Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Martes, 10 de decembro de 2013 Páx. 47341

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2013, da Dirección Xeral de Recursos Económicos, pola que se dispón a publicación do acordo de encomenda de xestión entre a Dirección Xeral de Recursos Económicos e a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, para a encomenda de actuacións para a contratación da subministración sucesiva de test de estreptococo para os centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde.

A Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde e a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras subscribiron, o 31 de outubro de 2013, un acordo polo que se encomenda, á devandita xerencia, a xestión material do expediente de contratación mediante procedemento aberto, da subministración sucesiva de test de estreptococo para os centros sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia dependentes do Servizo Galego de Saúde.

Para xeral coñecemento, e en cumprimento do disposto no punto 3 do artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, disponse a súa publicación como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2013

Pablo Torres Arrojo
Director xeral de Recursos Económicos

ANEXO
Acordo entre a Dirección Xeral de Recursos Económicos e a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras do Servizo Galego de Saúde para a encomenda de xestión a esta última da xestión material do expediente de contratación de subministración de test de estreptococo

Dunha parte, Pablo Torres Arrojo, director xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

Doutra parte, Eloína Núñez Masid, xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras do Servizo Galego de Saúde.

Expoñen:

O artigo 3 da Orde do 5 de xullo de 2012, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, nos seus puntos 1 b) e 2 b) establece as competencias da Dirección Xeral de Recursos Económicos para actuar como órgano de contratación e de xestión do gasto nas contratacións centralizadas ou que afecten unha pluralidade de centros do Servizo Galego de Saúde.

O artigo 15.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, establece a posibilidade de que, por razóns de eficacia ou insuficiencia de medios técnicos idóneos, a realización de actividades de carácter material, técnico ou de servizos que sexan competencia dun órgano ou dunha entidade de dereito público poidan ser encomendadas a outro órgano ou entidade da mesma ou distinta administración.

No Servizo Galego de Saúde é habitual que determinadas actividades técnicas e administrativas de centralización de compras sexan realizadas desde as súas estruturas organizativas periféricas, del tal xeito que todos os recursos humanos e técnicos destinados á contratación administrativa participen e colaboren nestas actividades corporativas do organismo autónomo. A finalidade é non duplicar os esforzos da contratación e aproveitar os recursos existentes neste ámbito.

Ata o momento, a única licitación para a adquisición do test de estreptococo para os centros do Servizo Galego de Saúde (MI-XPO1-001) foi encomendada á Xerencia de Atención Primaria de Ourense, na actualidade Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Por todo o exposto, ambas partes deciden subscribir o presente instrumento de formalización de encomenda de xestión que se rexerá polas seguintes cláusulas:

Primeira. Obxecto da encomenda de xestión

A Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde e a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras acordan, no marco do disposto no artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que a citada xerencia leve a cabo, por razóns de eficacia, a xestión material do expediente para a contratación polo Servizo Galego de Saúde da subministración sucesiva do test de estreptococo con destino aos centros sanitarios dependentes do Servizo Galego de Saúde, mediante procedemento aberto.

Segunda. Natureza e alcance da xestión encomendada

A xestión material que se encomenda, con respecto ao citado no punto anterior, concretarase nas seguintes actividades, co alcance que en cada caso se sinale:

a) O inicio, impulso e tramitación do expediente de contratación en todas as súas fases, así como dos contratos que deriven del desde a súa formalización ata a súa finalización.

b) A solicitude das autorizacións e dos informes que estableza a normativa de contratos do sector público, orzamentaria ou administrativa.

c) A recepción das ofertas dos licitadores e de calquera documento que se reciba para o órgano de contratación ou de tramitación.

d) A convocatoria, preparación e realización das mesas de contratación.

e) A proposta e preparación material de todos aqueles actos e resolucións que deba ditar o director xeral de Recursos Económicos.

Terceira. Financiamento

A presente encomenda de xestión non dará lugar a contraprestacións financeiras entre as partes, as cales asumirán os custos das actuacións que deben realizar segundo o establecido na devandita encomenda.

Cuarta. Prazo de vixencia

O prazo de vixencia do presente acordo establécese desde a súa sinatura ata o peche definitivo do expediente de contratación.

Quinta. A encomenda de xestión non supón cesión da titularidade das competencias en materia de contratación e orzamentaria, nin dos elementos substantivos do seu exercicio, atribuídas á Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

Sexta. É responsabilidade da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde ditar os actos ou resolucións de carácter xurídico que dean soporte ou nos que se integre a concreta actividade material obxecto da presente encomenda de xestión.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2013; Pablo Torres Arrojo, director xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde; Eloína Núñez Masid, xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras