Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 20 de decembro de 2013 Páx. 49025

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de decembro pola que se regula o sistema básico da Rede galega de vixilancia en saúde pública.

O obxectivo da vixilancia epidemiolóxica é conseguir datos sobre a ocorrencia de certos fenómenos (enfermidade, abrochos, factores de risco para a saúde, etc.) para, unha vez analizados, participar no deseño e avaliación de intervencións sanitarias ou, dependendo do fenómeno en cuestión, proceder a unha intervención inmediata, sexa para intentar reducir a incidencia do fenómeno ou para investigalo.

En Galicia, a vixilancia epidemiolóxica está integrada na Rede galega de vixilancia en saúde pública (RGVSP), creada polo Decreto 177/1998, do 11 de xuño, modificado polo Decreto 174/2013, do 21 de novembro, e, en concreto, a vixilancia das enfermidades transmisibles artículase no sistema básico da devandita rede e en catro rexistros especiais: o da sida (Orde do 4 de decembro de 1998), o da tuberculose (Orde do 4 de decembro de 1998), o das encefalopatías esponxiformes transmisibles humanas (Orde do 28 de xuño de 2001) e o do VIH (Decreto 33/2004).

O sistema básico da RGVSP desenvolveuse mediante a Orde do 14 de xullo de 1998. As dúas primeiras seccións da dita orde describen as características xerais da declaración obrigatoria no que atinxe a enfermidades (sección 1ª) e a situacións epidémicas e abrochos (sección 2ª). En liñas xerais, establece que todos os médicos teñen que declarar a sospeita clínica dunha serie de enfermidades, relacionadas nun anexo, xunto cunha serie de datos relativos a elas e facelo por correo postal ou con carácter urxente, dependendo da enfermidade de que se trate. Tamén é de declaración urxente a sospeita dun abrocho calquera que sexa a súa etioloxía. A información microbiolóxica (sección 3ª) completaba o sistema básico da RGVSP.

Mais desde entón ocorreron numerosos e variados cambios que fan necesario modificar as características deste sistema básico e ampliar o número de enfermidades vixiadas. Pola banda das enfermidades, uns cambios afectan a súa epidemioloxía e outros as posibilidades de diagnóstico ou de intervención para o seu control.

Pola banda da vixilancia, a Decisión nº 2119/98/CE do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de setembro de 1998, que crea unha rede de vixilancia epidemiolóxica que afectaba as enfermidades dunha listaxe, actualizada por última vez pola Decisión da Comisión do 2 de abril de 2009, e que inclúe enfermidades que non se recollían na Orde do 14 de xullo; e o Regulamento sanitario internacional, de 2005, que exixe que no nivel primario de resposta de saúde pública se teña capacidade suficiente para detectar eventos que supoñan niveis de morbi-mortalidade superiores aos previstos e para aplicar de inmediato as medidas de control e realizar todas as accións prescritas no regulamento as 24 h do día.

Por último, o desenvolvemento e difusión de novas tecnoloxías da información abre posibilidades de captura e transmisión de datos onde antes non as había.

Todos estes cambios, xunto á longa experiencia co actual sistema de vixilancia, suxiren, como quedou dito, a necesidade dunha reforma do sistema básico da RGVSP cara a un novo marco que axuste mellor, por unha banda, a necesidade de obter a información precisa para dar conta do obxectivo de vixilancia de cada enfermidade e, por outra, o imperativo de minimizar o tempo que precisa a declaración.

Deste xeito, o tipo de enfermidade e a frecuencia de declaración variará por ámbito de notificación (atención primaria, atención hospitalaria, microbioloxía) atendendo ás posibilidades de recorrer a unha extracción automática dos datos dun repositorio que xa os ten rexistrados por outros motivos.

Os principios que rexen a atribución de enfermidades no seu respectivo ámbito son os seguintes: a) grao de confirmación diagnóstica que se precisa na vixilancia de casos illados; b) lugar onde se vai facer o diagnóstico de sospeita ou confirmación; e c) necesidade de identificar todos os casos que ocorran. Polo demais, mantense a diferenza entre declaración urxente e rutineira e non se modifica a declaración de situacións epidémicas ou de abrochos.

Por todo isto, e en virtude das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e a súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. O sistema básico da Rede galega de vixilancia en saúde pública está integrado polo Sistema xeral de notificación de enfermidades (sección 1ª), pola información microbiolóxica (sección 2ª) e pola notificación de situacións epidémicas e abrochos (sección 3ª).

2. O sistema básico da RGVSP servirase, tamén, do Sistema de alerta epidemiolóxica de Galicia e da notificación periódica doutros sistemas de información que, como o Conxunto mínimo básico de datos de altas hospitalarias (CMBD-AH) ou de redes sentinela, permitan aumentar e mellorar a calidade da información sobre as enfermidades obxecto desta orde.

Artigo 2

Lémbrase a obriga de facilitar datos e colaborar cos sistemas públicos en materia de «investigacións epidemiolóxicas de abrochos ou situacións de especial risco para a saúde da poboación».

Sección 1ª. Sistema xeral de notificación de enfermidades

Artigo 3

1. Todos os médicos con exercicio profesional en atención primaria no ámbito territorial de Galicia están obrigados a declarar á Consellería de Sanidade todos os casos das enfermidades dos anexos I e II.

2. Todos os médicos con exercicio profesional en atención especializada no ámbito territorial de Galicia están obrigados a declarar á Consellería de Sanidade todos os casos das enfermidades dos anexos III e IV.

3. A declaración obrigatoria en atención primaria e en atención especializada refírese aos casos novos da enfermidade e baixo sospeita clínica, sen prexuízo do establecido nos anexos III e VII desta orde.

4. A declaración obrigatoria pode ser rutineira ou urxente.

a) A declaración rutineira farase durante a semana en que se atendeu por primeira vez o caso, entendendo que a semana comeza ás 00.00 horas do luns e remata ás 24.00 horas do domingo seguinte.

b) A declaración urxente farase inmediatamente despois de detectar o caso, a través do Sistema de alerta epidemiolóxica de Galicia (SAEG), segundo se indica no Decreto 174/2013, de 21 de novembro, polo que se modifica o Decreto 177/1998, do 11 de xuño.

5. A declaración rutineira terá o contido mínimo previsto no anexo VIII desta orde.

Artigo 4

1. A declaración urxente farase de inmediato, polo medio determinado no número 4.b) do artigo precedente.

2. Nos centros, servizos e establecementos sanitarios do Sistema público de saúde, a declaración rutineira farase a través dun aplicativo informático corporativo e de conformidade coas instrucións que para tal efecto facilite o órgano con competencias en materia de saúde pública.

3. No resto dos centros, servizos e establecementos sanitarios a declaración rutineira farase a través das xefaturas territoriais da forma acordada coa Consellería de Sanidade, respectando os principios de confidencialidade, rapidez e utilidade.

4. Do cumprimento da obriga establecida no artigo 6 do Decreto 177/1998, do 11 de xuño, serán responsables:

a) No nivel de atención primaria, os/as profesionais que atendan os casos susceptibles de declaración obrigatoria.

b) No nivel de atención especializada, o/a titular do servizo, sección ou departamento de Medicina Preventiva ou, no seu defecto, o director ou xerente do centro asistencial.

Sección 2ª. A información microbiolóxica

Artigo 5

1. Todas as institucións radicadas en Galicia que dispoñan dun laboratorio de microbioloxía que procese mostras humanas, están obrigados a declarar á Consellería de Sanidade todos os casos das enfermidades dos anexos V e VI.

2. A declaración obrigatoria de información microbiolóxica refírese a casos novos confirmados da enfermidade. A dirección xeral con competencia na materia de saúde pública proporcionará a definición de caso confirmado de cada unha delas.

3. A declaración obrigatoria de información microbiolóxica pode ser rutineira ou urxente.

a) A declaración rutineira de información microbiolóxica farase ao rematar o mes en que se realizou a confirmación do caso.

b) A declaración urxente de información microbiolóxica estará automatizada e enviarase á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade da provincia onde estea radicada a institución, nas 24 horas que seguen á confirmación.

4. A declaración terá o contido mínimo previsto no anexo IX desta orde.

Artigo 6

1. Nos centros, servizos e establecementos sanitarios do Sistema público de saúde, a declaración da información microbiolóxica farase a través dos aplicativos informáticos corporativos e de conformidade coas instrucións que para tal efecto facilite o órgano con competencias en materia de saúde pública.

2. No resto dos centros, servizos e establecementos sanitarios a declaración rutineira farase a través das xefaturas territoriais do xeito acordado coa Consellería de Sanidade, respectando os principios de confidencialidade, rapidez e utilidade.

3. Do cumprimento da obriga establecida no artigo 6 do Decreto 177/1998, do 11 de xuño, serán responsables: o/a titular do laboratorio ou, no seu defecto, o director ou xerente do centro de que dependa.

Sección 3ª. A notificación de situacións epidémicas e abrochos

Artigo 7

Para efectos do disposto nesta sección, considerase abrocho e situación epidémica:

a) O incremento significativamente elevado de casos en relación cos valores esperados.

b) A aparición dunha enfermidade, problema ou risco para a saúde nunha zona ata entón libre dela.

c) A presenza de calquera proceso relevante de intoxicación aguda colectiva, imputable a causa accidental, manipulación ou consumo.

d) A aparición de calquera incidencia de tipo catastrófico que afecte ou poida afectar a saúde dunha comunidade.

Artigo 8

1. A declaración de abrocho ou situación epidémica é obrigatoria e urxente, efectuándose ante a menor sospeita e por teléfono ao SAEG, segundo se indica no Decreto 174/2013, do 21 de novembro.

2. Esta obrigatoriedade afecta, en primeira instancia, a todos os médicos en exercicio e aos centros sanitarios e sociosanitarios, públicos ou privados, que sospeiten da existencia dun abrocho ou situación epidémica.

Artigo 9

Cando o abrocho ou situación epidémica detectado se deba a algunha das enfermidades de declaración obrigatoria, os casos do abrocho engadiranse tamén á declaración rutineira.

Artigo 10

1. Todo o persoal sanitario, no exercicio das súas competencias respectivas, estará obrigado a colaborar na investigación e control dos abrochos ou situacións epidémicas que afecten a poboación residente no ámbito territorial de Galicia.

2. No caso de que o abrocho epidémico se produza nalgunha institución escolar, laboral ou doutro tipo, así como en establecementos de hostalaría ou similares, os responsables destes centros subministrarán toda a información que lles solicite a autoridade sanitaria. Así mesmo, estarán obrigados a colaborar no control do abrocho ou situación epidémica.

Sección 4ª. Confidencialidade

Artigo 11

1. En todos os niveis do sistema básico da RGVSP adoptaranse as medidas necesarias para garantir a seguridade dos datos, segundo o previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e calquera outra normativa vixente.

2. Calquera empregado/a dun centro público ou privado que, por razón da súa actividade, teña acceso aos datos do sistema básico da RGVSP, virá obrigado a manter segredo profesional e preservar os dereitos dos doentes.

Sección 5ª. Réxime sancionador

Artigo 12

O incumprimento do previsto nesta orde constitúe infracción administrativa sanitaria, de acordo co disposto no artigo 35 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, que poderá ser obxecto da sanción correspondente, logo da instrución do oportuno expediente, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou disciplinarias que poidan concorrer.

Disposición transitoria única

Os médicos, hospitais, centros asistenciais e institucións con laboratorios de microbioloxía do sector privado radicados en Galicia a que se refire esta orde, teñen seis meses desde a entrada en vigor desta orde para adaptarse ao previsto por ela e para formalizar a declaración obrigatoria de enfermidades ou de información microbiolóxica (anexo X). Neste período toda declaración urxente, incluída a da información microbiolóxica, farana por teléfono ao SAEG.

Disposición derrogatoria

Esta orde derroga as ordes seguintes: a) Orde do 28 de novembro de 1983 pola que se inclúen varias enfermidades na relación das de declaración obrigatoria; b) Orde do 7 de novembro de 1989 pola que se reforma a normativa sobre notificación das enfermidades de declaración obrigatoria; c) Orde do 14 de xullo de 1998 pola que se desenvolve o sistema básico da Rede galega de vixilancia en saúde pública; d) Orde do 24 de marzo de 1999 pola que se inclúe o sarampelo na relación de enfermidades de declaración obrigatoria urxente, e e) Orde do 25 de xaneiro de 2007 pola que se inclúen a rubéola e a síndrome de rubéola conxénita na relación de enfermidades de declaración obrigatoria urxente.

Disposición derradeira primeira

Facúltase á persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública para adoptar as medidas precisas para a execución da presente disposición.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2014.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2013

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO I
Relación de enfermidades de declaración obrigatoria rutineira en atención primaria

Febre exantemática mediterránea

Herpes zóster

Infección gonocócica

Lepra

Parotidite epidémica

Sífilis

Tose ferina

Varicela

ANEXO II
Relación de enfermidades de declaración obrigatoria urxente en atención primaria

Botulismo

Brucelose

Cólera

Difteria

Hepatite A

Peste

Poliomielite

Rabia

Rubéola

Sarampelo

Triquinose

Varíola

ANEXO III
Relación de enfermidades de declaración obrigatoria rutineira en atención especializada

Febre exantemática mediterránea

Gripe-casos ingresados confirmados

Lepra

Paludismo

Paroditite epidémica

Sífilis conxénita

Tétano

Tétano neonatal

Tose ferina

Toxoplasmose conxénita

ANEXO IV
Relación de enfermidades de declaración obrigatoria urxente en atención especializada

Ántrax

Botulismo

Brucelose

Cólera

Difteria

Enfermidade invasora por haemophilus

Enfermidade meningocócica

Febre amarela

Febre de Nilo occidental

Febre paratifoidea

Febre tifoidea

Hepatite A

Enfermidade por E. coli enterohemorráxico

Lexionelose

Parálise fláccida aguda nos menores de 15 anos

Peste

Poliomielite

Rabia

Rubéola

Rubéola conxénita

Sarampelo

Shigellose

Triquinose

Varíola

ANEXO V
Relación de enfermidades de declaración obrigatoria rutineira polos laboratorios de microbioloxía

Campylobacteriose

Clamidiose

Criptosporidiose

Enfermidade pneumocócica invasora

Febre Q

Giardiase

Hepatite B

Lersiniose (non pestis)

Infección gonocócica

Leishmaniase

Leptospirose

Listeriose

Paludismo

Parotidite epidémica

Salmonelose

Sífilis conxénita

Tose ferina

Toxoplasmose conxénita

ANEXO VI
Relación de enfermidades de declaración obrigatoria urxente polos
laboratorios de microbioloxía

Ántrax

Brucelose

Cólera

Difteria

Enfermidade invasora por haemophilus

Enfermidade meningocócica

Enfermidade por E. coli enterohemorráxico

Febre amarela

Febres hemorráxicas víricas

Febre de Nilo occidental

Febre paratifoidea

Febre tifoidea

Hepatite A

Infección por Vibrio parahaemolyticus

Lexionelose

Peste

Rubéola

Rubéola conxénita

Sarampelo

Shigellose

Coronavirus-SARS

Triquinose

Tularemia

Varíola

ANEXO VII
Definición de caso de sospeita de sarampelo (ie, “sospeita” que hai que declarar)

Todo doente con temperatura corporal maior de 38 ºC, exantema máculo-papular e un dos seguintes: tose ou rinite ou conxuntivite.

ANEXO VIII
Información mínima na declaración obrigatoria rutineira ao Sistema xeral de notificación de enfermidades

Identificador do declarante.

Semana a que se refire a declaración.

Enfermidade declarada.

Información relativa ao caso: nome e apelidos, data de nacemento, sexo, domicilio, concello e teléfono de contacto.

ANEXO IX
Información mínima na declaración obrigatoria de información microbiolóxica

Identificador do laboratorio.

Data e orixe da mostra e técnica empregada.

Información relativa ao caso: nome e apelidos, data de nacemento, sexo, domicilio, concello e teléfono de contacto.

ANEXO X
Formalización da declaración obrigatoria de enfermidades ou de información microbiolóxica na sanidade privada

Debe conter:

– Nome do declarante (médico/institución/laboratorio):

Se é institución, nome da persoa de contacto:

– Enderezo postal de contacto.

– Correo electrónico de contacto.

– Concello(os) no(s) que presta asistencia.

Debe dirixirse á:

– Xefatura territorial (XT) da Consellería de Sanidade da provincia(s) en que presta asistencia.