Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 7 de novembro de 2013 Páx. 43505

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 23 de outubro de 2013 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Dentistas da XI Rexión (Pontevedra-Ourense).

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse por medio do Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia; correspóndenlle á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de lle comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Dentistas da XI Rexión (Pontevedra-Ourense) acordou en asemblea xeral do 15 de xullo de 2013 a aprobación dos seus estatutos, que foron presentados ante esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da calificación de legalidade, en cumprimento do establecido no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Dentistas da XI Rexión (Pontevedra-Ourense), que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio de Dentistas da XI Rexión

Título primeiro
Sobre o Colexio e as súas relacións coas administracións

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Definición

O Colexio Oficial de Dentistas da XI Rexión (Pontevedra-Ourense), desde este momento o Colexio, está integrado polos odontólogos e estomatólogos –dentistas– conforme definición do artigo 6.2.c) da Lei 44/2003, do 21 de novembro, incorporados a el para o exercicio da profesión da odontoestomatoloxía nas provincias de Pontevedra e Ourense. É unha corporación de dereito público con personalidade xurídica, nos termos do artigo 36 da Constitución española, que goza de plena capacidade para o cumprimento dos fins que lle son atribuídos e proclamados na nosa Constitución e a normativa que lle é propia á profesión.

Artigo 2. Réxime xurídico

O funcionamento e o réxime xurídico do Colexio, no ámbito da súa competencia, axustarase aos presentes estatutos, ás leis de colexios profesionais –tanto estatais como autonómicas– e subsidiariamente aos do Consello Xeral dos Colexios de Dentistas de España, á Lei de sociedades profesionais, así como ás normas de réxime interior, a todas as disposicións referidas á profesión que diten as autoridades estatais ou autonómicas de Galicia e a cantos regulamentos que para o seu desenvolvemento diten os distintos órganos corporativos da profesión. Igualmente será aplicable a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3. Colexiación

O Colexio, dentro do ámbito da súa competencia, será a única organización que encadre obrigatoriamente a todos os profesionais e sociedades profesionais da clase referida no artigo primeiro cuxa actividade principal estea nas provincias de Pontevedra e Ourense, nos termos que se establezan legalmente.

Artigo 4. Principios

Rexerán a actuación de todos os órganos do Colexio os principios de independencia, representatividade, actuación democrática e seguridade xurídica; o Colexio é independente das administracións públicas e académicas, coas cales manterá a relación conveniente en cada momento.

Capítulo II
Relacións con outras administracións

Artigo 5. Relación coa Administración pública

O Colexio, a través dos seus órganos, relacionarase coa Administración da Comunidade Autónoma galega, a universidade e a Administración pública do Estado español para todas as cuestións que afecten a profesión, prestando, así mesmo, a colaboración e asesoramento que lle fosen solicitados por calquera Administración ou corporación de dereito público, e procurará ser oído en cantas cuestións se refiran a esta profesión.

Artigo 6. Relación con organismos colexiais

Así mesmo, estará representado no Consello de Dentistas de Galicia e relacionarase coas demais organizacións profesionais colexiais. Ante todas elas terá a única representación dos dentistas, aos cales segundo o artigo 1 destes estatutos, representa.

Artigo 7. Consello Xeral

O Colexio estará integrado igualmente no Consello Xeral dos Colexios de Dentistas de España, no cal participará plenamente.

Título segundo
Denominación, domicilio, territorialidade e fins

Capítulo I
Denominación, domicilio e ámbito territorial

Artigo 8. Denominación e territorio

O colexio denomínase Colexio Oficial de Dentistas da XI Rexión (Pontevedra-Ourense), con competencia no ámbito das provincias de Pontevedra e Ourense.

Artigo 9. Tratamento

O Colexio terá o tratamento de ilustre e o seu presidente o de ilustrísimo.

Artigo 10. Domicilio

O Colexio establece a súa sede na cidade de Pontevedra, na rúa Augusto García Sánchez, número 10, baixo. Poderá ser modificado por acordo da Xunta de Goberno aprobado pola Asemblea Xeral, nos termos do artigo 42 destes estatutos.

Artigo 11. Escudo

Toda a documentación colexial utilizará o escudo oficial do Colexio.

O escudo estará constituído pola cruz de Malta, en cor marrón, con bordo branco, sobre un áspide marrón, entrelazado a un instrumento de plástico de cor branca, todo iso sobre unha coroa de loureiro de cor verde, cunha cinta marrón. A cruz de Malta leva no centro un escudo branco que o atravesa da esquina superior esquerda á inferior dereita por unha franxa azul celeste. A aspa esquerda da cruz soporta unha inscrición que di «Ilust. Colexio Oficial», na superior consta a frase «Dentistas», na da dereita «XI Rexión» e na inferior «Pontevedra-Ourense».

O escudo descrito unicamente poderá ser usado –total ou parcialmente– polos colexiados na súa documentación profesional coa autorización previa da Xunta de Goberno do Colexio; de igual maneira requirirase aprobación previa para calquera modificación que un colexiado pretenda introducirlle. Igualmente será necesaria a mesma autorización previa para a súa utilización en publicidade, que en ningún caso se poderá utilizar sen que por escrito se recibise tal permiso.

Capítulo II
Competencias do Colexio

Artigo 12. Fins

Son fins específicos do Colexio:

1. Xuntar as actividades dos profesionais en servizo dos altos intereses da Comunidade Autónoma e do Estado, exercendo cantas funcións sexan necesarias en beneficio dos intereses de consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados.

2. Ter a representación legal exclusiva dos dentistas dentro da súa demarcación e nos órganos de que forme parte, tanto administrativos como xurisdicionais, nos termos que se establezan na normativa que lle sexa aplicable. Así mesmo, por petición do interesado, poderá ter a representación individual de calquera dos seus colexiados en todos os ámbitos, tanto administrativos como xudiciais, que lle fosen solicitados.

3. Manter a disciplina profesional e ética dos colexiados, a cooperación entre eles, facendo observar os principios deontolóxicos e ético-sociais da profesión, a súa dignidade e prestixio. Poderá elaborar os códigos e regulamentos necesarios para tal fin.

4. Amparar e defender os dereitos e o prestixio profesional e social dos colexiados en xeral, ou de calquera dos seus grupos ou individuos en particular, cando fose necesario. En calquera caso, procurar a harmonía entre os colexiados.

5. Promover actuacións de todo tipo, orientadas a perfeccionar o exercicio da profesión da odontoestomatoloxía e a actuación dos seus colexiados e, así mesmo, elevar o seu nivel moral, cultural, social, científico e material, promovendo os cursos, reunións e ciclos formativos adecuados.

6. Crear, soster e fomentar obras de previsión, crédito, consumo, aseguramento e calquera outra, nos seus diversos aspectos, xa sexa con carácter obrigatorio ou voluntario. Promover, colaborar ou participar en mecanismos ou institucións de protección social dos colexiados, xubilados, enfermos, inválidos, viúvas e orfos colexiais ou doutras profesións afíns.

7. Manter unha relación constante e activa coa universidade, para recibir e proporcionar orientacións actuais e útiles, e para o coñecemento das características desexables para os novos profesionais.

8. Proporlles ás autoridades competentes as medidas necesarias para obter o maior perfeccionamento do sistema asistencial, tanto privado como público, promovendo e fomentando toda iniciativa que teña por obxecto a súa mellor eficacia, velando para que as leis e disposicións de todo rango permitan o libre exercicio profesional dos seus colexiados, recoñecendo a exclusividade da súa actuación.

9. Estudar e informar, cando sexa requirido, todas as cuestións que afecten a tributación e o exercicio profesional dos seus colexiados, representándoos corporativamente ante os organismos administrativos e fiscais de toda clase; organizar, se proceder, de acordo coa lexislación vixente, todo tipo de cursos, encontros, conferencias, congresos, elevando as propostas ou suxestións que sexan máis adecuadas ao exercicio dos seus colexiados.

10. Denunciar e perseguir a intrusión profesional e a competencia desleal entre colexiados, acudindo ante as autoridades gobernativas, xudiciais e sanitarias.

11. Prestarlles o auxilio pertinente ás autoridades, emitindo os informes técnicos e profesionais que se lle soliciten.

12. Organizar os servizos estatísticos necesarios para os fins da organización colexial.

13. Colaborar cos organismos competentes para establecer as condicións de exercicio profesional nas distintas modalidades ou especialidades odontoestomatolóxicas, regulando e impondo as condicións de prestación de servizos que sexan de obrigado acatamento, garantindo o respecto e a observancia das normas reguladoras de traballo en todos os seus aspectos.

14. Intervir, informando os organismos pertinentes, en todas as disposicións oficiais que afecten, na nosa Comunidade, a profesión que encadra.

15. Cantas funcións se dirixan á protección dos intereses dos consumidores e usuarios, observándose a normativa aplicable sobre publicidade e competencia desleal.

16. Ofrecer a arbitraxe, con laudo vinculante, se colexiado e paciente ou contratante o aceptan por escrito, en cantas discusións deriven do exercicio profesional ou dos contratos subscritos polos e cos colexiados.

17. Ofrecerlles aos colexiados servizos de calquera tipo que fosen aprobados pola Xunta de Goberno relacionados coa súa actividade profesional, determinando o alcance concreto de tal prestación.

18. Establecer, informar e aprobar os convenios, contratos e servizos que sexan convenientes co exercicio da profesión.

19. Establecer o réxime económico do Colexio e todos os órganos que, para o desenvolvemento das súas competencias, se creen.

20. Emitir informes sobre honorarios profesionais solicitados en procedementos xudiciais ou administrativos que lle sexan solicitados nos termos da disposición adicional cuarta da Lei 25/2009 ou interesados, de común acordo polos interesados neles.

21. Establecer o servizo xurídico para cobramento xudicial ou extraxudicial de honorarios devindicados polos colexiados, se tal servizo for solicitado libre e expresamente polo colexiado.

22. Confeccionar e custodiar o Rexistro de Colexiados e os seus títulos.

23. Exercer a xurisdición disciplinaria, conforme as disposicións establecidas neste estatuto, o Código da deontoloxía profesional e demais disposicións vixentes nesta materia, en garantía da sociedade e demais colexiados.

24. Editar as publicacións necesarias para información xeral e científica de todos os colexiados, así como circulares e cursos que sexan precisos.

25. Organizar os servizos de asesoramento xurídico e de calquera tipo en xeral que se consideren convenientes.

26. Fomentar actos de tipo cultural e científico.

27. Intervir e ditar laudos que se consideren procedentes dos conflitos derivados da actividade profesional entre colexiados, entre eles e os seus pacientes, ou as administracións, cando sexa solicitada e aceptada a súa intervención.

28. Especialmente colaborar cos órganos da Administración sanitaria tanto estatal, autonómica como provincial.

29. Impulsar as campañas institucionais precisas para resaltar o ámbito competencial da profesión de dentista e promover a saúde bucal dos cidadáns.

30. Regular o exercicio da profesión de dentista en forma individual e colectiva na súa demarcación, así como o exercicio en colaboración con outros profesionais, sempre nos termos que sinala a Lei 10/1986, do 17 de marzo, e a Lei 2/2007, do 15 de marzo.

31. Ordenar a actividade profesional dos colexiados velando pola formación, a ética e a dignidade profesionais e polo respecto debido aos dereitos dos particulares, vixiando a publicidade profesional nos termos da normativa en vigor.

32. Discutir e aprobar coas entidades que establezan un seguro de enfermidade un convenio marco que regule a intervención dos dentistas con suxeición ao disposto na lexislación aplicable para os colexios profesionais.

33. A atención ao consumidor e aos colexiados, atendendo as peticións de información sobre os seus colexiados e as sancións firmes impostas dentro dos límites da Lei de protección de datos, e mesmo das peticións de investigación e inspección que formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos da Lei 17/2009, do 23 de novembro, respecto do libre acceso ás actividades de servizos e ao seu exercicio, particularmente no que se refire a que as peticións de información e realización de controis, inspeccións e investigacións estean debidamente motivadas e que a información obtida sexa empregada unicamente para os fins para os cales foi pedida.

Título terceiro
Organización colexial

Capítulo I
Órganos colexiais

Artigo 13. Órganos do Colexio

O Colexio constitúese nos seguintes órganos:

a) A Asemblea Xeral de colexiados.

b) A Xunta de Goberno, que estará formada polo presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro e un número de vogais non inferior a catro, nin superior a dez, e o delegado de Ourense.

c) O presidente do Colexio.

Tendo en conta que a competencia territorial do Colexio da XI Rexión ten o seu ámbito competencial nas provincias de Pontevedra e Ourense, créase unha delegación provincial para a provincia de Ourense que, dependente do Colexio da rexión, coordinará e executará naquela provincia a actuación do Colexio; estará composta por un delegado, un secretario/contador e dous vogais elixidos na forma establecida no capítulo III destes estatutos.

Artigo 14. Comisións

1. A Xunta de Goberno poderá proporlle á Asemblea Xeral a creación de cantas comisións de traballo considere convenientes para o bo funcionamento, o bo goberno e o desenvolvemento dos fins, competencias e obrigas do Colexio, e adscribirá a elas aqueles colexiados que se consideren necesarios, designados pola Xunta de Goberno.

2. Estarán constituídas por un presidente e o número de vogais que a Xunta de Goberno considere necesario, que se designarán e adscribirán a cada unha das seguintes actividades que se sinalan a título de exemplo: Comisión Deontolóxica, Información sobre Honorarios, Formación Continuada, Seguros Sanitarios, Dentistas Novos e Medios de Comunicación, e aqueloutras que a Xunta de Goberno considere necesarias. O presidente de cada comisión representaraa na Xunta de Goberno deste colexio nas comisións de igual función creadas no Consello Xeral e o Consello Autonómico, se as houbese.

3. A Xunta de Goberno poderá contratar un secretario xeral, coa denominación que se considere pertinente, que dependerá directamente do secretario e do presidente do Colexio e coa competencia que lle sinale a Xunta de Goberno; e a asesoría xurídica, que se ocupará do asesoramento en dereito e a intervención nos procedementos xurídicos que lle sexan encomendados, dependendo igualmente e directamente do presidente e do secretario.

Capítulo II
Composición dos órganos

Artigo 15. Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral é o órgano máximo de decisión na corporación, estará constituída por todos os colexiados exercentes, que terán voz e voto, e reunirase, polo menos, unha vez ao ano.

Artigo 16. Xunta de Goberno

Funcionará na seguinte forma:

1. A Xunta de Goberno constituirase en pleno e en comisión executiva, se así se establece no momento da súa constitución e toma de posesión.

2. A Xunta de Goberno do Colexio representará o Colexio e os colexiados en todos os actos e organismos oficiais, exercendo as funcións corporativas da súa xurisdición con todos os dereitos e obrigas que deriven das disposicións en vigor antes referidas, adoptando cantas medidas sexan precisas, ditando os regulamentos que se consideren pertinentes, logo de ratificación pola Asemblea Xeral, para asegurar e lograr o cumprimento dos seus fins.

3. Os membros da Xunta de Goberno, unha vez elixidos, exercerán os cargos para os cales foron nomeados durante catro anos, e poderán ser reelixidos.

4. Serán elixidos de acordo co procedemento que establecen estes estatutos.

Artigo 17. Pleno

O Pleno da Xunta de Goberno reunirase, como mínimo, unha vez cada trimestre. O presidente poderá convocalo cantas veces considere necesario.

Artigo 18. Comisión Executiva

A Comisión Executiva reunirase conforme o programa que confeccione a Xunta de Goberno e, pola súa vez, estará constituída polo presidente, o vicepresidente, o secretario e o tesoureiro. A esta acudirán o vogal, o presidente da Comisión ou o membro da Xunta de Goberno que sexa convocado polo presidente do Colexio por razón da súa actividade e os temas que se deban examinarse na reunión.

Artigo 19. Comisións de traballo

Poderanse constituír as comisións de traballo que, en calquera momento, a Xunta de Goberno considere necesarias; cítanse como exemplo as seguintes:

– A Comisión Deontolóxica.

– A Comisión de Información sobre Honorarios.

– A Comisión de Formación Continuada.

– A Comisión de Seguros Sanitarios.

– A Comisión de Dentistas Novos.

– A Comisión de Medios de Comunicación.

A función das ditas comisións será a de estudar as cuestións que afecten a súa materia, realizar informes, propostas de resolución e consultas, que se elevarán, despois, á Xunta de Goberno para a súa decisión definitiva.

Estarán presididas e dirixidas por un membro da Xunta de Goberno designado por esta e constituiranse cos colexiados –membros da Xunta de Goberno ou non– que se consideren necesarios e designe a referida Xunta de Goberno, por proposta do presidente da comisión correspondente.

Artigo 20. Comisión Deontolóxica

Presidida polo presidente do Colexio ou, na súa falta, por un membro da Xunta de Goberno nomeado por esta; todos os membros desta comisión pertencerán á Xunta de Goberno e serán designados por ela. Terá como misión instruír e resolver os expedientes disciplinarios que acorde a Xunta, conforme o procedemento que se sinala nos artigos 77 e seguintes destes estatutos. Igualmente, exercerá a arbitraxe resolvendo as reclamacións que presente no Colexio un paciente contra un colexiado, ou entre colexiados, se o aceptan ambas as partes.

Artigo 21. Comisión de Información sobre Honorarios

Presidida por un membro da Xunta de Goberno, nomeado por esta, e formarase co número de colexiados –membros ou non da Xunta de Goberno– que esta considere conveniente e designe. A súa misión concretarase en informar os tribunais, ou os cidadáns e, en todo caso, nos termos e nos límites da disposición adicional cuarta da Lei 25/2009.

Artigo 22. Comisión de Formación Continuada

Presidida polo vicepresidente, formarase co número de colexiados –membros ou non da Xunta de Goberno– que esta considere oportuno. A súa misión será:

1. Confeccionar o plan de formativo para cada curso e elevalo, para a súa aprobación, á Xunta de Goberno, ocupándose da contratación dos ditantes e do desenvolvemento das acción formativas.

2. Organizar charlas, ciclos temáticos e a participación dos colexiados en actividades culturais e formativas organizadas por outros colexios ou por calquera organismo pertinente.

Artigo 23. Comisión de Seguros Sanitarios

Presidida por un membro da Xunta de Goberno e nomeado por esta, estará formada polo número de colexiados –membros ou non da Xunta de Goberno– que esta considere conveniente e designe. Encargarase de xestionar coas aseguradoras dedicadas a este ramo a mellora no exercicio profesional dos colexiados que presten o seu servizo nelas e a mellora no servizo prestado aos asegurados.

Artigo 24. Comisión de Medios de Comunicación

Estará presidida polo presidente do Colexio. A súa misión é procurar a difusión das noticias, dos actos, das comunicacións do Colexio e de cantas opinións se deben levar aos servizos mediáticos. A Xunta de Goberno poderá contratar e adscribirlle un gabinete de prensa, coas obrigas e funcións que sinale a Xunta de Goberno.

Artigo 25. Comisión de Dentistas Novos

Procurarase a creación da Comisión de Dentistas Novos, que desenvolverá as actividades de tipo profesional, formativo, social, cultural e corporativo necesarias para os dentistas novos, ofrecéndolles o asesoramento e a colaboración que necesiten. Pertencerán a ela aqueles exercentes que teñan menos de dez anos de exercicio profesional colexiado e será presidida polo colexiado pertencente a ela que designe a Xunta de Goberno. Serán dentistas novos aqueles colexiados que exerzan a súa profesión desde a inscrición nalgún colexio de dentistas desde hai menos de dez anos.

Capítulo III
Das eleccións

Artigo 26. Condicións

Serán condicións para seren elixidos cargos da Xunta de Goberno:

– Ser español.

– Ter a condición de colexiado residente na demarcación territorial desta corporación de dereito público.

– Encontrarse no exercicio da profesión.

– Estar ao día de todas as obrigas corporativas.

– Non encontrarse afectado por prohibición, incompatibilidade ou incapacidade legal, colexial ou estatutaria, nin estar sometido a expediente ou ter sido sancionado.

En todo caso exixiranse os seguintes requisitos especiais:

a) Para ser presidente e vicepresidente da Xunta de Goberno, levar un mínimo de oito anos no exercicio profesional e colexiación neste colexio.

b) Para ser secretario ou tesoureiro, catro anos de iguais condicións.

c) Para ser vogal, bastará con dous anos de exercicio profesional e colexiación neste colexio.

d) Para ser representante da asociación de dentistas novos deberá estar colexiado con menos de dez anos de exercicio profesional.

Artigo 27. Candidaturas

As candidaturas conformaranse en listas pechadas, que deberán ser avaladas por un cinco por cento do censo colexial, cun mínimo de cincuenta sinaturas, e presentaranse por escrito dentro do prazo sinalado para o efecto na convocatoria.

En lista independente, incluída na candidatura do punto anterior, presentarase, tamén como lista pechada, a referida aos cargos que se presenten para a delegación provincial de Ourense, coas mesmas condicións e requisitos que para a Xunta de Goberno do Colexio, e necesitarán estar avaladas por un cinco por cento do censo electoral correspondente a colexiados coa súa clínica principal en Ourense, cun mínimo de quince sinaturas.

Os membros da Xunta de Goberno convocante da elección que se presenten como candidatos a algún cargo na nova Xunta de Goberno cesarán no que viñan ocupando no momento en que presenten a súa candidatura.

Artigo 28. Eleccións

A elección será directa entre todos os colexiados inscritos no Colexio e realizarase paralelamente a cobertura dos cargos da Xunta de Goberno do Colexio e os da delegación de Ourense, aínda que para os cargos desta última exclusivamente votarán os colexiados coa súa actividade principal naquela provincia. A Xunta de Goberno poderá autorizar o voto por correo; nese caso efectuarase nos termos do artigo 33 destes estatutos.

Os colexiados cuxa clínica principal ou única se encontre na demarcación da provincia de Ourense, ao emitir o seu sufraxio entregarán dúas papeletas, unha para a votación dos membros da Xunta de Goberno do Colexio e outra para os que conformarán a delegación de Ourense, que serán introducidas en dous sobres independentes –cada un co respectivo rótulo– na urna ou no sobre de maior tamaño que se dirixe á Mesa Electoral Central no suposto de voto por correo.

Artigo 29. Convocatoria

a) A convocatoria para as eleccións dos membros da Xunta de Goberno do Colexio e para os que se designen para a delegación de Ourense (dependente do Colexio) corresponderá ao Pleno da Xunta de Goberno do Colexio; sinalarase o prazo para a presentación de candidaturas nin inferior a vinte días naturais nin superior a trinta, contado desde a convocatoria, e indicaranse, así mesmo, as condicións para seren elixidos; o día en que se realizará a votación que se sinalará no prazo máximo de dous meses desde o peche do prazo de presentación de candidaturas; o lugar onde se situarán as dúas urnas –unha na sede colexial sita en Pontevedra e outra no lugar que a Xunta de Goberno fixe na cidade de Ourense– e a forma en que se realizará o proceso electoral. As dúas mesas electorais estarán presididas por un membro da mesa electoral designado por esta, asistido dun membro da Xunta de Goberno en Pontevedra ou da delegación en Ourense, que non sexan candidatos nas eleccións que se celebran.

A Xunta de Goberno na propia convocatoria designará ademais a mesa electoral, que terá como misión levar a termo todo o proceso electoral, vixiando o exacto cumprimento dos prazos e requisitos previstos, resolvendo cantos recursos se presenten, subscribindo as actas necesarias cuxo expediente, ao rematar o proceso electoral, será arquivado na Secretaría do Colexio para formar parte da documentación colexial baixo a custodia do secretario.

b) Convocadas eleccións, os compoñentes da Xunta de Goberno convocante e os da delegación de Ourense que non se presenten como candidatos continuarán dirixindo o Colexio e, de ser o caso, a delegación, constituídos en Xunta de Goberno en funcións, ata a toma de posesión daqueles colexiados que en Pontevedra e en Ourense resulten elixidos no proceso electoral convocado. Non formarán parte da Xunta de Goberno en funcións aqueles membros que se presenten como candidatos nalgunha das listas presentadas no proceso electoral, os cales, en consecuencia, cesarán no seu cargo ao concluír o prazo para presentación de candidaturas. Ao mesmo tempo, a Xunta de Goberno en funcións designará a mesa electoral.

Artigo 30. Xunta de Goberno en funcións

a) A Xunta de Goberno en funcións continuará, de ser o caso, con aqueles que non sexan candidatos e a Xunta de Goberno convocante designará aqueles deles que terán en funcións os cargos de presidente, secretario e tesoureiro, se tales membros das xuntas fosen candidatos e, por tanto, cesasen. Se todos os compoñentes da Xunta de Goberno convocante das eleccións e da provincial se presentasen como candidatos no proceso electoral, antes do seu cesamento, a Xunta de Goberno do Colexio designará como presidente de goberno en funcións, ata a toma de posesión da nova dirección, o colexiado máis antigo, o máis moderno como secretario e tres vogais, con máis de cinco anos de exercicio profesional elixidos por sorteo, dos cales o máis antigo será o tesoureiro. Así mesmo, nomeará a mesa electoral, que estará constituída, por sorteo, por un presidente elixido entre os que o foron anteriormente no Colexio, un secretario entre aqueles que o foron con anterioridade no Colexio e dous vogais que o foron en anteriores xuntas de goberno; na falta de colexiados que reúnan para algún dos catro cargos, efectuarase o sorteo de igual maneira que se establece neste precepto para a Xunta de Goberno en funcións, excluíndo os que fosen designados para esta última directiva cesante. Salvo causa xustificada de exclusión, que será presentada polo designado nos dous días seguintes da comunicación e resolta en igual prazo polo presidente saínte, será obrigatoria a aceptación dos así nomeados sen que se considere causa de non aceptación ou renuncia a distancia ao Colexio desde a súa clínica nin calquera tipo de dificultade persoal, excepto as que afecten a saúde ou calquera circunstancia importante que lle impida acudir ás reunións que deban realizar. Nomearanse, na mesma forma, os suplentes para os mesmos cargos.

A non aceptación de calquera dos nomeamentos indicados constitúe unha falta moi grave segundo se clasifican no artigo 74.I.a) dos presentes estatutos.

b) A Xunta de Goberno en funcións e a mesa electoral tomarán posesión nos tres días seguintes ao seu nomeamento unha vez resoltas as renuncias presentadas, e nese momento fixaranse as datas para as súas reunións co fin de adoptar as decisións colexiais urxentes e inaprazables para a boa marcha do Colexio e do proceso electoral que sexan necesarias, as cales terán lugar na sede do Colexio, e será obrigatoria a asistencia de todos os seus membros.

Artigo 31. Mesa electoral

A mesa electoral constituirase na forma establecida no último parágrafo do artigo anterior nos dous días seguintes, para cuxo fin a Xunta de Goberno lles comunicará urxentemente aos designados a data e hora para a súa constitución, facendo constar expresamente a obrigatoriedade da aceptación do cargo para o cal foron designados e as consecuencias da súa inasistencia. Igualmente, farase constar no prazo sinalado no artigo anterior a existencia dalgunha causa xustificada para a non aceptación.

Os membros da mesa electoral tampouco poderán ser candidatos nesas eleccións.

Terminada a votación, os membros de cada mesa de urna e os controladores delegados de candidaturas, se os houber, subscribirán a acta da constitución da mesa e autorizarán a acta da elección co seu resultado, e remitiranllo á mesa electoral na forma que se dirá no artigo 33 destes estatutos.

Artigo 32. Proclamación de candidatos

Ao día seguinte da expiración do prazo para a presentación das listas electorais de candidatos, reunida a mesa electoral, examinaraas e proclamará aquelas que reúnan as condicións de elixibilidade exixidas, e subscribirá a acta en que constarán, motivadamente, as causas de exclusión que producisen a non proclamación dalgunha lista. Se soamente se presentou unha lista de candidatos e esta resultase válida, procederase inmediatamente á súa proclamación como Xunta de Goberno elixida. As listas de candidatos admitidas, as rexeitadas e o acordo da mesa electoral publicaranse separadamente no taboleiro de anuncios do Colexio e na páxina web do Colexio, con indicación das causas de inadmisión, se as houber, e os recursos que poden ser presentados, indicando o seu prazo. A impugnación presentarase na sede do Colexio en horas de oficina.

Dentro dos tres días seguintes á publicación das candidaturas proclamadas no taboleiro de anuncios e a súa indicada notificación ao representante de cada candidatura, as listas que non fosen aceptadas poderán presentar escrito de alegacións asinado por todos eles ou o seu representante, impugnando a súa exclusión e solicitando motivadamente a modificación do acordo e a admisión da súa lista; a mesa electoral resolverá no prazo dos dous días seguintes, publicando o seu acordo no taboleiro de anuncios e inserindo a lista entre as admitidas, se a resolución fose favorable, ou denegándoo definitivamente, sen prexuízo de que poida formularse o recurso de alzada previsto no artigo 85 destes estatutos.

Aprobadas as listas electorais, as admitidas poderán designar, se lles conviñer, un interventor, que necesariamente será colexiado, para que poidan intervir con tal carácter en cada mesa de urna, mediante escrito asinado por todos e dirixido á mesa electoral dentro dos cinco días seguintes á proclamación, o cal terá dereito a participar, unha vez aceptado o nomeamento dentro dos tres días seguintes, en todos os actos electorais presentando as reclamacións, recursos e alegacións que considere pertinentes, e asinando as actas que se elaboren.

Artigo 33. Propaganda electoral

Os candidatos poderán realizar as actividades e a propaganda electoral que consideren pertinentes, sempre que non supoñan descrédito ou falta de respecto persoal ás demais listas ou atenten directamente contra estes estatutos, os do Consello Xeral, os do Consello Galego ou o código deontolóxico profesional. O quebrantamento desta obriga motivará a exclusión da lista como admitida. O acordo de exclusión poderá ser impugnado na mesma forma expresada no artigo anterior. A mesa electoral, con cargo ao Colexio, será a encargada de emitir as papeletas electorais e os sobres para o voto tanto directo como por correo, se así o acordou a Xunta de Goberno saínte, as cales serán as únicas válidas no proceso electoral.

As papeletas confeccionaranse iguais unha por cada candidatura e conterán todos os candidatos de cada lista.

Os sobres para o voto por correo solicitaranos por escrito aqueles colexiados que pretendan utilizar este procedemento, sendo dun tamaño normalizado para o correo normal, e figurará impresa, ademais dos datos do Colexio e como anagrama, a lenda de que contén papeleta para as eleccións á Xunta de Goberno do Colexio Provincial de Dentistas da XI Rexión, e así mesmo, terá un lugar para o nome, apelidos, enderezo, número do colexiado e sinatura deste no remite do sobre. No seu interior introducirase o voto do colexiado en papeleta oficial en sobre, tamén pechado, coa inscrición de sobre para o voto, sen ningún outro dato ou anotación, e remitirase exclusivamente á sede colexial. Aqueles votantes que, por ter a súa clínica principal na provincia de Ourense figuren inscritos colexialmente naquela localidade e, polo tanto, teñan dereito a emitir sufraxio para a delegación de Ourense, enviarán por correo ou depositarán persoalmente, segundo o voto que elixisen, dúas papeletas, unha delas coa candidatura elixida para o Colexio e noutra a escollida para a delegación.

Os sobres e papeletas serán confeccionados e distribuídos polo Colexio e serán os únicos válidos para utilizar na votación.

Artigo 34. Votación

O acto electoral terá lugar o día e o lugar sinalados na convocatoria, cunha duración non inferior a catro horas ininterrompidas, entre as 10.00 e as 20.00 horas, que será o mesmo en ambas as mesas. O voto non será delegable. Para os efectos de que se poidan computar nun só acto os votos emitidos en Ourense e en Pontevedra, a mesa de urna de Ourense, deberá pechar unha hora antes ca a de Pontevedra, co fin de que o resultado, a listaxe de votantes, os votos emitidos e a acta os entreguen os membros daquela mesa cos interventores na sede colexial ao secretario da mesa electoral no momento do peche da mesa de urna de Pontevedra.

Terase en conta que:

1. O voto poderá ser emitido persoalmente o día da elección ou por correo certificado con xustificante de recepción, mediante as papeletas na forma citada no artigo anterior, cando se teña acordado o voto por correo.

2. No suposto de voto por correo, efectuarase nos termos sinalados no artigo anterior. O secretario en funcións da mesa electoral custodiará os sobres, sen abrilos, para os pór á disposición da mesa aberta na sede colexial en Pontevedra ao finalizar a votación persoal, facendo entrega deles xunto cos votos, a acta e a relación de votantes correspondentes á mesa de Ourense, e procederá o seu presidente a depositalos na urna de votación correspondente ao Colexio ou á delegación, sen abrilos, os sobres de menor tamaño, tomando nota do voto na lista de todos os colexiados que se mencionan no punto seguinte. Aqueles sobres que chegasen á Secretaría do Colexio unha vez iniciada a votación serán destruídos sen abrilos e farase constar con todo detalle na acta a incidencia. Destruiranse igualmente aqueles sobres que presenten calquera anomalía e tomarase igual referencia na acta.

3. Á hora e no lugar previstos para a votación instalarase unha urna na mesa electoral e en lugar onde se asegure a intimidade da votación disporanse as papeletas oficiais que serán utilizadas por cada votante, quen a introducirá persoalmente na urna, logo da súa identificación ante a mesa, cuxo presidente tomará nota da emisión do seu voto nunha listaxe de todos os colexiados con dereito a voto que con tal fin terá sobre a mesa. De igual maneira, á hora e lugar previstos instalarase mesa na cidade de Ourense, onde se disporá, tamén, de lugar que asegure a intimidade e de lista de colexiados inscritos no Colexio con exercicio principal naquela demarcación na delegación provincial con igual finalidade. Unha urna estará destinada aos votos para a Xunta de Goberno do Colexio e a outra, á delegación de Ourense. Só os colexiados que teñan a súa clínica principal na provincia de Ourense poderán votar á candidatura para a delegación provincial, ademais do seu voto á Xunta de Goberno do Colexio, e a mesa tomará nota do exercicio deste dereito na lista correspondente a aquela demarcación.

4. A mesa resolverá cantas incidencias sucedan durante a realización do acto e farao constar na acta final.

5. O voto persoal anulará o emitido por correo, polo que a mesa electoral comprobará na relación de colexiados tal circunstancia previamente ao introducir o voto emitido persoalmente.

6. Finalizada a votación, procederase a seguir na sede do Colexio ao escrutinio de todos os votos emitidos tanto en Pontevedra como en Ourense. Declararanse nulas as papeletas que conteñan expresións alleas á votación, que veñan riscadas ou emendadas, aquelas en que unha persoa non candidata emita voto ou as que non sexan as oficiais editadas polo Colexio. Procederase de igual maneira na mesa de urna de Ourense.

En ningún caso se poderá anular parcialmente unha papeleta.

7. Do desenvolvemento da votación, do resultado do escrutinio e das incidencias redactarase acta, que será asinada polos membros de cada mesa e polos interventores que estean presentes no escrutinio. A acta, a listaxe e os votos da mesa existente na sede colexial –co desenvolvemento e as incidencias do acto electoral– e a acta, listaxe e os votos correspondentes á urna de Ourense entregaralla persoal e inmediatamente o presidente da mesa de urna na sede do Colexio á mesa electoral, que procederá ao escrutinio en presenza dos interventores, facendo constar na acta o resultado da votación e proclamando a lista que resultou máis votada e, polo tanto, elixida para a Xunta de Goberno do Colexio da XI Rexión e a máis votada e, por iso, elixida, para a súa delegación provincial de Ourense. As actas das votacións mencionadas depositaranse inmediatamente na Secretaría do Colexio, baixo a custodia do secretario. Unha copia autenticada polo secretario do Colexio en funcións inserirase no taboleiro de anuncios do Colexio e recollerase ao día seguinte na páxina do Colexio aberta na internet en zona de acceso restrinxido exclusivamente para colexiados.

8. Se se producir empate a votos, a mesa electoral, por breve resolución motivada, resolverá en favor da lista cuxo presidente sexa o de maior antigüidade neste colexio.

9. Dentro das corenta oito horas seguintes á proclamación de elixidos poderase impugnar por escrito a totalidade do acto electivo ou solicitar as correccións de erros cometidos. A mesa electoral resolverá no prazo dos dous días seguintes á impugnación accedendo ou denegando o solicitado. No primeiro caso poderá invalidarse, se procede, a elección, e convocarase novamente, dentro dos quince días seguintes, ou realizaranse en todo caso as correccións que non afecten o fondo da elección. No caso de denegación da impugnación poderán utilizar os recorrentes os recursos na forma establecida nestes estatutos.

10. Transcorridos os prazos previstos sen impugnación ou resolta definitivamente a elección, a Xunta de Goberno cesante, no prazo de quince días, expedirá os correspondentes nomeamentos que obtivesen a maioría de votos, e comunicarállelos ao Consello Xeral dos Colexios de Dentistas de España, ao Consello Galego de Odontoloxía e á Comunidade Autónoma.

Capítulo IV
Toma de posesión e cesamento

Artigo 35. Toma de posesión

Dentro dos trinta días seguintes a partir da resolución do proceso electoral, a nova Xunta de Goberno tomará posesión e levantarase a correspondente acta, que asinarán os membros da Xunta de Goberno en funcións e os membros da Xunta de Goberno elixida. Recibirán, así mesmo, da Xunta saínte os atributos propios dos seus cargos e a documentación colexial.

Artigo 36. Cesamento

Os membros das xuntas de goberno do Colexio e da delegación provincial de Ourense cesarán polas seguintes causas:

a) Expiración do prazo para o cal foron elixidos.

b) Renuncia do interesado.

c) Nomeamento para un cargo do Goberno central ou autonómico ou das distintas administracións públicas, sexa central, autonómica, local ou institucional.

d) Condena por sentenza firme que comporte inhabilitación para o exercicio profesional ou para cargos públicos.

e) Sanción disciplinaria por falta grave ou moi grave imposta polo Colexio en virtude do correspondente expediente.

f) Perda da condición da elixibilidade de acordo cos presentes estatutos.

g) Baixa por enfermidade incapacitante por tempo superior a seis meses.

h) Por falecemento.

i) A falta de asistencia a tres reunións consecutivas da Xunta de Goberno ou da delegación, ou seis alternas.

j) A remoción da Xunta de Goberno ou de calquera dos seus compoñentes mediante acordo da Asemblea Xeral convocada por petición, por escrito, do cincuenta por cento dos colexiados provinciais, adoptado por maioría absoluta das tres cuartas partes máis un dos asistentes á asemblea. No caso de a remoción se referir á delegación provincial de Ourense, a porcentaxe para solicitar a convocatoria da asemblea referirase aos colexiados coa súa consulta principal na provincia de Ourense e a aprobación requirirá a mesma porcentaxe de asistentes.

A Xunta de Goberno comunicaralles por escrito aos colexiados o cesamento do membro da Xunta e a data desde a cal é efectiva a baixa en breve resolución motivada.

Artigo 37. Vacantes

No suposto de producirse o cesamento de calquera dos cargos directivos por algunha das causas citadas no artigo anterior, observarase o seguinte:

1. O presidente substituirase polo vicepresidente; para os demais membros da Xunta de Goberno, o Pleno da Xunta de Goberno designará as substitucións que, por cesamento, sexan necesarias atendendo ás exixencias do cargo. As substitucións cubriranse desta maneira ata a reincorporación do substituído ou a toma de posesión por quen resulte elixido para o cargo de se convocaren eleccións.

2. Se desde que se produce unha vacante restan máis de dous anos ata a data en que regularmente procedería o novo proceso electoral, ou nos cargos vacantes coinciden a un mesmo tempo presidente, vicepresidente e secretario ou tesoureiro; ou se coinciden vacantes ao mesmo tempo catro vogais, procederase, nos quince días seguintes, a convocar eleccións para cubrir o cargo ou os cargos vacantes, polo tempo que reste ata que normalmente proceda convocar as próximas eleccións, na forma establecida nos artigos precedentes. Pero se pola brevidade do período que quede ata a nova elección estatutaria se entende innecesario realizar un proceso electoral, así o acordará a Xunta de Goberno en resolución motivada, que deberá ser ratificada na primeira asemblea xeral que se celebre. A substitución dos cargos vacantes realizarase nos termos sinalados no punto anterior.

3. En todo caso, de se producir o cesamento da metade máis un dos membros da Xunta de Goberno, deberán convocarse eleccións xerais polo período que reste ata as eleccións estatutarias.

Título cuarto
Sobre a actuación dos órganos colexiais

Capítulo I
As reunións

Artigo 38. Pleno da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno en pleno deberá reunirse ordinariamente unha vez ao trimestre e, extraordinariamente, cando o decida o presidente, o solicite polo menos un terzo dos seus membros ou sempre que as circunstancias o aconsellen, a xuízo da Comisión Executiva.

2. Para que a reunión se poida realizar, será necesario que concorran en primeira convocatoria a metade máis un dos membros que a forman; en segunda convocatoria, que se citará para media hora máis tarde no mesmo lugar e na mesma convocatoria, serán válidos os acordos calquera que for o número dos asistentes.

3. As convocatorias efectuaraas o secretario por escrito, con catro días de antelación e por orde do presidente; sinalarán o día e a hora para a reunión en primeira e segunda convocatoria, e a orde do día. Realizaranse na sede colexial salvo que, por razóns especiais acordadas motivadamente por acordo da Comisión Executiva por unanimidade dos asistentes, se sinale outro lugar, que será expresamente indicado na convocatoria.

4. Durante a sesión plenaria só se poderán tratar os asuntos que figuren na orde do día, salvo aqueles que os asistentes á reunión, por proposta do presidente, consideren por unanimidade de interese e urxencia suficientes e que sexan aprobados por maioría simple dos membros da Xunta de Goberno presentes. Para a validez dos acordos necesitarase a maioría simple dos asistentes e decidirá o voto do presidente en caso de empate.

5. O establecido nos números anteriores será aplicable ao funcionamento da delegación provincial de Ourense.

Artigo 39. Comisión Executiva

1. A Comisión Executiva deberá reunirse ordinariamente mensualmente sen necesidade de convocatoria nin remisión da orde do día e, en todo caso, cada vez que o considere conveniente o presidente por decisión propia ou por petición de dous dos seus membros.

2. As reunións extraordinarias convocaraas o secretario con catro días de antelación, en calquera forma hábil, con indicación da orde do día redactada polo presidente e a data e a hora para a reunión. Figurará como último punto da orde do día unha epígrafe destinada a rogos e preguntas. A Xunta de Goberno poderá establecer, de antemán, o calendario das reunións da Comisión Executiva co fin de evitar as sucesivas convocatorias.

3. Durante a sesión só se poderán tratar os asuntos que figuren na orde do día, salvo aqueles que os asistentes á reunión ou por proposta do presidente se consideren de interese e urxencia suficientes. Para a validez dos acordos necesitarase a maioría simple dos asistentes; o voto do presidente decidirá en caso de empate.

Artigo 40. Asemblea Xeral

1. A asemblea xeral celebrarase ordinariamente unha vez ao ano ou extraordinariamente cando o solicite, por escrito, un dez por cento dos colexiados, ou cando as circunstancias o aconsellen, a xuízo da Xunta de Goberno ou da Comisión Executiva.

2. Para que a asemblea se poida celebrar validamente será necesaria, en primeira convocatoria, a asistencia da metade máis un do censo colexial; en segunda convocatoria, que se convocará media hora máis tarde no mesmo local, será válida calquera que sexa o número dos asistentes. Serán válidos as resolucións e acordos que obteñan o voto favorable da maioría simple dos asistentes.

3. A convocatoria farase por escrito asinado polo secretario, co visto e prace do presidente, e conterá o día, a hora e o lugar para a reunión. Fixaranse as correspondentes á primeira e segunda convocatorias e figurará como último punto rogos e preguntas. A convocatoria será remitida con oito días de antelación, como mínimo, aos colexiados, salvo que se trate dunha reunión acordada con carácter de urxencia, para a cal bastarán corenta e oito horas. O presidente da Xunta de Goberno presentará na xunta xeral ordinaria anual a memoria anual sobre a xestión da Xunta de Goberno respecto dese exercicio. Aprobaranse o orzamento do seguinte exercicio e as contas do último exercicio terminado e darase información do estado de contas do ano en curso.

4. Na asemblea trataranse unicamente os temas que figuren na orde do día, sen prexuízo de que no último capítulo se encomende á Xunta de Goberno e/ou á Comisión Executiva o estudo daqueles temas ou cuestións que se consideren necesarios, sen que se adopten acordos respecto dos ditos temas.

5. Para a validez dos acordos será necesario o voto favorable da maioría simple dos asistentes e, en caso de empate, decidirá o voto do presidente.

Artigo 41. Libro de actas

De cada reunión que fagan tanto a Asemblea Xeral como a Xunta de Goberno e a Comisión Executiva expedirase a correspondente acta, que será transcrita nun libro que, con tal fin, existirá na Secretaría do Colexio ou en arquivos informáticos custodiados polo secretario.

Artigo 42. Medios informáticos

Tanto as convocatorias de reunións de calquera dos órganos colexiais como as comunicacións dos acordos adoptados en calquera deles constarán nos arquivos informáticos do Colexio baixo a custodia e responsabilidade do secretario, e poderán comunicarse aos membros da Xunta de Goberno mediante correo electrónico con xustificante da lectura, e o seu resumo aos colexiados mediante a súa inclusión na páxina do Colexio aberta na internet, coa extensión e contido que acorde a Comisión Executiva. Así mesmo, publicaranse integramente, ou o seu resumo, na publicación que ordinariamente emite o Colexio. En todo caso, cumprirase a normativa vixente sobre protección de datos.

Así mesmo, o Colexio crea o servizo de portelo único, a través do cal se xestionará toda comunicación, publicación e actuación administrativa colexial. Tamén atenderá as comunicacións dos colexiados a través da páxina web.

Capítulo II
Competencia dos órganos colexiais

Artigo 43. Asemblea Xeral

As súas competencias son:

a) Lectura e aprobación, se procede, da acta da reunión anterior, logo da súa lectura polo secretario.

b) Tomar conta da memoria da actuación da Xunta de Goberno no exercicio anterior, da cal dará lectura o secretario, e aprobala, se procede.

c) Aprobar, se procede, a liquidación do orzamento do exercicio anterior e as contas de gastos e ingresos, así como a contabilidade xeral do Colexio, que será explicada e lida polo tesoureiro.

d) Ratificar cantos acordos adoptase a Xunta de Goberno e que precisen de tal aprobación conforme estes estatutos, e aprobar a xestión da Xunta de Goberno.

e) Modificar o domicilio social do Colexio ou a súa demarcación.

f) Aprobar o nomeamento dos censores que, por proposta da Xunta de Goberno, formarán parte da Comisión Económica.

g) Ratificar o órgano de goberno resultante do proceso electoral, cando proceda, e a súa remoción mediando moción de censura.

h) Aprobar e reformar os estatutos e as normas deontolóxicas.

i) Aqueloutras que se lle sometan a exame.

j) Aprobar, se procede, as propostas que lle someta a Xunta de Goberno.

k) Aprobar, se procede, o orzamento do seguinte exercicio, logo da súa lectura polo tesoureiro.

l) Aprobar, se procede, o nomeamento do colexiado de honra, por proposta da Xunta de Goberno.

As asembleas extraordinarias terán como único punto da orde do día a cuestión concreta que propoña a Xunta de Goberno e que, sendo competencia da Asemblea Xeral, exixa unha rápida decisión.

Artigo 44. Xunta de Goberno

As súas facultades son:

a) Representar o Colexio ante os poderes públicos, tribunais de todo tipo, entidades públicas e privadas, institucións e organismos oficiais.

b) Organizar e xestionar os servizos de formación continuada.

c) Promover todos aqueles temas e cuestións que se consideren necesarios en beneficio da profesión.

d) Prestar a cooperación necesaria ás administracións públicas en xeral, sexa central, autonómica ou local, e colaborar co poder xudicial e demais poderes públicos.

e) Aprobar, se procede, a liquidación do orzamento do exercicio anterior e as contas de gastos e ingresos, así como a contabilidade xeral do Colexio, proposta pola Comisión Executiva, e sometelo finalmente á Asemblea Xeral.

f) Prestar colaboración ás autoridades administrativas e académicas, en xeral, en cantas cuestións interesen á profesión e emitir informe en cantos temas se lle requira o seu parecer.

g) Representar ante a Facenda pública, estatal ou autonómica, o colectivo profesional que encadra.

h) Exixir o cumprimento das normas relativas ao exercicio profesional conforme o establecido nas leis, nestes estatutos ou as que puideren ditar as autoridades competentes.

i) Velar pola boa actuación dos colexiados no exercicio da profesión, exixindo o cumprimento das normas relativas á deontoloxía profesional.

j) Impor aos colexiados, se iso proceder, as correccións disciplinarias que se establecen nos presentes estatutos e dar conta, cando for necesario, ás autoridades competentes das condutas que poidan ser constitutivas de delito ou constitúan un risco para a saúde dentaria.

k) Perseguir a intrusión profesional en calquera das súas formas, utilizando para tales efectos as accións legais pertinentes, ante as autoridades xudiciais, sanitarias, administrativas e gobernativas en xeral.

l) Instruír os correspondentes expedientes disciplinarios conforme o procedemento que se establece nestes estatutos, para perseguir as infraccións referidas máis adiante.

m) Dirimir e/ou resolver conflitos e/ou discrepancias entre colexiados, entre estes e os seus pacientes, ou entre estes e as diferentes administracións e/ou empresas ou compañías con que teñan subscritos contratos, cando así o soliciten ambas as partes.

n) Declarar, logo de exame médico pertinente, os ditames sanitarios necesarios e as demais probas que se consideren necesarias ou a incapacidade dun colexiado para o exercicio profesional cando se mostren evidentes alteracións que así o aconsellen.

ñ) Sen prexuízo da liberdade de pacto entre dentista e o seu paciente que fixe os honorarios concretos, regular unhas normas informativas de honorarios para o efecto de que poidan ser tidas en conta, que sirvan aos colexiados de orientación e constitúan medio para emitir informes xudiciais ou a particulares en caso de impugnación de honorarios dalgún colexiado.

o) Contratar asesoría xurídica e secretario xeral para o Colexio, se se consideran necesarios, elixindo aqueles que se consideren adecuados para tal servizo, e sinalar as súas funcións, someténdoo previamente á aprobación da Asemblea Xeral.

p) Estudar a regulación, aceptada polas partes, das relacións contractuais de toda clase entre os profesionais e os seus pacientes, informar sobre a súa procedencia e actuar de mediadores para a resolución amigable dos conflitos que poidan xurdir.

q) Defender os colexiados, mesmo xudicialmente, naquelas situacións en que resultaren prexudicados, perseguidos ou vexados no seu exercicio profesional, xa sexa por persoas individuais, xurídicas ou organismos públicos.

r) Cursar todos os escritos dirixidos a calquera organismo polos colexiados, apoiándoos cun informe puntual, cando así for procedente.

s) Promover o sentido corporativo en favor de toda obra de cooperación que poida contribuír ao benestar individual ou colectivo da clase profesional.

t) Resolver todos os expedientes de competencia colexial.

u) Convocar a Asemblea Xeral, a liquidación das contas de gastos e ingresos, así como a contabilidade xeral do Colexio, aprobar calendarios de reunións da Xunta de Goberno e da Comisión Executiva e proporlle á Asemblea Xeral o nomeamento de colexiado de honra, conforme o artigo 53.4 dos presentes estatutos.

v) Designar os vogais das comisións que se crean conforme estes estatutos.

w) Inspeccionar, a teor do establecido nestes estatutos, as clínicas dentais, previamente á súa apertura, e emitir informe favorable ou desfavorable nos expedientes tramitados pola autoridade sanitaria que cursa a solicitude de autorización.

x) Denunciar ante as autoridades sanitarias, xudiciais e gobernativas en xeral aqueles establecementos en que se exerza a profesión de dentista sen reunir as condicións e instalacións establecidas nestes estatutos ou nas disposicións vixentes e aqueloutros que se encontren rexentados por persoas carentes do título que habilite para exercela ou por titulados non colexiados. Comparecerase en trámite en calquera delas e instarase o que en dereito proceda.

y) Calquera outra que se considere procedente e axustada ás competencias do Colexio.

Artigo 45. Comisión Executiva

Son facultades da Comisión Executiva:

a) Desenvolver cantas competencias lle correspondan á Xunta de Goberno e lle sexan encomendadas, e resolver as incidencias que xurdan.

b) Propor canto proceda ao Pleno da Xunta de Goberno e á Asemblea Xeral.

c) Proporlle á Xunta de Goberno premios ou mencións honoríficas para aqueles profesionais que se fixesen acredores diso.

d) Realizar aquelas actividades que encomende o Pleno da Xunta de Goberno ou a Asemblea Xeral.

e) Promover cantas actuacións, cursos, publicacións ou edicións de toda clase lle conveñan á profesión na nosa demarcación.

f) Prestarlles o asesoramento aos colexiados que se acorde en asemblea xeral.

g) Redactar os orzamentos que, aprobados previamente polo Pleno da Xunta de Goberno, se someterán á aprobación da Asemblea Xeral.

h) Igualmente e na mesma forma, confeccionar a liquidación do orzamento do ano anterior e as contas de gastos e ingresos, así como a contabilidade xeral do Colexio.

i) Propor á aprobación do Pleno da Xunta de Goberno, para ser elevado á Asemblea Xeral, os investimentos e disposicións do patrimonio colexial que se consideren procedentes.

j) Someter, para a súa aprobación, á Xunta de Goberno a contía de cotas, tanto ordinarias como extraordinarias, que deben aboar os colexiados, así como as demais cargas que se consideren procedentes, as cales se someterán ao Pleno da Xunta de Goberno, previamente a sometelas, cando sexa necesario, á Asemblea Xeral.

k) Someter á aprobación da Xunta de Goberno as tarifas ou cotas por emisión de certificados, impresos, formularios, informes e cantos labores realice o Colexio.

l) Proporlle ao Pleno da Xunta de Goberno as modificacións dos regulamentos, vixentes no Colexio, e dos presentes estatutos, que se consideren pertinentes, para o seu sometemento á aprobación da Asemblea Xeral cando for necesaria.

Artigo 46. Presidente do Colexio

Correspóndelle ao presidente do Colexio:

a) Dirixir a marcha do Colexio e facer cumprir os preceptos destes estatutos e cantos acordos adopte a Asemblea Xeral ou a Xunta de Goberno.

b) Desempeñar, para todos os efectos, a representación legal da Xunta de Goberno e do Colexio, comparecendo no seu nome en todos os organismos de tipo administrativo, xudicial e de calquera tipo, e estar facultado, sen necesidade de ningún outro acordo, para comparecer neles e designar avogados e procuradores que posúan a representación e defensa dos intereses do Colexio e dos colexiados.

c) Convocar, presidir e dirixir as sesións da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, tanto en pleno como en comisión permanente, sexan sesións ordinarias ou extraordinarias, e subscribir a acta correspondente.

d) Autorizar as publicacións, os informes, convocatorias e comunicacións que se dirixan a colexiados e a todas as autoridades, corporacións ou persoas particulares ou xurídicas.

e) Autorizar, co tesoureiro, as contas bancarias do Colexio, as imposicións e os talóns, cheques ou reintegros que delas se fagan.

f) Visar todas as certificacións e escritos expedidos pola Secretaría do Colexio.

g) Autorizar, co tesoureiro, os libramentos e as ordes de pagamento, así como os libros de contabilidade.

h) Nomear as comisións acordadas polo Pleno da Xunta de Goberno e as persoas que as presidirán, e designar as persoas que formarán parte de cada unha delas.

i) Resolver as discrepancias xurdidas entre colexiados.

j) Presidir a Comisión de Medios de Comunicación e a Comisión Deontolóxica.

k) Ordenar a convocatoria dos distintos órganos colexiais, sinalando o día, a hora, o lugar e a orde do día.

l) Representar xudicial, extraxudicial e oficialmente o Colexio e a Xunta de Goberno en todos os documentos, actos, comparecencias, reunións e actuacións, mesmo xudiciais.

m) Convocar ás reunións das xuntas de goberno, en pleno ou en comisión executiva, os colexiados ou os presidentes das comisións constituídas no Colexio.

Artigo 47. Vicepresidente

Correspóndelle ao vicepresidente asistir e substituír en casos de ausencia, cesamento, enfermidade ou falecemento o presidente, e desempeñar, ademais, cantas funcións lle delegue este, de acordo coas súas competencias. Presidirá a Comisión de Formación Continuada.

Artigo 48. Secretario

Correspóndelle ao secretario:

a) Redactar e remitir as convocatorias para as distintas reunións dos órganos do Colexio, ordenadas polo presidente.

b) Redactar as actas de todas as reunións da Asemblea Xeral, da Xunta de Goberno, en comisión executiva ou en pleno, e ordenar a súa transcrición ao libro ou soporte informático correspondente, unha vez aprobada, co visto e prace do presidente.

c) Custodiar e levar os libros e arquivos, rexistros, ficheiros e expedientes do Colexio, dos colexiados, así como das sociedades profesionais inscritas neste colexio.

d) Custodiar e coidar da anotación do rexistro nos documentos de entradas e saídas de todo tipo de oficios, comunicacións e escritos.

e) Custodiar e coidar da anotación nos rexistros de alta e baixa de colexiados e asociacións profesionais.

f) Asinar co presidente os escritos que emanen dos distintos órganos do Colexio.

g) Expedir, co visto e prace do presidente, as certificacións que sexan procedentes e coidar do aboamento da taxa correspondente.

h) Confeccionar a memoria das actividades dos distintos órganos do Colexio en cada exercicio e lela ante a Asemblea Xeral.

i) Organizar e dirixir as oficinas do Colexio, segundo os seus estatutos, ser responsable da súa marcha e do persoal, das bases de datos e sistema informático do Colexio. Poderá delegar esta última responsabilidade nalgún oficial administrativo da corporación.

j) Todas as demais que lle asigne a Xunta de Goberno.

k) Dirixirá o funcionamento do portelo único en páxina web nos termos e coas características e os límites establecidos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, actualizada e co alcance previsto na dita lei e as instrucións impartidas polo Consello da Odontoloxía Galega e o Consello Xeral de Dentistas de España.

Artigo 49. Tesoureiro

Correspóndelle ao tesoureiro:

a) Levar e autorizar os libros de ingresos e gastos e, en xeral, de contabilidade do Colexio, co visto e prace do presidente.

b) Autorizar e ordenar cantos pagamentos deba realizar o Colexio, co referendo do presidente, e que fosen aprobados pola Xunta de Goberno ou a Asemblea Xeral.

c) Ordenar toda clase de recibos, cotas, taxas e demais exaccións que lle deban ser aboados ao Colexio e acordados legalmente polos seus órganos de dirección.

d) Preparar os orzamentos para cada exercicio anual e a liquidación do orzamento do exercicio anterior e as contas, gastos e ingresos anuais, e dar conta deles á Asemblea Xeral para a súa aprobación, unha vez aprobados pola Xunta de Goberno.

e) Confeccionar o inventario de mobles, enxoval e efectos do Colexio, e dar conta diso á Xunta de Goberno para a súa aprobación.

f) Dirixir toda a contabilidade do Colexio coa aprobación da Xunta de Goberno.

g) Presidir a Comisión Económica, de cuxa xestión lle dará conta á Xunta de Goberno. Presidirá tamén a Comisión de Información sobre Honorarios.

h) Cantas cuestións relativas á xestión económica do Colexio lle sexan encomendadas ou resulten da actividade colexial.

Artigo 50. Vogais

Correspóndelles aos vogais participar nas comisións, actividades ou xestións que lle sexan sinaladas pola Xunta de Goberno ou o presidente, e informalos do seu resultado e presidir aquelas para cuxo cargo fosen nomeados.

Título quinto
Sobre o exercicio profesional

Capítulo I
Da profesión

Artigo 51. Colexiación

Será requisito indispensable e previo para o exercicio da profesión de dentista, conforme define o artigo 6.2.c) da Lei 44/2003, do 21 de novembro, dentro do ámbito da demarcación deste colexio, a inscrición como colexiado neste colexio, ben como colexiado exercente cando o exercicio se realice con carácter principal dentro da nosa demarcación, ben como sociedade profesional logo da aprobación da súa solicitude, nos termos do artigo 3.2 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, e 1.1 e 8.4 da Lei 2/2007, do 15 de marzo. Poderase, así mesmo, solicitar a colexiación na condición de non exercente nos termos que acorde a Asemblea Xeral.

Poderán solicitar tal colexiación os dentistas que obtivesen título de Odontólogo, Estomatólogo ou graduado expedido por universidade española ou homologado ou recoñecido polo Ministerio de Educación, así como as sociedades profesionais dedicadas ao exercicio desta profesión que reúnan as condicións que exixe o Estatuto xeral dos dentistas e os presentes estatutos ou calquera outro oficial homologado ou recoñecido pola autoridade competente. Para estes efectos deberá observarse o disposto na Orde CIN/2136/2008, do 3 de xullo, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de dentista.

1. A solicitude de primeira colexiación efectuarase utilizando o portelo único do Colexio ou directamente mediante instancia dirixida ao presidente do Colexio e con ela achegarase ou xuntarase:

a) Declaración xurada de coñecemento e aceptación dos estatutos do Colexio, os do Consello Xeral, do Consello Galego e o código deontolóxico, comprometéndose ao seu cumprimento.

b) Comunicación do lugar e o domicilio en que efectuará o seu exercicio profesional.

c) Título profesional en orixinal ou fotocopia autenticada deste, ou documento acreditativo de ter obtido o título de dentista en España ou homologado legalmente.

d) Tres fotografías tamaño carné.

e) Impreso de solicitude de ingreso nas seccións colexiais ou institucións que sexan de obrigada permanencia.

f) Alta no imposto de actividades económicas.

g) Solicitude de alta na correspondente institución de previsión mutual alternativa, se a houber, ou no réxime especial de traballadores autónomos para aqueles que sexan exercentes e non figuren en alta no réxime xeral da Seguridade Social.

h) Xustificante de ter ingresado na conta bancaria do Colexio a cota de entrada, de ter concertado e vixente un seguro de responsabilidade civil e demais sinaladas como obrigatorias para a incorporación.

i) Calquera outro ingreso ou requisito que establecese o Colexio por acordo de delegado/presidente de goberno aprobado pola Asemblea Xeral.

j) Solicitude de visita e inspección dos locais da clínica profesional, se for o titular deles, xunto co esbozo simple ou plano das instalacións con explicación das distintas instalacións, instrumentos e contratos de tratamento de residuos e instalacións legalmente exixibles.

k) Ter subscritas as coberturas por responsabilidade profesional de calquera tipo mediante concerto con aseguradora admitida no Estado español e daquelas coberturas que a Xunta de Goberno sinale como obrigatorias.

l) Ter subscrita póliza de responsabilidade civil de cobertura daquelas en que, como consecuencia do exercicio profesional, poidan ter incorrido.

2. Se proceder doutro colexio pertencente á Comunidade Europea, bastará certificación acreditativa de pertenza a el como exercente e, de non ter sido sometido a expediente sancionador ningún, tendo cumpridos todos os seus deberes socioprofesionais e atendidas as cargas económicas que se establecesen. Deberá acreditar que cumpre todos os demais requisitos que se exixen no número 1 do presente artigo.

3. Quen exerza a súa actividade profesional dentro da demarcación xeográfica deste colexio como actividade profesional principal terá que estar colexiado nel.

4. As sociedades profesionais que soliciten ser colexiadas como tales deberán achegar copia auténtica da escritura de sociedade coa anotación de inscrición rexistral pertinente.

5. Quen obteña a colexiación en réxime de acollemento para exercer a profesión da odontoestomatoloxía na demarcación deste colexio someterase expresamente nos termos dos puntos anteriores. Teñen a consideración de colexiados en réxime de acollemento aqueles dentistas que soliciten a súa inscrición por un tempo determinado neste colexio.

O réxime de acollida concederase nos termos sinalados no título quinto destes estatutos e expedirase por tempo e actuacións concretos, sen que sexa prorrogable tacitamente en ningún caso. Gozarán dos dereitos sinalados para os colexiados en xeral.

6. Todo dentista exercerá a súa profesión respectando os límites establecidos na Lei de defensa da competencia, nos termos do artigo 2.4 da Lei 2/1974, e seranlle aplicables os supostos de incompatibilidade e incapacidade que recollen os presentes estatutos, todas as disposicións que afecten os dentistas e as normas deontolóxicas, e non poderán realizar actividades ou pertencer a sociedades profesionais, grupos ou corporacións que sexan incompatibles ou impidan a normal actuación libre e independente do dentista, e ademais:

a) Fomenten ou permitan a intrusión.

b) Incorran en actos definidos na lei ou nestes estatutos como competencia desleal.

c) Aceptar a intervención profesional cando está a actuar profesionalmente outro compañeiro, salvo realizalo co seu coñecemento.

d) O exercicio profesional que supoña deslealdade profesional, situación de clientela cautiva ou ofertas que produzan confusión nos pacientes.

e) Compartir clínicas, servizos ou predios con profesionais incompatibles co exercicio da nosa profesión.

7. O exercicio da odontoestomatoloxía serve ao fin supremo da sanidade e é deber fundamental do dentista cooperar coa política sanitaria nacional, constituíndo a súa obriga profesional dentro do marco xurídico e deontolóxico polas normas legais e de tradición social e colexial.

8. O dentista poderá exercer a súa profesión individualmente por conta propia como titular dunha clínica, por conta allea, como colaborador noutra clínica, ou en réxime de relación laboral en establecemento individual ou colectivo.

9. Desde que fose incorporado ao Colexio, o colexiado terá dereito, conforme lle sexan necesarios, a que lle sexan facilitados talonarios de receitas propios para a profesión, se os tivese confeccionados esta corporación e aprobados en asemblea xeral por proposta da Xunta de Goberno.

Artigo 52. Sobre a admisión

A Xunta de Goberno, no prazo máximo de trinta días hábiles desde a solicitude de colexiación, resolveraa e comunicarallo ao interesado, quen no prazo de dez días poderá interpor os recursos establecidos nestes estatutos, no caso de que lle sexa denegada.

Unha vez admitida a colexiación, quedará incorporado definitivamente ao Colexio e expediráselle o correspondente cartón de identidade e o título acreditativo de pertenza ao Colexio. Terá, a partir deste momento, a condición de dentista exercente.

A solicitude de calquera documento que se considere necesario para completar o expediente de solicitude suspenderá o prazo para resolver, que se restablecerá unha vez que sexa cumprido o requirimento, o que deberá facerse nos quince días seguintes a se ter solicitado ao peticionario. Transcorrido o prazo sen achegalo, declararase de oficio caducada a solicitude.

Artigo 53. Sobre a baixa

1. Perderase a condición de colexiado, mediante resolución expresa da Xunta de Goberno, nos supostos de:

a) Deixar de satisfacer dentro dos prazos sinalados as cargas colexiais e as cotas ordinarias ou extraordinarias acordadas, así como cantas viñer obrigado o colexiado a partir da terceira cota mensual impagada, sen prexuízo de que, posteriormente á súa baixa, a Xunta de Goberno resolva reclamarlle xudicialmente as cantidades debidas.

b) A condena firme ditada por autoridade xudicial que comporte a accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

c) A expulsión do Colexio acordada en expediente disciplinario, adoptada conforme os trámites que se sinalan nos artigos 80 e seguintes destes estatutos.

d) A baixa voluntaria no exercicio profesional, xubilación ou invalidez para o exercicio profesional.

e) Polo falecemento do colexiado.

f) A suspensión no exercicio profesional temporal acordada en expediente tramitado ante a Xunta de Goberno.

2. Aqueles colexiados que non estean ao día no pagamento das súas cotas colexiais, ordinarias ou extraordinarias, ou se encontren sometidos a procedemento disciplinario ou fosen suspendidos no exercicio profesional, conforme sinala a letra f) do presente artigo, quedarán privados automaticamente dos seus dereitos colexiais, mesmo dos beneficios da obra social, pagamento de calquera seguro por parte do Colexio, asistencia a cursos e do dereito de voto desde o momento de apertura do expediente disciplinario, do acordo da suspensión ou desde que se lle requira o pagamento de cotas colexiais mediante correo electrónico, carta certificada ou calquera medio.

Artigo 54. Clases de colexiados

1. Os colexiados terán a condición de:

a) Numerarios, que poderán colexiarse como en exercicio ou sen exercicio.

b) De honra.

c) En réxime de acollemento.

d) En sociedades profesionais.

2. Serán colexiados numerarios con exercicio cantos profesionais se dediquen ao exercicio da odontoestomatoloxía atendendo pacientes.

3. Serán considerados colexiados non exercentes aqueles dentistas que, desexando estar inscritos no Colexio, non exerzan a profesión con pacientes.

4. Consideraranse de honra aquelas persoas profesionais ou non que, polo seu labor relevante e meritorio desde o punto de vista colexial, científico ou profesional, en relación coa odontoestomatoloxía, así acorde a Asemblea Xeral, por proposta da Xunta de Goberno, conforme se indica nos artigos 42.k), 43.zz) e 44.c) dos presentes estatutos.

5. Os colexiados neste colexio que teñan a condición de colexiados de honra, os colexiados non exercentes e os que sexan colexiados en réxime de acollemento non recibirán os beneficios da obra social do Colexio ou aqueles que expresamente se sinalen nestes estatutos. Tampouco teñen dereito a voto nin a ser elixidos membros da Xunta de Goberno ou de calquera das comisións de traballo descritas no artigo 19 destes estatutos.

6. Constitúen as sociedades profesionais aquelas agrupacións constituídas en calquera das formas admitidas en dereito cuxa escritura social se axuste ao disposto na Lei 2/2007, do 15 de marzo, e que fosen inscritas no rexistro mercantil correspondente. As incompatibilidades e prohibicións que afecten un colexiado membro da asociación ou clínica colectiva afectarán, por igual, a todos os que integran a asociación. En todo caso, a escritura terá establecido con claridade a identificación dos profesionais responsables e porao en coñecemento do Colexio.

Capítulo II
Dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 55. Dereitos dos colexiados

1. Os colexiados exercentes, na súa condición de tales, terán dereito a:

a) Ser defendidos polo Colexio cando sexan vexados ou perseguidos no exercicio profesional.

b) Obter o asesoramento de calquera tipo que acordase a Asemblea Xeral.

c) Gozar da condición de colexiado con todos os dereitos dimanantes desta.

d) Elixir e ser elixidos para os cargos da Xunta de Goberno ou para as distintas comisións que sexan establecidas no Colexio.

e) Gozar de independencia e liberdade no exercicio da súa profesión e obter das autoridades administrativas e xudiciais o respecto e a observancia deste dereito, cuxa defensa poderán solicitar do presidente.

f) O respecto e a consideración debida á profesión por parte dos seus pacientes, dos funcionarios e dos demais compañeiros. Poderán solicitar a súa defensa da Xunta de Goberno e, ademais, usar os recursos que consideren necesarios.

g) Á percepción dos seus honorarios establecidos co seu paciente.

2. Os colexiados en réxime de acollemento ou non exercentes e os de honra gozarán dos mesmos dereitos que os exercentes, excepto os sinalados na letra d) deste artigo e os beneficios da acción social deste colexio se se fixase por acordo da Asemblea Xeral.

3. As sociedades profesionais tamén gozarán de todos os dereitos recoñecidos nestes estatutos aos colexiados exercentes, excepto os sinalados na letra d) deste artigo e os beneficios da acción social deste colexio se a establecer por acordo a Asemblea Xeral.

4. Os colexiados poderán realizar as súas xestións e trámites co Colexio utilizando o portelo único.

Artigo 56. Deberes dos colexiados

Todos os colexiados están obrigados a:

a) Cumprir todas as obrigas dimanantes destes estatutos, dos do Consello Xeral, do Consello Galego e, especialmente, cantas decisións, legalmente aprobadas, emanen dos órganos de goberno deste colexio.

b) Cumprir cantos acordos adopte a Asemblea Xeral ou a Xunta de Goberno.

c) Aboar todas as cotas ordinarias ou extraordinarias e cantas exaccións acorde o Colexio a través dos seus órganos competentes. No caso de falta de pagamento, será requirido para que no prazo improrrogable de quince días proceda a regularizar a súa situación, transcorrido o cal a Xunta de Goberno acordará sobre a reclamación xudicial das cotas en descuberto e poderá, ademais, acordar a súa baixa, sen prexuízo de reclamar xudicialmente o importe debido utilizando o procedemento adecuado.

d) Observar na súa actuación as normas de deontoloxía profesional.

e) Comparecer ante a Xunta de Goberno, sempre que for requirido por iso.

f) Domiciliar os pagamentos acordados pola Xunta de Goberno e a Asemblea Xeral e o pagamento das cotas previstas na letra c) deste artigo.

g) Adaptar os anuncios, emblemas e publicidade ás normas sobre publicidade e competencia desleal vixentes en cada momento.

h) Gardar segredo profesional e observar coidadosamente as normas sobre protección de datos vixentes en cada momento. A inobservancia destas obrigas constitúe falta moi grave.

i) Denunciar ante a Xunta de Goberno calquera acto de intrusión de que teña coñecemento e facilitarlle cantas probas poida ter de tal feito.

j) Someterse á disciplina do Colexio e aos seus acordos, sen prexuízo dos recursos e accións de que se crea asistido, autorizados nestes estatutos.

k) Observar a máxima corrección no trato oral, escrito e persoal cos pacientes, e omitir calquera expresión que supoña unha lesión inxusta, un trato desconsiderado e descortés.

l) Informará cumprida e detalladamente o seu paciente dos tratamentos e das posibilidades destes.

m) Absterase de crítica pexorativa, desconsiderada, irrespectuosa ou inxuriosa sobre calquera compañeiro.

Capítulo III
Sobre as clínicas

Artigo 57. Clínicas

1. A profesión pódese exercer de forma individual en clínica –por conta propia ou por conta allea– ou en réxime societario.

2. O exercicio profesional por conta propia efectuarase nun local ou estudio pechado que reúna condicións de habitabilidade e as sinaladas por este colexio, a Administración competente e, en todo caso, posúa:

a) Un cuarto destinado a sala de espera, outro para atención a pacientes e un cuarto de aseo, provisto de lavabo, inodoro, dispoñible para uso dos pacientes.

b) A clínica terá comunicación directa á vía pública e será totalmente independente de calquera vivenda cando estea instalada na mesma planta ca esta.

c) Poderá establecerse na mesma clínica máis dun dentista colexiado, independentes ou asociados en forma legal como sociedade profesional. Comunicaráselle ao Colexio para o seu coñecemento con entrega de copia do documento que regularice a súa relación profesional.

d) Na sala de atención a pacientes ou na sala de espera deberá figurar o orixinal do título de todos os profesionais que nela exercen a profesión, así como certificación da inspección realizada polo Colexio e a concesión de licenza de apertura ditada por Sanidade ou, alternativamente, fotocopia autenticada deles.

3. Non perde a condición de exercicio individual por conta propia o feito de que na súa clínica outros dentistas realicen prácticas ou presten colaboración profesional con ou sen relación laboral, a media xornada ou a tempo parcial. Tampouco a perde por compartir a clínica co seu cónxuxe, os seus ascendentes, descendentes ou parentes colaterais ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade, ou se comparte locais, instalacións, gastos ou outros medios con outros dentistas, sempre que manteñan independencia absoluta nos seus traballos, cobramento de honorarios e intervencións.

4. O exercicio en réxime de colaboración establecerase mediante documento que fixe condicións, duración, alcance e réxime económico da colaboración. Enviaráselle unha copia do contrato ao Colexio para a súa inclusión no correspondente expediente colexial.

5. O exercicio profesional en forma colectiva suxeitarase ao establecido nos artigos 96 e seguintes destes estatutos.

Artigo 58. Anuncio da clínica

Toda consulta de odontoestomatoloxía deberá ostentar na porta de entrada ao local un rótulo en que consten nome e apelidos do colexiado ou colexiados que exercen nela e os seus números de colexiación.

En todo caso, axustarase ás normas ditadas polas administracións competentes, así como á Lei estatal xeral de publicidade, aprobada pola Lei 38/1988, do 11 de novembro, á normativa autonómica que regula a publicidade sanitaria na nosa autonomía, aprobada polo Decreto 97/1998, do 20 de marzo, e ao Regulamento de publicidade aprobado polo Consello Xeral de Dentistas.

Non se poderán anunciar especialidades, salvo aquelas que consten en título académico expedido conforme a normativa que así o regule.

Artigo 59. Ficheiro

En cada clínica deberá existir un arquivo en que figuren a ficha e a historia clínica de cada paciente.

A ficha e historia clínica indicarán, como mínimo, os seguintes datos:

a) Nome, apelidos, domicilio, teléfono e número de documento nacional de identidade do paciente.

b) Anamnese practicada, con todos os antecedentes médicos do paciente e as súas características.

c) Diagnóstico previo, tratamento sinalado e intervencións e traballos realizados nese momento na clínica.

d) Anotación de cada unha das visitas realizadas polo paciente e traballos realizados.

e) Resultados de analíticas e de radiodiagnoses realizadas.

f) Programación de tratamento e visitas do paciente.

Na historia clínica figurarán todos os antecedentes referidos e copias de estudos, análises e radiografías realizados. Entregarase copia íntegra e asinada da historia clínica se o paciente a solicita, e conservarase na clínica o orixinal.

Artigo 60. Ficheiro profesional

No suposto de transmisión da clínica a outro colexiado faráselle entrega a este do ficheiro e das historias clínicas e asumirá as responsabilidades.

Artigo 61. Apertura e peche de clínica

A apertura da clínica precisará da autorización previa e expresa expedida pola Consellería de Sanidade, do informe de inspección favorable emitido polo Colexio e da comunicación ao seu titular director da autorización administrativa ditada.

Do resultado da súa inspección o Colexio daralle conta a Sanidade e ao concello correspondente, con fins da autorización final.

A perda da condición de colexiado comportará o peche inmediato da clínica e o cesamento de toda actividade profesional nela, e procederase á súa transmisión a outro colexiado nos termos do artigo 62 destes estatutos cando se trate dunha clínica propia e individual.

No caso de peche dunha clínica, as historias clínicas remitiranse á Consellería de Sanidade ou entregaranse a cada paciente, quen asinará a súa recepción.

Artigo 62. Ausencia do titular

En caso de ausencia do colexiado, a clínica permanecerá pechada, salvo que un profesional dentista colexiado asuma a súa dirección. Esta circunstancia deberá comunicarse previamente en todo caso ao Colexio. Esta circunstancia publicitarase en forma visible na clínica indicando o nome do profesional que exerce a substitución e o tempo de duración desta.

Artigo 63. Visitas do Colexio

A Xunta de Goberno poderá acordar, posteriormente á apertura dunha clínica, realizar visita a ela cando o considere necesario ou exista constancia ou indicios de incumprimento das normas destes estatutos, da comisión de calquera falta contra a deontoloxía profesional ou cando se reciba calquera denuncia de feitos perseguibles.

A Xunta de Goberno determinará as persoas e a forma en que se realizará a visita e anunciaralla ao colexiado con 48 horas de antelación. Do seu resultado quen a realice dará conta á Xunta de Goberno, que, en pleno, resolverá o pertinente.

Constitúe falta grave non permitir o acceso e a visita mencionados neste artigo.

Artigo 64. Orzamento

Todo paciente ten dereito a recibir do dentista un orzamento do importe do traballo que se encomenda, con especificacións concretas, así como a forma de pagamento que se acorde. Expedirase por duplicado, que asinarán ambas as partes, cun exemplar para cada unha delas.

Realizado o pagamento, expedirase a correspondente factura.

Título sexto
Sobre a deontoloxía profesional e responsabilidade

Capítulo I
Normas deontolóxicas

Artigo 65. Actuación profesional

Soamente os dentistas colexiados no Colexio de Dentistas exercentes están autorizados para realizar intervencións como tales dentro da demarcación xeográfica deste colexio –en réxime de libre e leal competencia– mediante a aplicación da ciencia e a técnica odontolóxica.

O exercicio da odontoestomatoloxía poderá desenvolverse mediante o exercicio individual –por conta propia ou por conta allea–, como colaborador noutra clínica, en réxime de relación laboral, ou mediante sociedades profesionais nos termos da Lei 2/2007, do 15 de marzo. En tal sentido:

a) Enténdese por exercicio individual por conta propia o que realiza o colexiado na súa clínica.

b) O exercicio por conta allea en réxime de colaboración é aquel que se efectúa mediante arrendamento de servizos nunha clínica da cal o titular é outro colexiado.

c) Exerce por conta allea en relación laboral quen estableza documentalmente unha relación de dependencia laboral para o exercicio profesional.

d) Os contratos subscritos polos dentistas para o exercicio profesional por conta allea, sexa en réxime de colaboración sexa mediante relación laboral, serán sometidos á aprobación do Colexio de Dentistas da XI Rexión e, unha vez aprobados, serán rexistrados na listaxe correspondente que existirá na Secretaría. O titular da clínica responderá persoalmente fronte aos seus pacientes das actuacións dos seus colaboradores e dos seus contratados.

e) Poderán exercer a profesión colectivamente os colexiados que se constitúan en sociedades profesionais, nos termos e cos requisitos sinalados na Lei 2/2007, do 15 de marzo.

No exercicio profesional o dentista deberá cumprir e facer cumprir aos seus compañeiros de clínica e persoal auxiliar cantas obrigas deriven da súa profesión, especialmente nas normas deontolóxicas.

Artigo 66. Persoal auxiliar

O persoal auxiliar da clínica poderá desenvolver funcións simplemente complementarias e auxiliares das do seu principal e, en todo caso, sempre en presenza do colexiado e baixo a súa atenta inspección, a súa responsabilidade e vixilancia. Incorrerá en infracción moi grave sancionable conforme estes estatutos o colexiado que descoide a vixilancia e o control do persoal auxiliar.

Artigo 67. Segredo profesional

O colexiado garantirá o segredo profesional de cantas consultas e traballos realice cos seus pacientes, tanto persoalmente canto por medio dos seus colaboradores. Constitúe falta moi grave a inobservancia desta obriga.

O segredo afectará a todos os compañeiros que integran un despacho colectivo e o persoal do estudio, e o dentista presidente da clínica responderá de calquera divulgación non autorizada polo paciente.

Artigo 68. Liberdade no exercicio profesional

O colexiado, tanto cando traballe por conta propia como cando o faga por conta allea ou en forma colectiva ou asociada, deberá actuar con absoluta independencia e responsabilidade, defendendo a súa liberdade de prescrición e tratamento, rexeitando ou denunciando, se iso procedese, todo tipo de intromisión ou presión, proveña dos seus pacientes ou de calquera outra persoa, entidade ou aseguradora.

Artigo 69. Factura

Cada profesional expedirá recibo das cantidades que lle foren aboadas, sen outros cargos que os legalmente autorizados. Considérase falta grave a negativa á expedición de recibos de pagamento, incluír partidas non autorizadas ou expedilos de forma pouco clara.

Artigo 70. Responsable da clínica

Naquelas clínicas en que traballen varios profesionais figurará un deles como director e responsable dela en todo o relativo ás relacións coa Administración sanitaria, o Colexio de Dentistas e o cumprimento destes estatutos, en todas as ordes e fronte aos pacientes, sen prexuízo de que concretamente lle corresponde a cada un dos profesionais adscritos a este a responsabilidade derivada da súa actuación profesional persoal. Será responsable da publicidade que se emita desde a clínica.

O responsable da clínica comunicaralle ao Colexio, dentro dos oito días seguintes ao da súa contratación, os nomes e número de colexiación de quen utilice a mesma clínica, concretando a relación que entre eles concertasen.

Capítulo II
Responsabilidade dos colexiados

Artigo 71. Responsabilidade en xeral

Os colexiados incorrerán en responsabilidade civil, penal ou administrativa, nos termos establecidos nas leis, como consecuencia da súa actuación profesional por actos cometidos dentro do territorio deste colexio.

As clínicas en réxime de sociedade profesional estarán igualmente sometidas á disciplina do Colexio nos termos establecidos nestes estatutos. A sanción ou prohibición que afecte un deles afectará a sociedade e calquera dos seus membros ou compoñentes.

En todo caso, a investigación e tramitación de expedientes tanto de investigación como disciplinarios correspóndenlle a este colexio cando o feito se produza dentro da súa demarcación xeográfica.

Artigo 72. Arbitraxe

O Colexio actuará como mediador e ditará o laudo que resolva, cando así llo solicitasen as partes que interveñen, as discrepancias xurdidas entre colexiados ou entre estes e os pacientes, os dentistas e calquera compañía, entidade ou corporación, sempre que ambas as partes o acepten.

Artigo 73. Responsabilidade colexial

O Colexio poderá exercer as accións que a lei lle recoñeza contra calquera colexiado exixindo o cumprimento das obrigas colexiais e aquelas responsabilidades en que incorrese con respecto ao Colexio. Igualmente, poderá exercer as accións que nestes estatutos se establecen.

Artigo 74. Responsabilidades do colexiado

Sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas mencionadas, os colexiados que incumpran as normas deontolóxicas ou os deberes, obrigas ou prohibicións establecidos nos presentes estatutos poderán incorrer en responsabilidades disciplinarias, que poderán ser sancionadas mediante o oportuno expediente previsto no artigo 77 destes estatutos.

Artigo 75. Infraccións

As faltas en que poden incorrer os colexiados clasifícanse en moi graves, graves ou leves.

I. Son faltas moi graves:

a) As que se sinalaron como tales en artigos destes estatutos, especialmente nos artigos 29.c), 65 e 66.

b) Aqueles feitos que a Xunta de Goberno considere que afectan gravemente o prestixio da profesión e o dos colexiados.

c) Incorrer en tres faltas graves sancionadas no expediente correspondente.

d) O enfrontamento grave coa Xunta de Goberno ou con calquera dos colexiados.

e) A falta de respecto e consideración aos membros da Xunta de Goberno ou do Consello Xeral dos Colexios de Dentistas de España, ou do Consello Galego de Dentistas nas súas funcións, ou calquera postura ou manifestación que supoña demérito, inxuria ou menoscabo ao Colexio, ao Consello Xeral, ou ao Consello Galego, ou a calquera colexiado.

f) Encubrir ou facilitar a intrusión na nosa profesión.

g) A falta de pagamento das cotas e cargas corporativas aprobadas pola Xunta de Goberno e a Asemblea Xeral, conforme o artigo 55.c) destes estatutos.

h) Incorrer nas prohibicións ou incompatibilidades definidas nestes estatutos ou nos do Consello Xeral ou o Consello Galego.

i) A publicidade non axustada á normativa sobre publicidade.

j) A condena penal ditada polo tribunal competente, así como a colaboración a que outros poidan cometer algún delito por feitos relacionados co exercicio profesional.

k) A conduta indigna socialmente, a embriaguez habitual e o consumo de drogas.

l) A comisión de infraccións que polo seu número ou gravidade resulten moralmente incompatibles co exercicio da profesión.

m) A pertenza e a constitución de asociacións ou a colaboración en actividades incompatibles coa dignidade profesional.

n) A non aceptación sen causa xustificada, a xuízo da mesa electoral, dos cargos para os cales sexa elixido conforme o disposto no artigo 32 destes estatutos.

ñ) Denunciar indebida e inxustamente un compañeiro ou aconsellar, inducir ou asesorar terceiros, sexan pacientes ou non, a que o realicen.

o) Procurar traballo profesional mediante comisións ou outras vantaxes análogas.

p) Non manter o segredo profesional.

q) Exercicio atendendo instrucións que impidan ou dificulten a súa independencia ou honestidade profesional.

r) Non permitirlle o acceso á súa clínica ao membro da Xunta de Goberno designado por esta para emitir calquera informe ou comprobación respecto da actuación profesional dos colexiados que realicen o seu exercicio nela, ou as circunstancias sobre posibles infraccións.

s) Incorrer en incompatibilidade no seu exercicio profesional.

II. Serán faltas graves:

a) As que como tales estean cualificadas nestes estatutos, especialmente a sinalada no artigo 68.

b) A comisión de tres faltas leves sancionadas conforme se establece nestes estatutos.

c) Calquera incumprimento ou infracción ao preceptuado nestes estatutos que non revista notoria gravidade.

d) A desobediencia ou o incumprimento de calquera disposición ou acordo da Xunta de Goberno, ou a falta de consideración ou respecto persoal a calquera colexiado que non revista os caracteres de gravidade, ou o enfrontamento grave con calquera membro do delegado/presidente de goberno ou con aquela.

e) A competencia desleal.

f) A utilización de linguaxe e terminoloxía insultante ou irrespectuosa para calquera compañeiro ou paciente.

g) Calquera outra de similar tipoloxía e análoga gravidade, a xuízo da Xunta de Goberno, atendidas as circunstancias de cada caso.

h) Incorrer na causa i) de cesamento no seu cargo na Xunta de Goberno, conforme establece o artigo 35 destes estatutos.

III. Serán faltas leves aquelas faltas ou infraccións tipificadas nestes estatutos, nos do Consello Xeral ou noutra norma de carácter xeral que non estean incluídas nos dous puntos anteriores.

Artigo 76. Sancións

As faltas establecidas no artigo anterior terán as seguintes sancións:

a) Para as faltas leves poderanse impor as sancións de:

1) Amoestación verbal privada, que será imposta polo presidente.

2) Amoestación por escrito, que subscribirá o presidente.

3) Amoestación tamén por escrito pola Xunta de Goberno.

b) Ás faltas graves poderán aplicarse como sancións as que seguen:

1) Amoestación pública ante a Asemblea Xeral.

2) Imposición de multa de 6,00 a 150,00 euros.

3) Amoestación pública e imposición de multa en igual cantidade.

4) Suspensión no exercicio profesional durante o prazo máximo de tres meses e multa de 150,00 a 300,00 euros.

c) Ás faltas moi graves poderán imporse algunhas destas penas:

1) Suspensión no exercicio profesional polo período de tres meses e un día a seis meses e multa de 300,00 a 600,00 euros.

2) Suspensión no exercicio profesional durante o prazo de seis meses e un día a dous anos e multa de 600,00 a 1.200,00 euros.

3) Suspensión do exercicio profesional de dous anos e un día a cinco anos e multa de 1.200,00 a 3.000,00 euros.

4) Expulsión e baixa no Colexio.

As penas serán determinadas dentro de cada categoría en atención á gravidade do feito e á conduta do colexiado.

Artigo 77. Depuración dos feitos denunciados

As faltas leves poderán ser sancionadas pola Xunta de Goberno sen necesidade de expediente contraditorio, coa simple información previa realizada pola Comisión Deontolóxica, logo de trámite de alegacións concedido ao interesado por dez días.

Para a imposición de sancións en faltas graves ou moi graves será necesaria a incoación de expediente. A Xunta de Goberno poderá realizar unha investigación reservada previa antes de adoptar tal decisión.

Artigo 78. Expediente sancionador

O expediente iniciarase de oficio ou por instancia de parte, mediante acordo da Xunta de Goberno, que se remitirá á Comisión de Deontoloxía, a cal designará instrutor e secretario entre os membros que a forman, conforme o seguinte procedemento:

a) Designados instrutor e secretario, comunicaranse ao colexiado incurso no expediente para que, no prazo de oito días, poida alegar calquera causa de recusación deles. A Xunta de Goberno no prazo de dous días resolverá a petición sen ulterior recurso.

b) Firme a designación de instrutor e secretario, comunicaráselles o acordo da Comisión Deontolóxica, con remisión da investigación reservada previa realizada pola Xunta de Goberno, se a houber, e cantos antecedentes e documentos relativos ao feito obxecto do expediente.

c) Recibida a comunicación, o instrutor e o secretario, por orde do primeiro, nos oito días seguintes procederán á apertura do expediente. Colocarán os nomeamentos como cabeza deste, citarán inmediatamente a declarar o imputado e comunicaranlle a presunta infracción que motiva o expediente, con indicación do dereito a designar avogado/colexiado que o defenda e interveña no seu nome no expediente, do cal poderá estar asistido en todas as súas comparecencias. Nos oito días seguintes ao da súa declaración, ou no momento desta, poderá achegar e propor as probas –testificais, documentais ou de calquera tipo– das cales pretenda valerse para a súa defensa.

d) O instrutor, nos dez días seguintes, admitirá a proba que considere pertinente e rexeitará a restante. Comunicaralle o acordo ao expedientado, quen poderá interpor contra el recurso nos termos establecidos nos artigos 85 e seguintes destes estatutos.

e) A proba acordada polo instrutor practicarase no prazo máximo de trinta días, con intervención do imputado e dos denunciantes, aos cales se lles fará saber da súa práctica con indicación da data e o lugar, se proceder, para os efectos oportunos.

f) Practicada a proba, o instrutor formulará prego de cargos dentro dos dez días seguintes e comunicarallo ao expedientado para que este, nos quince días seguintes improrrogables, formule as súas alegacións contra el.

g) Formuladas as alegacións ou transcorrido o prazo concedido sen presentalas, o instrutor, nos dez días seguintes, formulará proposta de resolución. Se non atopar probas suficientes das supostas infraccións investigadas proporá o sobresemento do expediente e o arquivamento das dilixencias; se considera probadas as infraccións, redactará a resolución en escrito en que se farán constar os feitos probados, os preceptos e/ou disposicións que considera infrinxidos, sinalando a sanción que suxire, con indicación do precepto que a apoie. Da proposta de resolución darase traslado por oito días improrrogables ao expediente, para os efectos de que presente sucinto escrito de alegacións fronte a aquela. Recibidas ou non presentadas sen máis trámites pola Comisión Deontolóxica, elevarase o expediente á Xunta de Goberno para que dite a resolución pertinente.

h) Recibido o expediente, a Xunta de Goberno en pleno ditará resolución no prazo dun mes en que se lles comunicará o acordo ao expedientado e ao denunciante, os cales poderán interpor contra ela os recursos establecidos nos presentes estatutos nos artigos 83 e seguintes. Aqueles membros da Xunta de Goberno que interviñesen no expediente como instrutor, secretario ou testemuño non tomarán parte na deliberación e adopción do acordo.

i) Corresponderalle á Xunta de Goberno a execución das sancións impostas dentro dos dez días seguintes a ser declarada por esta a súa firmeza.

Artigo 79. Extinción de responsabilidade

A responsabilidade colexial extinguirase:

a) Por morte do inculpado.

b) Por prescrición da sanción imposta.

c) Por prescrición da infracción.

d) Por indulto acordado en asemblea xeral por proposta do Pleno da Xunta de Goberno.

Artigo 80. Prescrición das infraccións e as sancións

As faltas leves prescribirán ao seis meses, as graves aos dous anos e as moi graves ao catro anos, contados desde a súa comisión.

As sancións prescribirán polo transcurso de igual prazo sen ter sido executada a resolución, contado desde a súa firmeza.

O prazo de prescrición interromperase por calquera comunicación relativa ao expediente ou á infracción, dirixida ao imputado ou escrito presentado polo denunciante.

Artigo 81. Publicidade das sancións

Das resolucións de expedientes que terminen con imposición de sanción por falta grave ou moi grave ou con resolución absolutoria será informada a Asemblea Xeral ordinaria e serán publicadas na páxina web do Colexio en zona a que non teña acceso o público en xeral e os non colexiados e, en todo caso, todas as resolucións serán comunicadas ao Consello Xeral e ao Consello Galego para que estes o trasladen aos demais colexios da Comunidade e do Estado español, se o consideran oportuno.

Así mesmo, comunicaránselle á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

A resolución ditada no expediente sancionador farase constar no expediente persoal de cada colexiado ou sociedade profesional, anotando a referencia ao expediente que deberá ser arquivado; unirase, así mesmo, copia da resolución ditada.

Artigo 82. Rehabilitación

Polo transcurso de igual prazo que o establecido para a prescrición no artigo 79 sen ter incorrido en ningunha outra infracción, o sancionado será rehabilitado de oficio, o cal se fará así constar no seu expediente. Comunicaráselle a este a resolución ditada en tal sentido e publicarase na forma que se indica no artigo anterior. O colexiado poderá solicitar a súa rehabilitación, se non o fixer o Colexio de oficio.

No caso da expulsión do Colexio, o colexiado soamente poderá solicitar de novo a súa colexiación unha vez transcorridos cinco anos do cumprimento total da sanción.

Artigo 83. Responsabilidade da Xunta de Goberno

Os membros da Xunta de Goberno poderán incorrer en iguais responsabilidades que os colexiados. Se se segue expediente contra un membro da Xunta de Goberno, será suspendido do seu cargo unha vez que a Xunta de Goberno dite a resolución en que acorde a súa incoación.

O expediente será tramitado conforme o disposto no artigo 77 destes estatutos, será instruído pola Xunta de Goberno e serán designados instrutor e secretario, membros dela. No caso de que a infracción puidese ter sido cometida no exercicio do seu cargo na Xunta de Goberno, unha vez concluído, o expediente será elevado para a súa resolución ao Consello Galego da Odontoloxía.

Título sétimo
Réxime xurídico, económico e administrativo do Colexio

Capítulo I
Procedemento xurídico

Artigo 84. Reclamación

Os actos administrativos e os acordos adoptados por calquera órgano do Colexio poden ser impugnados por aqueles afectados presentando reclamación ante a Xunta de Goberno en que se expoñan as alegacións e argumentos que consideren oportunos, no prazo dun mes contado desde a data da súa publicación ou da súa notificación ao interesado.

Artigo 85. Traslado aos interesados

Dentro dos quince días seguintes de ter recibido a reclamación, daráselle traslado individualmente, por un prazo igual de vinte días, a aqueles que resulten interesados ou afectados na cuestión, para que poidan oporse a ela se lles conviñer. Presentados os correspondentes escritos de oposición ou adhesión á reclamación, ou transcorrido o prazo citado se non se presentou, nos trinta días seguintes a Xunta de Goberno resolverá expresamente o recurso; entenderase desestimada tacitamente se, transcorridos tres meses desde a súa presentación, non se dita resolución expresa.

Artigo 86. Recurso de alzada

Contra o acordo desestimatorio da reclamación –tácito ou expreso– poderase interpor, no prazo de trinta días, recurso de alzada ante o Consello Galego de Odontoloxía, que deberá resolvelo tamén no prazo de tres meses; entenderase tacitamente desestimado se transcorren seis meses desde a presentación do recurso de alzada sen que se dite resolución expresa, esgotándose así a vía administrativa, e poderá o interesado facer uso do procedemento contencioso-administrativo ante o Xulgado de Contencioso-Administrativo competente nos termos da lei que regula aquel procedemento.

Artigo 87. Sobre as resolucións

Todos os actos que afecten individualmente algún colexiado e cantos acordos e resolucións dite calquera órgano do Colexio –unipersoal ou colexiado– serán motivados e notificados por escrito a todos os interesados. A notificación fará constar os recursos que proceden, o órgano competente e o prazo hábil para a súa presentación.

As resolucións do Colexio observarán os límites da Lei 15/2007, do 3 de xullo, sobre a competencia.

Artigo 88. Réxime supletorio

Serán de aplicación supletoria a Lei 30/1992, do 26 de novembro, que regula o procedemento administrativo común e réxime xurídico das administracións públicas –ou disposición que en diante a substitúa–, os estatutos do Consello Galego de Odontoloxía, o Estatuto do Consello Xeral, os regulamentos disciplinario e de publicidade e a Lei de colexios profesionais.

Os actos e as resolucións ditados polo Colexio serán notificados aos colexiados e a aqueles que, sen teren tal condición, resulten afectados directamente na forma establecida na citada Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Capítulo II
Réxime económico do Colexio

Artigo 89. Aprobación de orzamento

A Asemblea Xeral de colexiados aprobará os orzamentos anuais da entidade para o exercicio seguinte e a liquidación do orzamento do ano anterior, sobre ingresos e gastos, na súa asemblea ordinaria. A liquidación das contas anuais someterase, previamente á súa aprobación pola Asemblea Xeral, a unha auditoría nos termos do artigo 32.2 da Lei 11/2001.

Así mesmo, a Asemblea Xeral aprobará as cotas e cargas colexiais e cantas exaccións sexan necesarias para facer fronte aos gastos de administración e de cumprimento dos fins e funcións que competen ao Colexio.

Aprobada a liquidación do exercicio anterior conforme se establece nos artigos 42.c), 43.e) e 44.i) destes estatutos, publicarase na páxina do Colexio co resumo da xestión anual, nos termos establecidos no artigo 11 da Lei de colexios profesionais, conforme a redacción da Lei 25/2009, do 22 de decembro.

Igualmente, aprobaranse no orzamento anual as axudas de custo e os gastos producidos aos membros do Colexio ou a quen, pola súa delegación, se deba desprazar, así como as retribucións dos membros da Xunta de Goberno. Tamén as cifras por matrícula que deban aboar os colexiados pola súa asistencia aos seminarios e cursos organizados polo Colexio e a achega deste a aqueles.

Artigo 90. Preparación do orzamento

Os orzamentos anuais e a liquidación do exercicio anterior serán preparados e presentados polo tesoureiro, logo do seu estudo, aprobación provisional e redacción por parte da Comisión Económica, co visto e prace do presidente. Presentaranse para a súa aprobación á Xunta de Goberno en pleno, que o presentará finalmente para a súa aprobación á Asemblea Xeral.

Os soportes que xustifiquen os gastos e ingresos do Colexio estarán arquivados no Colexio baixo a custodia do tesoureiro.

Os colexiados poderán examinalos dentro das setenta e dúas horas anteriores á asemblea xeral en que se deban someter á súa aprobación ou cando o solicite o vinte por cento do censo colexial.

Os cheques e as ordes bancarios serán asinados por calquera dos seguintes membros da Xunta de Goberno: o presidente, o tesoureiro e o secretario. Todo pagamento terá un soporte que xustifique o gasto.

Capítulo III
Réxime administrativo

Artigo 91. Do Colexio

Todo colexiado, desde o momento da súa incorporación ao Colexio, recibirá o carné que o acredita como tal, co seu número colexial, expedido polo secretario co visto e prace do presidente, no cal figurarán a sinatura do colexiado e a súa fotografía. Así mesmo, recibirá certificación do acordo de admisión.

Os modelos de carné referidos serán aprobados pola Asemblea Xeral por proposta da Xunta de Goberno.

O Colexio crea o portelo único, a través do cal os colexiados poderán realizar todas as súas xestións e trámites que lles sexan necesarios e nos termos previstos na Lei 25/2009. Así mesmo, facilitará os medios tecnolóxicos aplicables e facilitará información sobre o Rexistro de Colexiados e Sociedades Profesionais, así como a atención aos consumidores.

A páxina web do Colexio publicará a memoria anual nos termos exixidos pola Lei 25/2009.

Artigo 92. Expediente persoal

Tamén desde o momento da súa colexiación se lles abrirá un expediente persoal a cada colexiado e a cada sociedade profesional inscritos, no cal se farán constar a solicitude para a súa alta colexial e a tramitación ata a súa admisión. A partir deste momento faranse constar neste cantas incidencias, honras, nomeamentos, distincións, denuncias, sancións ou calquera outra vicisitude que, referente ao colexiado ou á sociedade profesional e ao seu exercicio profesional, se vaian producindo durante o tempo da súa colexiación. Expediranse os informes pertinentes nos termos e límites establecidos na Lei de protección de datos.

Título oitavo
Das sociedades profesionais

Artigo 93. Exercicio profesional en sociedade

Os dentistas poderán exercer a súa profesión en calquera das formas que se admitan en dereito nos termos que sinala a Lei 2/2007, do 15 de marzo, que regula as sociedades profesionais.

Artigo 94. Inscrición colexial

As sociedades profesionais que así se constitúan inscribiranse nun rexistro especial que levará o Colexio, custodiado polo secretario. Arquivarase o documento de constitución desta e asignaráselle un número de orde especial creado para a inscrición de sociedades profesionais. Para a súa inscrición deberase presentar a escritura de constitución da sociedade profesional e a certificación da súa inscrición no rexistro mercantil correspondente ao domicilio social, acreditando o seguro de responsabilidade civil que teña concertado a sociedade.

As sociedades profesionais non teñen dereito a voto nin a ser elixidas como membros da Xunta de Goberno; os socios profesionais colexiados conservan o seu dereito individual a exercer o voto e a ser elixidos; as sociedades tampouco terán dereito aos beneficios da acción social deste colexio.

Artigo 95. Requisitos para a incorporación ao Colexio

Para que se poida inscribir neste colexio unha agrupación ou sociedade profesional de dentistas e poida anunciarse e exercer como tal, será necesario que:

a) Estea formada por dentistas en exercicio que se encontren colexiados conforme exixe a Lei 11/2001, do 18 de setembro, no artigo 2.

b) Que teña por obxecto o exercicio profesional da odontoestomatoloxía, sen que poida realizar nas súas clínicas calquera outra actividade económica, mercantil, administrativa ou de calquera outro tipo incompatible coa profesión de dentista.

c) A sociedade profesional levará un libro rexistro de acordos adoptados polos seus órganos e un libro de compoñentes e as súas participacións, os cales estarán á disposición da Xunta de Goberno para o seu exame. Deberá expedirse testemuño destes se así se solicita.

d) As participacións sempre serán nominativas. Constarán así no libro correspondente cos datos do seu titular.

e) Na súa intervención profesional deberán deixar constancia da súa condición de membro da referida sociedade.

f) Que se aboen as cotas colexiais que sexan aprobadas na asemblea xeral por proposta da Xunta de Goberno.

g) Poderán constituírse sociedades multidisciplinarias nos termos establecidos na Lei 2/2007, do 15 de marzo, e será necesario para a súa inscrición como sociedade profesional colexiada que as demais disciplinas sexan compatibles legalmente coa profesión de dentista e que as dúas terceiras partes das accións, obrigas ou participacións, e dos órganos de dirección ou relativos á xerencia, Administración xeral ou calquera cargo directivo individual, sexa cal for a denominación que reciba, sexan dentistas en exercicio colexiado.

Título noveno
Da disolución do Colexio

Artigo 96. Liquidación do Colexio

Os bens de que dispoña o Colexio no momento da súa disolución serán destinados –despois de facerse efectivas todas as débedas pendentes de pagamento e todas as cargas que pesen sobre o Colexio– a institucións, organismos ou organizacións de carácter benéfico sen ánimo de lucro designados pola Asemblea Xeral e situados dentro da demarcación do Colexio, ou preferentemente a unha entidade directamente relacionada coa odontoestomatoloxía. A Asemblea designará unha comisión, que se ocupará da disolución, peche e liquidación do Colexio.

Disposición derradeira primeira. Vixencia

Estes estatutos entrarán en vigor unha vez que sexan aprobados pola Xunta de Galicia. A seguir será publicada no taboleiro de anuncios do Colexio a súa aprobación e comunicaráselles a todos os colexiados, incluíndo a comunicación da súa aprobación e vixencia na revista, boletín ou publicación específica do Colexio.

Disposición derradeira segunda

Os expedientes en trámite no momento da aprobación destes estatutos pola Asemblea Xeral seguirán a súa tramitación segundo a normativa vixente no momento da súa incoación, se lles resultar máis beneficiosa.

Disposición derradeira terceira

A Xunta de Goberno do Colexio continuará no exercicio do seu servizo ata que cumpra o seu período de mandato e proceda convocar proceso electoral.