Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Mércores, 4 de decembro de 2013 Páx. 46815

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 175/2013, do 21 de novembro, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada AC-118 (1,825 km) e da AC-119 (2,623 km) a prol do Concello das Pontes de García Rodríguez.

A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma e das entidades locais deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón, no artigo 54, que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas se lles entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da Administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os dous organismos.

O Concello das Pontes de García Rodríguez solicita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o cambio de titularidade da estrada AC-118, cunha lonxitude de 1,825 km, que discorre desde a intersección coa AC-861, diante do tanatorio, ata a intersección coa AC-105, na glorieta da Casilla, atravesando toda a zona urbana e abarcando completamente a avenida de Galicia e a avenida do Poboado das Veigas, así como a estrada AC-119, cunha lonxitude de 2,623 km, que discorre desde a intersección coa AC-118, na praza do Hospital, ata a intersección coa AC-101, no lugar do Brixeo, atravesando toda a zona urbana e abarcando completamente a avenida de Castelao, a avenida de Ortigueira e a avenida das Campeiras.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade da estrada AC-118 desde a intersección coa AC-861 ata a intersección coa AC-105, cunha lonxitude de 1,825 km, e da estrada AC-119 desde a intersección coa AC-118 ata a intersección coa AC-101, cunha lonxitude de 2,623 km, a prol do Concello das Pontes de García Rodríguez.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de novembro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello das Pontes de García Rodríguez das estradas:

– AC-118 desde a intersección coa AC-861 ata a intersección coa AC-105 (lonxitude 1,825 km).

– AC-119 desde a intersección coa AC-118 ata a intersección coa AC-101 (lonxitude 2,623 km).

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, o Concello das Pontes de García Rodríguez deberá incorporar ao seu plan de estradas as vías a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega dos viais formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponden ao Concello das Pontes de García Rodríguez, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de novembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas