favor de ambos os dous fillos menores de idade, procede estimar a demanda ao respecto e fixar a dita pensión de alimentos a cargo do pai, cantidade que deberá ser revisada anualmente de acordo co incremento do IPC e que deberá facerse efectiva na conta bancaria que designe a nai dentro dos cinco primeiros días de cada mes.

Quinto. Dada a natureza deste procedemento, non procede facer pronunciamento ningún en materia de custas procesuais.

Vistos os preceptos legais e demais de preceptiva aplicación,

Ditamino.

Estimo parcialmente a demanda presentada por Touria Akjej, representada pola procuradora Sra. Vázquez Cueto e asistida polo letrado Sr. Pérez Costa, contra Abel Bakhada, representado pola procuradora Sra. Arca Beloso e asistido pola letrada Sra. Pérez Crespo, con intervención do Ministerio Fiscal, e debo declarar e declaro disolto por divorcio o matrimonio formado polas partes con todos os efectos legais, incluída a disolución do réxime económico matrimonial vixente ata a data, e declaro a patria potestade compartida dos proxenitores sobre os dous fillos comúns menores de idade, a atribución do uso do domicilio familiar e da garda e custodia dos fillos á nai, a non fixación dun réxime de visitas a favor do pai e que este deberá aboar unha pensión de alimentos a favor de ambos os dous fillos por importe de 200 euros mensuais, a cal se ingresará dentro dos cinco primeiros días de cada mes na conta bancaria que designe a nai e que será revisable anualmente segundo os incrementos do IPC publicados polo Instituto Nacional de Estatística.

Non procede facer expresa imposición das custas procesuais, cada parte deberá aboar as custas causadas pola súa instancia e as comúns por metade.

Unha vez firme esta sentenza, remítase testemuño dela ao Rexistro Civil Central de Madrid e ao Consulado Xeral de España en Tánxer para os efectos oportunos.

Notifíqueselles ás partes e ao Ministerio Fiscal a presente resolución, advertíndolles que esta non é firme, pois contra ela cabe a interposición de recurso de apelación, que se presentará ante este xulgado no prazo dos vinte días seguintes á súa notificación e do cal coñecerá a Audiencia Provincial de Pontevedra.

Así, por esta a miña sentenza, o pronuncio, mando e asino.

Publicación. A anterior sentenza foi lida e publicouse no día da data pola xuíza substituta que a subscribe, estando a realizar audiencia pública e na miña presenza, do cal eu, a secretaria xudicial, dou fe.

Publicación. Na mesma data foi lida e publicada a anterior resolución polo maxistrado que a ditou, estando a realizar audiencia pública. Dou fe.

Dilixencia: a seguir procédese a cumprir a notificación da anterior resolución. Dou fe.