Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Luns, 9 de decembro de 2013 Páx. 47196

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 27 de novembro de 2013 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade de Vigo.

Mediante a Orde do 18 de setembro de 2012 (DOG do 27 de setembro) fíxose pública a composición dos consellos sociais das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o Consello Social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

O artigo 77 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que a representación dos intereses sociais no Consello Social corresponde a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, de acordo coa seguinte distribución: o presidente ou presidenta do Consello Social; seis membros designados polo Parlamento de Galicia; seis membros designados pola Xunta de Galicia; un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia; catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega na área de influencia da universidade; un membro designado polas corporacións dos municipios en que se sitúan os campus; un membro designado pola asociación de antigos alumnos de cada unha das universidades, un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

Con data do 8 de xullo de 2013, a Secretaría Xeral de Universidades comunícalles aos presidentes dos consellos sociais a nova composición que resulta da regulación contida no artigo 77.3 da citada Lei 6/2013 e solicítalles que comuniquen o acordo de designación dos seguintes membros: d) Un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. g) Un membro designado pola asociación de antigos alumnos de cada unha das universidades. h) Un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

Con datas do 8 e 12 de novembro de 2013 tivo entrada na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria escrito do presidente do Consello Social da Universidade de Vigo que comunica a designación dos seguintes membros: 1) Polos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia: José Barreiro Somoza, pola Unión Xeral de Traballadores (UGT). 2) Pola asociación de antigos alumnos da Universidade de Vigo: José María Franco García. 3) Polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades: Antonio Macho Senra.

Xúntase declaración de non estar incursos nas incompatibilidades sinaladas no artigo 78 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño.

O presidente do Consello Social da Universidade de Vigo comunica tamén a designación de José Manuel Pérez Canal e Juan Manuel Piñeiro Rivas como membros do Consello Social, en representación da Confederación Empresarial de Ourense, en substitución de Emilio López Fernández e Flora Castro González, que cesan no seu cargo por decisión da autoridade que os designou. De acordo co artigo 79 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, o mandato do membro substituto estenderase só polo tempo que reste para concluír o do substituído.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do Consello Social seranlle comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, que procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Nomear, en aplicación do artigo 77.3 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, os seguintes membros para formar parte do Consello Social da Universidade de Vigo:

José Barreiro Somoza, como representante da Unión Xeral de Traballadores (UGT).

José María Franco García, como representante da Asociación de Antigos Alumnos da Universidade de Vigo.

Antonio Macho Senra, como representante dos colexios profesionais vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

Artigo 2

Nomear a José Manuel Pérez Canal como representante da Confederación Empresarial de Ourense no Consello Social da Universidade de Vigo, en substitución de Emilio López Fernández.

Artigo 3

Nomear a Juan Manuel Piñeiro Rivas como representante da Confederación Empresarial de Ourense no Consello Social da Universidade de Vigo, en substitución de Flora Castro González.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria