Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 16 de decembro de 2013 Páx. 48195

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2013 pola que fai pública a redistribución dos importes existentes para a concesión das axudas previstas na Orde do 10 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2013.

A Orde do 10 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de personal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2013, establece no seu artigo 1 que os créditos estimados que financian as axudas contidos nela poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, o artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece que cando a contía total máxima das subvencións convocadas se distribúa entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da dita distribución non precisará de nova convocatoria pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Unha vez finalizado o procedemento de concesión de subvencións ás entidades sen ánimo de lucro ao non existir, de acordo co establecido no artigo 8.3 da orde de convocatoria, máis entidades desta categoría que acaden a puntuación mínima para adquirir a condición de beneficiarias da subvención, tramitouse a correspondente modificación orzamentaria para a redistribución do importe sobrante na aplicación 11.03.322B.481.0, código de proxecto 2012 00666, cara á aplicación 11.03.322B.460.0, código de proxecto 2012 00666, posto que nesta última aínda hai entidades locais susceptibles de obter a condición de entidade beneficiaria.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas

RESOLVO:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia da redistribución realizada entre os distintos créditos orzamentarios previstos para o financiamento das axudas reguladas na Orde do 10 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2013, quedando os seguintes créditos orzamentarios coas seguintes contías totais:

11.03.322B.481.0 Código de proxecto 2012 00666: 266.769,78 euros.

11.03.322B.460.0 Código de proxecto 2012 00666: 211.962,96 euros.

Segundo o previsto no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, esta redistribución de créditos orzamentarios non precisa de nova convocatoria.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2013

Ana María Díaz López
Directora xeral de Formación e Colocación