Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 15 de novembro de 2013 Páx. 44433

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 12 de novembro de 2013 pola que fai pública a ampliación dos importes existentes para a concesión das axudas previstas na Orde do 10 de abril de 2013, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2013.

A Orde do 10 de abril de 2013, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2013, establece no seu artigo 1 que o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria se fará con cargo aos créditos dos programas: 11.03.322B.460.0 e 11.03.322B.481.0, código de proxecto 2013 00490, polos importes de 1.900.000 e 1.100.000 correspondentes a fondos finalistas transferidos, e do programa 11.03.322B.481.3, código de proxecto 2013 00497, polo importe de 939.000 correspondente a fondos procedentes do Fondo Social Europeo, a través do Programa operativo de Galicia 2007-2013 CCI2007ES051PO004, cun cofinanciamento do 80 por cento correspondente ao Fondo Social Europeo e do 20 por cento correspondente á Xunta de Galicia. Todos eles figuran na Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Esta orde establece que os importes fixados nas aplicacións previstas nela poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

En virtude do anterior, con data do 10 de outubro de 2013 publicouse a Orde do 4 de outubro de 2013 pola que fai pública a ampliación dos importes existentes na Orde do 10 de abril de 2013, con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.322B.460.0 destinada ao financiamento das subvencións para as entidades locais.

Dado que actualmente existen créditos derivados de incorporacións de crédito que poden ser utilizados para o financiamento das subvencións para as entidades sen ánimo de lucro con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.322B.481.0, procede publicar esta segunda ampliación de crédito, de acordo co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Amplíase o importe total dos créditos para o financiamento das axudas previstas na Orde do 10 de abril de 2013, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2013, nas seguintes aplicacións orzamentarias e contías:

11.03.322B.481.0 Código de proxecto 2012 00666: 303.232,74 euros.

Artigo 2

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar