Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Venres, 7 de febreiro de 2014 Páx. 5130

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 30 de xaneiro de 2014 pola que regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas non financiadas por fondos públicos, conducentes á obtención de certificados de profesionalidade

O Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, pola que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, recolle a formación de oferta, entendida como aquela que ten por obxecto facilitar as persoas traballadoras, ocupadas e desempregadas, unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo que atenda os requirimentos de competitividade das empresas, á vez que satisfaga as aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, capacitándoas para o
desempeño cualificado das diferentes profesións e para o acceso ao emprego.

A Comunidade Autónoma de Galicia asume as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional ocupacional mediante o Decreto 69/1993, do 10 de marzo.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúe á Dirección Xeral de Emprego e Formación o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, relativas á formación profesional para o emprego.

O II Plan galego de formación profesional defínese basicamente como un plan que concibe integralmente a política de cualificacións e da formación profesional. Este carácter integral implica, en canto aos fins, seguir avanzando cara á constitución dun sistema de formación profesional integrado en Galicia e supón tamén considerar como beneficiario deste plan o conxunto da poboación activa. Para acadar estes obxectivos, o plan artéllase a través de catro liñas estratéxicas de actuación que inciden na integración dos sistemas de cualificacións e formación profesional, no óptimo aproveitamento dos recursos e da xestión, na calidade e innovación e na promoción da aprendizaxe permanente ao longo da vida.

O Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, ten por obxecto regular os certificados de profesionalidade en aspectos esenciais tales como os seus efectos, estrutura e contido, vías para a súa obtención e os relativos á impartición e avaliación das correspondentes ofertas de formación profesional para o emprego, de acordo co establecido na Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.

O Real decreto 189/2013, do 15 de marzo, modifica o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, e os reais decretos polos que se establecen os certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación. A teor desta modificación, o artigo 12.2 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, establece que, con independencia da formación para o emprego financiada con fondos públicos, a que se refire a letra h) do artigo 3 do Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, que terá que estar garantida, as empresas e os centros de formación e os centros integrados de formación profesional de inciativa privada tamén poderán desenvolver accións formativas conducentes á obtención de certificados de profesionalidade, para a formación das persoas traballadoras desempregadas. En todo caso, a formación deberá adecuarse á normativa reguladora dos certificados de profesionalidade, e estas empresas e centros de formación deberán estar acreditados pola administración laboral competente.

A Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, desenvolve o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular, no ámbito da formación profesional para o emprego, o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas non financiadas por fondos públicos, conducentes á obtención de certificados de profesionalidade, para a formación das persoas traballadoras ocupadas e desempregadas, desenvolvidas por empresas e centros de formación debidamente acreditados polo órgano competente.

Artigo 2. Solicitantes

Poderán acollerse ao previsto nesta norma aquelas empresas e centros de formación acreditados polo órgano competente de conformidade coa normativa vixente.

Para a impartición das accións formativas desenvolvidas ao abeiro desta orde, as empresas e centros de formación non poderán utilizar a acreditación provisional recollida no artigo 3.4 do Decreto 106/2011, do 19 de maio, polo que se crea o Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar e se regula o procedemento para a inscrición e, se ó caso, acreditación dos centros e entidades que impartan formación para o emprego no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A acción formativa desenvolvida debe incluír, como mínimo, un módulo formativo dunha especialidade asociada a un certificado de profesionalidade. Se se ofrecese a totalidade da especialidade formativa asociada a un certificado de profesionalidade, hase de ofertar, obrigatoriamente, o módulo de prácticas non laborais. En todo caso, a formación deberá adecuarse á normativa reguladora dos certificados de profesionalidade.

Artigo 3. Presentación de solicitudes e documentación

As empresas e os centros de formación interesados presentarán as solicitudes no modelo que figura no anexo I desta orde cunha antelación non inferior a tres meses á data de inicio prevista da acción formativa.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel. Estas solicitudes deberanse dirixir á Dirección Xeral de Emprego e Formación e presentaranse no rexistro da Consellería de Traballo e Benestar ou en calquera das formas establecidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario.

Artigo 4. Procedemento de tramitación

1. Efectuada a comprobación por parte da Dirección Xeral de Emprego e Formación dos requisitos exixidos na presente orde, que poderá incluír unha visita para confirmar que se manteñen as condicións da acreditación, o/a director/a xeral de Emprego e Formación emitirá resolución pola que se autoriza ou denega a realización de accións formativas ao abeiro da presente orde.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución que proceda será de tres meses contados desde a presentación da solicitude, salvo períodos de suspensión destinados a completar a documentación requirida. Transcorrido o prazo anterior sen que se ditase e notificase resolución expresa, entenderase estimada a pretensión por silencio administrativo; sen prexuízo de que subsista a obriga legal de resolver sobre a petición formulada.

3. A resolución da autorización fixará, se é o caso, as condicións, obrigas e determinacións accesorias a que se deba suxeitar a entidade autorizada.

4. A persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación acordará a publicación da relación de entidades autorizadas para impartir accións formativas de acordo coa orde.

Artigo 5. Obrigas das entidades autorizadas

Son obrigas das empresas e centros de formación autorizados:

1. Realizar as accións solicitadas segundo o previsto nesta orde e na resolución de autorización, así como nos reais decretos reguladores de cada certificado, no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, e na Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

2. Remitir á Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente á provincia na cal estea a empresa ou centro autorizado, con quince días de antelación ao inicio da acción formativa:

a) As datas de inicio e finalización de cada acción formativa.

b) A relación do alumnado participante, con indicación do que vai realizar o módulo de formación práctica en centros de traballo (detallando empresas e datas de realización), así como do alumnado que se atopa exento da súa realización.

c) A documentación xustificativa da acreditación requirida polos formadores/as e
titores/as-formadores/as intervenientes na acción formativa.

d) Acta asinada pola persoa representante legal da entidade autorizada, na que, unha vez realizado o proceso de selección, se incluirá a manifestación expresa de que os/as candidatos/as seleccionados/as cumpren os requisitos para cursar con aproveitamento a formación nos termos previstos no artigo 20 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, e na normativa autonómica de aplicación.

e) O programa formativo en formato normalizado, co desenvolvemento de cada un dos módulos formativos que comprenda a acción formativa que se vai impartir, a duración e os equipamentos necesarios.

f) A planificación do proceso da avaliación, con indicación das datas de realización das probas finais, cando proceda, dos instrumentos que se van utilizar, dos espazos destinados ás probas e da duración destas.

g) O convenio ou acordo entre os centros formativos e os centros de traballo para a realización do módulo de formación práctica en centros de traballo.

h) A documentación acreditativa da existencia dunha póliza de seguro para a realización da acción formativa e do módulo de formación práctica en centros de traballo.

3. Comunicar mensualmente á Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente o control de asistencia mensual que conteña a sinatura diaria do alumnado asistente, as baixas e altas do alumnado e as datas en que se producen, así como calquera circunstancia que puidese ter incidencia sobre o desenvolvemento da acción formativa. Para os ditos efectos utilizarase a aplicación informática que lles facilitará a Dirección Xeral de Emprego e Formación.

4. Facilitarlle á Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente as tarefas de seguimento e control.

5. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Traballo e Benestar, así como a todas aquelas actuacións de avaliación, seguimento e control exixidas polo Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polos reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación, e pola Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

6. Cando se imparta o módulo de prácticas non laborais en centros de traballo, comunicar aos/ás representantes legais dos/as traballadores/as dos centros laborais nos cal se desenvolvan as prácticas, así como á Inspección de Traballo, a relación de alumnos/as participantes neste programa, a duración deste, e o seu programa formativo.

7. Remitir á Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente, nun prazo non superior a tres meses desde a finalización a acción formativa, a documentación relativa ao proceso de avaliación e os cuestionarios de avaliación da calidade das accións formativas. Para tal efecto, presentaranse as actas de avaliacion asinadas polo/a representante do centro colaborador e o/a titor/a do grupo e os documentos onde se reflicten os seus resultados, co contido previsto no artigo 14 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro.

8. Verificar que todo o persoal docente, participante na formación, reúna as prescricións sobre formación e experiencia profesional e competencia docente exixidas por cada certificado, segundo o establecido nos respectivos reais decretos.

9. Avaliar o alumnado por módulos formativos, de forma sistemática e continua, co obxecto de comprobar os resultados de aprendizaxe e, en consecuencia, a adquisición das competencias profesionais, segundo o establecido nos reais decretos polos que se regulan os certificados de profesionalidade e no capítulo I do título III da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

10. Desenvolver a formación aquí recollida con medios económicos suficientes para o seu desenvolvemento, sen que en ningún caso a Consellería de Traballo e Benestar adquira ningún compromiso ou responsabilidade económica derivada do desenvolvemento e/ou xestión desta.

Artigo 6. Avaliación, seguimento e control da calidade da formación

De acordo co establecido no artigo 18.4 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, durante a impartición de cada curso e a súa finalización, recadarase a opinión do alumnado sobre a formación recibida.

Os mecanismos de seguimento e control axustaranse ao establecido no artigo 22 da Orde ESS/1897/2013.

Artigo 7. Revogación da autorización

1. Procederá a revogación da autorización concedida ao abeiro desta orde cando:

a) A acción formativa non estea en funcionamento durante o calendario lectivo.

b) O persoal docente e/o alumnado non estean presentes nin no centro formativo nin nos centros de desenvolvemento da formación práctica.

c) O alumnado non cumpra os requisitos para cursar con aproveitamento a formación nos termos previstos no artigo 20 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, ou estea sendo dedicado a funcións distintas da formación.

d) Os/as formadores/as e titores/as intervinientes na acción formativa non cumpran os requisitos exixidos no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, e nos reais decretos reguladores dos distintos certificados de profesionalidade.

e) Non se cumpra o proceso de avaliación dos resultados da aprendizaxe.

f) As instalacións ou os equipamentos/dotacións non se correspondan con aqueles que foron acreditados.

g) Se incumpra a normativa vixente en materia de seguridade e saúde laboral.

h) Calquera outra causa grave que afecte o normal desenvolvemento da acción formativa.

2. Será competente para acordar a revogación da autorización o/a director/a xeral de Emprego e Formación, logo da audiencia do/a interesado/a.

Artigo 8. Certificación da formación

1. Unha vez finalizada a acción formativa, a Dirección Xeral de Emprego e Formación expedirá de oficio, por cada participante, unha certificación dos módulos, incluído, cando corresponda, o de formación práctica en centros de traballo e, se é o caso, unidades formativas superadas, logo da comprobación das actas de avaliación asinadas e dos documentos onde se reflicten os resultados desta.

As unidades formativas serán certificables segundo o establecido no artigo 6.2 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro.

2. A expedición e rexistro do certificado de profesionalidade e das acreditacións parciais realizarase conforme o establecido nos artigos 16 e 17 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, no que se recolle que a superación de todos os módulos, incluído o de formación práctica en centros de traballo, será requisito imprescindible para que a Administración competente expida o certificado de profesionalidade a quen o solicitasen.

3. No caso de non ter superados a totalidade dos módulos, a Dirección Xeral de Emprego e Formación expedirá, por solicitude do interesado, unha acreditación parcial acumulable da unidade ou unidades de competencias asociadas aos módulos superados.

Disposición adicional primeira

No non previsto nesta orde será de aplicación o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, e a súa normativa de desenvolvemento.

Disposición adicional segunda

No suposto de accións formativas que se impartan na modalidade de teleformación, a Administración competente en materia de autorización, avaliación, seguimento e control, será o Servizo Público de Emprego Estatal.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file