Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 22 de outubro de 2013 Páx. 41742

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2013, da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, pola que se establece a data de inicio das autorizacións de cortas de especies sensibles ao nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus) na zona demarcada das Neves.

Desde o ano 1999 véñense realizando prospeccións e controis para evitar a entrada na nosa comunidade autónoma da praga coñecida como nematodo da madeira do piñeiro (NMP), que está causada polo organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. e presente en Portugal desde ese mesmo ano.

Esta praga, que se propaga mediante o insecto vector Monochamus galloprovincialis, é obxecto, ademais, dunha vixilancia extrema polas autoridades nacionais e comunitarias para evitar que se expanda polo resto do territorio nacional, impoñendo ás zonas afectadas unhas medidas drásticas de erradicación.

A finais do ano 2010 confirmouse a presenza do nematodo nunha masa forestal do termo municipal das Neves (Pontevedra).

En consecuencia co anteriormente exposto, a Consellería do Medio Rural publicou, logo dunha primeira resolución declarando o foco, o Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro (DOG núm. 24, do 4 de febreiro), polo que se declara de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. e se ordenan as medidas para evitar a súa propagación.

Neste decreto establécese unha área demarcada nun radio de 20 quilómetros ao redor do punto en que se detectou o nematodo, na que se tomarán as medidas necesarias para evitar a súa dispersión.

Unha das medidas recollidas no número 2 do artigo 5 do dito decreto é que as autorizacións de cortas na área demarcada están suxeitas a unha autorización especial (autorización de corta para zona demarcada de corentena fitosanitaria).

O 29 de marzo de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 22 de marzo de 2012 pola que se establecen medidas sobre a sanidade vexetal nunha área demarcada polo organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus, na que se especifica que os períodos en que se permitirán as cortas na zona demarcada serán autorizados polo secretario xeral de Medio Rural e Montes logo de consultados os informes técnicos e científicos do seguimento sobre os voos do insecto vector.

Tendo en conta os informes técnicos e científicos consultados sobre o seguimento dos voos do vector Monochamus galloprovincialis e do foco, así como das condicións meteorolóxicas,

RESOLVO:

Declarar como data do inicio das autorizacións de cortas de especies sensibles ao nematodo do piñeiro dentro da zona demarcada das Neves a do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2013

Tomás Fernández-Couto Juanas
Secretario xeral de Medio Rural e Montes