Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 13 de novembro de 2013 Páx. 44206

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 29 de outubro de 2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada para a ampliación dunha explotación porcina de ceba no concello do Carballedo (clave do expediente 2013-IPPC-I-57).

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE nº 157, do 2 de xullo), e o Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos (BOE nº 126, do 1 de xullo), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:

– Ampliación de explotación porcina de ceba ata 720 nais en ciclo pechado, Cooperativa Veiga de Antela, S.C.G., San Cibrao (Santa María de Beascós), Carballedo (Lugo).

Co fin de que calquera interesado poida consultala e, se é o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que estime convenientes. O citado documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (r/ San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

– Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (r/ Rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

– Concello de Carballedo (praza Vázquez Portomeñe, s/n, A Barela, 27520 Carballedo, Lugo).

Ademais poderán consultalos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2013

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2013-IPPC-I-57.

Peticionario: Cooperativa Veiga de Antela, S.C.G.

Domicilio social: Centro de Procesado Avícola, lugar Santa Cruz Arrabaldo, C.P.A., s/n, 32990 Ourense.

Localización das instalacións: lg. San Cibrao, s/n, San Cibrao (Santa Mariña de Beascós), termo municipal de Carballedo (Lugo). Un punto de localización das instalacións é o definido polas coordenadas UTM, X: 601.250, Y: 4.709.100.

Actividade: explotación porcina destinada a albergar 720 porcas nai en ciclo pechado.

Descrición do proceso: a explotación referida consiste actualmente en dúas naves para a ceba de gando porcino, e será ampliada para cambiar o seu proceso produtivo a ciclo pechado realizando todo o proceso produtivo na mesma explotación, para iso construirase unha nave na cal se aloxarán as porcas nai (xestación e parto-lactación), outra para a preceba de leitóns e dúas máis que se empregarán, xunto coas xa existentes, para a ceba de porcos, ademais disporá dunha nave de corentena ou lazareto con capacidade para 32 prazas nas que se albergarán os animais que se incorporarán á explotación. Coa transformación, a explotación terá capacidade para 720 porcas en ciclo pechado, polo que serán necesarias 4.000 prazas de preceba e 6.000 de ceba. Tamén será necesaria a construción de elementos auxiliares e necesarios para o correcto funcionamento da explotación, tanto desde o punto de vista sanitario como produtivo. Estes elementos inclúen aseos e vestiarios, silos para o almacenamento de alimento, separador de fases de xurro e os depósitos para o seu almacenamento, vao sanitario, peche perimétrico, depósitos de auga, sala de caldeiras de calefacción e pistas para vehículos.

O proceso será o seguinte: as porcas reprodutoras provirán da recría realizada noutras explotacións. Os animais fecúndanse mediante inseminación artificial na zona de xestación control, estes estarán xestando durante 115 días aproximadamente. Unha semana antes do parto trasladaranse á zona de parto-lactación onde permanecerán unha media de 21 días (+7 días de baleiro sanitario de cada módulo), ata que os leitóns alcancen un peso medio de 6 kg. Neste momento os leitóns serán trasladados ás naves de preceba, onde permanecerán durante 40 días (+7 días de baleiro sanitario) ata acadar un peso medio de 20 kg; desde aquí serán levados ás naves de ceba ata que alcancen o peso para ser levados a matadoiro.

Cada porca terá unha produción media de 33 leitóns/ano e 2,37 ciclos/ano.

O xurro xerado na explotación será almacenado en primeira instancia nas fosas existentes sobre a soleira das naves, a onde cae a través dos emparrados dos aloxamentos. Desde estas fosas será conducido a dúas fosas exteriores existentes na explotación con capacidade para 158,2 y 75,5 m3 respectivamente e posteriormente ás dúas novas fosas que se construirán de 500 m3 cada unha. Á saída dos depósitos intermedios de 500 m3 instalaranse unhas bombas trituradoras somerxidas, que bombearán o xurro ao separador de sólidos e líquidos, neste obterase una fracción sólida que pasará ao compactador de sólidos e que caerá por gravidade a unha esterqueira e os líquidos serán almacenados en catro balsas de 1.472 m3 de volume de acumulación cada unha. O conxunto de balsas e esterqueira sumará unha superficie de 3.903 m2. Para evitar a posible contaminación xerada pola rotura das balsas haberá un cubeto de capacidade suficiente para acumular todo o contido dun dos depósitos. Cada depósito terá un volume de 1.472 m3 e o volume do cubeto será de 1.500 m3. O conxunto formado polas balsas e o cubeto estará cuberto para evitar a entrada de auga de chuvia.

A fracción sólida servirá como fertilizante orgánico en predios da comarca e a fracción líquida someterase a un proceso de aireación no depósito para a eliminación de compostos volátiles causantes do mal olor para proceder ao rego por goteo dos pastos da propia parcela da explotación.

Nesta explotación xeraranse catro tipos de efluentes. Por un lado, procedentes do proceso produtivo, xeraranse verteduras de xurros e das augas de limpeza das naves. Ambos efluentes almacenaranse en primeira instancia nas fosas existentes baixo as naves, para ser evacuados posteriormente ao exterior ata as fosas de almacenamento. Por outro lado teremos as verteduras procedentes do uso dos vestiarios e aseos, que se conducen á fosa interior de parto, lactación e xestación, e as augas pluviais que incidirán sobre a superficie das cubertas da explotación, verténdose directamente ao terreo.