Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 19 de novembro de 2013 Páx. 44700

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2013 pola que se convoca un curso sobre intervención e defensa persoal policial.

Dentro das actividades programadas para o ano 2013, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso sobre intervención e defensa persoal policial, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: intervención e defensa persoal policial.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20 (computables para a obtención de graos e niveis de defensa persoal policial).

Modalidade: presencial.

Obxectivos: ampliación de coñecementos sobre as últimas técnicas de intervención e actuación ante as distintas situacións problemáticas que se poidan producir no traballo e na función policial.

Contido: novas técnicas de intervención policial, detención e autodefensa. Utilización do bastón extensible. Novos medios técnicos. Novos protocolos de actuación.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: persoal da unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso de quedaren prazas vacantes, cubriríanse con persoal dos corpos das policías locais de Galicia e dos restantes corpos de seguridade que teñan destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazas ofertadas: 80 prazas.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É conveniente consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes.

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 29 de novembro de 2013.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax 886 20 61 22 ou enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección:

a) Menor número de actividades formativas realizadas polo/a alumno/a solicitante nos últimos cinco anos, segundo consten nas bases de datos da Academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de actividades terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da Academia.

c) Antigüidade.

Listaxe de solicitudes seleccionadas: o día 10 de decembro de 2013 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará, no sitio web http://agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

Obrigas das persoas seleccionadas:

– As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

– Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario:

– Día 13: xornada de tarde (das 16.00 ás 21.00 horas).

– Día 14: xornada de mañá (das 9.00 ás 14.00 horas) e tarde (das 16.00 ás 21.00 horas).

– Día 15: xornada de mañá (das 9.00 ás 14.00 horas).

Datas: 13, 14 e 15 de decembro de 2013.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

Materiais: o persoal admitido deberá presentarse a este curso provisto de atavío deportivo e, no caso de ser posible, co material profesional do que dispoñan (grillóns, bastón policial, tonfa...).

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 11 de novembro de 2013

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública