Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 29 de novembro de 2013 Páx. 46291

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2013 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape para a contratación de xestores Igapex de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2014 en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 24 de outubro de 2013, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape para a contratación de xestores Igapex de internacionalización, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape á contratación de xestores Igapex de internacionalización, cofinanciadas ao 80 % co Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 1.62, e convocar para o exercicio 2014 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva.

Segundo

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2014. Na súa virtude a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2014 e rematará o 3 de febreiro de 2014. No caso de que en virtude das solicitudes presentadas e resoltas favorablemente se esgotase o crédito orzamentario, poderase pechar anticipadamente a convocatoria. O esgotamento do crédito e a non admisión de solicitudes posteriores publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape ww.igape.es.

Cuarto

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes:

Importes en euros

Partida orzamentaria: 08.A1.741A

Nº conta

4705

4814

4452

Total

2014

388.000 €

18.000 €

6.000 €

412.000 €

2015

582.000 €

27.000 €

9.000 €

618.000 €

TOTAL

970.000 €

45.000 €

15.000 €

1.030.000 €

O total do orzamento destas bases, 1.030.000 €, está cofinanciado con fondos FSE nunha porcentaxe do 80 %.

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito e modificar a partida orzamentaria, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape para a contratación de xestores
Igapex de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo
no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), co obxectivo de facilitar a internacionalización da economía galega mediante o incremento e consolidación das empresas galegas nos mercados internacionais, vén desenvolvendo un programa de formación de especialistas no comercio internacional a través dun programa de bolsas de prácticas no estranxeiro en organismos dedicados ao comercio exterior.

Posteriormente, e co fin de facilitar ao empresariado galego información sobre persoal con formación orientada á internacionalización empresarial, o Igape puxo en marcha a bolsa de xestores de internacionalización –publicada na súa web–, aberta a este tipo de especialistas (tanto aos formados polo Igape como aos que teñen unha formación similar ou experiencia previa en internacionalización empresarial).

Esta axuda ten por obxecto dar un paso máis para facilitar a incorporación ao sistema produtivo galego de especialistas deste tipo. A axuda instrumentarase a través de subvencións á contratación laboral, realizada por empresas, asociacións empresariais, consellos reguladores e clústers (con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro), todos eles con domicilio social en Galicia, para a realización de actividades relacionadas coa prospección de novos mercados.

Esta iniciativa ten boa aceptación por parte do empresariado galego, o que se aprecia na evolución de incremento de solicitudes progresivas en convocatorias anteriores de maneira que nas catro convocatorias destas bases se recibiron máis de 300 solicitudes. Isto supón un beneficio para as empresas galegas que poden incorporar profesionais formados en materia de internacionalización e tamén unha vantaxe para os profesionais que se incorporan ao mercado laboral.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, a de promover a creación de empresas nos distintos sectores de actividade económica que teñan maior impacto e vantaxes comparativas para o desenvolvemento da economía galega, promover actividades creadoras de emprego e as que empreguen máis racionalmente recursos internos, favorecer a modernización e innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas, proporcionar información sobre os mercados e favorecer acordos coas empresas estranxeiras; así como apoiar e promover calquera tipo de actividad que contribúa á mellora do sistema produtivo de Galicia, especialmente as de maior importancia estratéxica.

As convocatorias de axuda serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. As ditas convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Na súa consecuencia, serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, sen necesidade de establecer comparacións entre os proxectos nin unha orde de prelación entre eles, por razón de que tendo en conta a pequena contía das subvencións individuais previstas non semella que as solicitudes presentadas poidan esgotar os créditos reservados; e tendo en conta, ademais, a oportunidade de que a tramitación dos expedientes sexa rápida e con prazos de solicitude abertos, pola dificultade de planificar as accións subvencionadas e a urxencia de implementación destas, unha vez que xurda a necesidade.

Artigo 1. Obxecto

Estas bases teñen como obxectivo final facilitarlles ás empresas galegas a prospección e acceso a novos mercados poñendo ao seu alcance axudas para a contratación de profesionais especialistas en internacionalización empresarial, conseguindo, ao mesmo tempo, a formación de especialistas en comercio exterior e a súa incorporación ao mercado laboral.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

2.1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro do expediente completo e ata o esgotamento do crédito, do cal se fará publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, www.igape.es.

Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.2. As axudas recollidas nestas bases incardínanse no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28.12.2006); para as empresas do sector agrícola no Regulamento (CE) nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector agrario (DOUE L 337/2007, do 21 de decembro), e para as empresas do sector pesqueiro no Regulamento (CE) nº 875/2007 da Comisión, do 24 de xullo de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE L 193/2007, do 25 de xullo).

2.3. As subvencións previstas nestas bases estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 1.62, e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular os regulamentos (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo de 2006), Regulamento (CE) nº 1081/2006, do 5 de xullo de 2006 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo de 2006) e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007), e cumpren os requisitos de elixibilidade da Orde TIN/2965/2008 sobre gastos subvencionables polo FSE.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

3.1. As axudas outorgadas ao abeiro destas bases serán incompatibles con calquera outra axuda concedida para o mesmo concepto subvencionable.

3.2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberáselle comunicar ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto, así como, de ser o caso, das axudas recibidas en réxime de minimis nos últimos tres exercicios. O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

3.3. Estas axudas quedarán sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos nos regulamentos da UE citados no artigo 2.2, e non poderán superar os límites cuantitativos e por actividade establecidos polo dito réxime de minimis.

Artigo 4. Beneficiarios

4.1. Poderán ser beneficiarios deste programa de axudas:

a) As sociedades mercantís ou outras sociedades con obxecto empresarial (en diante, empresas), sexan ou non pemes, que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, incluídas as empresas con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, que teñan como proxecto iniciar ou consolidar a internacionalización da propia empresa solicitante e que dispoñan dun diagnóstico positivo do potencial de internacionalización da empresa realizado a través de programas do Igape (non serán válidos os diagnósticos realizados con enquisas ou ferramentas on line, nin outro tipo de diagnósticos non presenciais). No caso de non dispoñer deste diagnóstico deberá solicitalo ao Igape ao mesmo tempo que presente a solicitude de axuda.

b) Os organismos intermedios:

i) Asociacións empresariais, consellos reguladores e clústers empresariais (con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro) que representen un colectivo de empresas que estean domiciliadas en Galicia e que teñan un proxecto de internacionalización dirixido ás empresas definidas na letra a) do artigo 4.1.

Enténdense por clúster para os efectos destas bases as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan proxectos en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación clúster.

As agrupacións clúster identificadas polo Igape ata a data en Galicia son as que poden consultarse no enderezo da internet http://www.atcluster.org/es/ResultadoDiciembre2011.

ii) Centros de tecnoloxía e centros de apoio á innovación tecnolóxica (con personalidade xurídica propia), inscritos con anterioridade ao 31.12.2013 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009), que estean domiciliados en Galicia e que teñan como proxecto iniciar ou consolidar a súa internacionalización.

4.2. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser considerados empresas en crise. Para estes efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.1 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244/2, do 1 de outubro de 2004) e que para as pemes aparece no artigo 1.7 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 800/2008). Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Artigo 5. Conceptos subvencionables

5.1. Será subvencionable o salario bruto anual da contratación por conta allea dun xestor Igapex de internacionalización, a tempo completo ou parcial, durante un máximo de 12 meses de vixencia do contrato laboral.

O xestor deberá reunir os seguintes requisitos:

a) Debe ser elixido polo beneficiario de entre os integrantes na bolsa de traballo denominada Xestores Igapex e publicada polo Igape na súa páxina web www.igape.es. Esta bolsa de Xestores Igapex está aberta, indefinidamente, ás novas incorporacións de persoal que reúna os requisitos exixidos. O Igape non se fai responsable da veracidade da información subministrada polos integrantes desta bolsa, tendo o beneficiario a obriga de comprobala, segundo o artigo 16.c) destas bases.

O solicitante poderá non indicar coa solicitude a identidade do xestor, pero terá que comunicalo ao Igape no prazo máximo improrrogable sinalado no artigo 12.5 (un mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión). O xestor deberá estar dado de alta na bolsa de traballo obrigatoriamente na data de contratación.

b) O obxecto do contrato laboral é a realización –nun centro de traballo en Galicia ou no estranxeiro– de actividades relacionadas co comercio exterior. No caso de contratos para un centro de traballo no estranxeiro será admitido como subvencionable o contrato realizado por unha sucursal no estranxeiro da beneficiaria ou unha filial con polo menos o 25 % do capital subscrito pola beneficiaria, agás no suposto especificado no artigo 16.g) destas bases.

c) Debe ser dado de alta nun grupo 01 ou 02 de cotización á Seguridade Social no caso de contratos de traballo formalizados conforme a lexislación española. O Igape iniciará un procedemento de reintegro da axuda no caso de que o xestor non se destine a tarefas de internacionalización da empresa.

5.2. Serán subvencionables unicamente as percepcións salariais (que coticen á Seguridade Social): salario base, complementos salariais, gratificacións extraordinarias etc.). As percepcións non salariais (indemnizacións, suplidos (axudas de custo, gastos de viaxe, complementos de transporte etc.), prestacións da Seguridade Social, quitanza etc.) non se considerarán subvencionables.

5.3. Un mesmo xestor pode ser obxecto de varias contratacións subvencionadas contemporáneas, a tempo parcial, por distintos beneficiarios destas axudas.

5.4. O contrato laboral deberá formalizarse no prazo máximo improrrogable dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión.

5.5. O prazo de execución do proxecto subvencionable iniciarase o 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 31 de maio de 2015.

5.6. Só se concederá unha axuda do tipo da descrita nestas bases por solicitante e convocatoria. No caso de solicitantes aos cales se lles tivese pagado unha axuda de anteriores convocatorias destas bases de axudas, só se lles concederá unha nova axuda no caso de que xustifiquen que fixeron un contrato laboral fixo ao xestor/es cuxa contratación foi obxecto de axuda nunha convocatoria anterior –e que o dito xestor/xestores sigan contratados polo solicitante na data de acreditación de condicións da nova contratación para a cal se solicita axuda–, ou no caso de que o xestor que se vai contratar sexa para traballar nun país distinto ao indicado en solicitudes de anteriores convocatorias destas bases.

En todo caso, a contratación dun mesmo xestor só poderá ser subvencionada unha vez por cada solicitante.

Artigo 6. Exclusións

6.1. Exclúese das axudas establecidas neste programa a contratación dun xestor realizada por:

No caso do que o solicitante sexa empresa ou organismo intermedio a exclusión refírese ao parentesco (cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive) do xestor que se vai contratar cos cargos de dirección ou membros dos órganos de administración do solicitante.

No caso de que o solicitante sexa unha empresa, as exclusións refírense ás relacións citadas da persoa que se vai contratar tanto co solicitante como con outras empresas vinculadas.

6.2. Exclúense os contratos con persoas que tivesen algunha relación laboral co solicitante ou con outras empresas vinculadas nos cinco exercicios anteriores ao da convocatoria.

Enténdese por vinculación entre empresas: participacións de capital dunha empresa noutra, un accionista común maioritario ou o mesmo representante legal ou administradores comúns.

6.3. A non concorrencia destas exclusións demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario de solicitude.

Artigo 7. Contía e límites da axuda

7.1. A contía da axuda para os contratos laborais que se formalicen, a tempo completo ou parcial, cumprindo os requisitos destas bases, será do 75 % do salario bruto anual.

Incremento da porcentaxe de subvención:

a) Se o solicitante ten o seu domicilio social ou centro de actividade obxecto do proxecto nalgún dos municipios relacionados no anexo III destas bases: provincias de Lugo ou Ourense, comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e da Costa da Morte, engadiranse 5 puntos porcentuais máis.

b) Se o xestor que se vai contratar ten no ano de presentación da solicitude unha idade igual ou inferior aos 30 anos (e sempre que nese ano non cumpra os 31 anos) e leva –á data da solicitude– 12 meses ou máis en paro, engadiranse 5 puntos porcentuais máis. Se o solicitante indica esta condición na solicitude da axuda, debe respectala no caso de que o xestor contratado inicialmente sexa substituído por outro.

c) Se o solicitante é un clúster galego o unha empresa pertencente a algún clúster galego, engadiranse 5 puntos porcentuais máis.

7.2. O límite máximo de axuda é de 15.000 € se o centro de traballo de destino do xestor está en Galicia; e de 25.000 € se o centro de traballo está no estranxeiro.

Estes límites máximos son aplicables no caso de contratos a tempo completo. Para contratos a tempo parcial, estes importes máximos reduciranse na mesma proporción que a redución do tempo de traballo. Nos supostos do tipo do especificado no artigo 16.g) destas bases, no caso de que o beneficiario participe nunha porcentaxe inferior ao 100 % da sociedade contratante no estranxeiro, a subvención correspondente adaptarase á porcentaxe de participación do beneficiario na dita sociedade.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

8.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

8.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

8.3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

8.4. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e se regula o rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE nº 223, do 16 de setembro), no caso de empresas do sector pesqueiro, a empresa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade da información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto no devandito rexistro.

8.5. A presentación da solicitude polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude.

8.6. O solicitante poderá autorizar ao órgano xestor para acceder ao Sistema de verificación de datos de identidade, co fin de evitar a achega do seu DNI, ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

8.7. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 9. Solicitudes

9.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante, dos datos da persoa que se vai contratar, se se coñecen estes datos, das tarefas a que se dedicará o xestor, dos obxectivos xerais e orzamento do proxecto así como de declaracións relativas ao condicionado destas bases, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

9.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo de internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

9.3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de maneira obrigatoria na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

9.4. Xunto coa instancia de solicitude, presentarase a seguinte documentación:

9.4.1. Documentación relativa ás circunstancias do beneficiario:

a) Empresas:

– Escritura de constitución e modificacións inscrita/s no rexistro competente.

– Documento público acreditativo do poder con que actúa o seu representante.

– No caso de que o solicitante sexa unha empresa pertencente a algún clúster galego: certificado expedido polo correspondente clúster da pertenza do solicitante ao dito clúster.

b) Consellos reguladores:

– Documentación acreditativa da representación con que actúa.

c) Asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro:

– Acreditación da representación con que se actúa.

– Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes.

– No caso de centros de innovación e tecnoloxía, certificado acreditativo da súa inscrición no Rexistro de Centros de Innovación e Tecnoloxía con anterioridade ao 31.12.2013.

9.4.2. Documentación que acredite que o capital está participado polo beneficiario, nunha porcentaxe, polo menos do 25 %, no caso de que o destino do xestor sexa nunha filial no estranxeiro.

9.4.3. No caso de solicitantes aos cales se lles tivese concedido unha axuda en anteriores convocatorias destas bases e que soliciten unha nova axuda alegando que fixeron un contrato laboral fixo ao xestor anterior, copia do devandito contrato indefinido ou vida laboral actualizada co novo código de contrato de traballo.

9.4.4. No caso de que o solicitante sexa unha empresa deberá xuntar como documento ao formulario o diagnóstico positivo do potencial de internacionalización, cos requisitos do artigo 4 das bases reguladoras, ou a solicitude ao Igape de realización deste tipo de diagnóstico.

9.5. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa se estea en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

9.6. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da instancia de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos Servizos Centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando a instancia de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, xunto coa documentación establecida no artigo 9.4, en orixinal ou copia cotexada.

9.7. Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 9.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirirlle ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto coa instancia de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos da letra b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante indicase no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño), e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

9.8. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. Dentro do prazo de presentación de solicitudes poderán modificarse os termos da solicitude inicial, utilizando para isto a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas modificacións. Para os efectos de prioridade na resolución terase en conta a data de presentación da solicitude modificada.

Artigo 10. Órganos competentes

A Área de Internacionalización «Galicia@World» será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 11. Instrución do procedemento

11.1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos técnicos do Igape, en función dos datos relativos ao solicitante e dos datos da persoa que se vai contratar, se é o caso, declarados na solicitude de axuda e no formulario e a documentación presentada.

11.2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou informacións exixidas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8.5 destas bases resulta que o solicitante non se encontra ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

11.3. Instruído o procedemento formularase proposta de resolución provisional debidamente motivada, que se lles deberá notificar aos interesados concedéndoselles un prazo de dez días hábiles para presentar alegacións. Cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidos polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia, e terá proposta de resolución formulada o carácter de definitiva.

Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva.

11.4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 12. Resolución

12.1. Unha vez instruído o expediente, a proposta de resolución será elevada ao titular da dirección xeral do Igape. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. A resolución axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

12.2. Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para contratar o especialista, o prazo de execución establecido para o cumprimento de todas as condicións da axuda e farase constar ao beneficiario a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape, pola Consellería de Economía e Industria e pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo.

12.3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

12.4. Transcorridos 10 días hábiles a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

12.5. Así mesmo, disporá dun prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión para acreditar as condicións iniciais de contratación, mediante a presentación da documentación (en orixinal e copia ou copia cotexada) especificada na resolución de concesión, que con carácter xeral será a seguinte, salvo que xa conste presentada no expediente:

1. Contrato de traballo formalizado e asinado entre as partes, coa xustificación –en caso de contratacións en Galicia– do seu rexistro na correspondente oficina de emprego público. O dito contrato debe recoller as medidas de difusión da concesión da axuda establecidas no artigo 16.n).

2. Informe de vida laboral completa do xestor (é válido o informe obtido pola internet a través da oficina virtual da Seguridade Social).

3. Documentación relativa á titulación e ao cumprimento dalgunha das condicións mínimas exixidas ao xestor para formar parte da bolsa de traballo.

4. Declaración asinada polo traballador contratado de que a retribución bruta anual establecida no contrato é conforme como mínimo –para a modalidade do contrato correspondente– ao establecido no convenio colectivo ou táboa salarial vixente aplicable á data de contratación, e –no caso de contratos suxeitos á lexislación española– de que foi dado de alta na Seguridade Social nos termos establecidos no artigo 5.1.c) destas bases. Para o caso de contratos baixo a lexislación estranxeira, declaración de que o contrato se axusta a tal lexislación e á titulación do traballador.

5. No caso de ter indicado a opción de contratación de xestor de idade igual ou inferior aos 30 anos e con 12 meses ou máis en paro, certificado de períodos de inscrición como demandante de emprego.

12.6. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa se encontre en poder do Igape sempre que se manteña vixente e se identifique o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Nos demais casos, se no prazo sinalado non achega a documentación –ou se a achegada non cumpre co establecido nestas bases– requirirase o interesado para que achegue ou emende a documentación exixida nun prazo máximo e improrrogable de dez días, con indicación de que, se non o fixese, se considerará que renunciou á axuda concedida e procederase ao arquivamento do expediente.

12.7. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución do expediente será o 30 de xuño de 2014. O citado prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido o dito prazo sen se ter ditado e notificado resolución expresa, o solicitante poderá ter por desestimada a súa solicitude.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, o director xeral do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Notificacións

Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Modificación da resolución

15.1. Unha vez firme a resolución de concesión non se admitirán modificacións a ela.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Formalizar co xestor un contrato de traballo –cuxa duración non poderá ser inferior a doce meses e mantelo vixente polo menos durante 12 meses ininterrompidos–. Poderase formalizar o dito contrato laboral desde o 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria ata o prazo máximo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión.

No caso de rescisión de contrato, contratar outra persoa da bolsa de traballo para a finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, nos mesmos termos que a solicitude de contratación inicial, logo de comunicar este feito ao Igape, feito que non supón a modificación da resolución. Débese presentar a documentación acreditativa da contratación (artigo 12.5) específica do novo xestor coa maior brevidade, tendo en conta que o prazo de execución máxima da contratación é ata o 31 de maio de 2015. O incumprimento desta condición dará lugar a incumprimento total ou parcial de acordo co establecido no artigo 19.3.b).

b) Acreditar ante o Igape a contratación do xestor e o cumprimento das condicións impostas, presentando toda a documentación xustificativa nos termos establecidos na resolución de concesión.

c) Comprobar que o xestor contratado realmente cumpre os requisitos mínimos exixidos polo Igape e alegados polo xestor para formar parte da bolsa de traballo Xestores Igapex.

d) Dedicar o xestor a tarefas de internacionalización. Para estes efectos, o Igape solicitaralles en calquera momento ás partes información sobre o cumprimento da finalidade da axuda.

e) Dar de alta o xestor nun grupo de cotización 01 ou 02 no caso de contratos formalizados consonte a lexislación española e aboar a cota empresarial da Seguridade Social. A dita cota será pola súa conta e entenderase non incluída no importe da axuda.

f) A retribución bruta anual do xestor non poderá ser inferior ao establecido no convenio colectivo aplicable en Galicia para a modalidade do contrato laboral correspondente coa súa titulación e coa táboa salarial vixente na data de contratación, tanto se o centro de traballo radica en Galicia como no estranxeiro, consonte o artigo 5 destas bases.

g) No caso de que o destino sexa no estranxeiro nunha filial, o capital deberá estar participado en polo menos un 25 % polo beneficiario, salvo que por imperativo do país de implantación se exixan participacións inferiores e iso resulte suficientemente probado. No caso de que o beneficiario participe nunha porcentaxe inferior ao 100 % da sociedade contratante no estranxeiro, a subvención correspondente adaptarase á porcentaxe de participación do beneficiario na dita sociedade.

h) No caso de contratación a tempo parcial, fixar un horario laboral que sexa compatible ou facilite a súa contratación simultánea por outras empresas.

i) En xeral, cumprir coa normativa laboral vixente en materia de contratos. Os contratos formalizados en fraude de lei suporán a devolución das cantidades aboadas.

j) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, especialmente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

k) Comunicarlle ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo concepto subvencionable, é dicir, retribución bruta durante o prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, supere as porcentaxes establecidas no artigo 7 destas bases.

l) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, durante polo menos un período de tres anos a partir do peche do programa operativo FSE Galicia 2007- 2013, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

m) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos FSE.

n) Adoptar as medidas de difusión da concesión da axuda que sexan establecidas na resolución de concesión, que consistirán na mención expresa no seu contrato do financiamento polo Igape, pola Consellería de Economía e Industria e polo Fondo Social Europeo do programa operativo FSE de Galicia 2007-2013.

ñ) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

o) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se solicita a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza de non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

p) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Xustificación da subvención

17.1. Prazo para presentar a solicitude de cobramento de cada anualidade:

A primeira solicitude de cobramento deberase presentar con data límite o 30 de outubro de 2014 e a segunda solicitude de cobramento no prazo dun mes desde a fin do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, e nunca posteriormente ao 30 de xuño de 2015. En caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo finalizará o día hábil seguinte.

As datas dos xustificantes de gasto, medios de pagamento e demais documentos xustificativos da realización do proxecto da primeira anualidade deberán estar comprendidas entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de outubro de 2014 e os da segunda anualidade entre o 1 de novembro de 2014 e o 30 de xuño de 2015. Os importes correspondentes ás retencións e ingresos a conta do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) –do traballador obxecto da contratación subvencionable– poderanse xustificar fóra deste prazo, dentro do período legal de liquidación.

17.2. Para presentar as solicitudes de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es.

No formulario incorpórase unha enquisa de indicadores de realización e resultados, que deberá ser debidamente cuberta.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente.

17.3. As solicitudes de cobramento presentaranse mediante a instancia normalizada que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. A solicitude de cobramento que careza do IDEL ou na cal este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderá dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non ser corrixida, logo de requirimento formulado para tal fin.

17.4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da instancia de solicitude de cobramento normalizada co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 9.7 das bases reguladoras.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude de cobramento, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos Servizos Centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando a instancia de solicitude de cobramento normalizada (anexo II) co IDEL, xunto coa documentación establecida no artigo 17.6, en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 17.6, e a persoa que asina a solicitude responsabilizarase e garantirá a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

17.5. No caso de que as solicitudes de cobramento non se presentasen en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.6. Xunto coas solicitudes de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) Nóminas correspondentes ao prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para a que se solicita o cobramento.

b) Xustificación do pagamento do proxecto, por algún dos seguintes medios:

i) Xustificante de transferencia bancaria ou dos documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

ii) Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento foi efectivamente realizado dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

c) Xustificantes dos importes correspondentes ás retencións e ingresos á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) –do traballador obxecto da contratación subvencionable– correspondentes ao período para o cal se solicita o cobramento. Non é necesario achegar no prazo de xustificación os xustificantes correspondentes ao último trimestre da contratación pero si debe conservalos o solicitante para efectos de posibles inspeccións futuras.

d) Informe da vida laboral completa do xestor dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

e) Informe de execución e resultados do proxecto subvencionado, con inclusión das actividades realizadas polo xestor.

f) No caso de contratación para traballar no estranxeiro deberá probarse esta circunstancia achegando facturas de alugamento do centro de negocios, da oficina no estranxeiro ou da vivenda do xestor no estranxeiro de todo o período de contratación do xestor. Se esta circunstancia non se pode acreditar, para liquidar a axuda aplicaranse os límites dun xestor destinado nun centro de traballo en Galicia.

g) Calquera outra documentación que o Igape coide necesaria para a correcta análise da solicitude de cobramento.

17.7. Deberanse cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos cales se reflictan os custos subvencionados, para acreditar a obriga establecida no artigo 16.m): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

17.8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda.

17.9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, de ser o caso, poderá supor a modificación ou deixar sen efecto a concesión e o reintegro, no seu caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 18. Aboamento das axudas

18.1. Con carácter xeral, o aboamento da axuda realizarase, para cada anualidade, unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento da contratación e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

O importe dos pagamentos á conta non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. Os beneficiarios están exentos de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regulamenta a Lei de subvencións de Galicia.

18.2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

18.3. O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título IV do seu regulamento.

Artigo 19. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

19.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

19.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

19.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable, e deberán, se e o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

b) Se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora. Tamén se considerará total o incumprimento da xustificación de polo menos 6 meses de contratación subvencionable.

c) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida. Para tal efecto, o Igape poderá desenvolver mediante unha instrución do director xeral os criterios de gradación para determinar o alcance da obriga de reintegro.

Artigo 20. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

Artigo 22. Comprobación de subvencións

22.1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de 3 anos posteriores ao peche do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello.

22.2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e os artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 23. Publicidade

23.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

23.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es, e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións; non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

23.3. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e se regula o Rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE nº 223, do 16 de setembro), no caso de que o beneficiario sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado rexistro, expresando a información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro de 2006), no Regulamento (CE) nº 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE do 25 de xullo), e no Regulamento (CE) nº 1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE 21 de decembro), no Regulamento (CE) nº 1083/2006, Regulamento xeral de fondos (modificado polo Regulamento (CE) nº 846/2009), no Regulamento (CE ) nº 1081/2006, do 5 de xullo de 2006 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo de 2006), e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

ANEXO III
Localizacións preferentes

Axudas do Igape para a contratación de xestores Igapex de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013

• Municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal: municipios da Capela, As Pontes, Ares, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, Somozas, Valdoviño.

• Municipios da Costa da Morte: A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo, Zas.

• Municipios da provincia de Lugo.

• Municipios da provincia de Ourense.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file